Personaxes da emigración
 

 

Antonio Soto Canalejo

Antonio Gonzalo Soto Canalejo naceu o 8 de outubro de 1897 na cidade de Ferrol. Foron seus pais Antonio Soto Moreira e Concepción Canalejo González. O pai de Soto morre, ao pouco de nacer este, na Guerra de Cuba a bordo do barco Oquendo. Cando Antonio fixo tres anos, súa nai volve casar, con Eduardo Rey, e marcha con toda a familia á Arxentina. Antonio tivo problemas de adaptación co seu padrasto, o que é determinante para que a nai o enviase novamente a Galiza.

Despois dalgúns anos en Ferrol, en 1914 con dezasete anos, Antonio Soto regresou a Bos Aires. A cidade era un fervedoiro político, con folgas, manifestacións ou xornais anarquistas que chamaban á loita.

A revolución rusa de outubro de 1917 foi, seguramente, o feito máis significativo para a formación política de Antonio Soto, como tamén o foi para o movemento obreiro arxentino daquel momento. Antonio seguiu con grande ilusión os acontecementos dos obreiros bolxeviques.

Aos 22 anos Antonio Soto incorporouse á Compañía de Teatro "Serrano Mendoza", que facía o percorrido dos portos patagónicos. A Compañía, nunha de tantas viaxes, trasladouse ao porto de Río Gallegos. O clima obreiro desta cidade atrapou o mozo Soto. Antes de actuar e ao saír do teatro, Antonio ía visitar o local da Sociedade Obreira. Alí escoitou ao xornalista vasco José María Borrero, quen asesoraba á Sociedade Obreira. Este xornalista causoulle un grande impacto. Borrero ten unha influencia decisiva nos traballadores de Río Gallegos, e foi este quen viu en Soto un dirixente con moitas posibilidades de desenvolvemento sindical. Tanto foi así que entusiasmou a Soto para que abandonase a Compañía e se sumase ás tarefas directivas do sindicato.

Aos poucos meses, o domingo 24 de maio de 1920, nunha asemblea xeral da Sociedade Obreira de Río Gallegos, adherida á FORA, elixírono Secretario Xeral da mesma. O panorama daqueles días era de moita tensión; por unha banda os peóns rurais estaban en conflicto por mellores condicións laborais, e pola outra, os estancieiros andaban preocupados pola crise da la e os niveis de organización e de reivindicación dos obreiros anarquistas.

Ante estes feitos a central sindical declarou a folga xeral. A situación deses días era moi tensa. A provincia de Santa Cruz estaba paralizada polos folguistas.

A represión non se fixo esperar, a autoridade militar mobilizou aos mariños, á policía e aboucouse á represión de todo o que cheiraba a folguista. Nun par de horas encarcerouse ducias de activistas sindicais. Segundo as testemuñas da época, Antonio Soto logrou escapar da persecución, refuxiándose na casa dunha galega de armas tomar, que vivía nas aforas de Río Gallegos. A dona da casa era coñecida entre os anarquistas como "Dona Máxima Lista", ou sexa, maximalista.

O 28 de xaneiro de 1921 no transporte "Guardia Nacional" embarcou o 10º Rexemento, ao mando do Tenente Coronel Varela, rumbo a Puerto Gallegos. O 29 de xaneiro chegou, despois de varios meses de estar nomeado, o gobernador da provincia. A chegada do novo gobernador Yza permitiu entrar nunha etapa de achegamento entre as dúas partes e comezaron así as negociacións. Durante estes días o gobernador Yza puxo en liberdade aos presos sindicais e suspendeu o clima de represión que se vivía nas cidades do sur. A actitude dialogante e a promesa de cumprimento das reivindicacións dos traballadores permitiu a fin da folga.

En xullo de 1921 producíronse varios episodios que levaron á ruptura entre obreiros e patróns. As condicións pactadas cos estancieiros non se cumprían na súa totalidade. Mentres tanto, ao contador Eloy del Val, da Sociedade Anónima Mercantil da Patagonia en Puerto Deseado, disparáronlle dez balazos pola ventá da casa. O motivo era ter despedido a obreiros. O contador saíu ileso, mais o atentado tivo unha grande repercusión en Bos Aires. Ao doutor Sicardi, presidente da Liga Patriótica de Santa Cruz, membros da Sociedade Obreira parárono na rúa e quitáronlle a arma que portaba. Conforme pasaba isto na cidade, no agro sete estancias foron tomadas polos peóns facéndose coas cabaladas. Mais será seguramente o episodio da noite do 9 de xullo, día patrio arxentino, un día que marcará os futuros acontecementos. Esa noite era a culminación de toda unha xornada de actos patrióticos en celebración da Independencia Arxentina. O Hotel Español foi o sitio elixido para realizar o banquete, no que participaron as personalidades máis destacadas da provincia. Case cen comensais estaban listos para cear cando un dos camareiros avisa ao cociñeiro Antonio París, paisano de Soto, que entre os presentes se atopaba Manuel Fernández, dono da firma Varela Fernández, empresa esta boicotada por orde do galego Soto. Antonio París xunta os camareiros e en nome da Sociedade Obreira prohibe que sirvan as mesas. Os seus compatriotas galegos secundan a decisión do delegado da Sociedade Obreira. A negativa dos galegos crea unha grande indignación entre os presentes, que consideraban que era un agravio contra a Patria. Ante esta situación os presentes resolven servirse eles mesmos, baixo a ollada atenta dos camareiros, que ven gañada unha pequena batalla. Esta actitude de insubordinación e antiarxentinidade, segundo os estancieiros, provocou que os distintos sectores burgueses fixesen causa común contra os traballadores.

As tensións en Río Gallegos cada vez foron maiores e Antonio Soto tivo que sufrir os ataques dos outros sectores sindicais alentados polos sectores reaccionarios.

En Río Gallegos a policía encarcerou a Antonio París, membro da Asociación Obreira. Durante a detención pecharon o local sindical. O día 24 de outubro de 1921 declarouse a folga xeral.

En Bos Aires, o Presidente Yrigoyen volveu solicitar ao seu amigo, o Tenente Coronel Varela, para que se fixese cargo de reprimir na Patagonia. Mentres o militar prepara aos seus soldados no Cuartel de Campo de Maio, Antonio Soto, o 31 de outubro, levantou as peonadas das estancias "Buitreras", "Alquina", "Rincón de los Morros", "Glencross", ademais de "La Esperanza" e "Bella Vista". Unha longa columna de 300 obreiros rurais aproximáronse ao Turbio e a Punta Alta. Os outros delegados levantaron ao persoal de todas as estancias desde Lago Arxentino ata Punta Alta. En menos de sete días, eses homes sublevaron a extensísima rexión do sueste do territorio Santacruceño. Esta primeira parte, dirixida por Soto, foi absolutamente pacífica. O movemento buscaba a liberdade dos presos do Río Gallegos. O 5 de novembro todo o sur de Santa Cruz paralizárase. Varias son as columnas de sesenta, de cen, de douscentos homes que marchan coa bandeira vermella polas desoladas terras do sur.

A noite do 6 ó 7 de decembro foi unha das máis longas da vida de Antonio Soto. Os militares estaban á porta da estancia "La Anita". Os traballadores reuníronse en asemblea. Juan Farina, de orixe chilena, propuxo rematar coa folga e negociar cos militares. A maioría dos peóns chilenos apoiaron a proposta. Despois falou o anarquista alemán Pablo Schulz, quen sinalou que o único xeito de triunfar era pelexando.

Antonio Soto, cunha asemblea propensa, xogou a súa última carta e propuxo que se envíen dous homes con bandeira branca ata onde estaban as tropas e que pidan as condicións perante o xefe militar, sobre a base da liberdade dos compañeiros de Río Gallegos e o cumprimento das cláusulas do convenio no ano anterior. Dous chilenos serán os encargados da dita misión. Ao chegaren á zona dos militares son automaticamente fusilados, negándose aqueles a calquera tipo de negociacións. Os xefes militares envían tres soldados con bandeira branca, que lles comunicarán aos rebeldes que o exército soamente está disposto a ofrecerlles a rendición incondicional, e que a cambio desta todos serían respectados e tratados con corrección. Os dirixentes piden un prazo dunha hora para se reuniren en asemblea. O dirixente chileno Farina é partidario de aceptar a proposta dos militares. Schulz, pola contra, é da opinión de, máis que nunca, resistir. Entrementres, Soto dará o discurso da súa vida. Osvaldo Bayer relata así esta parte da asemblea: "En ton máis que dramático, a berros chama a atención de todos. Este máis galego que nunca ao falar:
`Fusilaranvos a todos, ninguén vai quedar con vida, fuxamos compañeiros, sigamos a folga indefinidamente ata triunfarmos. Non confiedes nos militares, son a ralea máis miserable, traidora e covarde que habita a terra. Son covardes por excelencia, son resentidos por estaren obridados a vestir uniforme e a obedecer toda a vida. Non saben o que é o traballo, odian a todo aquel que goza de liberdade de pensamento. Non vos rendades, compañeiros, espéravos a alborada da redención social, da liberdade de todos. Loitemos por ela, vaiamos aos montes, non vos entreguedes´.

Golpea os puños, bate no peito, berra, ata lle caen as bágoas ao galego cando a xente non lle responde nada. Velaí está Antonio Soto, alto, cunha gorra revolucionaria, falando do que é a liberdade. Tenta levantar coas súas palabras un ánimo definitivamente morto e conforme xa coa súa sorte. Soto non se quere dar por vencido. É esta a súa derradeira asemblea, alí, fronte a esa paisaxe marabillosa.

"Sodes obreiros, sodes traballadores. Seguide coa folga, triunfade definitivamente para conformardes unha nova sociedade onde non haxa pobres nin ricos, onde non haxa armas, onde non haxa uniformes, onde haxa ledicia, respecto polo ser humano, onde ninguén se teña que axeonllar ante ningunha sotana nin ante ningún mandón".

A asemblea pasará a votar e gañará a posición de Fardan. Schulz dirá que está totalmente en contra pero acatará a decisión da asemblea. Soto, pola súa banda, vaise manifestar tamén en contra desta, indicando que el non vai caer nas mans dos militares e que non vai dar a súa vida en forma tan miserable. Fai un último chamado a todos para que o sigan. Soto despídese dicindo: "Eu non son carne para lles botar aos cans. Se é para pelexar, quedo, mais os compañeiros non queren pelexar". (Testemuño de Fernández e Lada).

A Soto ségueno doce folguistas, e aproveitan a caída do sol para fuxiren a cabalo cara á Cordilleira. Esa noite foi terrible. Os militares realizaron unha auténtica carnicería humana e a maioría dos folguistas rendidos foron humillados, torturados e fusilados. Segundo as cifras que se manexan, entre cincocentos e seiscentos foron os folguistas que se renderon na estancia La Anita. Segundo os anarquistas da FORA, en La Anita fusilouse entre 150 e 250 folguistas, e durante todo o conflicto, ao redor de 1.500 traballadores.

Antonio Soto e ao seu grupo foxen a Chile polo paso da Sentinela, logo de cinco días de cabalgaren pola Cordelleira perseguidos polo exército arxentino e os carabineiros chilenos que intentaban que non penetrasen no país. Soto logrou chegar a Porto Natales. Alí os compañeiros da Federación Obreira agochan a Soto. Os dirixentes chilenos, sabedores dos perigos que corría nesa cidade, deciden envialo en barco deica Punta Arenas, onde encontrará refuxio na propia sede da Federación Obreira Magallánica. En Punta Arenas botará algúns días ata que por recomendación dos seus compañeiros terá que seguir rumbo a Valparaíso. Soto instalouse nun pequeno hotel do porto desta cidade, onde coñeceu á filla dos propietarios da vivenda na que residía. Aos poucos meses casou con Amanda Souper e trasladouse a Iquique, ao norte de Chile. Co seu primeiro matrimonio tivo seis fillos: Alba, Antonio, Mario, Aurora, Amanda e Enzo. Nesta cidade salitreira tivo un accidente e trasladouse a vivir en Santiago de Chile. Aquí seguiu a súa actividade política de xeito clandestino mentres traballaba como chófer do seu propio autobús. As persecucións policiais levárono a mudar o seu domicilio continuamente ata que decidiu trasladarse a Valparaíso e el decidiuse marchar como peón rural ata que se instalou en Punta Arenas, para logo trasladarse a Porto Natale. Nesta cidade instalou un cinema ao que lle puxo o nome de "Libertad". Nesta cidade última non lle foron as cousas ben o que lle empurrou a retomar o seu oficio de traballador rural, sendo durante moitos anos asesor dos sindicatos do sur chileno.

En 1936 cando se declara a guerra civil en España, Soto intenta ir pelexar pola República, pero a súa saúde non llo permite. O 5 de marzo de 1938 volverá casar cunha chilota (da illa de Chiloe), Dorotea Cárdenas, con quen terá unha filla, Isabel Soto. En 1945 a familia trasladarase a Punta Arenas, onde traballará como obreiro nunha fundición na que arranxaban motores de barco, logo poñerá un posto de froitas no mercado e un restaurante, "Oquendo", en homenaxe ao nome do barco en que navegara seu pai.

Neses anos funda o Centro Republicano Español, o Centro Galego e mais a filial da Cruz Vermella Internacional.

A saúde de Soto obrigouno a deixar o restaurante, polo que decide poñer unha pensión, que levará o seu apelido e que está situada na rúa Ecuatoriana, e apóiase economicamente cun camión que facía fletes desde o porto.

En 1962 abandonou todo tipo de traballo e o 11 de maio de 1963 falece en Punta Arenas por mor dunha trombose cerebral, ós 65 anos.

Unha verdadeira multitude acompañouno ata o camposanto. A comitiva estaba encabezada por bandeiras da Cruz Vermella, do Centro Republicano e mais pola bandeira galega levada polo Centro Galego.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Antonio Soto Canalejo, en "Río Gallegos".
   
 
Vista da cidade de "Río Gallegos", sur arxentino, ano 1920.
 
Concentración obreira fronte ao local sindical, Río Gallegos.
 
Saída da carcére de Antonio Soto, Río Gallegos.
 
Rendición incondicional dos folguistas en “La Anita” de Menéndez Behety. Aquí foi o lugar de maior número de prisioneiros asasinados.
 
Antonio Soto coa súa dona e a súa filla Isabel.
 
De esquerda a dereita na foto Dorotea, a dona de Soto, Isabel Soto, Antonio Soto, de pé Mario Lanza, xornalista de "Prensa Austral" e Osvaldo Wegman Hansen, no restaurante Oquendo.