Introducción

Enciclopedia da emigración galega

O Departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega ten entre os seus principais obxectivos a atención administrativa e a orientación laboral dos emigrantes galegos retornados e os seus familiares. O achegamento á poboación inmigrante na Galiza da realidade cultural e nacional galega ademais da axuda e orientación nos ámbitos administrativos coa Administración española ou coa Adminitración galega.

CIG-Migración defende os postulados da Confederación Intersindical Galega como sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a cultura e o idioma próprios de Galiza.

O Departamento de Migración da CIG entende a emigración como un feito sustantivo na historia, no presente e no futuro de Galiza. Un feito desgarrador cunha historia aínda por estudar e difundir na que leva xa varios anos aportando traballos.

A Recuperación da Memoria da Emigración galega é unha das principais tarefas de CIG-Migración comprometida coa construción nacional do noso país en pé de igualdade e solidariedade con todos os países do mundo.

A difusión deste traballo, a recuperación do esquecemento, do anonimato da memoria gráfica, escrita, oral da emigración galega no mundo é tamén un aporte á historia dos países de acollida desta emigración, porque os galegos e as galegas souberon integrarse nestes países, participar nas súas loitas e morrer polas súas novas patrias sen esquecer nunca a única e verdadeira patria que dicía o poeta: a infancia.

Esa patria da infancia que representaba Galiza chega a súa madurez coa difusión da nosa historia que non é máis que unha célula de universalidade através dos homes e mulleres que levaron o noso xentilicio a través do mundo.

 

Oficinas do departamento de migración da CIG:

Cidade de Vigo:

  • Avda. Gregorio Espino 47 (36205-VIGO-Pontevedra) Telf. 986 82 79 70/71/72/73 Fax:986 26 50 49

Cidade de Santiago de Compostela:

  • Miguel F. Caaveiro, 10 (15703-Santiago de Compostela-A Coruña) Telf. 981 57 70 74 Fax: 981 58 39 34

Cidade da Coruña:

  • Alfonso Molina, s/n, 6º andar (15008 A Coruña-A Coruña) Telf. 981 13 18 95 Fax: 981 15 15 39

Departamento de migración da CIG: cigmigra@arrakis.es

Páxina Web da CIG: www.galizacig.com