Historia dos centros galegos e asociacións da emigración
 

 

REAL SOCIEDADE BENÉFICA ESPAÑOLA:

TEMPLO DA CARIDADE

Coa chegada dos emigrantes galegos a Salvador nas derradeiras décadas do século XIX atópanse cunha cidade que herdara as formas mais atrasadas e arcaicas da colonización portuguesa. As carencias daqueles anos eran inmensas que se manifestaban fundamentalmente na sanidade. É preciso lembrar que a tuberculose facía estragos nas poboacións mais carenciadas. Era moi común entre os nosos paisanos, mal alimentados e con longas xornadas de traballo contraer a enfermidade que na maioría dos casos significaríalle a morte. Tamén abondaban as enfermidades tropicais, tan comúns por aquelas zonas.

Naqueles tempos non había asistencia social e os traballadores practicamente carecían de dereitos laborais.

Segundo nos conta Manuel Antas Fraga: "A maioría dos galegos saían da súa aldea natal xa con emprego acordado, no negocio dalgún veciño establecido en Bahia. Durmían e xantaban na casa do patrón ou nunha "república" por el mantida. Eses benefactores asumían toda a responsabilidade e dominio sobre os empregados. Cando algún deles quedaba enfermo dalgunha doenza contaxiosa a preocupación aumentaba. Os riscos de contaxio eran incontables, xa que as familias eran numerosas e case sempre, todos convivían no mesmo espacio. Para resolver este problema a solución atopada era viabilizar un xeito de dar asistencia ós enfermos".

O día 1 de xaneiro de 1885 despois de catro reunións previamente efectuadas en novembro e decembro do ano anterior, foi fundada a Sociedade Española de Beneficencia, con sede no Campo dos Mártires, hoxe Campo da Pólvora, onde se atopa o Centro de Saúde Ramiro de Azevedo. A xuntanza da fundación contou coa presencia de 64 dos 124 socios inscritos como fundadores.

PRIMEIRA COMISIÓN DIRECTIVA:

  • Presidente: Luis Velasco
  • Vice- Presidente: Manuel Martinez y Vidal
  • Secretario: José Cavadas Amoedo
  • Tesoureiro: Joaquin Garrido Avila
  • Procurador: José Piñeiro Rubianes
  • Directores:
    Domingo Antonio Alvarez
    Joaquin Corujeira Dominguez
    Manuel Soto Fernández
    José Pérez lópez
    José Freaza Garrido
    Domingo Piñeiro Garrido


Outras sociedades benéficas españolas fundáronse en Brasil con idénticos propósitos. En Río de Xaneiro fundouse a Sociedade Española de Beneficencia en 1859, mentres que o Centro Español e Repatriación de Santos fundase en 1895. Todas estas entidades foron creadas por comerciantes con algún nivel de instrucción que na maioría dos casos estaban influenciados polas ideas do libre pensamento.

“O fato foi moi importante para a comunidade galega na Bahia -síguenos contando Antas Fraga- Sobre todo polo porqué aquelas persoas, que viñan das aldeas e provincias marcadas por serias crises económicas , como por exemplo a rexión de Pontevedra, que permaneceu por moito tempo na pre-industria, mentres outros países atopábanse en franco desenvolvemento industrial. Na época da fundación, a Sociedade prestaba soamente asistencia a domicilio, ata que no ano 1897, nun evento arriscado por parte dos dirixentes, foi mercado por 40 contos e cinco mil reis. Con grande dificultade, Manuel Martinez Vázquez e os socios conseguiran adquirir o terreo e o vello chalé situado na parte alta do morro, volteados para o mar de Galiza”.

Segundo nos segue relatando Antas Fraga esta parte curiosa da historia, a dirección da Sociedade tiña conseguido no primeiro instante 26 contos de reis. Faltaban aínda 14. Unha contía bastante elevada, despois do esforzo inicial. Houbo ata quen falaba en desistir ante as dificultades de conseguir mais diñeiro nunha colectividade sen moitos recursos.
Manuel Sobrinho González, pai de José Sobrinho, mais tarde radioloxista do hospital fixo un chamamento inflamado apelando ao patriotismo dos antepasados, incitando a todos a continuar traballando e loitando para alcanzar o obxectivo "mais belo que era o de dotar a colonia española dunha casa de Saúde, que no futuro a todos congregaría". Sen palabras foron acollidas con moito entusiasmo, animando a todos, que se esforzaran e foi unha previsión de futuro.

Mais todavia faltaba convencer a Antonio Monteiro Viana ó propietario do terreo, que prefería un comprador de orixe portugués que xa mostrara o seu interese pola compra. Por aqueles tempos a colonia portuguesa era moi poderosa e na poxa pola compara a galega tiña poucas posibilidades. Para lograr este obxectivo os directivos astutamente nomearon a un contador portugués de nome Antero, que non revelou ó principio o nome do verdadeiro adquirinte.

A venda do inmoble síguenos relatando Antas, foi a unha subasta pública. Cando o subastador rematou de describir o inmoble e anunciou o prezo de saída de corenta contos reis, Antero de súpeto, ofertou cinco mil mais. Como o lance fora feito por un portugués, foi baixado o martelo. Segundo nos seguen contando outra versión sobre o mesmo feito e que o subastador era parente de Antero e os dous xa tiñan todo amañado o día anterior.

A compra do inmoble tivo unha grande repercusión na colonia galega, era o primeiro paso dun grupo humano que soñaba cun grande hospital ó servicio dos mais necesitados. O chalé estaba emprazado fronte ó mar ás aforas do centro urbano. Por aqueles tempos o lugar estaba un pouco afastado do casco céntrico polo cal moitos asociados queixáronse da ubicación do mesmo. A primeira tarefa da directiva foi o acondicionamento do chalet, xa que necesitaba reformas para adaptalo ó internamento dos pacientes. Para tal motivo construíronse 14 habitacións.

O esforzo daqueles fundadores fixeron que a Sociedade se convirtira na institución galega mais importante de Bahia.

A parte da asistencia sanitaria a institución daba asistencia financeira, pensións, funerais, xestionaba a repratiación de persoas sen recursos etc.
O historiador Jeferson Bacelar sinalou en relación a Sociedade: "Ningunha outra institución reflitiu tan plenamente as asociacións dos mais diversificados membros da comunidade galega, do punto de vista social e económico. Alén dos servicios prestados -que ían do atendimento hospitalario ao auxilio financeiro- ela se constituíu, dende a súa creación, en grupo de poder e órgano maior de representación da colonia galega na vida da cidade. Seu desenvolvemento e súas variadas formas de actuación social testemuñan expresamente o suceso material e económico do grupo. Unha elite galega -individuos como Manuel Martinez Vázquez, Manuel Falcón Mariño, Francisco Hermida Oubiña, Juan Manuel Albán garrido e tantos outros, que se destacaban económica, social e culturalmente xa no inicio do século - mobilizou os galegos na promoción dos seus intereses e na modificación de súa situación na nova sociedade".