Historia dos centros galegos e asociacións da emigración
 

 

O asociacionismo galego na Venezuela


O Lar Gallego 9 de outubro de 1945

Lonxe dos seus lares, os inmigrantes galegos tentaron organizarse en asociacións. Seguindo ese espírito colectivo presente noutros galegos emigrados, dende Barakaldo até Buenos Aires. Pero as autoridades venezolanas, debido ao ingrediente altamente político destas Asociacións, puxeron infinidade de obstáculos para que os recén chegados puidesen organizarse de xeito legal. A preocupación básica de todos estes exiliados non podía ser outra que a de reiniciar os seus vínculos momentaneamente rotos coa Terra pola emigración, e agruparse arredor dos valores culturais, históricos, políticos e idiomáticos que guiaban as súas vidas na súa patria.

As asociacións de estranxeiros de carácter político estaban totalmente prohibidas polas leis venezuelanas, así, todas as asociacións de emigrantes, galegos, vascos, cataláns, canarios e españois tiñan un carácter cultural como imaxe, e político no seu interior.

Os primeiros en asociarse foron os vascos, quen ao pouco de chegar, solicitaron unha autorización ao ITIC para celebrar unha festa o 24 de outubro de 1939. O Ministerio de Relacións Interiores, denegou o permiso alegando que da convocatoria publicada no xornal El Universal, desprendíase que tiña carácter político.

O 8 de maio de 1941 o Ministerio de Relacións Interiores venezolano autoriza a creación do primeiro Centro de inmigrantes en Venezuela que era o Centro Vasco. Esta autorización foi ratificada ao ano seguinte, 1942, sendo o seu primeiro presidente José María de Etxezarreta.

Esta, e outras solicitudes coma as dos galegos, chocaron coa oposición frontal do representante diplomático do Estado español franquista ante o Estado venezolano de Isaías Medina Angarita, lembremos que até 1945 non se rompen as relacións.

Os vascos, xa vimos, tiñan un trato especial por parte da prensa e o goberno venezolano. Os cataláns, pola súa banda, tiñan moitas menos prerrogativas. As solicitudes de 1942 e 1943 para constituírse como centro foron rexeitadas polas autoridades venezolanas, ao seren considerados coma “perigosos extremistas”. Non foi até o 12 de abril de 1945 que tiveron autorización para constutirense coma entidade ao abeiro da lexislación venezolana. O seu primeiro presidente foi o médico Augusto Pi i Sunyer.

Antes que os cataláns foron autorizados os canarios a constituirense como entidedade colectiva. O máis probábel é que a autorización residise na idea da inofensividade política do colectivo.

Pero, antes que o catalán, tamén foi autorizado a funcionar o primeiro centro galego de Venezuela, o republicano Lar Gallego o 9 de outubro de 1945, inaugurado o 15 na republicana Casa de España. Ao acto asistiron tanto Rómulo Gallegos coma Andrés Eloy Blanco, recordando o primeiro os seus anos de exilio na Galiza e sendo, ámbolos dous, decalarados socios honorarios vitalicios do Lar.

Unión e desunión das galegas e galegos

O republicano Lar Gallego, sen relación cos representantes diplomáticos da ditadura franquista en Venezuela asume a bandeira republicana e a galega como símbolos.

Liortas internas e expulsións fan que un grupo de socios marche e funde o Centro Gallego a finais de 1950 e en decembro de 1955, Silvio Santiago marche do Centro Gallego e funde a Casa Galicia.

Os tres centros galegos, por cuestións máis persoais que políticas mantiveron unha “guerra” na prensa da época para encarar a unión. Así en outubro de 1953 a discusión chegou ao seu cénit. Non se puñan de acordo Lar e Centro. En 1954 renóvanse as directivas e Xosé Velo é elixido presidente do Lar. O 18 de abril de 1955 o Lar celebra o seu X aniversario. Unha disputa pola recente traída de Otero Pedrayo a Caracas por parte do Centro e a súa negativa de ir ao Lar trouxeron máis diferencias, tantas cando o Lar instituíra un premio de literatura co nome de Otero Pedrayo que gañara en Galiza Antía Cal, dona do médico galeguista Antón Beiras, cun libro de primeiro ensino en lingua galega.

A partir da desunión crease unha Comisión pola Unidade Galega que tentaba a unión dos centro Lar Gallego e Centro Gallego.

Porén o domingo 25 de marzo de 1956 o Centro Gallego presidido por José Penido e o Lar Gallego presido por Álvaro Rodríguez se fusionan baixo o nome de Lar-Centro Gallego nunha asemblea coa concorrencia de máis de 700 persoas das máis de 3000 con que contaban ambos centros.

A elección da presidencia recaeu en Xoán Noya Gil, a vicepresidencia en Vicente Barcia Portela, o secretario Manuel Parada Blanco, o vicesecretario José Gallego Pérez, o tesoureiro Antonio Somoza Outeiral, o vicetesoureiro Eduardo Meilán Sánchez o contador Alfonso Fontaíña e o vicecontador Antonio Conchado García.

Un día durou a fusión, e os tres centros tiveron que agardar até 1960 para fusionárense os tres baixo o nome de Irmandade Galega de Venezuela no antigo clube Casa Blanca na avenida César Augusto Sandino en Maripérez.

Xurxo Martínez Crespo


 
Casa de Galicia de Venezuela.
   
Centro Galego de Venezuela.
   
Lar Galego.
       
   
Xunta directiva do Lar Galego o primeiro pola esquerda Xosé Velo presidente do centro.
 
Irmandade Galega de Venezuela.