Personaxes da emigración

 

Francisco Pérez Leiros

Francisco Pérez Leirós naceu en Porriño, o 5 de maio de 1895. Os seus pais trasládanse á Arxentina cando Francisco tiña tan só tres anos de idade. Faltaba pouco para rematar o século cando esta familia chegou á cidade de Bos Aires. Francisco tiña dez anos cando comezou traballar para axudar aos seus pais. O seu primeiro emprego foi en 1905 como vendedor de xornais na rúa, oficio que neste país chámanlle "canillita". Despois desempeñou o oficio de mensaxeiro da Unión Telefónica, ata que en 1911 ingresou a traballar na Municipalidade da Cidade de Bos Aires, como pintor. Dentro deste novo traballo comenzou con rapidez a destacarse pola súa vocación de loita. Así aos dous anos de ingresar, foi delegado ante a Comisión Pro-Regulamento do Traballo das Mulleres e dos Nenos e no 1914, delegado ante a Comisión de Propaganda Gremial.

En 1916 sinala un dos fitos máis altos do seu rico historial de gremialista, ao fundar, xunto a outros traballadores, a Unión Obreiros e Empregados Municipais (UOEM), que foi durante moitos anos exemplo do sindicalismo de clase.

Naqueles anos a loita gremial pagábase a moi alto prezo: en 1917 deixábao cesante como consecuencia dunha folga que provocou a desmembración da organización sindical, a cal foi reestructurada en 1918.

Na Semana Tráxica Arxentina, de xaneiro de 1919 cabe sinalar a destacada intervención nas negociacións levadas a cabo para finalizala. Naquela circunstancia integrou a comisión obreira que dirixiu o movemento e deulle fin.

Aos 24 anos, Pérez Leirós, cheos xa de loitas e de logros, vanno consagrar, no mesmo 1919 como Secretario Xeral da UOEM.

Sen dúbida, representou un caso singularísimo na historia do gremialismo proletario arxentino, pois con eleccións libres no seu gremio, desempeñou na secretaria xeral sen interrupcións ata o 16 de xuño de 1944, cando o sindicato foi tomado por asalto por forzas militares que respondían ás ordes do aquel entón Coronel Perón.

Pérez Leirós naquela mocidade xa rexistraba a súa adhesión ao socialismo, o que non lle impidiu ser delegado, en 1920, ao X Congreso da FORA, na Cidade da Prata. En 1922 participou da creación da Unión Sindical Argentina (USA), nesa fundación participou tamén outro sindicalista galego, Ramón Suárez Picallo, que anos máis tarde destacou na vida política galega.

O día 17 de abril de 1924 realizouse o primeiro Congreso da Unión Sindical Arxentina, nos Salóns da rúa Rincón 1141, asistindo os delegados de 127 sindicatos entre eles Francisco Pérez Leirós.

A Unión Obreiros e Empregados Municipais liderada por Leirós resolveu en xuño de 1924 convidar a todos os sindicatos autónomos do país a un Congreso de constitución dunha nova Central Sindical.

O Congreso tivo lugar os días 27 e 28 de febreiro de 1926 no local de "La Fraternidad", rúa Alberti 354 da Capital Federal. Participaron do Congreso a Confraternidade Ferroviaria, Unión Obreiros Cortadores, Xastres, Costureiras e anexos, Unión Obreiros Curtidores, Liga Internacional de Domésticos, Obreiros do Afirmado e adheríronse un grupo de sindicatos locais.

En 1925 acode como delegado ao congreso constituinte da Confederación Obreira Arxentina (COA).

Despois de contribuir á organización do sindicalismo arxentino, o esforzo de Pérez Leirós dirixiuse á formación dunha central obreira latinoamericana. Propúxoo en 1926 en México e ratificou os seus esforzos en 1936 en Chile, na Conferencia Panamericana da OIT. O mesmo ano concurriu ao congreso fundador da Confederación Xeral do Traballo (CXT), onde foi elexido vicepresidente e membro da comisión administrativa.

Como culminación dos esforzos tendentes á formación dunha central obreira continental, en 1938, presidiu a asemblea constitutiva da Confederación de Traballadores de América Latina (CETAL). Ata 1945 foi Vicepresidente de CETAL, cargo ao que renunciou por enfrontamentos cos comunistas dentro desta central.

Participou das actividades da OIT: delegado á Conferencia de Nova York (1941) e á Conferencia de París (1945). En 1943 fora Secretario Xeral da chamada CGT lista Nº 2. Tamén en 1945 foi delegado á asemblea na que se fundou a Federación Sindical Mundial (F.S.M.), en París.

Durante o primeiro e segundo goberno do Xeneral Juan Domingo Perón, Francisco Pérez Leirós foi proscripto, desenvovendo a súa actividade política e sindical na clandestinidade. Coa caída do peronismo retomou a conducción do gremio ata 1968. Durante a última etapa da súa actuación como dirixente sindical viaxou aos Estados Unidos; a México, á Primeira Conferencia de Servidores Públicos do Hemisferio Occidental. Participou na recuperación da CGT para a clase traballadora despois de 1958 e 1961, así como nos intentos de reorganización da central obreira. Neste último ano designáronno Secretario adxunto da Comisión Provisoria Normalizadora.

Volveu á OIT en 1961, como delegado á XLI Conferencia do organismo. Integrou a xunta directiva da Organización Rexional Interamericana do Traballo (ORIT) desde 1962. O mesmo ano concurriu ao Congreso Internacional da Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOLS), en Berlín. Foi delegado á Conferencia da CEPAL, realizada en Mar do Prata. En novembro de 1963 organizou un Seminario Municipal para membros da Internacional de Servidores Públicos.

En 1964 dictou un curso sobre problemas da súa especialidade na Universidade de Porto Rico.

Ese mesmo ano -1964-, logo de advertir das desviacións autocráticas da CGT, renunciou ao seu cargo no Consello Directivo, puntualizando feitos violatorios da presidencia sindical. En agosto de 1964 viaxou a Suecia, onde participou no Congreso da ISP, e foi designado directivo en representación do grupo latinoamericano. En febreiro de 1965 concurriu novamente a México, ao Congreso da ORIT, sendo elexido membro do comité executivo.

Francisco Pérez Leirós xunto ao seu labor como sindicalista realizou unha inmensa tarefa no socialismo crioulo. En xuño de 1912 ingresou no Partido Socialista. Desde a súa mocidade relacionábase coas máis destacadas figuras do socialismo arxentino, Juan B. Justo, Alfredo Palacios, Américo Ghioldi foron compañeiros de militancia deste emigrante nado en Porriño. En 1919 designáronno membro da Comisión Nacional de Información Gremial. De 1922 a 1924 foi membro da Federación Socialista da Capital Federal. Desde 1924 ata 1955 integrou o Comité Executivo Nacional do Partido Socialista.

Francisco Pérez Leirós foi seguramente o máis destacado dirixente sindical dentro do socialismo arxentino e unha das figuras de maior proxección do sindicalismo latinoamericano.

Durante os últimos años do segundo goberno peronista (xuño de 1943 a setembro de 1955) foi o animador e o secretario xeral do Comando Obreiro da Liberdade (COL). Entre 1944 e 1945 dirixiu o xornal "Democracia Sindical". En 1944 foi delegado ao Congreso da Democracia celebrado en Montevideo.

A aparición do fenómeno do peronismo, logo do famoso 17 de outubro de 1945, onde o Coronel Perón e a súa compañeira Eva Duarte se converten en líderes do novo proletariado proveniente do interior, suscitou un grande medo entre os sectores socialistas e liberais da Arxentina. Europa seguía en guerra contra o fascismo e os comunistas onde podían constituían Frontes Populares contra o inimigo alemán. As simpatías do Coronel Perón polas ideas de Mussolini e o ascenso da súa popularidade entre os sectores máis atrasados do proletariado foron creando as condiciones para que o conxunto de forzas democráticas se uniran nunha fronte antifascista. Así naceu a Unión Democrática, conformada polo Partido socialista, Partido Comunista, Partido Conservador, Partido Progresista e a Unión Cívica Radical. A sociedade arxentina polarizouse entre o Partido Laborista de Perón e os restantes partidos políticos. Por moi poucos votos de diferencia Juan Domingo Perón comezou gobernando democraticamente para concluir en dous gobernos de signo populista autoritario. Durante estes anos Francisco Pérez Leirós foi un tenaz opositor a Perón, o seu gremio de municipais foi tomado por outros dirixentes e o seu partido foi sistematicamente perseguido. A pesar diso, integrou o Consello Nacional do seu partido entre 1951 e 1955. En 1960 foi candidato polo Partido Socialista Democrático.

Como candidato socialista chegou ás bancas da Cámara de Deputados nos seguintes períodos: 1924-1928, 1931-1934, 1934-1938, 1942-1943. Foi membro das comisións de Territorios Nacionais, de Lexislación do Traballo e da Investigadora das industrias do azucre, herba mate, da madeira, vitivinícola e textil.

No seu labor parlamentario destacan algunhas leis de sinalada importancia na lexislación social arxentina: xubilación de gráficos e xornalistas; cerre do comercio ás 20 horas; sábado inglés; lei da cadeira.

Entre as varias interpelacións que el promoveu, destaca aquela na que enxuizou ao Ministro do Interior, Doutor Vicente Gallo, con motivo das atrocidades cometidas en algúns territorios contra os obreiros da rexión.

Nos anos 60, o partido socialista sufriu grande crise interna que se saldou coa división do mesmo. O motivo do enfrontamento non foi outro que a Revolución Cubana. Pérez Leirós tomou partido polo sector socialdemócrata constituíndose en Partido Socialista Democrático, mentres que o outro sector liderado polo mítico dirixente Alfredo Palacios foi ferviente admirador de Fidel Castro e pasouse a denominar Partido Socialista Arxentino.

Todos sabían que a Unión de Obreiros e Empregados Municipais foi para Leirós algo así como a obra da súa vida, el consagrouse a ela sobre todas as continxencias sen desmaios. Fora un dos seus fundadores en 1916 e o seu reorganizador en 1918, cando representou á entidade no congreso da Federación Rexional Arxentina FORA, e o seu secretario xeral ao ano seguinte, cargo que recén habería de resignar, pola forza, cando en 1944 os funcionarios da dictadura, respaldados por un piquete de soldados tomaron posesión do que non era seu.

Pérez Leirós foi líder dun movemento obreiro que se algunha vez se vencellaba ao poder, só era para lle esixir ou demandarlle en nome dos seus representados. Dirixíase o Sindicato sen deixar de traballar. As contas eran modestas e tamén claras e por riba da paixón ou do triunfo en que a veces derivaban algunhas asembleas, a dirección do gremio era representativa, xenuina , auténtica, pois estaba avalada polo respaldo da maioría dos traballadores.

O 14 de agosto de 1971, aos 76 anos de idade, faleceu este destacado loitador social, que dedicara toda a súa vida á causa dos traballadores. A súa esposa Ana Maffei e os seus fillos Evar, Ariel e Hugo, xunto a centos de dirixentes políticos e sindicais, brindáronlle o último adeus no Cemiterio do Oeste.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Francisco Pérez Leiros
 
Xornal obreiro de influencia socialista.
 
Parlamento Arxentino.
   
 
Pérez Leiros falando nun acto socialista.
 
 
Xornal obreiro de influencia socialista.