Personaxes da emigración

 

Isabel Ríos Lazcano

O 12 de xullo de 1907 naceu Isabel Ríos Lazcano en Curtis (A Coruña). A súa casa fronte á estación de trens era o lugar que centralizaba toda a actividade do lugar, que por certo non pasaba dalgunhas ducias de familias. A esa estación de Curtis eran moitos os veraneantes que se achegaban durante todo o ano para disfrutar dun clima benigno que segundo os médicos era moi bo para os doentes de enfermidades respiratorias. A tuberculose era un mal endémico en Galiza xa que a humidade e a mala alimentación favorecían a súa propagación.

Isabel cando cumpriu sete anos comezou os seus estudios primarios cunha mestra dunha aldea veciña, Pedrouzos. Case cinco quilómetros tiña que facer todos os días por camiños accidentados para recibir o ensino primario dunha amiga da familia. A propia Isabel Ríos conta os seus anos de estudiante no seu libro "Testimonios de la Guerra Civil": "A miña educación foi esmerada. Aos doce anos escribía lembranzas mais aprendín a fregar os pratos, prender o lume soprando ata que me mareaba, varrer, facer a cama, e prover a chimenea para toda a tempada de inverno...".

Isabel malia as dificultades que había para estudiar, realizou distintos intentos para se examinar por libre en Perito Mercantil ata que se presentou a unhas oposicións para Facenda conseguindo unha praza na Subdelegación de Xixón. Antes de partir cara ao seu destino laboral coñeceu a Calvelo, que se atopaba veraneando en Curtis. O mozo veraneante estábase repoñendo dos cinco meses que pasara na guerra de África. Calvelo recentemente aprobara o último curso de medicina con matrícula de honor. Cóntanos Isabel: "Calvelo rematou a súa carreira de medicina dous meses máis tarde do debido a causa dunha folga dos estudiantes contra a dictadura do xeneral Primo de Rivera. O 29 de xuño de 1929 foi a Curtis e díxome: "Pinti, ¿casamos e ímonos a Canarias?", "Ben, casemos!", e o sete de xullo xa casamos... alí estivemos dous felices anos vivindo en Los Llanos (illa da Palma). O primeiro ano Calvelo adicouse única e exclusivamente á súa profesión. O segundo sendo proclamada a República con gran entusiasmo en todo o estado español espertouse na xente un gran interese pola política. Calvelo sacou tempo non sei de onde pois o seu traballo profesional era enorme e organizou o Partido Socialista e dous sindicatos de tabaqueiros...".

En 1932 o matrimonio Calvelo Ríos trasladouse a Curtis para ter o primeiro fillo; ese mesmo ano a familia mudouse a Madrid co obxectivo de irse posteriormente a Alemaña para que o seu marido fixera o doutoramento. Coa chegada de Hitler ao poder Calvelo e Isabel decidiron quedar en Madrid onde o seu compañeiro traballaba como profesor adxunto na Cátedra de Patoloxía do Profesor Roberto Novóa Santos. Calvelo xa fora un dos alumnos predilectos do afamado médico galego.

Isabel Ríos igual que o seu compañeiro comezou a ter simpatías polos partidos obreiros. O socialismo parecíalles a ambos os dous algo indefinido. En 1934 afiliouse ao Partido Comunista e, aproveitando unha das tantas viaxes que realiza a Curtis, organizou a primeira célula. "Malia o meu entusiasmo e desexo de entrar no partido -relátanos Isabel- nesa primeira xuntanza quixen volverme atrás, plantexei que non me atopaba preparada e que me quería instruir antes. Dixéronme que precisamente dentro do Partido era onde podría facelo pois o partido era a nosa escola...".

Despois de traballar en Madrid Isabel foi trasladada a Lugo a onde ía todos os días desde Curtis. A militancia de Isabel cada vez era máis comprometida. Con Calvelo lía a Marx e a Lenin. Cada día que pasaba medraba o seu compromiso e a súa formación partidaria. En Asturias estoupara a revolución mineira e a dereita respondera con milleiros de presos e de mortos. En Galiza moitos republicanos foron parar aos cárceres. Picallo, Cuadrado, Álvaro de las Casas, entre outros, sufriron o rigor das cadeas. Castelao, Bóveda e outros tantos o desterro. Isabel relátanos aqueles anos: "Desde o ano 1934 ao 1936 fixemos moito traballo de organización e propaganda, silencioso pero constante, e tratamos de aprender. Preparamos as eleccións do 36 con verdadeiro entusiasmo; íamos polo campo a falar cos labregos mentres eles facían as súas tarefas; o ambiente xeral era o do sometemento, por diversas razóns ao cacique todos lle debían algo: a asistencia médica, o asesoramento legal, etc, pois médico, avogado, boticario, etc., pertencían á mesma familia. Todo isto pagábao o labrego co seu voto e custaba traballo facerlle comprender o caro que lle saían os ditos servizos precisamente pola súa forma de pagamento...".

Durante a campaña electoral Isabel foi encomendada polo partido para estar na Coruña coa "Pasionaria". Dolores daba un mitin no Teatro Rosalía de Castro e un grupo de compañeiras tiña que a acompañar. Ese día despois do acto que rematou con enfrontamentos cos anarquistas e moitos compañeiros con golpes na cara, Isabel e un grupo de camaradas dela comeron coa Pasionaria. Noutra xira dos líderes comunistas coñeceu a F. Claudín, que fora enviado polo Comité Central para participar na campaña electoral. Co entusiasmo do avance da esquerda a célula onde militaba Isabel foi recrutando aos obreiros da zona ata chegar a ter 60 afiliados. Isabel Ríos foi nomeada secretaria da célula comunista e durante o seu mandato organizou o Sindicato de Oficios Varios. Tanto o partido como o sindicato alugaron un local conxunto onde principiaron a realizar unha actividade máis aberta.

O propio marido de Isabel que seguía en Madrid como profesor solicitou a afiliación ao Partido Comunista. A república debatíase nun momento de grandes definicións. Era xullo de 1936 e a Curtis chegaban os primeiros rumores de golpe de estado.

O 18 de xullo a nova da sublevación foi tomando corpo. Isabel e os comunistas intentaban organizar a resistencia. A confusión no bando leal era total, as esquerdas non tiñan ningún plano conxunto en caso de golpe militar. Ninguén sabía que facer, os comunistas pedían armas e as autoridades calma. Aos poucos días a garda civil e os falanxistas comezaron a ocupar lugar tras lugar e a deter os militantes máis destacados. O 5 de agosto a garda civil foi á caza da familia Cavelo-Ríos; estes tentaron fuxir, mais foi imposible. Trasladáronos a Curtis e ao día seguinte foron levados ao cárcere de Santiago. Ao chegar os outros detidos fóronlles contando os horrores que estaban cometendo os falanxistas. Alí enteiráronse de que fora fuxilado Ánxel Casal, Camilo Díaz e unha morea de militantes de todos os partidos. Polas noites conta Isabel que os carcereiros sacaban aos compañeiros para lles dar o paseo e tiralos polas gabias para que o pobo escarmentara.

Despois de varios meses o 19 de decembro as autoridades falanxistas realizaron unha farsa xudicial condenando ao matrimonio á pena de morte.

A nova foi angustiante para ambos, polas súas mentes pasaban os seus dous fillos. ¿Que ía ser deles se foran fusilados? A única esperanza que tiña o matrimonio era que os leais á república puidesen afogar en todo o estado español aos sediciosos.

Isabel narra en forma dramática os seus últimos momentos xunto ao seu marido no cárcere: "Ben, xa estamos condenados a morte; aos cinco días, polo tanto o día do nadal cumprirase a sentencia, seremos fusilados. Calvelo dime que para salvarme simule un embarazo; el poderá conseguir dous médicos que certifiquen, polo menos as dúbidas, sobre o meu estado. Ante isto, teríase que suspender a execución e mentres tanto moitas cousas poderían pasar, entre elas as de gañar a guerra, etc.. Mais eu non quero de ningún xeito; paréceme unha inmoralidade botar man da facultade de ter fillos para me salvar... ¡se me salvaba! Prefería morrer con Calvelo. Co do embarazo aprazaríase o cumprimento da sentencia e pasado o tempo tería que morrer soa... ¡non, iría con él!...".

Aquelas horas foron terribles, cada minuto parecía un século. Aquela tarde cóntanos Isabel: "Despois da cea antes de que me pechasen na miña cela pedín permiso ao director para me despedir dos outros condenados a morte, pois Calvelo e eu fomos os primeiros en ser xulgados desa tanda, enténdese que seríamos os primeiros en ser executados. Despídome cunha apreta de cada un dos meus compañeiros que serían fusilados nos días seguintes; dicímonos adeus como se fose outro día calquera e non o último que íamos vivir e dixéronme tal cantidade de cousas fermosas que era como para crerse unha heroína, mais eu estaba máis alá de toda vaidade.

Percibía a vida desde unha gran altura e sentíame ceibe de calquera sentimento mesquiño. Unha inmensa paz e un gran amor invadíame, unha serenidade intensa e profunda e unha dozura inconmensurable que abranguía a todos os seres da terra.

Os meus fillos fóranse na tarde anterior a Ponferrada para que non estiveran en Santiago o día da execución. Antes de irse viñeron ao cárcere a despedirse de nós; o meu fillo maior mirándome fixamente durante un rato díxome:

-Mamá non es a mesma, non tes a mesma cara, esta de agora é máis doce-, a perspicacia dos rapaces é sorprendente..."

O día 24 estaba todo listo para o fusilamento mais as autoridades postergárono para o 31 de decembro.

O día 30 ambos os dous condenados aproveitaron os últimos minutos das súas vidas para falar: "Durante as tres últimas horas da súa vida charlamos das nosas cousas, da nosa vida en común, do noso amor, dos nosos problemas. Charlamos a través da mira cos compañeiros que seguirían o mesmo camiño en días sucesivos...". Esa mesma noite cando a súa cela foi pechada os funcionarios da prisión comunicáronlle que lle conmutaran a pena. E séguenos relatando Isabel: "Toda a miña mágoa céntrase no feito de que Calvelo teña que morrer só, teña que enfrontar o pelotón de execución sen min pois xa nos fixéramos á idea de morrer xuntos. Ao amencer, antes de ser fusilado, Manuel Calvelo tivo unha breve despedida de Isabel onde nos conta Isabel que Calvelo só lle pediu unha cousa que adicase toda a miña vida a loitar polo que el morre, é dicir polo dereito de todo ser humano a unha vida digna...".

O 31 de decembro de 1936 poucas horas antes de ser fusilada as autoridades conmutáronlle a pena pola de reclusión perpetua mentres que Manuel Calvelo foi fusilado ese mesmo día co orgullo de morrer por unha causa xusta.

Isabel Ríos durante sete anos percorreu distintos cárceres, Santiago, Saturrarán e Betanzos, sendo posta en liberdade condicional en 1943. O cárcere de Saturrarán no País Basco foi o lugar elixido polos franquistas para levar ás mulleres políticas máis perigosas. A maioría delas eran nacionalistas bascas e un grupo de mulleres galegas. Entre elas a anarquista Joaquina Dorado, a comunista Flora de Dios Hernández e a filla do destacado pensador libertario Ricardo Mella, que foi procesada polo simple feito de ser a súa filla.

"O 21 de marzo de 1943 saio en liberdade... É un día marabilloso, de primavera, mais aínda que tivese chovido a mares a min pareceríame o día perfecto...".

Ao saír da cadea durante moito tempo foi sometida a un control moi estricto por parte da policía. Era constantemente perseguida e observada polas forzas de seguridade. Malia iso, ao pouco tempo de chegar a Galiza, púxose a colaborar novamente co Partido Comunista e coa guerrilla que estaba organizada nos montes. Foi así como frecuentou ao mítico Benigno Andrade "Foucellas" e a Manuel Ponte, etc.

"Todos os que saímos da cadea -sinala Isabel- ansiamos sumarnos a calquera movemento de resistencia ao franquismo".

En 1946 trasladouse a vivir á cidade da Coruña na rúa Rego de Auga. O acoso policial era incesante, polo que Isabel decidiu marchar a Bos Aires, onde tiña familia, para deixar aos seus fillos a resgardo e ela volver a Galiza para se incorporar á guerrilla.

O 18 de xullo embarcou cos seus fillos rumbo ao Río da Prata. No seu desexo estaba que os seus fillos puidesen trasladarse desde a Arxentina ata a Unión Soviética para que puidesen estudiar. Mais a realidade foi moi distinta. Isabel e os seus fillos tardaron moito tempo en atopar o vínculo co Partido Español e cando o realizaron non foi o esperado. A pesar deles reiniciou a súa militancia comunista no seo da emigración. Incorporouse á Federación de Sociedades Galegas participando na comisión feminina e a de cultura. Por aqueles anos a incidencia dos comunistas nesta asociación era moi grande. Intelectuais galeguistas da valía de Arturo Cuadrado, Ramón de Valenzuela, Eduardo Blanco Amor, Mariví Villaverde e Luís Seoane estaban dentro desa órbita política. Logo sumaríase Lorenzo Varela, etc.

Nos comezos dos anos 60 cos cambios producidos en China, Isabel e un grupo de comunistas comezaron a ter diferencias ideolóxicas co partido que comandaba Carrillo. Nesta etapa política este dirixente comunista propiciara o desmantelamento da resistencia guerrilleira e falaba da Unión Nacional. Íase cultivando dentro do partido os xermes que anos despois desembocarían no eurocomunismo.

As disidencias foron en aumento ata que foron expulsados por "fraccionalistas". Nese grupo de galegos estaban o hoxe destacado xinecólogo pontevedrés Manuel Viñas, Leonardo Omero, Roberto Calvelo, Antonio Pérez e o actual presidente do CRE de Bos Aires, Francisco Lores. (Coa ida de Isabel de Bos Aires este grupo de pensamento maoísta fundou o primeiro grupo da UPG baixo a dirección de Manuel Mera).

Un dos compañeiros de militancia daqueles anos, "Paco" Lores, lembrará algunhas características dela: "Isabel era unha muller con moita personalidade e cunha importante formación política. Tanto a min como aos demais compañeiros do grupo encantábanos escoitar as súas opinións. Ela pensaba que era posible seguir loitando a través da vía armada contra a dictadura de Franco. Sempre foi unha muller valente. Tanto a min como a Leonardo e Viñas que éramos máis novos que ela encantábanos cando nos contaba sobre a súa participación na guerrilla. Coa súa morte fóisenos un anaco da heroica historia de Galiza".

En 1966 debido ao golpe militar de Onganía o seu fillo trasladouse a Chile e Isabel seguiulle os pasos. Roberto Calvelo foi contratado polo Ministerio de Educación deste país. En 1971 pasou a ser consultor da FAO.

En 1973 outra vez ao exilio, o golpe de Pinochet obrigouna a saír rapidamente deste país e trasladouse ao Perú. En 1975 o seu fillo Manolo convídaa a pasar unhas vacacións no estado español chegando uns días antes da morte de Franco. Esta visita pasaría a ser permanente xa que ao pouco de chegar consegue ser reintegrada ao seu posto laboral no Ministerio de Facenda e establécese en Madrid.

"Non me levou á loita ambición ningunha, mellor dito levoume unha ambición inmensa a de querer achegar o meu gran de area á trasformación dunha sociedade inxusta, deshumanizada, cruel noutra máis xusta que abranguese a todos os seres e na que todos atoparan a posibilidade de vivir a nivel humano".

Isabel Ríos faleceu en Madrid o 17 de xuño de 1997. A súa apaixonante historia éncheunos de orgullo pola súa valentía e a súa confianza nuns ideais que querían cambiar o mundo.

Lois Pérez Leira

         
     
Isabel Ríos Lazcano
   
 
Isabel Ríos no centro da foto na cárcere de Betanzos.
 
Isabel Ríos a dereita da foto na cárcere de Saturrarán.
 
Isabel Ríos xunto ao seu compañeiro Calvelo na cárcere.
 
Isabel Ríos na fila superior a terceira na foto na cárcere de Saturrarán.
 
Isabel Ríos na cárcere de Saturrarán.
 
Isabel Ríos na cárcere de Saturrarán.
   
Debuxo feito por Isabel Ríos na cárecere de Saturrarán.
 
Isabel Ríos en Bos Aires á dereita, ao seu lado María Teresa León, María Rosa Oliver e a Comisión Feminina da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
 
Isabel Ríos en Curtis.