Personaxes da emigración

 

Antonio Rodríguez Lesende

Vigo comezaba a se perfilar como unha grande cidade cando Antonio Rodríguez Lesende nacía en 1905 nun barrio obreiro da cidade olívica.

O porto e a saída de barcos cargados de emigrantes convertían a esta vila nunha cidade que medraba vertixinosamente. Malia iso a xente quería emigrar. Daquela o vigués libertario Ricardo Mella denunciaba a inxustiza do sistema que obrigaba aos seus fillos a ter que tomar o camiño da diáspora, mentres outro vigués Heráclito Botana, de ideas socialistas, convocaba aos traballadores para mudar o sistema. Eran anos de moitos cambios. En Rusia os obreiros facían estoupar a Revolución de 1905, en París a "Bella Otero", oriúnda de Valga, triunfaba co seu estilo provocador e en Bos Aires unha música apoderábase do mundo, era o tango.

O escritor Rafael Flores dinos no seu libro "El Tango desde el umbral hacia dentro": "En España, quizais con maior naturalidade, o tango era bailado desde principios de século. Sostiveron a afección española a numerosa chegada desde o río da Plata, de obras ou eventos teatrais que incluían tango nas súas escenas e entreactos".

En Vigo os pais de Antonio deciden comezar unha nova vida. O matrimonio tiña novas por outros parentes de que Bos Aires era unha cidade próspera e moderna. Arxentina estábase facendo como país, necesitaba traballadores preparados para realizar grandes sacrificios e os galegos estaban dispostos a todo. A cidade do Plata recibía a milleiros de paisanos. Convertérase na cidade galega con máis habitantes.

Así é como Antonio e a súa familia chegarían nun barco ateigado de homes e mulleres nas primeiras décadas do século. Como outros paisanos trasládanse aos barrios que rodean a capital federal. A zona sur, Avellaneda, Lanús, eran as barriadas elixidas por aquelas familias de comezos de século; outros quedabanse nos famosos conventos onde vivían amoreados en vellos edificios de habitacións insalubres.

Antonio vive con intensidade esta nova vida. Polas tardes xoga cos rapaces correndo tras unha pelota de trapo. O fútbol principiaba a ser un verdadeiro furor. En Avellaneda os galegos tiñan o seu equipo predilecto o Clube Atlético Independente, mentres que moi preto cruzando o río os italianos facíanse simpatizantes do Boca Juniors.

Os pais de Antonio con grandes sacrificios conseguen que os seus fillos poidan estudiar os niveis básicos. Antonio sendo adolescente sente unha grande paixón pola música e decide realizar estudios de canto no Teatro Colón. En 1923 comeza a realizar as súas primeiras actuacións tiña 18 anos recén cumpridos. Bos Aires bailaba ao ritmo do dous por catro. Mentres Carlos Gardel conquistaba coa súa cálida voz Europa e os Estados Unidos. Nunha das súas viaxes "o zorzal" crioulo como lle chamaban fai unha parada técnica na cidade de Vigo, mellor dito dorme unha noite no Hotel Universal. Segundo contan as testemuñas presenciais o afamado cantor levantouse pola mañá e ao saír do hotel o primeiro que fixo foi preguntarlle a un transeúnte: "¿Señor, nesta cidade onde podo mercar brillantina?".

Antonio tamén era un fervoroso admirador deste cantante que expresaba o novo que estaba pasando nun mundo convulsionado. En 1935 comeza a ser coñecido nos círculos tangueiros e é contratado pola flamante emisora "LR1 Radio El Mundo". Nesa radio actúa con todos os conxuntos típicos do elenco da emisora radial. Os críticos do momento coinciden en que a súa voz tiña calidez e calidade extraordinaria. E en canto á súa personalidade un episodio píntao de corpo enteiro: foi o único cantor que rexeitou unha invitación de Aníbal Troulo "Pichuco" para se sumar á súa nova orquestra que debutaría no Marabú, o local máis importante da época; isto foi o 1 de xullo de 1937.

Como vocalista de Ciriaco Ortiz estreou en 1936 o famoso tango "Nostalgias" de Cobián e Cadicamo. Tamén cantou coas orquestras de Julio Caro, Fresedo, Lomuto, Di Sarli, Rizzuti e con Cobián. Foi integrante do "Trío", Norel, Lesende e Mora. A súa última gravación foi coa fugaz formación que encabezaba o rubro Atilio Stampone-Leopoldo Federico en 1956, era o tango "Tierrita".

Polos anos 50 as festas organizadas pola colectividade galega estaban amenizadas por orquestras de tango. As salas do Centro Lucense, Coruñés ou a Federación de Sociedades Galegas convertíanse en lugar obrigado para bailar tango e a máis variada música española. Non era estraño atopar ao afamado escritor galeguista Eduardo Blanco Amor bailando con suma elegancia ao compás do bandoneón. A emigración galega virouse con verdadeira devoción cara a esta música que cada fin de semana permitía esquecer o duro traballo de facer as "Américas". Na historia do tango e o mundo que o rodeaba había varias personaxes de orixe galega, entre elas: Tito Lusiardo, a cantante Rosita Quiroga ou a bailarina "A galega Consuelo". Na outra beira do Plata o prestixioso escritor galego Alonso e Trelles, máis coñecido como o "Vello Pancho", compoñía letras de tango, mentres en Bos Aires os escritores galegos exiliados lle escribían a Bos Aires con letra de tango. Lorenzo Varela e Emilio Pita serán algúns deles. Este último dirá nun poema:

"... Podedes atoparnos

bulindo polo chan

o tango amilongado,

nos vellos conventos de San Telmo e Barracas,

no fol do bandoneón,

o rezongo de loiras e amuradas...".

Xunto ao tango nacía o idioma dos arrabaldes o lunfardo. Mestura de idiomas, palabras inventadas ou ditas ao revés que intentaba crear un novo código de comunicación nunha cidade na que se falaban case todos os idiomas do mundo. Neste idioma tangueiro tamén está presente o idioma de Galiza. Palabras como gaiola, cachucha, chumbo, chantar, incorporáronse para sempre ao lunfardo arxentino.

Antonio Rodríguez Lesende, aquel galeguiño que un día deixou o seu barrio de Lavadores para triunfar na grande cidade de Bos Aires cantoulle como o que máis ao país que o viu medrar. Segundo nos contara a súa irmá, que vive en Wilde, "nunca ocultou a súa orixe e a súa condición de emigrante. Sempre na súa memoria estaba a cidade natal". Engadindo tamén: "lembro cando nos atopábamos en familia e nos cantaba algunha canción, sempre entre tango e tango nos deleitaba cun alalá".

Lesende en pleno éxito artístico foi sorprendido por unha enfermidade imprevista que calou para sempre a voz galega que cantou o tango con calidade e paixón.

Malia a súa morte, xa hai varias décadas, a súa voz aínda se escoita nunha radio de Wilde "Galicia Sempre". Ao seu director Xan Carlos Avalos Fernández debémoslle a recuperación para a memoria colectiva desta singular personaxe da nosa emigración.

Lois Pérez Leira

         
     
Antonio Rodríguez Lesende
   
 
Propaganda de Rodríguez de Lesende.