Personaxes da emigración

 

Francisco Rey Balbis

Francisco Rey Balbis naceu o 19 de marzo de 1917 en San Cibrao, no Concello de Cervo (Lugo). O seu pai Benigno Rey Infante era un home de ideas progresistas e de certa tendencia anarquista e de profesión patrón de barco. A súa nai María Balbis Franco era de orixe labrega e ocupábase da casa e da atención da horta. Deste casamento naceron once fillos mais só catro chegaron a adultos. A infancia de Francisco transcorreu entre a axuda que lle prestaba á súa nai na horta e na escola.

En 1926 trasladouse a vivir a Gandeiro no Concello de Bergondo, dentro da provincia da Coruña. Alí comezou a asistir á escola do Pósito Marítimo en Sada, que era privada e supoñía un esforzo á súa familia.

Ao rematar a primaria comezou a traballar como axudante de ferreiro e tocoulle realizar uns duros traballos cunha maza que pesaba máis ca el. Mentres traballaba polo día pola noite seguía estudiando en Ouce con Don Camilo, un mestre moi popular e querido de todos que contribuíu coas súas ensinanzas a desenvolver en Francisco as primeiras ideas de autonomía e revolución. Tamén o seu pai influíu nas ideas de Francisco inculcándolle o amor pola revolución rusa. Naquel fogar de Bergondo sempre unha parte do diñeiro que entraba se adicaba ás colectas que se facían a favor da nova Unión Soviética.

A influencia de don Camilo levouno a participar daquela en distintas reunións antigobernamentais. Pegaba carteis, distribuía panfletos, daba mítines e apoiaba as distintas accións sindicais. En Francisco latexaba un grande fervor republicano. En 1934 as loitas en Sada eran fortes e dirixíanse en boa parte ao reclamo dos dereitos dos homes do mar. Esta vila mariñeira tiña un deputado pola emigración que era Ramón Suárez Picallo, que de xeito constante facía valer a súa condición de parlamentario para denunciar as condicións en que vivían os mariñeiros galegos.

Aos poucos anos chegaría o grande drama. Así nos relata Francisco o comezo da Guerra Civil: "O 18 de xullo de 1936 estando no baile da Terraza, un dos centros onde os mozos nos reuníamos, soubemos do levantamento dos militares fascistas; vimos movementos de camións e dirixímonos ao cuartel da Garda Civil. O Comandante do Porto díxonos que estaban coa República. Tratamos de conseguir armas mais negáronnolas e ao insistir dixéronnos que se non nos retirábamos nos dispararían. Fun en busca do meu cuñado Jesús, que era sindicalista, e internámonos nuns montes onde permanecemos case un mes". A mediados de agosto volveu ao seu fogar. Algúns días despois regresando a súa casa pola noite despois de ir pescar déronlle o alto na estrada. "O grupo -continúa Francisco- que vestía uniforme de falanxe, compoñíase do médico que atendía a miña casa, o boticario, o panadeiro e o crego. Afastado do grupo estaba un home que non coñecía. Nese momento ningún quixo recoñecerme e xa falaban de fusilarme, de "escarmento", cando o descoñecido interveu asegurando que me coñecía e me levaba con el. Gracias a iso salvei a vida. Á mañá seguinte o cadáver dun obreiro de Ferrol foi atopado non lonxe daquel lugar...".

A situación era moi tensa. Os falanxistas andaban á caza de todos os dirixentes republicanos e sindicalistas. Juan Antonio Suárez Picallo, secretario da CNT de Sada e irmán do deputado galeguista, apareceu asasinado nunha gabia ao carón doutro traballador da zona. Os rumores de fusilamentos sen xuízos previos estaban á orde do día.

Cando Francisco cumpriu 19 anos, chegoulle a citación para o servicio militar. "Analizáronse na casa as posibles saídas -prosegue Francisco- mais só quedaba unha: debíame incorporar. Correspondeume o cuartel de Infantería de Mariña de Ferrol. Alí xunto a uns amigos propuxémonos destacarnos no cumprimento do "deber" para ser enviados á fronte. Conseguímolo ao cabo dalgúns meses".

Francisco foi trasladado a Teruel. Alí o exército republicano xa estaba en retirada aínda que seguía combatendo. Na fronte Francisco e un compañeiro basco pensaron pasar á zona republicana. "Soubemos que uns soldados o intentaran antes e caeran. Foron fusilados por traizón. Tivemos que estudiar e proxectar ben a acción. Finalmente, levámola a cabo e chegamos con vida ao Exército Republicano, ao que lle fixen entrega de valiosos documentos da parte falanxista".

Coa derrota do exército republicano a situación de Francisco comezou a ser desesperante. Ante a imposibilidade de fuxir pola fronteira de Francia, andou escapado por Valencia, Madrid e Segovia ata chegar a Galiza.

Ante a imposibilidade de saír do país e ante o acoso policial, decidiu entregarse no cuartel de Infantería da Mariña de Ferrol. "Enseguida me enviaron a unha cadea, onde permanecín nove meses incomunicado, ata que fun condeado o 7 de maio de 1940 como autor responsable dun delicto de traizón a 30 anos de cárcere, logo de conseguir conmutar a pena de morte por iso. A prisión de reclusión cumpriuse no cárcere militar da Escollera e máis tarde no Cárcere Modelo da Coruña. En 1954 obtiven a liberdade condicional".

No cárcere solicitou o 7 de novembro de 1941 o ingreso no Partido Comunista. A súa actuación anterior estaba vinculada soamente á súa formación republicana.

Os cinco anos que pasou na cadea padecendo fame e malos tratos foron forxando o carácter de Francisco, que, malia a dureza desta experiencia se sentiu animado aínda máis para seguir na loita.

"Foime moi difícil -cóntanos Francisco- conseguir traballo mais logrei colocarme vendendo seguros e como viaxante. Daquela creamos unha célula do Partido en Gandeiro. Estando en liberdade condicional era dobremente perigoso mais había que facelo. Foi nesta época cando adoptei o nome de guerra de Moncho en homenaxe ao meu defunto irmánciño, que me acompañaría o resto da miña vida".

José Gómez e Antonio Seoane (Julián) organizaron o Partido en Galiza. En coordinación con estes púxose a tarefa de unir a todos os antifascistas que andaban refuxiados polos montes para organizar o Movemento Guerrilleiro. "Moncho", como o comezaron a chamar, incorporouse de cheo á loita guerrilleira. Executaban accións encamiñadas a recadar fondos para o destacamento "Enrique Lister" que operaba en Bergondo e San Pedro de Nós. O destacamento levou a cabo numerosas accións para conseguir armas. Tempo despois crearon un novo destacamento, chamado "Santiago Álvarez", que actuaba en Betanzos, Miño e Abegondo.

Con estes destacamentos constituíuse inicialmente a IV Agrupación que dirixía Marcelino Rodríguez Fernández, coñecido por "Marrofer", militante comunista e figura moi destacada na guerrilla galega. En 1946 caeu en combate, sucedéndolle Manuel Ponte mais ao cabo dun ano, é dicir en abril do 47, caeu Ponte e designouse a "Moncho" á fronte da xefatura da Agrupación ata que en 1951 o PC decidiu desactivar o Movemento Guerrilleiro e foi enviado a Francia.

O paso polos Pirineos fíxoo xunto á súa compañeira, Marita Gallego Abelado, que era Comisaria Política do Destacamento Líster. "Cruzamos armados a través dos Pirineos por lugares inhóspitos e perigosos que ninguén, nin as cabras, segundo nos dixeron, pasara antes por alí.".

En Francia despregaron unha intensa actividade partidaria militando xunto a Julián Grimau. Para gañar a vida comezou a traballar como axudante de albanel.

En 1952 foi delegado ao V Congreso do PCE que se realizou en Praga. "Os nosos documentos eran falsos -expresa Francisco-, o que dificultaba moito as cousas. Sen embargo andando o tempo conseguín coa axuda do Partido Comunista Francés colocarme na UNESCO. Estando alá en 1962 tiven a desgracia de perder a Marita, tras unha triste enfermidade. Da nosa unión quedou unha filla, Lina, que contaba con 6 anos de idade."

A situación en Francia comezou a se endurecer; a policía falanxista e a de Francia acordaron repatriar aos exiliados españois, co que deu inicio unha verdadeira cacería.

Por orientación do PCE propóñenlle que abandonase Francia. Entre as opcións que lle daban, atopábase Cuba. Entre os motivos que puxo en consideración para optar por este país foron: a identificación histórica e a posibilidade de seguir loitando pola causa. Comezaba 1964 e a revolución estaba en plena efervescencia. Por acordo entre ambos os partidos comunistas o 2 de febreiro de 1964 chegou á Habana coa súa filla Lina de 8 anos.

A revolución necesitaba profesionais de todo tipo e "Moncho" comezou a traballar como profesor de francés en Tarará no Plano de Formación de Mestres "Antón Makarenko".

O seu compromiso coa revolución cubana levouno a participar nas organizacións militares de defensa ante a posibilidade dun ataque norteamericano. Durante eses anos nomeárono Sarxento nas Milicias Nacionais Revolucionarias protexendo as costas e a cidade estudiantil.

O propio Francisco cóntanos a súa nova etapa: "O mesmo ano da miña chegada a Cuba coñecín a unha comunista asturiana chegada da URSS en misión de servicio, Isabel Alvarez Morán coa que casei pouco despois. Ela converteuse nunha nai para a miña filla e nunha excelente compañeira coa cal comparto desde daquela a miña vida".

En 1968, cando Santiago Carrillo e a maioría do Comité Central do Partido Comunista asume posicións revisionistas, el rompe con este partido e incorpórase ao denominado Partido Comunista VIII e IX Congreso, que dirixía Eduardo García. Máis tarde ese partido transformouse no actual partido Comunista dos Pobos de España no cal segue a militar.

En Cuba realizou unha intensa actividade, sendo seleccionado Vangarda de Centro e proposto Traballador Exemplar.

"Sentinme moi honrado -relata Francisco- cando se me propuxo ingresar nas filas do Partido Comunista Cubano. Nembargantes as miñas responsabilidades de levar unha dobre militancia fixeron que tivera que declinar o ofrecemento, aínda que en todo momento asumín as miñas tarefas orientadas polo PCC como propias".

Estivo mobilizado en diversas oportunidades apoiando a recolleita de caña, tendo o privilexio de coincidir co Che nalgunhas ocasións, apoiando a sementeira e a recolleita de café e tamén cumpriu mobilizacións pola Milicia.

Ao se crearen as Milicias de Tropas Territoriais, incorporouse a elas desempeñando diversas responsabilidades a nivel de pelotón. Máis tarde foi Xefe de Compañía e Substituto xefe da Plana Maior do 3 BON do 150 rexemento de Playa, ata que por prescrición facultativa tivo que cesar nesas tarefas.

Nos Comités de Defensa da Revolución (CDR) desempeñou diferentes responsabilidades desde a súa incorporación en 1964, tanto a nivel de zona como sendo convidado ao V Congreso da Organización.

Foi galardoado coa Medalla "Rafael María Mendive" polos 25 anos de labor ininterrompido no Ensino e coa medalla "Destacado" na Preparación para a Defensa.

Na actualidade está xubilado e é o representante do Partido Comunista dos Pobos de España en Cuba.

Na miña recente visita a Cuba tiven a oportunidade de poder coñecer na súa casa de Miramar a este auténtico comunista que adicou toda a súa vida a loitar pola súa utopía que non é outra que o socialismo.

Lois Pérez Leira

         
     
Francisco Rey Balbis