Historia dos centros galegos e asociacións da emigración
 

 

Centro Galego de Bos Aires

O primeiro Centro Galego fúndase en Bos Aires en 1879, mais desaparece por mor de enfrontamentos persoais en 1892. Un ano despois o destacado debuxante José María Cao con destacadas figuras da colonia intenta novamente o relanzamento do Centro pero a iniciativa fracasa. Será finalmente fundado o Centro Gallego o 2 de maio de 1907. A súa primeira comisión estivo constituída por: Antonio Varela Gómez, como presidente; Julio de la Cuesta, como secretario, e Nemesio Martínez, José N. Suárez, Antonio L. Vidal, Hipólito Estévez, Severino Castamón, R. Rumbó, M. Sueiro Casado, Sebastián de León, Eliseo Areal, Leopoldo Martínez, M. Jordán González, José Lareu e Fernando Lorenzo Rico.
En xuño a asociación instalouse nun local alugado na rúa Estados Unidos 1056. Aos dous meses xa contaba con 200 socios. O 21 de xullo realízase a primeira asemblea, na que se elixiu oficialmente a súa directiva. Nesta ocasión é electo presidente Roque Ferreiro.
Baixo a presidencia de Laureano Alonso Pérez (1911-1914) o centro transformouse en sociedade benéfico-mutualista, sendo esta decisión base e fundamento do actual desenvolvemento da entidade. Por aqueles anos o Centro múdase á rúa Victoria 1176.
O Centro Galego converteuse no sanatorio máis importante da colonia galega. No momento do seu maior esplendor chegou a ter máis de 100.000 asociados.