Personaxes da emigración
 

 

Ramón Rey Baltar

Ramón Rey Baltar naceu na poética vila de Padrón o 5 de abril de 1882. A súa familia era de boa posición económica, o que lle permitiu realizar primeiro os estudios básicos en Padrón e logo a carreira de medicina en Santiago.

Seguindo a tradición familiar licenciouse como médico en 1904 na Universidade de Compostela, exercendo na súa propia vila natal de médico municipal.

En 1910, xunto a Castelao e Eduardo Dieste, funda en Rianxo o "Barbero Municipal", xornal que combatía o caciquismo. Rey Baltar tiña neste xornal unha columna satírica na que asinaba co pseudónimo de "Verduguillo".

Ramón foi desde os anos estudiantís un mozo rebelde, de ideas liberais–progresistas, o que daquela se chamaba un librepensador. As súas ideas avanzadas sementaron moitos inimigos, fundamentalmente os caciques que el combatía. Mentres Ramón seguía insensible cos seus artigos de denuncia os poderosos de Padrón non descansaban en perseguilo pechándolle todas as portas para o seu desenvolvemento profesional. Esta situación levouno a deixar o seu traballo de médico municipal para se incorporar como médico dos servicios de inmigración. Neste novo posto realizou varias viaxes á Arxentina establecéndose de xeito permanente en Bos Aires en 1914. Neste país revalidou o seu título e comezou a traballar en 1915 como médico da Asociación Española de Socorros Mutuos. Posteriormente nomeárono director dos seus servicios facultativos, responsabilidade que exerceu ata a súa xubilación en 1955. Tamén tivo a dirección a partir de 1926 da sala de primeiros auxilios de Gerli, localidade do grande Bos Aires, onde residía.

Durante a guerra civil Ramón Rey Baltar meteuse de cheo a organizar a solidariedade coa España Republicana. Foi así como colaborou coa Federación de Sociedades Galegas, xunto a Campos Couceiro, Cao Turnes, Blanco Amor e Alonso Pérez na coordinación da axuda á fronte republicana. Neses anos de contenda escribiu a súa obra poética antifranquista "A gaita a falare", ilustrada por Seoane e Castelao, con prólogo de Rafael Dieste. A edición deste libro patriótico estaba destinado a sacar diñeiro para os combatentes leais. Ao mesmo tempo envía poemas á Revista "Nova Galicia" que dirixía en Barcelona Castelao, Rafael Dieste e Ramón Suarez Picallo.

En 1939 participou nas xestións para conseguir a unidade entre a Casa de Galiza, o Grupo Galeguista e a Agrupación Artística e Cultural "Ultreya". Das conversas saíu a unificación das mencionadas institucións baixo o nome de Casa de Galiza e coa presidencia de Ramón Rey Baltar. A unificación das tres entidades foi un paso importante naqueles momentos e dalgún xeito significaba a recuperación da antiga Casa de Galiza para o galeguismo. Malia os esforzos unitarios a convivencia non foi boa e o sector galeguista rematou retirándose desta entidade. Co transcurso do tempo a Casa de Galiza irase posicionando coas autoridades franquistas, perdendo para sempre o seu pasado democrático e patriótico.

Escribiu en distintos xornais da emigración, fundamentalmente en "A Nosa Terra", da que foi o seu director. Nesta publicación volveu escribir co vello pseudónimo de "Verduguillo" que utilizara no "Barbero Municipal". Os seus poemas patrióticos, os seus artigos e conferencias marcaron toda unha época do galeguismo no Río da Plata.

O poeta Arturo Cuadrado relátanos como el e o propio Rey Baltar organizan a primera loxia do exilio:

"Ao chegar ao porto de Bos Aires estábame esperando Luís Seoane, e así como nos abrazamos, xa estabamos falando de facer proxectos xuntos. Entre eles Seoane proponme que tiñamos que organizar unha loxia entre exilados. Aos poucos días reunímonos na casa de Horacio Bermúdez Abente e alí, por suxerencia de Luís Seoane, fundamos a loxia de exilados e puxémoslle o nome "Antolín Faraldo", en homenaxe a ese destacado estudiante nacionalista. Entre os membros da "Antolín Faraldo" lembro, entre outros, a Gumersindo Sánchez Guisande, ese gran médico que atendeu a Castelao. Tamén participan o deputado de Esquerda Republicana Elpidio Villaverde, o médico e poeta Rey Baltar, Antonio Baltar e Eduardo Blanco Amor (durante unha breve etapa). Creo que esta loxia foi moi importante no traballo cultural creando ou impulsando editoriais e todo tipo de iniciativas culturais. Unha das grandes obras impulsadas pola "Antolín Faraldo" foi a fundación do "Fogar Galego para Anciáns de Doncelar".

Foi cofundador do "Fogar Galego para Anciáns", sendo o socio nº2 e o seu primeiro vicepresidente. Posteriormente foi presidente no período 1956-1958.

O médico Gumersindo Sánchez Guisande lembra a fundación do Fogar: "...No ano 1942 estabamos reunidos no café "La Asamblea" da Avenida de Maio, un antigo residente bonaerense, don Miguel Portela, xunto a dous recén chegados Horacio Bermúdez Abente e mais eu. Ese día o xornal "La Prensa" traía a nova, en recadro, de terse atopada morta a causa do frío a unha anciá galega natural de Ourense. A emoción conseguinte que nos causou o feito fíxonos reaccionar do xeito máis lóxico: é dicir, a máis galega. Buscar de inmediato un lugar para resgardar a eses desherdados da sorte. Pensamos vernos con Jacobo André da firma "André e Touriño" e cara a alá nos diriximos. No camiño atopámonos co poeta Arturo Cuadrado que nos acompañou para a entrevista. A idea prosperou e foinos moi útil na emerxencia o señor Jacobo. O caso é que, pouco despois, o que parecía un soño foi unha concreta realidade. Reuniámonos os domingos nun apartamento que tiñamos alugado na "Pasaxe La Rural", co doutor Antonio Baltar, Manuel Picón e Luís Seoane. Arturo Cuadrado redactou o manifesto dirixido á colectividade, e os formularios para se inscribir e de inmediato nomeouse unha comisión para redactar os Estatutos...".

Coa chegada do seu amigo Castelao despois da derrota das forzas republicanas, propón a disolución do Partido Galeguista. Como no estado español había unha dictadura pensaba que ao non haber eleccións non era necesario un partido político. Sinalando entón que era necesario crear unha entidade patriótica onde estiveran representados todos os sectores de formación galeguista que quixeran loitar polos dereitos nacionais de Galiza. Foi así como persoas de distintos partidos se sumaron a esta iniciativa unitaria. A primeira Irmandade Galega fundouse en Bos Aires, para logo se estender a Uruguai, Chile, México, Cuba e Venezuela. Ramón Rey Baltar foi un dos impulsores máis destacados na Arxentina desta institución, sendo un dos seus presidentes.

Coa descuberta en Castelao dunha enfermidade irreversible, tanto Rey Baltar como o outro destacado médico galego, Gumersindo Sánchez Guisande acompañarán a Castelao en toda a súa doenza. Rodolfo Prada, quen fora secretario de Castelao, relatou os seus últimos instantes e o nerviosismo dos seus máis íntimos achegados: "Sentado nun curruncho, sen pestanexar, con inmobilidade de pedra está o Dr. Rey Baltar. Aínda o estou vendo coa cabeza entre as mans e o ollar cravado en Castelao, o seu vello compañeiro, ao seu finar asiste como se asistira á súa propia morte. Achégase o intre que xa nada pode deter, mais Pastor e Sanchez Guisande seguen a loita e buscan con desespero a vea do brazo esquerdo...nun intento imposible".

Despois da morte do seu amigo, Rey Baltar seguiu participando na vida política da colectividade.

O poeta da "A Gaita a Falare" faleceu na cidade de Avellaneda o 3 de xullo de 1969.

O xornal "Lugo" de Bos Aires sinalou ante a nova da súa morte: "Galiza perdeu un dos seus fillos máis leais. Este ilustre galego Dr. Ramón Rey Baltar que acaba de falecer na veciña cidade de Avellaneda...". Outro dos xornais da colectividade "El Correo de Galicia" tamén se facía eco da súa morte: "A Galiza Emigrada está de dó. Faleceu unha das súas máis prominentes figuras. A súa vida enchera as páxinas máis fecundas da historia da emigración galega e republicana dos últimos cincuenta anos e a súa presenza era inevitable en canto acto se realizara para exaltar ou defender os ideais que desde a súa mocidade abrazara e que non abandonou xamais".

Lois Pérez Leira

 
         
     
Ramón Rey Baltar, con 35 anos.
   
 
Rey Baltar falando nun acto galeguista, á súa dereita sentados Manuel Puente
e Castelao.
 
 
Histórica visita a Domselaar. Na foto o quinto dende a esquerda Rey Baltar, ao seu carón Castelao.
 
Ramón Baltar coa súa dona en Mar del Plata, Bos Aires.