Personaxes da emigración
 

 

Manuel Vilariño Santomé: Un represaliado político galego chegado nunha patera a Venezuela en 1948


Manuel Vilariño Santomé naceu en Moaña en 1916 unha primeira vez, e en Venezuela unha segunda. Este samurai do destino ten mil achaques propios da idade. A súa vida parece como se se circunscribise a unha viaxe, a unha viaxe sen regreso como a morte, pero esa viaxe fíxoa cara á vida, non cara á outra vida, senón á vida que se lle negou no Estado español fascista de 1936. A súa viaxe contouma en Caracas en 2002.

Irmán dos famosos sindicalistas, Vilariño Santomé, foi detido en 1936 xunto con eles. A súa vida política, antes da rebelión e do golpe de Estado do 18 de xullo dese mesmo ano reducírase á defensa dos mariñeiros da súa vila natal, acusados, entre outras moitas cousas, de pescar con dinamita.

Publicou un acendido documento en 1935 sobre este punto na prensa sindical de 1935, que lle valeu o recoñecemento dos seus irmáns.

En decembro de 1936 é condenado a cadea perpetua, condena que cumpre en varias prisións. Son detidos con el tres dos seus irmáns, un deles secretario xeral do sindicato de mariñeiros de Moaña, outro concelleiro. Jesús e Antonio serían fusilados, ademais do alcalde de Moaña, en Vigo, o 31 de decembro de 1936.

Vilariño pasou a guerra civil en varios cárceres e prisións. A súa militancia reducíase, a súa culpabilidade, a ser irmán de tan coñecidos sindicalistas e cargos públicos de Moaña.

Estivo preso en Vigo, na illa de San Simón, e despois foi sentenzado na prisión de Burgos, até que en 1940 e debido á excesiva poboación carceraria, froito da gran cantidade de presos políticos da derrota do réxime legal da Segunda República, Manuel Vilariño Santomé foi obxecto dunha revisión de condena e posto en liberdade pero desterrado ás Illas Canarias.

A situación mundial foi determinante nas relacións de Latinoamérica con Europa e co réxime ditatorial de Franco. Desde o baluarte que representou o presidente Lázaro Cárdenas en México, quen non recoñeceu nunca o ditador Franco, até máis tarde cando asume o goberno en Venezuela, en 1948, Rómulo Gallegos, quen abertamente respaldará a causa republicana e tratará de arranxar a acollida de miles de refuxiados republicanos, que se encontraban en situación moi precaria en Francia e en España principalmente.

Contaban que o primeiro en abrir os brazos a esta inxente marea humana fora o presidente Lázaro Cárdenas quen, ao lle preguntaren por qué recibía con tanto fervor a estes gachupines (estranxeiros) contestou aquela famosa frase “Estou cobrando o que nos roubaron”. E é que a inmigración republicana á América Latina sementou de cultura, arte e ciencia o continente... e a Venezuela dos 40.

Existía, sen embargo, unha gran desconfianza por parte dos gobernos latinoamericanos, e especialmente en Venezuela, en aceptar refuxiados republicanos, que moitas veces eran acusados de seren “revolucionarios perigosos de esquerdas”.

Víctor Sanz no Exilio español en Venezuela(1), cóntanos que o informe que xuntaba era decisivo para que a solicitude fose aprobada ou denegada. Conta o caso de Blanca Bermudo Alfaro, quen malia ser “muller honesta e especialista competente” era “esquerdista avanzada” e protexida, nada máis e nada menos polo embaixador republicano español en Moscú da “España esquerdista”, M. Pascua.

Malia as declaracións da señora Bermudo de ser apolítica e de ter sufrido os embates de ambos os bandos, segundo o informe, Gil Borges, ministro de Relacións Exteriores escribiulle ao embaixador Parra Pérez, embaixador en Francia, dicindo que a pesar deses datos, o Ministerio de Sanidade venezolano estaba moi interesado en contratar a señora Bermudo, que pregaba que lle enviase máis datos. Parra Pérez contestou dicindo que a señora Bermudo:

“figurara moito entre os aventureiros (republicanos) que crearon e defenderon o pasado réxime, e lle causaron males horribeis a España e ameazan llelos causar aos países americanos que reciben sen discriminación xente de toda índole. Que se dedican preferentemente na súa maioría, a envelenar as relacións entre a súa patria e os nosos Estados, e a propalar especies falsas e calumniosas contra o goberno daquela. Loxicamente instruíuse para que, en ningún caso, se lle visara o pasaporte á señora Bermudo”.

Venezuela rexíase, en política migratoria, pola Lei sancionada polo Congreso do 11 de xullo de 1936. Esta tiña como punto central o fomento da agricultura, preferibelmente con xente de raza branca.

As primeiras solicitudes de asilo en Venezuela, tanto individuais como colectivas procederon dos vascos exiliados no Estado francés, as cales foron denegadas ou postergadas.

O encargado de negocios do Goberno venezolano en París, J. Picón Febres, redactou un informe, paradoxalmente o oitavo ano da proclamación da II República, por instancia de Caracciolo Parra Pérez, representante do Estado venezolano ante o Estado español de Franco. Aquel calculaba o número de refuxiados republicanos en solo francés en número de 400.000. Afirmaba nese informe que estes “carecían en absoluto de papeis” e só moi contados podían exhibir títulos acreditativos dunha profesión ou mesmo da súa identidade. Engadía no seu informe que mesmo podéndose comprobar dalgúns deles “bos antecedentes e valor intelectual e moral” era moi difícil, por non dicir imposibel, lograr datos fidedignos e seguridade respecto á súa reputación, ideas, valor profesional ou condicións morais ou ideolóxicas de cada un, e que aínda no suposto de que fosen “recoñecidos homes de ciencia e expertos en artes e oficios”, constituía unha misión imposíbel coñecer con profundidade as súas responsabilidades na contenda, pois, engadía o funcionario venezolano, “malia as garantías prometidas polo novo Goberno (de Franco), a todos os que se encontren libres de responsabilidades por actos delituosos e non obstante a situación de escaseza que atravesan, moitos deles manifestan a súa resolución definitiva de non volver á patria”.

Este informe tendencioso de Picón Febres viuse reforzado, se cabe, coa chegada en masa de xudeus perseguidos polos alemáns, entre os que supostamente había “elementos indesexábeis” e que se a primeira era a man de obra agrícola, estas non podían ser suplidas por estas masas de asilados.

Do mundo dos refuxiados, para os políticos venezolanos, os máis perigosos eran os hebreos “polas súas actividades lucrativas e a influencia que exercían nos países que habitaban” e os refuxiados republicanos españois, por razóns políticas pois ían “inxectar (sic) novos chorros de doutrinas extremistas de diversa orixe no organismo da nación, creándonos perigos e complicacións para o tempo inmediato e graves problemas para o porvir”.

Arturo Uslar Pietri e o ITIC

O ITIC, Instituto Técnico de Inmigración e Colonización, naceu a raíz do Decreto do 26 de agosto de 1938, substituíndo a oficina de Inmigración, Colonización e Repatriación que viña funcionando desde 1936.

Os primeiros suxeitos e obxecto deste Instituto foron os vascos asilados no Estado francés. Estes, constaba nun informe de 1938 do Ministerio de Agricultura e Cría venezolano “constituían unha contribución desexabel e importante, polas coñecidas excelentes cualidades do pobo vasco”.

Lamentabelmente, a maioría dos vascos refuxiados tiña como profesión a artesanía ou a metalurxia.

Coa dirección de Arturo Uslar Pietri e a través dos seus bos oficios, chegaron os primeiros refuxiados vascos.

Uslar dicía que a inmigración de refuxiados por razóns políticas como os republicanos españois, ou relixiosas como os hebreos de Europa, podía considerarse, en principio, como unha das máis beneficiosas e útiles para o país que os acolle, neste caso, Venezuela.

Descartaba Uslar Pietri a admisión ilimitada, tendo como única precaución, sobre todo respecto aos refuxiados republicanos españois, o punto de vista político. O Bureau International pour le Respect du Droit et l'Aide aux Réfugiés Politiques enviou un oficio ao ITIC chamando a atención sobre a situación precaria dos refuxiados republicanos.

O director do ITIC informou, o 7 de agosto de 1940, que no vapor Cuba viñan numerosos inmigrantes españois, a maioría deles vascos, que tiveran problemas ao facer escala en Santo Domingo, polo que algúns desembarcaran en Ciudad Trujillo.

O ditador Trujillo (alcumado Chapita) da República Dominicana puxera en práctica unha política que estaba nas antípodas de todas as seguidas polos Estados latinoamericanos, como era a política de portas abertas á inmigración.

Mellorar a raza, poboar a fronteira con Haití e a creación de colonias agrícolas nesa fronteira foi a idea de Chapita. Sen embargo, a vida nestas colonias resultou insoportábel, e os refuxiados optaron por marchar.

Un dos destinos escollidos foi Venezuela. O embaixador de Venezuela na República Dominicana era Horacio Blanco Fombona, tío de Rufino Blanco Fombona que, exilado en España e nacionalizado español, fora gobernador civil de Navarra coa II República.

Horacio Blanco Fombona fixo todo o que estivo na súa man para lograr a entrada da maior parte dos republicanos españois en Venezuela. Sen embargo, o obstáculo veu da concesión de visas en Venezuela.

Coa caída do presidente Medina Angarita, en 1945, a Xunta Revolucionaria non pediu o recoñecemento do réxime de Franco; e seguindo unha anterior proposta do Uruguai de romper relacións con este, en sesión do 8 de novembro, recoñeceuse o goberno republicano no exilio, conforme a petición de Fernando de los Ríos, que fixera a solicitude o ano anterior.

Entre as mostras de agradecemento encontrábase a dun grupo de españois que vivía no estado Zulia, aos que Rómulo Betancourt expresou “a viva compracencia da Xunta” por ese xesto, cualificando o Goberno da II República española como “xenuino representante dos ideais democráticos do gran pobo español”.

O 31 de decembro de 1945, no Palacio de Miraflores, foi recibido Manuel Martínez Pedroso, como embaixador ante Venezuela por parte da República Española. Unha das súas primeiras peticións foi o restablecemento do trato legal coa República no Consello de Seguridade da ONU, petición que Venezuela si levou na Asemblea Xeral de Lake Success.

O maior número de refuxiados republicanos deuse precisamente en 1946, arribando entre 900 e mil procedentes, a través de Gibraltar.

En decembro de 1946, a embaixada venezolana na Gran Bretaña remitiu un informe da V Sesión do Comité Intergobernamental de Refuxiados, no que o seu director, Herbert Emerson, expresaba a súa confianza en que Venezuela “que tanto axudou no caso dos refuxiados españois”, acudira a auxilialo nos gastos, comprometéndose o Estado venezolano á admisión de 15.000 inmigrantes no ano.

En febreiro de 1947, Rómulo Betancourt expresáballe ao embaixador en Londres, Andrés Rodríguez Aizpurúa, a súa compracencia, en nome da Xunta Revolucionaria, polo acordo dos 15.000 inmigrantes.

Sen embargo, malia as entradas, 11.037, esta política viuse truncada debido ao golpe de Estado de 1948, e á implantación dunha nova ditadura militar en Venezuela que acabaría co goberno do presidente Rómulo Gallegos, elixido democraticamente, e que substituíra a Xunta Revolucionaria.

Os militares golpistas desconfiaban dos republicanos españois, e aínda que o ITIC a través do seu novo director H. Spinetti Dini, continuaría propiciando a inmigración, tamén declarou que só, de agora en diante, poderían chegar a Venezuela aqueles que tivesen familiares, ou un contrato de traballo.

O ITIC foi pechado e substituído, o 1 de xullo de 1949, polo Instituto Agrario Nacional, que continuou a súa colaboración co IRO (Organización Internacional de Refuxiados en inglés), pero cunha política de selección rigorosa.

Cada día chegaban máis inmigrantes irregulares do Estado español

A caída de Medina Angarita en 1945, o recoñecemento por parte da Xunta Revolucionaria e o goberno de Rómulo Gallegos até o seu derrocamento en novembro de 1948, formaron un trienio de ouro para a chegada a Venezuela de gran cantidade de refuxiados, que ao igual que Vilariño, o fixeron baixo o seu propio risco, en situacións precarias.

A primeira chegada foi o 14 de febreiro de 1945 pola costa oriental de Venezuela, en Güiria, no veleiro Primero de Tenerife que, partindo de Las Palmas, chegara con 18 fuxitivos de Franco, catro deles peninsulares. Elías José Rodríguez relatou as peripecias da viaxe. Case ao límite das súas forzas, bateron cunha nave de trinitarios, gracias aos cales puideron levar a boa fin a súa viaxe.

Seguiron chegando refuxiados. O mariñeiro José Benítez Gil, quen desde Puerto La Cruz veu a Caracas, fuxindo do capitán do barco que o trouxera. Éste quería devolvelo, pero Benítez fuxiu e empeñou todo o que tiña, por non poder encontrar traballo.

Tamén o Santa Cruz, con 18 republicanos, foi unha das balandras que chamou a atención da opinión pública venezolana. Tras 40 días de travesía, chegaron a Venezuela coa ameaza de seren devoltos a España. Negáronse, e aseguraron que non o farían mentres gobernase Franco.

Era tal a chegada de legais e ilegais que as autoridades non cederon na súa teima por facer que esta fose a súa definitiva morada.

Constituíuse un fondo para financiar a súa vinda e establecemento. Improvisouse unha especie de albergue, ademais de aloxalos en pensións particulares, cun custo para o Estado venezolano de dous dólares norteamericanos diarios, sete bolívares.

Aos que coñecían os traballos do campo, dirixíanos a El Trompillo, lugar no que mesmo se instalou unha biblioteca para a súa asimilación, aínda que, todo hai que dicilo, os inmigrantes se queixaban da característica “improvisación” dos venezolanos.

Nos hoteis Guarataro e Sarría dábase unha media de 4.410 comidas diarias a uns de 1.470 inmigrantes, segundo Víctor Sanz.

Todos estes gastos, tremendamente altos para un Estado con poucos recursos como o venezolano, significaron unha forte aposta a prol do refuxio de tantos inmigrantes.

En 1948 facíanse cada vez máis frecuentes as chegadas clandestinas. O pesqueiro Emilio arribou ás costas venezolanas a principios de marzo con cincuenta e un escapados de Franco, entre eles un venezolano. Algúns deles eran condenados a morte. Ao Emilio acabáraselle o combustible aos quince días de navegación, e os víveres eran inexistentes cando chegaron a Venezuela. Chegaron a Güiria grazas, primeiro, a un barco brasileiro, e despois, a un canadense.

Pasaron a Caracas, e alí, o daquela director do ITIC do Goberno de Rómulo Gallegos, Julio Grooscors, ofreceulles, segundo representantes da comunidade canaria, o máximo apoio e protección.

O 16 de abril, un veleiro estoniano deixaba na Guaira doce españois, e a finais de xuño a goleta Merche deixaba no porto trinta e dous refuxiados indocumentados. Tres semanas despois, o Defensa facía outro tanto con 77, o Andrés Cruz con 77, entre eles unha muller e un neno, que chegaran a Venezuela grazas á pericia do capitán da nave quen, escapando de Franco e sendo aviador da República, decidira abandonar España, tras 27 días de navegación.

O Arroyo arribou a Pampatar, na illa de Margarita, no mes de setembro de 1947. Con 250 tripulantes fixeron o mesmo o Arlequin e o Carlota, case todos fuxindo da ditadura franquista.

Julio Dustino desembarcou a finais de febreiro do 48, dun barco norteamericano en Las Piedras. Ao comparecer ante as autoridades venezolanas para regularizar a súa situación, a Seguridade Nacional expulsouno do país.

Como polizón chegou tamén, antes do golpe contra Rómulo Gallegos, o intelectual Carlos Díaz Rodríguez, antigo presidente da Federación de Universitarios de España. Viña cunha mensaxe para Rómulo Gallegos da Unión de Intelectuales Libres, fundada en 1943.

Embarcara en Tenerife, rumbo a Venezuela, despois de permanecer catro anos en prisión. Perseguírono a bordo do pesqueiro Ignacio Faría, que se botara ao mar, desde Las Palmas, un 30 de agosto, con vintedous republicanos a bordo, entre os que se camuflara un antigo oficial da División Azul, José Sánchez Álvarez de Sotomayor, quen ao escasearen os alimentos, reducíu os tripulantes cunha arma. Estes vinte e dous republicanos tramitaron a súa residencia en Venezuela, a través do consulado republicano español.

Chegou, despois, o San Miguel, con cincuenta republicanos máis, sendo este o noveno barco en arribar ilegalmente no ano 1948. O San Miguel chegou o 5 de outubro, á illa Margarita. O Goberno de Rómulo Gallegos decidira negar a entrada de inmigrantes ilegais no futuro, decisión que faría efectiva desde o 12 de outubro.

Por moito que tratara o Goberno de Gallegos de evitar esta situación anómala, El Universal, o 19 do mesmo mes, dicía que vinte republicanos españois eran aceptados pola Dirección de Estranxeiros.

Máis tarde viría o Express de Vilariño que, rexeitado tres veces para entrar a Venezuela, foi aceptado en Puerto Cabello, e os seus cincuenta e catro tripulantes enviados á colonia penal de El Trompillo.

Asemade, chegaba a Venezuela La Estrella Polar, con trinta e catro indocumentados. O Luisa con vinte e catro e o José Morales, no que algúns dos seus pasaxeiros, ao lles ser prohibida a entrada a Venezuela, decidiron lanzarse ao mar coa intención de suicidarse.

O 21 de outubro chegaba á illa de Margarita a última embarcación destas características e circunstancias, con dezaseis republicanos fuxidos de Franco, aos que o ITIC enviou a unha colonia agrícola no Territorio Amazonas. Foron en total dezanove os barcos que arribaron ilegalmente ás costas venezolanas.

A viaxe de Manuel Vilariño no Express

Indocumentados, debido á situación de desterro e confinamento na que se encontraban moitos galegos nas Illas Canarias, decidiron, un grupo deles, botarse á mar e chegar a Venezuela, tal e como fixera o Telémaco e moitas outras embarcacións.

Manuel Vilariño coñeceu un capitán galego que lle ofreceu, pois tamén el fora mariñeiro na súa Moaña natal, botarse á mar nunha “embarcación”.
Manuel dixo que si, aínda que foi despois, o día fixado para embarcarse, cando a viu, e as condicións nas que ían viaxar. A penas un barco de vela, sen motor, con non máis de quince metros de eslora, sen auga, sen comida, sen cartas náuticas... e con 61 persoas, unha das cales era unha muller embarazada.

Estas sesenta e unha persoas empezáronse a meter nas bodegas do barco, razón pola cal non levaban víveres suficientes nin auga, e Manuel e o capitán serían os encargados de tripular o Express a través do Atlántico.
Utilizando as vellas rutas de cabotaxe que os portugueses delinearon antes de 1492 para traer as especies da India, o Express tomou rumbo cara a Senegal, a Dakar, lugar no que se abasteceron duns poucos víveres e auga, ademais das imprescindibeis cartas mariñas para poderen cruzar o océano. Un dato que conserva na súa memoria Manuel foi que precisamente a muller embarazada e o seu home decidiron abandonar a viaxe en Dakar. Manuel lembra isto con alivio, sobre todo rememorando a viaxe desde Senegal ata Venezuela.

Chegaron a África, a Senegal, sen cartas mariñas mediante a navegación de cabotaxe. Foron, desde as Illas Canarias ata Dakar, 12 días. Unha vez chegados compraron bidóns de auga, víveres e cartas mariñas. Botáronse outra vez á mar, para cruzar o océano Atlántico rumbo a Venezuela. Ao terceiro día de navegación sorprendeulles unha tempestade. Vilariño lembra “aquilo foi horríbel e aínda hoxe se me alporiza o pelo de o lembrar. Foi tal a tormenta que non nos viamos uns aos outros. Rompeu unha vela e acórdame que tivemos que coller os bidóns de auga e lanzalos ao mar para evitar que esnaquizaran o barco porque batían dun lado para o outro.

Levaban na embarcación un home ferido. Estragados os ánimos e as ganas de seguir, houbo unha reunión entre a tripulación para decidir se seguiamos ou volviamos a Senegal. Decidimos continuar a viaxe ata Venezuela, co risco de morrer da sede ou inanición, pois perderamos gran cantidade de auga e víveres. Isto fíxonos calibrar a posibilidade de parar nas Azores; sen embargo, ante a posibilidade de sermos entregados ás autoridades españolas, decidimos continuar nesa situación tan precaria.
Tivemos, de alí en diante, que recoller e beber auga da chuvia e comer feixóns con auga de mar. Dous pasaxeiros morreron nesas duras condicións”.

Oitenta días estiveron no Atlántico “viña á miña mente a imaxe de Colón cando tamén cruzou este océano. Ao igual ca eles, a nosa tripulación tamén subía ao mastro e dicían que vían terra. Eran espellismos ata que un bo día apareceu diante nosa a illa de Barbados. Ao principio non o críamos”.

En Barbados repuxeron víveres e auga e dirixíronse rumbo a Venezuela. Aos poucos días de navegación chegaron a Puerto Caracas, e alí comenzou outra parte da historia.

Debido ás novas normas que non permitían o desembarco de indocumentados, e á mala situación que atravesaba o goberno pro-republicano do escritor Rómulo Gallegos, a Guarda Nacional venezolana non os deixou atracar e equiparounos a piratas. Conta Vilariño que despois de tantos días no mar, o feito que non os deixasen atracar foi un duro golpe. Volvéronse reunir os tripulantes do Express e decidiron varar a nave “queimar as naves”.

“Sen embargo, foi a mesma Guarda a que nos dixo, que aínda que non podiamos atracar alí, si o podiamos facer en Puerto Cabello. Cara a alá dirixímonos e, por fin, puidemos desembarcar. Sen embargo, a situación política de Venezuela colleunos por sorpresa. Ao sermos republicanos, as novas autoridades da Xunta Militar de Delgado Chalbaud sacáronnos do campo de emigrantes no que estabamos, en Valencia, estado Carabobo, e conducíronos ao Territorio Federal Delta Amacuro, á illa, campo de concentración de Guasina. Este traslado debeuse a que os militares crían que viñéramos a Venezuela a apoiar a Revolución de Rómulo Gallegos, o recentemente deposto presidente venezolano”.

No campo de concentración de Guasina permaneceron recluídos durante cinco meses, soportando moi duras condicións. Os alimentos eran escasos. Andaban semi espidos na illa. As reses, que despois servirían como alimento, eran desembarcadas vivas polos mesmos presos. Unha delas deulle unha cornada a Vilariño, o que provocou o seu internamento no hospital de Tucupita, no que foi atendido polo padre capuchino Barral, quen se interesou polas condicións dos presos, e levou unha carta ás Nacións Unidas, denunciando o trato inhumano cara a estas persoas, e outra ao cardeal da cidade de New York.

A situación destes presos foi denunciada á ONU e debido a presións internacionais, os españois alí presos foron liberados.

Manuel Vilariño Santomé foi trasladado a outro campo de emigrantes, El Trompillo, e a “Terribel e tola aventura duns españois” que foi o titular dalgúns xornais locais venezolanos, rematou co seu enraizamento nesta terra; que despois de 80 días no mar e cinco meses nun campo de concentración, lle deu a oportunidade de nacer de novo. Ben dicía Oscar Wilde que quen vive varias vidas, morre varias mortes.

Xurxo Martínez Crespo

________________________________________
Nota:
(1) El exilio español en Venezuela, volumes 1 e 2. Ediciones de la Casa de España e do editor José Agustín Catalá. El Centauro ediciones, Caracas, 1995.

 
         
     
Manuel Vilariño Santomé.
 
 
Manuel Vilariño co pintor Mario Granell en Caracas.
 
Manuel mostra unha foto da súa xuventude.
   
 
Rómulo Gallegos nun acto antifranquista en 1947. Á súa esquerda Rómulo Betancourt.
 
Portada de Guasina cunha nota manuscrita do Padre Barral.
 
Padre Bailio Barral na presentación do dicionario español-warao. Este relixioso ourensán axudou a innumerábeis inmigrantes irregulares chegados a Venezuela.
   
 
O Express.