Historia dos centros galegos e asociacións da emigración
 

 

Federación de Sociedades Galegas

Coa creación a primeiros de século de distintas asociacións galegas comarcais, foise creando a necesidade de fundar unha federación de sociedades galegas. En decembro de 1910 intentouse constituír a primeira Federación de Sociedades Gallegas, que estaba constituída polo Centro Gallego, a Unión Hispano-Americana de Val Miñor, Unión do Partido de Cambados, Círculo Gallego, Unión do partido de Cangas e Orfeón Gallego. Esta experiencia federativa soamente durou ata marzo de 1911.

Finalmente, o 24 de setembro de 1921 créase de xeito definitivo a Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, que realiza o seu primeiro Congreso entre o 24 e 25 de setembro e o 1 de outubro, nos salóns da rúa Bolívar 655. Neste primeiro congreso participaron 13 sociedades galegas representando a máis de 1.700 asociados. A devanditoa Federación foi fundada por Alonso Ríos, Ánxel Martínez Castro e Bonifacio Botana, en representación das sociedades Hijos del Ayuntamiento de Silleda e Comité Auxiliar de las Sociedades Agrícolas de Puenteareas.

Ao rematar a asemblea, elíxese a primeira Xunta Executiva, recaendo a máxima responsabilidade de secretario xeral na figura de Ánxel Martínez Castro, mozo galego que representaba ao Centro “Ponteareano”, naturalizado cidadán arxentino e de militancia socialista. Pola súa parte, Antón Alonso Ríos é nomeado director do xornal El Despertar Gallego.