Personaxes da emigración

 

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración

Pura Vázquez

Pura Vázquez naceu o 31 de marzo do ano 1918 nun barrio de Ourense chamado O Polvorín. Con pouco máis dun ano levárona os seus pais para A Coruña, e nesa cidade criáronse a súa irmá Dora e ela, até que por traslado do pai, que era empregado de Correos. A guerra que viría despois determinou a inxusta destitución do seu pai como empregado de correos e mesmo varios anos de cárcere, inxustiza que tratou de limpar Pura á súa volta de Venezuela.

Foi en A Coruña onde estudou as súas primeiras letras na Escola Normal de Mestras de A Coruña. Dora, irmá de Pura, maior cinco anos, sempre mantivo con ela unha relación de moita compenetración tanto na infancia coma na idade madura.

A Coruña foi a residencia de Pura até os oito anos, idade na que o seu pai é novamente trasladado á súa terra ourensá, e ao Salto do Can, casa herdada pola nai de Pura e Dora dos seus pais.

Estudou en Ourense na escola de Dona Pilar Merino, preto do Xardín do Posío. Alí fixo a súa primaria e o seu bacharelato como preámbulo da súa carreira de mestra, a mesma carreira que a súa irmá Dora.

Preceptiva Literaria, recorda Pura, foi a que a levou á poesía, que comezou á idade de trece ou catorce anos publicando no xornal La Zarpa.

É destinada como mestra, o seu primeiro destino, a unha aldea ourensá de Ribadavia; máis tarde será trasladada a Madrid, ao Parque Móbil dos Ministerios, centro de traballo no que moitos anos despois, despois da súa vida como emigrante en Venezuela, coñecerá o seu esposo, Manuel Botanero Almazán.

Despois de Madrid marcha a Sevilla. Na vila de Marchena desempeñará o seu traballo como mestra. En 1948 traballa en Segovia, lugar no que publica Desde la niebla, e Tiempo mío. En Madrid comeza unha amizade con Carmen Conde, coa que dará recitais no Instituto de Cultura Hispánica.

En Madrid estivo até que emigrou a Venezuela por primeira vez (emigraría outras dúas máis). En Venezuela, na editorial Lírica Hispana edita Presencia de Venezuela, dedicada a este país e Destinos.

A súa actividade en Venezuela é febril. Escribe en El Universal e en El Nacional. En revistas literarias como Páginas, Vidas y Letras. Era o ano de 1955.

A Venezuela, Caracas, emigra tres veces, ou como lle gusta dicir a Pura “a Caracas fixen tres viaxes”, até que volve ao seu país, Galiza, en 1969. Enferma de vertixe, non lle quedou máis remedio que volver ao seu Ourense e a o seu Salto do can coa súa irmá Dora, os seus sobriños Abelardo e Toño, o seu cuñado Antonio e as súas lembranzas do Caribe.
Pura non deixou nunca de escribir nin en Galiza nin en Venezuela. Fíxoo en La Zarpa, La Región, en La Noche de Borobó de Santiago de Compostela. Nesta mesma cidade colaborou en El Correo Gallego e na actualidade en Galicia Hoxe.

Esta muller prolífica literariamente é obxecto de reportases especiais en revistas como Fiestra da Palabra Silenciada de María Xosé Queizán e Unión Libre, Cadernos de Vida e Cultura de Carmen Blanco.

Pura e Dora, escritoras as dúas, foron obxecto de infinidade de homenaxes. Unha rúa leva o seu nome na súa cidade natal de Ourense. Foron mulleres comprometidas co seu tempo e coa súa arte, nun tempo no que Galiza e o Estado español necesitaban de palabras, de moitas palabras coas que afogar tanta tristura.

Na actualidade reside en Ourense coa súa irmá Dora, cos seus oitenta e seis anos cumpridos e agradecendo con todo o seu corazón ter podido vivir, escribir e ir a tantos países.


Pureza Vasquez a Venezuela, 18 de maio de 1955

Pura vivía en Madrid. Era solteira. Durmía en Móstoles e regresaba ao traballo en Madrid pola mañá. Alí coñeceu e tratou a Ramón Cabanillas. O soño de Pura era poder ir a Venezuela. O seu pai, que vivía en Ourense, mostrábase remiso, e a súa irmá Dora totalmente contraria a esa “tolada”.
Consente o pai de Pura, pero Dora, que nunca saíra de Galiza, imaxinaba o mundo “como unha selva onde andaban soltos tigres e lobos”.

Pura ten esa gran ilusión. O seu pai vaina despedir ao barco a Vigo. Armado de valor acompáñaa. Pura, como moitos outros emigrantes, non se puido despedir da súa irmá Dora.

Era o dezaoito de maio de 1955 e Pura tiña 37 anos. Soa vivira xa uns anos en Madrid, e soa emprendía este camiño. Pura sempre pensou que, de se ter despedido de Dora aquela vez, nunca podería ter marchado, polos remordementos e a pena de deixar a súa irmá querida. Este remordemento acompañou a Pura durante moitos anos en Caracas e viuse alimentado polas cartas de Dora.

Pura tivo unha despedida literaria en Vigo no restaurante Alameda. Alí estaban o director do Faro de Vigo, Leal Insua, Francisco Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Ramón González Alegre e Eleuterio González Salgado.

Os principais xornais galegos falaron da súa marcha no barco xemelgo do Santa Maria que máis tarde secuestrarían os membros do DRIL, comandante Soutomaior, Xosé Velo e o portugués Galvão. Este barco era o Veracruz, de bandeira portuguesa.

E así empezou a súa frutífera singradura esta muller, soa, cara a América, a Venezuela. No seu camarote do Veracruz da compañía transatlántica portuguesa estaba escrito o seu nome desta forma “Pureza Vasques”.

La Guaira

Oito días, con escalas en Tenerife e en Madeira, tardaba en chegar un barco desde Vigo até o porto máis próximo a Caracas, La Guaira. Eran os anos de apertura da emigración a Venezuela, froito das ideas eurocentristas do ditador venezolano Marcos Pérez Jiménez. Italianos, españois, portugueses, galegos, canarios, alemáns, húngaros e mesmo unha numerosa colonia rusa se asentaron nestas calorosas terras.

Ás tres da tarde, 26 de maio de 1955, chega Pura Vázquez a Venezuela. Agárdana os seus primos no porto e unha representación de cada un dos tres centros galegos de Caracas.

Días máis tarde Pura comería cunha representación dos tres centros galegos de Caracas, centros con diferenzas irreconciliábeis. A Pura pareceulle un milagre que chegasen a comer xunto a ela. Pura, desde a súa chegada, prometeuse a si mesma facer todo o que estivese na súa man para unir os tres centros galegos en Caracas.

Esta división tripartita tróuxolle a Pura a obriga de visitar a cada unha das casas galegas en Caracas para non ferir susceptibilidades.

Pero Pura foi traballar, era unha emigrante. Unha muller traballadora. que escribía, que soñaba, que quería cambiar. Así que se presentou á súa primeira cita co decano da Facultade de Letras da Universidade Central de Venezuela (UCV), coa intención de conseguir un traballo. Este contacto conseguírao por medio doutra persoa e Pura levaba unha carta de recomendación ante o decano. Pura non tardou en encontrar resposta afirmativa, Venezuela era o país das oportunidades. Grazas á dilixencia do decano, entrevistan no Ministerio de Educación. Revisaron a súa documentación académica, e déronlle traballo no colexio máis moderno de Venezuela, que servía como centro piloto experimental da República e de políticas educativas do Ministerio para todo o país.

Pura organiza o colexio, a sección dos máis pequenos. Alí pasa ano e medio. Pura está abraiada pola gran diversidade cultural e racial dos seus alumnos. Era Venezuela, a Venezuela receptora, dos anos cincuenta. Nenos italianos, nenos ingleses, nenos españois, galegos... nenos venezolanos. Brancos, negros, louros, morenos... de todas as cores.

As mestras da escola eran fiel reflexo dese multiculturalismo. Pura inicia unha fonda amizade coa súa compañeira ecuatoriana, tanta que mesmo vai vivir con ela e o seu home.

Este colexio, modélico e moderno, estaba a anos luz das instalacións que para a época existían en España. “Todo o recinto estaba distribuído perfectamente, e mostraba detalles dun gusto exquisito. A aula tiña, a un costado, grandes ventás acristaladas, polas que entraba a luz e se podía contemplar a paisaxe. Á fronte abríase un espazoso xardín dividido en tres zonas: unha cuberta de herba verde e tupida, que os nenos regaban como tarefa complementaria aos seus estudos; outra dotada dun grande areal para aqueles aos que lles gustase rebuldar na terra, e outra, un auténtico verxel, cheo de árbores, arbustos e plantas, con sendeiros de lousas para aqueles aos que lles gustase correr, ou simplemente, pasear”.

Pura escribía poemas e artigos nos principais xornais de Caracas. Sen embargo, o seu primeiro traballo tendo como tema o modélico colexio experimental que dirixía viría máis tarde. Á metade do segundo curso a revista da petroleira Shell pídelle a Pura que escriba un traballo sobre a experiencia pedagóxica desta escola experimental para a súa revista trimestral.

Este artigo, de varias páxinas, abriulle as portas da Facultade de Humanidades da Universidade Central de Venezuela. Foi chamada polo director da Escola de Xornalismo.

Ao día seguinte, Pura estaba na escola. O director, Héctor Mújica, recibiuna e díxolle: “Señorita, son un lector seu, así como moitos dos estudantes desta escola. Lin os seus artigos e poemas moitas veces nos xornals e revistas. Lin hai dous días o seu artigo da revista Shell, sobre a función social e educativa do xardín de infancia. interesoume moito, porque se ve que sabe escribir e tamén ensinar. Falei disto co decano da Facultade de Humanidades, e acordamos chamala para dicirlle que precisamos unha nova secretaria para a escola, e cremos que vostede é a idónea para esta tarefa”.

Pura renuncia ao xardín de infancia unha vez terminado o curso escolar. A Escola de Xornalismo traeralle satisfaccións nunca pensadas nesta terra de promisión, onde todo estaba por facer e se buscaba xente que quixera facer cousas.

Pura Vázquez nacionalízase venezolana

Este é o momento no que decide nacionalizarse venezolana, requisito indispensábel para traballar na escola.

Unha vez coa súa nova e complementaria nacionalidade venezolana, Pura empeza como secretaria do director da Escola e correctora de probas do boletín informativo, que publicaba a Escola de Xornalismo para toda a Universidade.

Naquel boletín universitario terminou facendo de todo: corrixía probas, atendía na redacción, colaboraba nel cando tiña tempo e quería; e tamén, ás veces, saía cos estudantes a facer entrevistas a personaxes que chegaban a Caracas, de paso ou para ficar na cidade.

Se o xardín de infancia supuxo para Pura unha grande experiencia na súa carreira de mestra, a Escola de Xornalismo supuxo un gran paso para a súa carreira literaria, “carreiras, as dúas, que iniciara en Galiza, que perfeccionei en terras de Castela, e se converteron en caudal irrefreábel coa experiencia adquirida en Venezuela”.

Tamén enriqueceu os seus dous idiomas. O español, porque puIdo aprender un español rico en palabras como era o usado en América, e o galego coas variadas orixes da segunda colonia máis numerosa, despois da canaria, que vivía en Caracas.

Na universidade venezolana tivo as mellores oportunidades da súa vida para aprender certas cousas que lle foron sempre de grande utilidade. Estivo a punto de estudar a carreira de xornalismo, pero o traballo absorbíaa de tal forma que lle foi imposible. Compaxinaba o traballo cos seus escritos aos cales nunca quixo renunciar. A súa saúde, con tanto traballo, reséntese. Trata de seguir aprendendo, aprende o que ela chamaría un vasto horizonte cultural.

Desta época febril é o seu libro Trece poemas a mi sombra, editado pola Editorial Arte, e ilustrado polo pintor español Antonio Granados Valdés. Cultiva, por esta época, a poesía infantil e fai estudos sobre ela. Enviaba os seus traballos a revistas españolas, artigos de crítica literaria, recibía libros, moitos libros, de España, de Venezuela, e doutros países latinoamericanas. Tamén deses países lle facían pedidos de libros, ou de poemas para seren publicados nas revistas ou diarios, e ás veces recibía as críticas dos poemas e artigos que publicaba. Dentro desta relación epistolar con outros países latinoamericanos estaba a relación cos escritores e os centros galegos de Latinoamérica como Manuel Betanzos Santos, que editaba a revista galega Boreal e lla enviaba desde Montreal. Desde os Estados Unidos, Puerto Norte e Sur, que dirixía José M. Oxholm, en Detroit, Michigan, e que era editada por el mesmo, a súa esposa e fillos. Esta revista trilingüe, en español, galego e inglés, publicaba tamén poesía infantil, e traducidos ao inglés, publicaron varios poemas de Pura.

Coa familia Noya en Caracas

Pura sempre lembra con agarimo, agradecemento e moito amor, a súa relación coa familia Noya, que xa coñecía en Galiza. Eles foron a súa familia en Venezuela, con eles puido manter viva a súa lingua galega na calor do Trópico. Os Noya e os seus cinco fillos, son definitivamente a familia de Pura Vázquez en Caracas. Exiliado da Guarda na guerra civil, Xoán Noya, o autor de Fuxidos, era o máis vello desta dinastía de xente honrada, aliada de todas as causas xustas do mundo e libres por natureza. Óscar, o seu fillo, casado con Chelo, era o matrimonio que principiou unha profunda relación con Pura.

Pura realiza a mesma actividade incansábel na escola de xornalismo. Recibe os visitantes que veñen do estranxeiro en nome da escola. Atende o profesor e ex ministro da República, Emilio González López. Con el visita os principais xornais de Venezuela e as principais canles de televisión. Por esta visita, di Pura: “saíu por primeira vez a miña imaxe na televisión”. Foi Emilio quen lle pediu que estivese ao seu lado durante a entrevista. Así o fixo e terminou respondendo unhas preguntas do entrevistador.

Pura encargouse de Emilio e mantiveron unha relación epistolar por un tempo. Emilio González López chegou a lle propor que abandonase Venezuela e tratase de ir aos Estados Unidos, lugar no que tería un nivel de vida moito mellor. Pura pensouno, pero ao final desistiu da idea, entre outras cosas, polo idioma. Contéstalle a Emilio que o día que teña que cambiar de idioma, os seus días de emigrante terán chegado á súa fin.
Unha das propostas que tivera era a de ir vivir a Oberlin, para dirixir un colexio de nenas latinoamericanas.

En Caracas coñece a Pablo Neruda e a súa esposa Matilde. Non na Escola de Xornalismo, senón no bar da Casa do Escritor Venezolano. Pablo era “unha personalidade dunha forza tremenda; era sinxelo no seu trato e falaba moi ben, e tamén bebía bastante”. Foi noutra oportunidade, na súa estadía en Caracas, cando Pablo lle regala autografada a súa obra Canto General, escribindo a dedicatoria coa tinta verde que sempre usaba, e que Pura tivo a sorte de ter nas súas mans, pois este autor estaba prohibido na España da época.

A visita de Pablo Neruda coincidía coa visita oficial que facía Fidel Castro a Caracas. Pura asiste á conferencia de catro horas de Fidel no paraninfo da Universidade Central de Venezuela, como secretaria da Escola de Xornalismo da universidade.

1960

Despois de cinco anos en Venezuela, Pura volve a Galiza por un par de anos. Publica o seu segundo libro venezolano, co título de Presencia de Venezuela, “era un libro de saudade, de gratitude e amor, que escribira en España, durante a miña primeira viaxe, e que recibín ao meu regreso a Caracas”.

Esta viaxe de volta era unha especie de renuncia aventureira de Pura. España, Galiza, seguía igual que sempre. A súa marcha non traerá nin o permiso para poder comprar e vender as obras de Neruda nin as mil e unha oportunidades laborais e profesionais que tiña Pura en Venezuela. Aínda así, Pura estaba na súa amada Galiza despois dun longo voo en avión.
Volve a Ourense despois dunha breve parada con Carmen Conde en Madrid. Pídelles aos pais un pequeno terreo nas terras familiares para facer unha pequena casa á que ir en Salto do Can, a casa “coa mellor vista de Ourense”.

A idea da casa alegrou os pais, porque vían unha posibilidade de que Pura non volvera marchar, nin a Madrid, nin a Andalucía… nin a Caracas. Cos seus aforros de emigrante, Pura empeza a construción e a súa pequena casa de amplas vistas á paisaxe e á cidade de Ourense servirá axiña como refuxio desta solitaria muller que ten por compañía a súa familia e os seus libros.

Días marabillosos entre Ourense e Madrid, cidade na que se entregou para rehabilitar xudicialmente o seu pai. “Loitei moito e tiven que percorrer toda a cidade, e subir e baixar aos ministerios, o de Correos, o de Educación e o Facenda, usar os meus amigos, sobre todo das autoridades que coñecín naquela velada de Nadal na que recitei os meus versos no Salón dos Tapices da Alcaldía de Madrid”.

Pura consegue devolverlle ao seu pai o seu emprego, do que fora destituído por unha denuncia e pola cal pasaría no cárcere varios anos. Conta Pura que un alto funcionario dun ministerio confesoulle un día que ese home (non sabía que era o seu pai) a quen trataba de axudar tiña poderosísimos inimigos, pois ademais de despedilo do traballo e de envialo ao cárcere, fixeron todo o posíbel para desposuílo das súas pertenzas, obxectivo que non puideron alcanzar porque todo pertencía e estaba a nome da súa nai.

Esta herdanza da súa nai foi a que axudou á familia Vázquez Iglesias a non morrer de fame. O pai de Pura, ademais de estar tres anos no cárcere, ser destituído de emprego e soldo, pasou dezaseis anos, sen poder cobrar a causa dunha inxustiza. Pura logrou restituír ao seu pai moral e economicamente da inxustiza que se cometera coa súa persoa, incluída a indemnización polos anos que non puidera cobrar.

Pero a Pura non le bastou a restitución material e espiritual de o seu pai. Tamén Antonio, o esposo da súa irmá Dora, sufrira, como mestre, as mesmas penalidades. A el tamén logrou que lle restituísen economicamente, aínda que os anos de sufrimento xamais poderían ser restituídos.

En Madrid é homenaxeada no Círculo de Belas Artes. Recibe outra homenaxe nas Covas de Sésamo por instancia de pintores e escritores. Esta homenaxe foi presentada por Carmen Conde e a pintora María Rius Zunón, irmá de Xosé Rius Zunón. Xosé era membro do Círculo Azor de Radio Ourense, do que Pura formou parte na súa mocidade e desde o que lograran o milagro de editar a revista Posio, fundada por Pura e outros mozos poetas ourensáns.

Pero Pura non afastaba da súa cabeza a Venezuela, sobre todo cando estaba no seu tranquilo Ourense. “E antes de dous meses, o desexo de volver a Venezuela fíxose imperativo, e mesturouse con todo aquel ingrávido mundo no meu eu soterrado, facéndome sentir que desesperaba e entolecía”.

Os seus pais non comprenden a súa decisión. Despois de construír unha casa, Pura decide volver. Agora, coa nacionalidade venezolana, Pura volve ao seu outro país.

No pouco máis tarde famoso buque Santamaría, chega Pura Vázquez a La Guaira. Ao chegar a Caracas, visita os seus amigo Óscar e Chelo Noya, quen a axudan a conseguir un novo traballo. Óscar traballaba desde moitos anos antes na Reaseguradora Nacional de Venezuela. Pura, da man de Óscar, consegue un traballo como secretaria do director.

A Pura precedíaa a súa pluma en revistas venezolanas como a da Shell, a Creole, Cultura do Ministerio de Educación ou mesmo Élite.

O seu traballo e o seu soldo auméntao cos seus traballos escritos. É precisamente nesta época cando chega a Caracas Celso Emilio Ferreiro e empeza a profunda relación de amizade con Pura Vázquez, os dous escritores, os dous emigrantes, os dous poetas.

Coñécense a través dos Noya, dos cales era moi amigo Celso Emilio. Pura lembra estos anos con Ferreiro con fondo agarimo e interese. Trataban de amañar o seu mundo galego, sobre todo ese mundo galego que tiñan fronte a eles, o mundo galego da emigración en Venezuela.

Alí ceaba, xantaba, pasaba a Noiteboa, a Noitevella. Vivía preto Pura, nunha casa de Sabana Grande. Celso Emilio e os Noya acompañábana todas as noites á casa.

Pura coñecía a Celso Emilio en Galiza. Con el e Moraima pasou varios veráns invitada por Francisco Fernández del Riego e a súa dona Etelvina na praia de Coruxo. Alí coñeceu Pura á familia do médico Álvarez Blázquez, a súa dona e fillos, pais dos Álvarez Cáccamo. á familia Sesto cos que afondaría a súa relación en Venezuela.

Estes anos tamén son de intensa actividade cultural galega para Pura Vázquez. Realiza o programa de radio da Irmandade Galega de Venezuela, Sempre en Galiza, o segundo máis antigo do mundo en lingua galega, despois do homónimo uruguaio.

É neste tempo cando a editorial Lírica Hispana, revista poética venezolana, lle publica na súa colección de libros o seu terceiro volume de poemas en español Presencia de Venezuela. Parte do libro foi escrito en Galiza.

Había un ano que Celso Emilio Ferreiro marchara de Venezuela. Xa hora, Pura, cunha escusa sutil, achegábase a ela outra vez acompañando a súa familia que vivía en Venezuela.

Así volve a Ourense, á familia… á súa irmá Dora. Visitas a Porto para visitar a Oliveira Guerra, director da revista Céltiga. Viaxa a Madrid e trata de conseguir unha vacante no colexio no que traballara moitos anos antes de ir a Venezuela por primeira vez. Coa súa pequena casa alugada, vivindo cos seus pais e sen traballo, ao chegar o frío inverno, Pura decide volver a Caracas. Pasaran case dous anos desde que chegara a Galiza.

Terceira e última viaxe

Pura volve a Caracas, máis tarde, era 1966. Esta vez desde Lisboa, en avión de Air France. Vive na casa dunha amiga andaluza. Venezuela, o país das oportunidades non a defraudará e, lendo os anuncios do xornal, consegue un traballo no INCE (Instituto Nacional de Capacitación Educativa), máis exactamente no departamento de fotografía como encargada do arquivo.

Arquivaba e buscaba todos os fondos fotográficos de Venezuela que tivesen relación co gando vacún, cos cabalos e poldros que nacesen, así como cos porcos, as cabras ou calquera animal de catro patas.

É nesta época cando decide pórse a traballar nun libro comezado en 1959. O libro, nun principio sen corpo, tería como título e tema a saudade, a morriña. Cos tres tomos do Diccionario Galego-Castelán de Eladio Rodríguez, comezou Pura buscar as palabras que non lembraba entre aqueles soles, palmeiras e calores. Máis de doce anos sen escribir en galego deixaron ese baleiro en Pura, que tratou de emendar con ese pequeno dicionario en tres tomos.

Dous anos levaba Pura en Caracas e ás veces pensaba en volver, outra vez máis, a Galiza. Foi un acto fortuíto que levou a Pura a estados de vertixe que fixeron que pensara seriamente en volver.

Unha vez tomada a decisión, por motivos de saúde, Pura decide volver. Despídea a súa compañeira de piso paraguaia e Chelo, xa viúva de Óscar Noya. Esta era a terceira viaxe en avión na vida de Pura a través do Atlántico.

Era 1969 e Pura non volvería máis a Venezuela. A saudade e outros poemas é froito desa emigración venezolana. Pura Vázquez vive coa súa irmá Dora en Ourense.

Morriña da terra en Caracas (1963)

Onte vin, soña, soñando,
soñando que te soñaba,
dornas brancas no avesío
sen fondo das miñas dársenas.
Gueivotas deiquí pra alá revoando,
revoaban, abilleando entre as velas,
nos vagallóns enleiadas,
ulindo o sal e a resina,
recendo das miñas praias.
O embigo do mar poñía seos de azul marexada.
E largacías orelas polo horizonte espalladas;
paraxes da verdescente terra miña aloumiñada,
nos ronseis destes meus soños que a esa paisaxe me cravan.
Parellos barcos fuxían.
Paxaros loucos chegaban,
e a celta terra sorría
polas brumosas barandas do Atlántico, non Fisterra
das altas lendas molladas,
con ribeiras de salgueiros
toxos e millais, na espadua.
Soñei, soñando, que soño, soñando que te soñaba
meiguices celmes xurdindo na flor do engado ceibadas


II
Ai, que ese vento que chega
de tan lonxano, me doi!
Chégame de caladiño,
fíreme non corazón...
Ai, que vento ventureiro,
ai, que vento ventarrón.
Ai, que se crava no peito,
ai, que se enleia na voz,
ai, que abocada na alma,
ai, que me rolda a emoción.
Ai, que me tolle e me trinca,
ai, que me mata, o ladrón!
Vento de longas ausencias
vento, vento, ventarrón,
leitoso vento da noite,
lufada sen luazón...
Lourido vento trigueiro,
vento de treba ou trebón,
que tremeloce e me leva
coma unha tolleita flor.
Non hai trégola no vento,
no mouro vento traidor
recheo de vagalumes
na travesía ilusión.
Vagando de orela a orela,
afincándome na dor,
zoscándome nas entrañas
zugameles sen color.


III
Mareira escuma que vén,
mareira escuma que vai.
Ten dúas orelas a terra:
Unha eiquí e outra acolá.
Mareiras escumas bican eiquí,
costiñas sen sal;
bravas costas tropicais
toleiras de soidás.
Mareiras escumas teñen
costiñas tenras alá,
costiñas de toxo e frouma
ribeiriñas pra amosar
os soños loucos que andan por min a tenredumear...
Ten con ten de arelas mornas
con esas escumas van,
relanzando cobizosas
costiñas de eiquí e de alá...
Folla que en costas alleas secando non sangue va¡,
túrranme ou corpo as escumas largacías deste mar.
Mareiras escumas, ledas
ondiñas que ven e van, a modiño, de calado,
tamén me levan e tran.

Xurxo Martínez Crespo

         
     
Pura Vázquez nos seus primeiros anos sudamericanos.
 
De esquerda a dereita, Emilio Varela, presidente da Irmandade Galega de Caracas, Maricarmen Pérez, Pura Vázquez, Pedro del LLano, director de La Voz de Galicia, e o señor Mallo.
 
Pura Vázquez viaxara no Santa María cara a América do Sul.
 
Pura Vázquez con Ramón Cabanillas en Madrid.
 
“Terra Matria dos Soños”, autbiografia de Pura Vázquez.
 
Capa do libro “A carón de min”, de Pura Vázquez.
 
Capa de “Posío”.
 
Pura e Dora Váquez, “Monocreques”. Dedicatoria para o colexio da Irmandade Galega de Caracas.
 
Pablo Neruda e Fidel Castro na Aula Magna da Universidade Central de Venezuela. Pura Vázquez estivo aquel día con eles.
 
Larrazábal e Fidel na Aula Magna da UCV.
 
Pura Vázquez en Porto, no monumento a Rosalía de Castro.
   
Pura Vázquez e Dora coa derradeira filla de Rosalía, Gala Murguía Castro.