Personaxes da emigración

 

Alberto Puente García
A Coruña, 1918 - Caracas, 3 de maio de 2004


A vida de Alberto Puente é un resumo da história de Galiza e do Partido Comunista de España no século XX. Militante dende novo no PCE participou na guerra civil e na estruturación do Partido na clandestinidade. Condenado a morte a sua pena é comutada pola de 30 anos. Compañeiro de Lister, Carrillo, Semprum, Santiago Álvares, Grimau…

Augusto Rebollo Sánchez era cabo, no “Cabo do mundo”. Era, tamén, secretário do Xulgado de Testemuños da Capitanía Xeral da Primeira Rexión Militar, do que era xuíz o tenente de infantería Jacinto Sánchez Blanco.

Augusto Rebollo Sánchez, que era cabo, e secretário do xulgado de testemuños... certifica que na causa número III459, aparece unha sentenza que di así: “SENTENZA. Na praza de Alcalá de Henares o 3 de novembro de 1944. Reunido o Consello de Guerra Ordinário de Praza, para ver e resolver a causa número III459, instruída polo presunto delicto de actividades clandestinas de carácter comunista contra os procesados Alberto Puente García de 25 anos, solteiro, estudante, fillo de Cirilo e Josefa, natural e veciño de A Coruña...”.

“Dada conta da causa polo instructor, ouvidos os informes do Ministerio Fiscal e da Defensa, e as manifestacións dos procesados presentes no acto da vista, e RESULTANDO: Probado e así se declara que os procesados (...) formaron parte integrante do Comité do Partido Comunista que se constituíu a fins de 1940 en A Coruña, desenvolvendo intensa actividade de captación de adeptos, especialmente entre aqueles que tiñan antecedentes extremistas e pasaran por prisións ou campos de concentración; que continuada a acción deste comité até a data en que foron detidos os seus compoñentes con anterioridade a esta, no outono de 1941, se modificou a súa composición sendo substituído... por Alberto Puente García, pasando o antes citado a desempeñar o cargo de responsable dunha ‘Troika’. Desde ese momento foi o citado Puente quen tivo unha atuación máis destacada na distribución do ‘material’ de propaganda na captación de militantes; que Alberto Puente García, de antecedentes extremistas...”.

“DICTAME DO AUDITOR. Excmo. Sr. Examinada a presente causa nº 111.459, e RESULTANDO: que nesta recaeu sentencia de MORTE aos procesados, Alberto Puente García... como responsábeis en concepto de autores dun delicto CONTRA A SEGURIDADE DO ESTADO, previsto e penado no artigo 3º da Lei do 29 de marzo de 1941, coa circunstancia de gravidade contida no último inciso do citado artigo...”.

“... RESOLVEMOS que debemos condenar e condenamos ao procesado Alberto Puente García á pena de MORTE e accesorias legais no caso de indulto...”.

“... ACORDO DO CAPITÁN XERAL. Conforme co dictame do meu auditor e polos fundamentos xurídicos que nel se expresan, aprobo a sentenza ditada polo Consello de Guerra que viu e resolveu esta causa pola que se lle impón aos procesados ALBERTO PUENTE GARCÍA... como autores dun delicto contra a Seguridade do Estado, á pena de MORTE...”.

“Pase o procedemento á Asesoría Xurídica do Ministerio do Exército, suspendéndose a execución das penas capitais impostas aos procesados Alberto Puente García até que se resolva o que en xustiza proceda. O capitán xeral. Asinado, [Ilexíbel]...”.

“Sobre Puente incidían os odios do xeneralito, o coronel e a policía. Pero o seu expediente estaba, ao parecer, en auditoria aínda”, comentaba Melquisedez Rodríguez Chaos no seu libro autobiográfico 24 años en la cárcel.

Alberto Puente, por decisión de Consello de Ministros, viu conmutada a súa sentenza de morte pola de 30 anos de prisión.

E Augusto Rebollo Sánchez, cabo primeiro de Infantería e secretario de campos de concentración, na prisión madrileña da rúa Porlier, en Xulgado da Capitanía Xeral da Primeira Rexión Militar, da que era xuíz un tenente.continuou a súa vida, camiño cara á súa morte. E Alberto, para a súa morte, para continuar un sucedáneo de vida, que empezou nas obras da cadea de Carabanchel... e durante moitos anos en Burgos.

Alberto Puente García naceu en A Coruña o 8 de marzo de 1918. En 1933, dous anos despois de proclamada a II República española, vivía en Madrid, cidade na que se graduou como perito mercantil.

O 18 de xullo de 1936, data da sublevación contra a orde constitucional e legal da República española; Alberto encontrábase na capital do Estado espanol e incorporouse como voluntario ás milicias do Quinto Rexemento na fronte de Somosierra, fronte que estaba resistindo os embates da ofensiva fascista para a toma da capital.

En novembro de 1936, foi seleccionado xunto a un grupo de combatentes para organizar en Levante a 22º Brigada Mixta do Exército Popular baixo o mando de Francisco Galán, irmán do capitán fusilado en Jaca. Alberto Puente pertenceu ao seu Estado Maior.

En decembro de 1936, a 22º Brigada Mixta do Exército Popular foi formada en Gandía, lugar no que estaban organizando un par de batallóns desa mesma brigada.

A maioría dos oficiais que constituían o mando, así como os que encadraban as unidades-compañias e batallóns- procedían de Madrid, Francisco Galán seleccionáraos entre os combatentes máis destacados polo seu valor ou pola súa capacidade organizativa nas operacións dos primeiros meses da serra, Somosierra, Buitrago, etc-.

Aqui, ademáis de Alberto, estaba o seu irmán Ángel, valeroso e sonado garda de asalto que, despois de formada a brigada, volvería a Madrid. Baig, Lingo, o cubano Alberto, o médico Marzoa, o comandante Carano, o ex toureiro Litri Segundo e o topógrafo Carlos Llorens.
O embrionario corpo do Estado Maior da 22º Brigada ocupaba un sinxelo apartamento na entrada a Gandía.

Francisco Galán, Paco, sería unha das persoas que máis impulsarían a carreira militar formal, entre elas a de Alberto, através do ensino en escolas para oficiais en campaña. Era Paco, así era como lle chamaban os seus compañeiros, alto co pelo cortado ao rape. Se cadra dez anos máis que o fato de mozos que formaban o seu Estado Maior. Correcto e educado na conversa. Nunca recorría a tacos nin blasfemias, era, todo o contrario ao que para aquel entón era considerado "o imprescindíbel atuendo dun xenuino revolucionario".

A 22º Brigada Mixta, unha das primeiras en ser creada, constituíu o que sería en diante a base do Exército Popular da República. Con voluntarios de Valencia, tanto da capital como das vilas, formouse esta primeira brigada. Estes, tanto soldados como mandos, uns xa curtidos nos combates da defensa de Madrid e outros recrutados entre as filas de sindicatos e partidos antifeixistas valencianos, lograron formar os catro batallóns necesarios para conforma-la 22º Brigada Mixta, á fronte dos cales se encontraban os comandantes e capitáns: Alba, Alberto, Ponce, Carano e Litri.


Na Fronte de Teruel

Valdecebro

Recibiu Alberto o bautismo de fogo na ofensiva desencadeada polo Exército de Levante no sector de Valdecebro, nos arredores da cidade de Teruel. Quince ou vinte casas constituían o pequeno núcleo rural. Desde alí albiscábase un amplo horizonte: cara ao oeste, o Mansueto, en mans dos facciosos, a pouco máis de quilómetro e medio do posto de mando da brigada. Cara ao sul estendíanse unhas pequenas valgadas, até chegar ás liñas de ferrocarril de Valencia a Teruel. Era, este, o terreo conquistado había pouco polos batallóns da 22º Brigada. Máis lonxe, podíanse ver os cumes de Puerto Escandón, lugar no que acampaban, desde o mes de agosto, as columnas anarquistas.

O Estado Maior, ademais de Gonzalo Castelló que era o xefe, integrábano Dasoy, activista da FUE; os mestres Armengod, Aranguren e Calpe; Alberto Puente e Manolo Baig, que nese momento non tiñan tarefas determinadas, polo que foron destinados á sección de metralladoras como mandos medios. Como delegado político estaba Vicente Marín, quen, ao rematar a guerra, emigrou á URSS, aínda que regresou a España cos prisioneiros da División Azul a bordo do Semíramis en 1956.

Outros membros eran Angelita Soler que, tempo despois, na retagarda, contraería matrimonio co secretario de Organización do Partido Comunista de España, Pedro Checa, asilándose en México despois da guerra. O carteiro Félix Fernández, o alemán Max Salomón e como xefe da unidade en funcións, pola ausencia de Galán, o comandante Francisco Alba.

Tamén se encontraban adscritos ao Estado Maior a sección de Traballo Social, a cargo do oficial Lorente. A súa función consistía en dirixir o xornal titulado En Marcha e organizar, diariamente, a emisión de Altavoz da Fronte, emisión que tiña como obxectivo facer chegar, até as filas inimigas, os comentarios e as noticias da guerra dos republicanos.

Tamén se encontraba con eles o artista Valentín Uríos, que resultou ser un valioso colaborador sobre todo nos meses que seguiron a Alfambra e Cedrillas, realizando pancartas, carteces e mesmo escribindo crónicas e reportaxes da guerra.

A etapa de Valdecebro foi a que tivo un carácter máis marcadamente miliciano para a 22º Brigada. A actuación de Galán, temeraria e valente até caer ferido, na vangarda cos seus soldados é unha mostra de quén comandaba e cómo comandaba.

O estabelecemento en vangarda do Estado Maior da Brigada, a escasos metros do inimigo, a tiro de fusil, e desde logo, de tódas as demáis armas, tamén.

No posto de avanzada non había electricidade. Velas e rudimentarias bombonas eran as únicas fontes de luz.

Só, das vinte vivendas que compoñían Valdecebro, había tres habitadas. A esas tres vivendas, aos seus habitantes, a 22ª brigada entregáballes a "subministración en frío" que a intendencia lles subministraba, ademáis de diñeiro, e recibían por iso comida e cea, quentes, e roupa limpa.

O xantar, lembra Alberto, case sempre foi o mesmo...pero foi o mellor de toda a guerra. Estaba composto dun "chusco" que era partido en dúas rebandas pola súa metade, ao que se lle colocaba abundante manteiga, e encima marmelada inglesa, lémbraa como a mellor etapa da guerra, en canto ao réxime alimenticio. A medida que se foi prolongando, os envíos de intendencia foron decaendo en variedade, cualidade e valor enerxético e nutritivo.

Ao amencer, erguíanse e ían, con grandes aspaventos para entrar en calor debido ás xélidas temperaturas, se lavar. Achegábanse a un pequeno río, detrás do monte no que se asentaba a vila, ao lado norte, oculto polas posicións inimigas, situado ao longo do ferrocarril mineiro de Ollos Negros.
A camaradería era xeral, non se facía distinción entre soldados e oficiais. Todos se aliñaban na mesma ringleira para recibir o "chusco" de pan diario, o café ou malta, o arroz frío, lentellas, chocolate, sardiñas enlatadas, marmelada, manteiga, azúcre, xabón, cigarros, etc.

Non existía o saúdo militar entre os membros da brigada. Complexos antimilitaristas posuíanos todos, ou a maior parte do voluntariado do acabado de crear Exército Popular da República. Moitos oficiais non usaron nunca a gorra de prato de oficial en toda a guerra, sendo o único distintivo da oficialidade as dúas ou tres estrelas de cinco puntas das súas solapas ou bocamangas.

Ao igual que Alberto, a maior parte dos membros do Estado Maior eran membros, ou simpatizantes, do Partido Comunista. Observaban, xa que logo, ás liñas xerais que emanaban do Partido, ben polo que se escrebía no xornal do Partido ou por instruccións recibidas.

Na única reunión política que se levou a cabo en Valdecebro, como outras en Alfambra, Cedrillas, Torrijas... formuláronse sempre as cuestións que máis afectaban directamente a todos, irresolúbeis para outros órganos superiores, pois nos afectaban directamente.

Estas cuestións, obxecto de exame e discusión, tiñan que ver co traballo diário na fronte de batalla. Alimentación, aseo, disciplina, cultura para os soldados e membros da brigada, solidariedade cara aos combatentes alleos ou contrarios á ideoloxía comunista. Cultivábase insistentemente a confianza na súa própria forza, sempre prestos e dispostos a corrixir os erros manifestos. De aí xurdía a fe na vitoria que sempre aniñou no Partido Comunista, até nos derradeiros e malfadados momentos.

De Valdecebro trasladáronse a Alfambra, en camións. Montañas de Corbalán, en dirección a Cedrillas, sen chegar á vila. Descenso brusco polas abas da Serra de El Pueblo até acadar a Escorihuela e, por fin, chegar a Alfambra.

Así como a ferida República española improvisou un exército, cos seus oficiais e soldados, este exército improvisou armas, transporte e condutores que trasladasen as tropas. Todas estas improvisacións fixéronse presentes, e con moita forza, co transcorrer dos acontecementos bélicos.

O adestramento bélico fíxose in situ. Se o axeitado é que un exército faga as súas prácticas antes do conflito, este non foi o caso do Exército Popular.

Lembra Alberto unha mañá en Valdecebro, a poucos metros das casas da vila. Un grupo de milicianos congregárase arredor dun artefacto: un morteiro. Chamara a atención de gran cantidade de milicianos, simples e llanamente, porque nunca viran unha arma como aquela.

Foron Alberto e Manolo Baig os que empezaron a practicar con aquela arma.

Un dos aprendices colocaba o tubo do morteiro, a modo de cheminea sobre unha base, e outro miliciano introducía nel a bomba, necesitando dun terceiro que accionara a parte inferior para disparar, por percusión, e poder lanzar o morteiro cara ao branco.

Na proba, todo aconteceu ao mesmo tempo, sen ningunha clase de sincronización. O disparo, que debe ser orientado tal como din as regras da balística, cun ángulo adecuado para que a caída do proxectil ocorra en campo inimigo, saíu cunha traxectoria tan vertical que toda a concorrencia -executores, aprendices e os que por alí pasaban- creron que o proxectil ía caer sobre eles, e correron todos en dirección oposta. Ao final, non foi vertical a liña de caída...pero tampouco caeu en terreo inimigo senón próprio.

Non deixa de ser meritorio, abraiante, sobresaínte e digno da história da vitoria da vontade, que catro exércitos profesionais como o alemán, o italiano, o español e o marrroquí, empregasen case tres anos para derrotar estes milicianos tan cheos de temores pero tan plenos de verdade, xustiza e liberdade.

Valdecebro foi para os que saíron de Valencia cara á Fronte, o bautismo de fogo. Durante un mes estuvieron rodeados e dentro da área de tiro de toda a artillaría inimiga. Sen protección aérea, foi todo un milagre sobreviver. Ao final, houbo que ceder terreo, non só o que se ocupaba nese intre, senón, mesmo, desisitir da re-toma de Teruel.

Tódalas operacións militares de fins de 1937 foron orientadas pola República, como un intento de cooperación e coordenación de tódalas forzas dentro da súa organización militar.

A 22º Brigada Mixta era unha inovación no exército regular. Posuía unha estruturación e unha organización acorde cos principios e leis tradicionais dun exército profisional. Aínda que carente de disciplina, nos seus mandos e subalternos, esta carencia debíase á desconfianza que xerou o feito de que os membros que se sublevaron pertencían o exército formal. Os poucos militares republicanos profisionais que se incorporaron ao Exército Popular, non tiveron ningún interese en impór esa disciplina, para, así, non ser vistos con recelo ante a suspicacia dos subordinados.

A misión que tiña a 22º Brigada foi o corte do ferrocarril de Valencia a Teruel desde a zona de Corbalán e Valdecebro, zona Norte do sector. Polo oeste, pola estrada de Alfambra e Villalba Baja, operou conxuntamente con outras forzas, unha Brigada Internacional, que sufriu fortes baixas nas proximidades do cemiterio de Teruel. Polo Sur, zona de Villel, operaron outras unidades comunistas, e desde Puerto Escandón, a máis nombradas montañas da Fronte de Teruel, tiñan que operar ao mismo tempo as Colunas confederais, cousa que nunca chegaron a facer.

De acordo coa súa estricta doutrina filosófica da liberdade, permitiron que os compoñentes das Colunas decidiran libre e democráticamente se se sumaban ou non á operación conxunta con todas as demáis forzas republicanas. A decisión foinegativa cara a colaboración.

Cedrillas

En maio de 1937 se constitúe a 39º División, co gallo das operacións de Celadas. Esto trouxo como consecuencia o desprazamento do Estado Maior ao povo de Cedrillas.

Este povo, máis alfastado da Fronte que Alfambra, posuía maior povoación. Non chegou a converterse en parte da Fronte senón até 22 meses despois de iniciada a guerra. Gran parte dos seus habitantes permaneceu nas súas casas dedicados aos seus quefaceres habituais do campo.

O período de Cedrillas abarcou dende maio até outubro de 1937, data na que de novo se trasladaron a Alfambra, debido á necesidade de estar preto das tropas no momento de realizar operacións importantes.

No verán dese mesmo ano, incorporanse novos membros ao Estado Maior da División. Estaba a cargo dos servizos de Información Luis Alcalá, un dos fillos do ex presidente da República, que viña desde Franza para incorporarse ao ejército da República. A ese mesmo servizo estaba adscrito Leopoldo Alas, neto do escritor do mesmo nome, máis coñecido co seudónimo de Clarín e gran amigo de Alberto. Leopoldo Alas veu en sustitución de Luis Alcalá, destinado xunto a Paco Galán a unha nova unidade, Corpo de Exército, que se formara en Cataluña.

A batalla de Teruel

As Brigadas que formaban a 39º División, a 22º, a 64º e a 96º se sumaron en Alfambra ás Unidades de Manobra, entre elas as do Quinto Cuerpo de Exército de Modesto, con Lister e El Campesino. Sobre Teruel, estaban presionando, en forma de tenaza polo Norte, Leste e Sul várias colunas do Exército Popular. A 39º mantiña o franco de Altos de Celadas, Cerro Gordo e o Muletón para afianzar o cerco ás forzas de Franco. No asalto e ocupación de Teruel non interveu directamente. A loita resultou unha sangria. Desde o 15 de decembro de 1937 até finais de xaneiro de 1938, mantivo unha líña de cincoenta quilómetros.

Pero a ofensiva tivo unha contraofensiva franquista através da aviación alemá.

O 17 de xaneiro de 1938 non sonou a alarma do campanário. O ceo estaba tinxido de avións con cruces negras e ribetes brancos. Bombardeiros e cazas. 12 horas que estremeceron aos vivos. Doce horas de continuo bombardeo no val de Alfambra. Os cazas que metrallaban... os Junkers deixaban abrir as suas entranas de morte... para sementala.

O bombardeo foi tan intenso que as unidades da 39º División non quedaron en condicións de quedar defendendo as suas posicións e foi necesário retirala até Villarroya de los Pinares, alén Cedrillas.

A batalla de Teruel, diezmou á 39º. As baixas de mandos inferiores e oficiais foron imensas. Novo traslado, esta vez até El Pobo.


Visita da dirixente socialista Margarita Nelken

A histórica dirixente socialista que solicitara a súa entrada ao Partido Comunista un 7 de novembro de 1936. Muller de hónestidade ideolóxica e entereza moral, abandonara o Partido Socialista cando toda a dirección marchara cara Valencia, deixando o Madrid sitiado à súa sorte.

Alberto se desempeña como axudante da Brigada de Litri. Litri, antigo toreiro sen sórte, segundón e sen parentesco algúm con Litri Primero, loitou desde os primeiros días como miliciano en defensa da República.

O Estado Maior da 39º División se instala no povo de Manzanera. Aos poucos días chega Juan Negrín, presidente do Goverrno da República española. Inesperada visita. O motivo da visita é a concesión da medalla Colectiva ao Valor á 39º División e às suas tres Brigadas, a 22º, 64º e 96º.
Negrín falou coa súa auséncia de retórica habitual, nun acto público na praza do concello.

Despois de alentar a vontade de resistenza fronte ao inimigo, Negrín impuxo as medallas. A sinou un autógrafo ao xornal En Marcha da 39º División: “Con Unidades como a 39º División a guerra non pode ter máis que un final, a vitoria”.

En febrero de 1939, a II República española se desmoronaba. Non tiña presidente, nin Governo nin esperanzas.

Rumores, e máis rumores. Negrín e uns cantos deixan Franza e volven a España, que aínda é República, que aínda é de todos. Entre os que acompañan a Negrín estaba Paco Galán, que se achegou a Javalambre, até o Posto de Mando da 96º, a Brigada de Litri e Alberto Puente. Foi a derradeira vez que Alberto viu a Galán, este obtivo o Mando de Cartagena, e desde alí escapou coa Escadra ao Norte de África.

Marzo de 1939, golpe de Estado de Casado

Alberto é seleccionado, xunto a un grupo de oficiais e Comisarios Políticos da 22º Brigada para sair exiliados através de Alicante, porto auto proclamado “territorio internacional”.

Días e días agradando por barcos que nunca chegan. A realidade da ida de oficiais e comisarios era a de retiralos sen que se decataran na Fronte. Despois de días no peirao son feitos prisioneiros.


Campo de concentración de Albateras, entrevista con Heribero Quiñones en Madrid

Concentración... fusilamento... sinónimos. De alí ao campo de Bétera e á prisión de Gandía, lugar ao que, facía uns anos chegara Alberto para defender a liberdade e a legalidade, hoxe, 1939, presos e derrotados non hai ningunha das dúas.

Saída en liberdade provisional, despois de ano e medio, á espera de algunha denuncia verbo o seu comportamento na guerra civil, a súa causa, como combatente na guerra civil, foi sobreseída pois non tivo ningunha denúncia na súa contra.

Volve a súa cidade natal, A Coruña. Viaxa a Madrid e mantén unha entrevista segreda co autonomeado secretário xeral do Partido Comunista de España, Heriberto Quiñónes.

A intensidade das accións persecutorias e punitivas non deixaban resquício algún para a reorganización, alén da formación de grupos de solidariedade nos campos de concentración e ensaios infrutuosos de militantes ou cadros que acababan indefectibelmente ante o pelotón de fusilamento. A maior coesión interna dos grupos comunistas fixo posíbel a heroica e quixotesca tentativa, encabezada por Heriberto Quiñones (un enviado da Internacional que actuara antes en Mallorca) para reconstruir a organización interior do PCE. Despois de lograr sobreviver ao longo de vários meses, Quiñones foi detido, torturado e por fin fusilado, en cadeira de rodas debido as torturas, convertendo-se ademáis no chivo expiatorio da impoténcia do partido, e en "o traidor Quiñones.

Quiñones rexeita aos dirixentes fuxidos ao estranxeiro. Pidelle a Alberto unha lista con todos os membros no Comité Provincial de A Coruña, que a desde esta xuntanza clandestina en Madrid, entre ambos, pasará a ser Comité Rexional de Galiza, encabezado por Alberto. Este non acepta, por seguridade, a entrega de nomes e enderezos. Dá só a súa.

Os comunistas serán quen primeiro se organicen, mais por instinto que por orientacións recebedas. A súa dirección está desperdigada na URSS e en América. Tentan reconstruir o Partido enviando cadros como Dieguez, Larrañaga, Asarta, García Cofas, Zapiarain, Lobo, Reixas, etc., pero un tras outro caían ao pouco de chegar á península, prendendoos ou mandandoos ao paredón. Heriberto Quiñones, foi o primeiro que organizou o partido a nível nacional, en menos dun ano, el mesmo se deu o nome de Responsábel e Organizador Nacional.

A pesares do seu obsesivo controlo das normas de seguranza, non pode evitar que a sua organización comezase a ser desmantelada, até que el mesmo é detido o 30 de Decembro de 1941.

Despois de atroces torturas, non confesa nen a sua morada. Na mesma enfermaria enterase que foi expulsado do Partido por traidor.

Condenado a morte, é fusilado o 2 de outubro de 1942, recoñecendo con orgullo no consello de guerra a sua condición de máximo dirixinte comunista no interior. Sentado nunha cadeira, ao non poder terse en pé polas secuelas das torturas, as súas derradeiras palabras foron un Viva a Internacional Comunista .

Acusado de traizón polo seu Partido, até 1986 o PCE non o reabilitou.

Carrillo, anos despois, ainda susteria que foi unha tremenda provocación. Quiñones cometera o maior delicto posíbel, o desafio aos xefes.

A policia changa á casa de Alberto. Tentan deterlo pero escapa correndo através dunha xanela pola Cidade Vella. É perseguido e ferido de bala. Detido en plana rua comeza a berrar para que non lle aplicasen a lei de fugas. Ingresa na prisión de A Coruña é interrogado e trasladado a Madrid. En Madrid, na Puerta do Sol é torturado.

Traslado á prisión da rua Porlier, antigo colexio de Calasanz. Despois vai a Carabanchel onde xunto a outros prisioneiros participa na súa construcción.

Na prisión de Alcalá é enxuizado polo foro militar. España deixou de ser República civil, para converterse nun sabre entre as pernas de homes vestidos de uniforme de gala.

Condenado a morte

A condena a morte é conmutada pola de 30 anos no cárcere de Burgos. Trinta anos que non caben en ningunha destas páxinas.

Que se come no cárcere? Que se pensa? Como é viver sen liberdade, un ano, dous, tres, cinco, vinte… trinta?

A Alberto roubaranlle máis de 20 anos da súa vida en Burgos.

Ano e medio no campo de concentración en 1939. Ración de pan, un para cinco... e latas de sardiña, unha diaria para cada un. Estreñimento, suxiedade, enfermidade e miseria.

Antes de conmutarlle a pena de morte, unha monxa visitao na cela. Visita a aqueles que pronto van morrer. Unha muller, agradable e cristiana. Abre a faltriqueira, quita un cigarrillo e enchufao a Alberto na boca de Alberto... enciendeo. O primeiro e derradeiro cigarrillo de Alberto, e a gratitude eterna de quen non ten nada nin a ninguén, só a seguridade de que vai morrer.

A Brigada Político Social engádelle ao seu expedente o cualificativo de “altamente perigoso”. Este “agasallo” significou nos seus 20 anos de cadeas, máis castigos, maior vixilánza e menos prerrogativas. A perigosidade residía no seu intento de fuxir de A Coruña no intre da súa detención.

Cantos paseos se poden dar no patio dun cárcere, no que o frío é tan grande que até o aceite se conxela? Cantos directores de prisión... construiron a súa casa, mercaron o seu automóbil a costa da comida dos presos?


Liberdade? Liberdade

Alberto sale en liberdade condicional en decembro de 1961, despois de 20 anos de cadea. Cun traxe confeccionado por un compañeiro. Trata de refacer a súa vida. Refacer é un eufemismo para quen non ter unha noiva, nin Nadal, nin unha carta sen censura, nin moitas veces o escape da lectura, porque en presidio, até o escape mental estaba proibido.

Entra en contacto con Joaquín Grimau, que poco tempo despois sería detenido e executado, 20 de abril de 1964.

Despois de seis anos preso, o dano é irreparábel. E despois de 20? Só unhas conviccións moi firmes poden revertir ese dano. E aquelo que nos permitiu sobreviver, é a razón da nosa vida.

Alberto organiza a folga dos traballadores da construcción, en Madrid, en apoio á folga dos mineiros asturianos. Cando está organizándoa cesa a de Asturias. Debe agacharse. A policia está tras a súa pista para que cumpra os seis anos que aínda lle restan dos 30 aos que fora condenado. Alberto, detido en Alicante e en A Coruña pensou que dúas veces x afora abondo. Desde o Comité Central se decide su ida a París.

Os derradeiros papeis que romper antes de partir. París, con Marcos Ana, Lister, Carrillo, Semprum...

Visita á Unión Soviética. Londres... foto na tumba de Marx. Iugoslavia. HomenaXe ós heroicos soldados que loitaron pola liberdade en España en 1936... condecoración do Estado da República Democrática Alemá en 1966 a todos os defensores da liberdade. Alberto asiste con Lister como xefe da delegación.

O mundo está cambiando. Alberto se encarga da conformación, entre os traballadores emigrantes españois en Europa, de grupos organizados.

Os obreiros españois na Alemaña dos anos 60 non saben que foi a guerra civil... pero sí coñecen á cantante Marisol e La vida es una tómbola.
A vida é unha tómbola, e Alberto, a pesares das medallas outorgadas pola R.D.A., un Estado que deixaría de existir axiña, aínda nono sabe.

A actividade en países como Alemaña, Bélxica ou Holanda de organizacións políticas estranxeiras como o Partido Comunista de España estaban prohibidas.

En Bonn-Bad Godesberg, na estación de tren é detido pola policia alemá. Buscan no seu maletín, mais non atopan ren. Tampouco, por suposto, atopan o falso compartimento que agacha documentos e actas de xuntanzas na clandstinidade dos emigrantes españois na Europa desenvolvida.

Alberto é nomeado, dentro do Comité Central do Partido Comunista de España en París, encargado de finanzas.

Xa non máis maletas de dobre fondo que viaxen através de toda Europa; a Europa que terminaba e empezaba nos Pirineos. Tampouco detencións na estación de tren de Bad Godesberg, nin agacharse baixo unha cama en Ámsterdam.

Pero Alberto non quere ser financista, porque restáranlle moita vida. Recebe a noticia da morte de Grimau mentres daba aulas en París. Xunto a el Carrillo. Asegura este que Grimau tentara suicidarse e tamén que fora un grave erro envialo debido ao seu pasado na policia republicana.

21 anos e meio de morte en vida, terán un corolario agradábel, unhas vidas que se cruzan, vidas de lonxe, máis preto, en París. A que hoxe é a súa compañeira, Ileana Recagno. Venezuelana, decente, coerente, unha muller na que todos os resultados se confunden.

Alberto casa con Ileana e sepárase do traballo activo no Partido, dos compañeiros, de París. Algúns aceptan... outros non. Marcos Ana na voda, Lister... outros preferiron non asistir. O día da mudanza... derradeiro intento para que non marche cara a América do Sul... O Partido precisa de Alberto... pero Ileana tamén. Alberto é comunista... e feliz, atopou algo que non sabía que buscaba.

En Venezuela milita, porque sempre se milita mentras quede vida... e aínda despois. Traballa e vive. Conversa e mantén unha estreita amizade con Manolo Gallego, fundador da Irmandade Galega de Venezuela, ex membro do V Regimento e secretário xeral do Partido Comunista de España en Venezuela.

Celso Emilio Ferreiro... a Venezuela Saudita, o “Viaxe ao país dos ananos”. Todo está á venda, todo é barato. Pero Alberto sabe que hai cousas que non teñen prezo. Chega a Venezuela como apátrida debido a súa condición de refugiado político e apátrida en Franza. O seu carné de identidade venezuelano así o sinala. É verdade que os comunistas non tienen patria? É verdade, e de tela, xa haberá alguén encargado de que non a teña.

Porque hai persoas que son o decoro do mundo, que senon as podemos matar... temos que quitarlles os anos, a vida, os libros, a pátria, a saude, a tranquilidade.

E Venezuela gastaba... o que non tiña. E os españois estrearon democrácia. E chegaron uns que se chamaban socialistas e pretenderon devolver ou pagar o impagábel. E sentaron nun Congreso a quitar cuentas, e saía caro pagar tanta decencia, e tantos anos e tanta honestidade tralas reixas dos cárceres franquistas. E decidieron pagar algo, por pagar. E así son as cosas, que nunca foron doutro xeito.

E como a materia que nin se crea nin se destrúe, a realidade venezuelana foi mudando. E os venezuelanos, os seus dirigentes políticos e económicos, cavaron a súa própria tumba.

E chegaron a desnutrición e os asasinatos por un par de zapatos e veu unha revolución que se chamou bolivariana.

E contaba Fidel que en Cuba chamabase socialista, que non importaba o como do nome, o importante era... que inda que se chamase cristiana, o importante era que fose, e asi está sendo.

E Alberto atopou algo que non buscaba. E doelle todo o corpo que non quedou en Burgos senón que o acompañou. Doenlle as hernias, as pernas… doelle todo... pero aí está Alberto, con 84 anos e co povo venezuelano tomando a compañía PDVSA para o povo. Aí está a sua humanidade, detrás do alcalde de Caracas, Freddy Bernal.

Augusto Rebollo Sánchez, cabo primeiro de infantaría, secretário do Xulgado de Testemuñas da Capitanía Xeral da Primeira Rexión Militar, do que é xuiz o tenente de Infantaría don Jacinto Sánchez Blanco.

Augusto Rebollo Sánchez non estivo anos en prisión. Tampouco aparecerá a súa biografía por ningures. Non sabemos se durante os 21 anos de cárcere de Alberto Puente foi aos touros, ao futebol, ou á praia.

Non sabemos se casou, se tivo fillos. Tampouco se visitou algunha vez París ou a estación de tren de Bad Godesberg.

Non estamos seguros se para él é máis coñecida Marisol e a sua “Vida é unha tómbola” que a guerra civil.

Augusto Rebollo non estivo na toma de Petróleos de Venezuela para o povo venezuelano. Non saiu na foto, porque non estaba. Non sabemos onde está.

Alberto Puente García naceu en A Coruña e 1918 e morreu en Caracas o 3 de maio de 2004.

Xurxo Martínez Crespo

         
Alberto Puente. Foto do fotógrafo valenciano Boldun ao comezo da guerra.
 
Alberto Puente co uniforme de capitán.
 
Alberto Puente nun niño de metralladoras na fronte de Teruel en 1938.
 
Tarxeta postal que enviara Alberto dende a Fronte de Teruel aos seus pais.
 
“Antes que nos collan os feixistas... mátame”, díxolle Alberto na Fronte de Teruel ao seu compañeiro (coa serra) Leopoldo Alas, sobriño de Clarín.
 
Heriberto Quiñones foi o primeiro que organizou o partido a nível nacional; en menos dun ano, el mesmo se deu o nome de Responsábel e Organizador Nacional. Pidelle a Alberto unha lista con todos os membros no Comité Provincial de A Coruña, que desde esta xuntanza clandestina en Madrid, entre ambos, pasará a ser Comité Rexional de Galiza, encabezado por Alberto. Este non acepta, por seguridade, a entrega de nomes e enderezos. Dá só o seu. Quiñones e atrapado e condenado a morte, sendo fusilado o 2 de outubro de 1942. Sentado nunha cadeira, ao non poder terse en pé polas secuelas das torturas, as súas derradeiras palabras foron un Viva a Internacional Comunista.
   
 
Documento de Identidade (DI) de Julián Grimau. Este veu desde Franza para contactar a Alberto unha vez libre. Alberto que era perseguido para que cumprise un tercio da condea decide fuxir para Franza e o seu posto en Madrid e coberto por Julián Grimau que máis tarde será detido e axustizado.
 
Presos do penal de Burgos (ao fondo na porta, de pé sorrinte está Alberto Puente) xunto ao sonado pianista e director de orquestra José Iturbi, que durante a sua visita en novembro de 1957, dirixiu a orquestra alí existente dando un concerto en honor aos internados.
   
 
Unha das primeiras fotos de Alberto Puente no patio do cárcere de Burgos xunto ao comisário arxentino Quesada (ano 1958).
   
Capa dun livro de poemas do presidio de Burgos editado en holandés da autoría do compañeiro de presidio de Alberto Puente, Marcos Ana.
 
Co seu compañeiro de prisión, o poeta comunista Marcos Ana, unha vez libres, na década dos 60 nun balneário de Iugoslavia.
 
Alberto Puente. Na tumba de Karl Marx, en Londres, cando deixou o Estado español a finais dos sesenta.
   
 
De esquerda a dereita, Xurxo Martínez, Alberto Puente, Lois Pérez Leira e Xosé Manuel López Trelles en Caracas.