Personaxes da emigración
 

 

Alfredo Somoza Gutiérrez

Alfredo Somoza Gutiérrez naceu o 8 de abril de 1892 na rúa de Atocha da cidade da Coruña. Foron os seus pais Manuel Somoza, natural de Rianxo (curmán de Castelao), e Manuela Gutiérrez, natural da Coruña. O matrimonio Somoza Gutiérrez, á parte de Alfredo, tivo dous fillos máis: Luís e Amelia. Alfredo realizou os seus estudios primarios nunha escola pública situada na mesma rúa do seu domicilio e posteriormente pasou á de Artes e Oficios onde aprendeu Comercio e Francés. Ao rematar os seus estudios Somoza traballará na Ferretería Moretón da cidade herculina.

Os Somoza eran unha familia de tradición liberal. O seu pai foi un dos fundadores do Casino Republicano da Coruña e como a maioría dos homes progresistas da época era integrante da masonería.

Tras a morte do seu pai, Alfredo entrou a traballar na mesma empresa. Aos poucos anos converteuse no home de confianza dos propietarios. Nesta empresa de calzado tamén traballou por aqueles anos Víctor Casas co que trabou unha gran amizade sendo el o que o introduciu na política galeguista.

A comezos do ano 17 coñeceu a Ánxela Roibal coa que pouco tempo despois casou. Ela era filla dun destacado empresario republicano liberal da Coruña, Manuel Roibal.

Daquela os galeguistas acababan de fundar as Irmandades da Fala. Alfredo adheriuse con entusiasmo a esta iniciativa patriótica converténdose nun dos seus máis importantes animadores. A súa tradición masónica levouno a se integrar á Loxia Suevia nº4 actuando co pseudónimo de "Pondal". É importante salientar que nesta loxia coruñesa actuaron os sectores máis representativos do republicanismo coruñés, entre eles estaban: Casares Quiroga, Gerardo Abad Conde, Arturo Taracido Veira e Manuel Lugrís Freire. Coa ruptura da Irmandade da Fala entre o sector que propoñía a acción política de carácter liberal e de esquerda galeguista (que estaba representado pola corrente da Coruña), e pola outra banda o sector culturalista máis próximo ás posicións de Vicente Risco, teórico dun nacionalismo conservador e elitista. A ruptura terminou coa constitución na Coruña dun novo partido chamado Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) liderado por Casares Quiroga, Vilar Ponte e por Alfredo Somoza. Nos seus comezos sumouse a este novo partido Ánxel Casal, Ramón Suárez Picallo, Lugrís Freire, Arturo Cuadrado, entre outros. Coa fundación do Partido Galeguista en 1931 o sector máis nacionalista irase con esta nova formación. Alfredo Somoza, malia a súa firme actitude galeguista mantivo a lealdade persoal co seu amigo Casares Quiroga. E tamén malia o vínculo con Casares, Somoza entrou en enfrontamentos ideolóxicos coa política que este levou en relación a Galiza. O líder de ORGA afastárase dos principios galeguistas. Os seus acordos en Madrid con outras forzas republicanas converteran a ORGA nun simple partido ao servicio persoal de Casares para negociar unha mellor posición política nas esferas republicanas. Esta situación levou a Somoza a presentar a súa renuncia ao partido. Coa derrota en 1933 das forzas republicanas de esquerda Casares Quiroga impuxo a súa tese da necesidade de converxer nunha forza política unitaria de caráter liberal progresista. Esta táctica levouno a constituír xunto a Azaña un novo partido chamado Izquierda Republicana. En febreiro de 1934 nun congreso en Pontevedra onde participou Somoza queda constituído este partido en Galiza. Coa creación de IR afóndanse as relacións co Partido Galeguista. En 1936 foi candidato pola Frente Popular da provincia da Coruña; nas súas listas participaron Casares Quiroga, Emilio González López, Ramón Suárez Picallo, Vilar Ponte, etc. Somoza foi elixido no posto número 10 contando con 143.720 votos a tan só 7.000 votos do propio Casares Quiroga.

O primeiro acto de Somoza como deputado foi encabezar a manifestación pola amnistía que se realizou na Coruña. Durante os primeiros meses de deputado participou activamente nas eleccións da campaña polo Estatuto. Somoza percorreu toda a provincia levando a mensaxe do Si. O 28 de xuño de 1936 o pobo galego co seu esmagador voto polo Estatuto de Autonomía proclamou a súa vocación de defender os dereitos nacionais de Galiza. Ese 28 de xuño Somoza e o seu amigo Lugrís Freire foron votar moi cedo, para seguir durante todo o día, desde o local da Frente Popular o proceso electoral. As cifras foron contundentes: de 1.000.963, o Si obtivo 999.351 votos e o Non 6.161 votos.

Malia a victoria das forzas progresistas esta ledicia non duraría moito. As forzas reaccionarias asustadas polo avance nacionalista e das forzas obreiras sublévanse contra o goberno da República. A partir do 18 de xullo Somoza instálase no goberno civil desde onde intenta organizar a resistencia dos sectores republicanos. Na práctica converteuse no gobernador de feito xa que o titular Francisco Pérez Carballo recentemente asumira o cargo contando con pouca experiencia. Os militares que se dicían leais pasaron ao inimigo. Soamente o xeneral Caridad Pita apaixonado republicano mantívose leal cos seus ideais e foi fusilado.

A represión dos golpistas non se fixo esperar, centos de persoas foron detidas e fusiladas. O seu amigo o deputado José Miñones Bernárdez foi detido e condenado a morte. Nunha longa lista de fusilados aparecen os seus compañeiros máis achegados: Suárez Ferrín, Martín Martínez, o deputado Manuel Guzán García, Luís Huici, Juan Antonio Suárez Picallo, entre outros.

Ante a traición dos militares, A Coruña cae en mans dos sublevados. Esta situación levouno a terse que refuxiar en distintas casas de amigos e familiares. A persecución por parte das autoridades levárono a vivir agachado durante 11 anos, ata que en 1947 consegue fuxir nun barco da Compañía Holandesa de Navegación coa axuda do Consulado Inglés. O barco levouno a Brest e desde alí trasladouse a París onde se entrevistou con César Alvajar, dirixente republicano e masón como Somoza.

A idea de Somoza era viaxar a Latinoamérica; alí tiña ao seu primo Castelao, ao que lle manda unha carta para que lle facilite a súa viaxe. As xestións dos galeguistas de Bos Aires conseguen que poida establecerse en Montevideo. O sábado 15 de maio de 1948 chegou á capital uruguaia no vapor "Los Andes". Alí estaban agardándoo: Castelao, Meilán, Rodolfo Prada, Varela Buxán, entre outros. Ao pouco de chegar atopou traballo como xerente da fábrica téxtil "Bozolo SA", na cal tiña intereses un galego tamén masón coma el, de nome Eusebio Silva. A súa vocación pola masonería levouno a se integrar na "Loxia Razón" da que formaban parte destacados galeguistas da época. Somoza desenvolveu unha intensa actividade política nas dúas beiras do Río da Plata. Formou parte do Consello de Galiza xunto a Castelao, Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo. Foi un dos fundadores do programa radial "Sempre en Galiza" de Radio Carve de Montevideo. O 7 de setembro de 1951 era internado para ser operado no Sanatorio da Casa de Galiza. O día 29 dese mes finaba dun ataque ao corazón. O historiador Carlos Sixirei, autor do libro "Alfredo Somoza: Encadramento histórico dunha figura esquencida do galeguismo", dixo do biografiado: "Somoza foi o representante dunha xeración que seguiu a chamada dos guieiros que acreditou en Galiza, que quixo construír un mañá de pombas e gaitas e que foi cruelmente masacrada pola infamia duns asasinos fardados metidos a redentores".

O propio Somoza definiuse a si mesmo: "Eu son diante de todo un galego republicano ao que como ao noso poeta lle cortaron o peteiro cando comezaba o seu canto; un galego que loitou con entusiasmo por Galiza, pola República Española e pola liberdade; un galego que puxo canto tiña de seu ao servicio da terra na que foi nado; un galego que desprezou as seguranzas dunha tranquilidade material en troques dunha tradición que lle pedían; un galego que aos meus anos, desfeita a vida, preferiu vila refacer en terras alleas denantes que se deshonrar aceptando convivir nun ambiente noxento e sen liberdade".

Lois Pérez Leira

 
         
     
Alfredo Somoza Gutiérrez, carné de Deputado, ano 1936.
   
 
Integrantes do primeiro Concello Republicano da Coruña.
 
Presidencia no banquete de concellais da Coruña. Somoza, Mosquera e Araújo.
 
Homenaxe feito a Somoza polos republicáns españois de Montevideo, ano 1948.
 
Alfredo Somoza Gutiérrez, no seu despacho como director de TUPLAN en Montevideo, ano 1949.
 
Capela ardente de Alfredo Somoza, instalada na Casa de Galicia de Montevideo. Na foto 1. Antón Crestar, 2. Leiras, 4. Mora Guarnido, 5. Xesús Canabal e 6. Xaquín Bello.