Personaxes da emigración

 

Leandro Pita Romero:

O ministro mais novo da segunda Republica


Leandro Pita Romero naceu en Santa Marta de Ortigueira (A Coruña) o 22 de novembro de 1898. O seu pai era o avogado agrarista Leandro Pita Sánchez - Boadao fundador da Federación Agraria. Mentres que a súa nai foi Maria Romero Souto.

"Ortegal é o nome da miña bisbarra nativa -dinos Leandro Pita- que se extende entre o Cabo así chamado e a Estaca de Bares, os pontos máis septentrionais da península Ibérica o recuncho do Cantábrico, que coroan as apacibeis serras da Capelada e da Faladora...".

Esta família acomodada de Ortegal envía ao novo Leandro a estudar a A Coruña a carreira de maxisterio, posteriormente en 1914 ingresa na facultade de Dereito de Compostela, obtendo o titulo de avogado en 1917. O historiador Xosé Manuel Suárez quen realizou unha semblanza do biografado conta que : "O 18 de maio de 1917 celébrase en Santiago, no colexio San Clemente, un mitin de lembranza do primeiro cabodano da constitución das Irmandades da Fala. O acto é presidido por Salvador Cabeza de León; os oradores son Alfonso Rodríguez Castelao, Leandro Pita Romero, Lugrís Freire, Luis Peña Novo, Victoriano Taibo". Por aqueles anos comeza a súa vocación polo xornalismo escrebendo para Madrid en: "Nuevo Heraldo", "El Liberal", El Norte de Castilla", "Sol" e "Noticiero Sevillano".

Por esa época forma parte das Irmandades da Fala de A Coruña, organización esta de carActer galeguista moderada, conformada fundamentalmente por intelectuais e profisionais. Através do seu pai relacionase co político agrarista de centro Portela Valladares, co que traballa durante unha tempada como secretario político. Co golpe de Estado do xeneral Miguel Primo de Rivera en 1923, Leandro volta á cidade de A Coruña onde comeza a escreber no Noroeste posteriormente en El Orzan do cal vai ser director.

En 1924 escrebe en castelán una pequeña novela El anarquista traducida ao galego polo seu amigo o escritor Leandro Carré e editado por Anxel Casal na súa editorial "Lar".
En 1926 como ben sinala Xosé Manuel Suárez, Leandro Pita faise cargo da presidencia da Federación Agraria de Ortigueira e en 1927 é eleito presidente da Asociación Provincial de Gandeiros e vogal da Asociación General de Ganaderos de España, formando parte do Partido Agrario Republicano. A súa relación coa xente do agro converteo nun home popular no rural da província de A Coruña. Coa caída da monarquía e a instauración da republica, o 14 de abril de 1931, Leandro Pita Romero forma parte da gran fronte electoral impulsada en Galiza por Casares Quiroga, que se denominou Federación Republicana Galega. Por esta coalición presentouse ás eleccións do 28 de xuño de 1931 ás Cortes Constituíntes, obtendo unha acta de deputado con 43.181 votos. Naquela lista tamén obtiveron acta pola FRG da província: Roberto Nóvoa Santos, Alejandro Rodriguez Cadarso, Antón Vilar PonTe, Emilio Gonzalez López, Ramón Súarez Picallo e Salvador de Madariaga. nas eleccións de 1933 en representación do PRG obtén 82.916 votos

Coa chegada de bienio negro 1933-35 Pita Romero distanciase de Casares e incorporase ao goberno de centro dereita do Partido Republicano Radical encabezado por Martínez Barrios e con Lerroux como ministro de Mariña. O 8 de outubro de 1933 Leandro Pita Romero convertese no ministro máis novo da Republica. Coa vitória electoral da dereita, en novembro de 1933, o presidente do goberno Lerroux, forma goberno o 16 de decembro dese ano, nomeando a Pita Romero ministro de Estado, equivalente a ministro de Relacións Exteriores.

En 1934 deixa este cargo para se converter en ministro sen carteira. Durante esta etapa representa a España en Europa. Foi nomeado ministro plenipotenciario e primeiro embaixador da Republica ante o Vaticano. No transcurso desta etapa España e a Igrexa católica asinan un concordato entre ambos Estados. Durante a súa estancia en Roma estabelece amizade co Cardenal Pacelli quen se converterá no Papa Pío XII.

"Ao Papa Pío XII tiven ocasión de tratalo -sinala Pita Romero- con algunha asiduidade, sendo el secretário de Estado de Pío XI, era unha personalidade inxente, cegadora, pola súa intelixencia, cultura universal, formidábel retentiva, tranquilo valor persoal e autentica bondade. Poucas veces se abrán dado xuntas tanta humildade e tanta dignidade"

Co triunfo da Fronte Popular, Pita Romero é obrigado a renunciar como embaixador, volvendo a viver en A Coruña. É nesta cidade onde atopa o levantamento militar do 18 de xullo. A pesar de ser un home moderado de centro, mesmo de fe católica practicante, os falanxistas tentan facer xustiza pola súa conta. O ex ministro conta coa protección das autoridades militares da provincia, pero a súa seguranza non estaba garantida. Acusabano de masón e calquera motivo podía ser utilizado para ser "paseado". Despois de tentar pasar máis desapercibido na súa aldea natal e ante a incerteza que vivía toda a súa família, decide marchar ao exílio por Portugal. Para isto conta coa axuda do seu amigo banqueiro Pedro Variei da Maza e coa Guardia Civil. Asi foi como o 22 de novembro de 1936, co carro do próprio Barrie, parte para Tui escoltado por un carro da Guardia Civil. As relazóns que mantivera co Vaticano foron decisivas para garantirlle a vida e a súa saída de España. Ao chegar a Tui trasladase a Lisboa, onde se aloxa no hotel Borges. Durante este tempo mantén contactos co Cardenal Pacelli, secretário de Estado do Vaticano, quen lle recomenda que viaxe a Sudamérica. En princípio ten previsto exilarse en Cuba, até que o convencen que o máis axeitado é trasladarse a Buenos Aires. Por aquel entón xa estaba casado con Helena Olmos, filla do cónsul arxentino en A Coruña e tiña varios fillos pequenos.

" Cando o horror da guerra civil española me obrigou a expatriarme, despois de errar por Portugal e Austria, sen saber a onde dirixir os meus pasos entre as repúblicas hispanoamericanas, co meu titulo de avogado legalizado por diversos consulados, estiven a piques de marchar a La Habana, atraído polas facilidades que me oferecían os meus coterráneos alí estabelecidos. Vendo o que é agora aquela deliciosa cidade, felicitome de haber cedido ás agarimosas instancias dos meus queridos amigos e parentes porteños..."

En marzo de 1937 parte en barco para Buenos Aires. Meses despois o fará a súa família para reagruparse definitivamente. Naquel país ten que traballar como xornalista para se gañar a vida. O titulo de avogado non lle serve para exercer, as autoridades deste país obriganlle a realizar toda a carreira para homologar o titulo. Mentres tanto, a súa pluma escrebe nos mellores xornais e revistas daqueles tempos: La Prensa, El Mundo, Critica, La Capital, a revista Leoplan, Editorial Atlántida etc. Todos estes meios xornalísticos teñeno como asinatura destacada. Despois de moitos sacrifícios, Leandro Pita logra obter o titulo na Universidad de La Plata. Co titulo xa obtido logra representar a unha carteira importante de empresas entre elas ao Banco Pastor.

A partir de 1950, comeza a ter vencellos co rexime, através Nicolás Franco, -irmán do ditador- quen lle oferece ofíciosamente, un alto cargo no goberno. Leandro Pita rexeita o oferecimento mantendo a súa lealdade á Republica.

En 1960 logra a autorización para voltar a España, facendoo regularmente co fin de pasar longas tempadas na súa cidade natal.

O seu fillo Santiago Pita Romero contínuou coa profisión xornalística do seu pai exercendo a docencia xornalística. Durante moitas décadas foi profesor de Ética Xornalística no Instituto Superior de Periodismo na Arxentina. O que escrebe esta semblanza, tivo a honra de ter sido alumno seu durante o ano 1978 e posteriormente, anos despois, retomar a relación persoal através da colectividade galega.

Leandro Pita Romero falece en Buenos Aires o 25 de xuño de 1985. O ex deputado de Izquerda Republicana Emilio González López sinalou: "Leandro Pita Romero, magnifico orador e excelente escritor". Mentres que o historiador Carlos Fernández Santander escrebeu: "Non fai falla esforzarse moito para demostrar que, despois de Casares Quiroga e Portela Valladares, a figura galega máis destacada da Republica é Leandro Pita Romero".

 

Lois Pérez Leira

 
         
     
Leandro Pita Romero
 
Pita Romero o segundo da esquerda. O goberno de Lerroux en outubro de 1934.
 
Pita Romero co Cardenal Pacelli, nunha visita a Barcelona.