Personaxes da emigración

 

Francisco Pazos González

“Macoco”

Francisco Pazos González “Macoco” naceu en Redondela na rúa da Ribeira Nº 4 na primeira década do século pasado. Foron os seus pais Francisco Pazos (porteiro do concello) e Concepción González Reboredo. A familia tivo 8 fillos.

Francisco dende a súa infancia tivo unha forte inclinación polos estudios, o seu soño era chegar a ser mestre. Pola maña, trasladábase ata Pontevedra, onde cursaba a carreira de maxisterio, na Escola Normal. Mentres que pola tarde practicaba o deporte que máis lle gustaba, o fútbol. O seu amigo Raimundo Cal cóntanos: “ Macoco foi un home moi estimado no seu pobo. Carácter amábel e unha simpatía desbordante. Era un home culto, estudiará para mestre, pero tivo que abandonar a súa carreira polo fútbol”.

Co fútbol por aqueles anos non se podía vivir, polo tanto Francisco conseguiu un traballo como secretario no xulgado de Paz de Redondela. Que por aqueles anos estaba a cargo do xuíz Otero Sestelo. Segundo nos conta o seu irmán Moises, Francisco era simpatizante do Partido Galeguista, quen tiña unha forte implantación nesta vila. Algunhas daquelas figuras locais do Partido Galeguista e amigos de Francisco eran: Fermín Blanco Alfaya, Lois Carballeira Fernández, Avelino Cal Fernández, Sebastián Muíños Blanco, Francisco Pereira fernández, Telmo Tojeiro fernández, Xerardo García García, Raimundo Cal Fernández, Olimpio Giráldez Fernández, Xesús Sánchez Otero e Xosé María Blanco Alfaya.

Comezou xogando en Redondela. Axiña fichouno o Celta, para logo xogar no Palencia, o Leonesa, o Ourense e o Monforte. O seu último equipo en Galiza, foi o Unión Sporting de Vigo, un equipo que tiña o campo na Florida e súa afección era na súa inmensa maioría do Concello de Lavadores. A Unión Sporting formaba con Talladas; Pazos e Pierla; Manolito, Leonardo e Farruco; Echegaray, Cons, Chicha, Herodes e Morla. A Unión Sporting logrou na tempada 1935-36 xogar na segunda división xunto o Celta de Vigo.

Cando xogaba na Unión chegou de Salvador Emilio Cal, veciño e amigo de Macoco e Talladas. Emilio Cal levaba varios anos na emigración e formaba parte da directiva do Galicia Sporte Club un equipo que representaba a toda a colonia galega en Salvador. A idea inicial de Cal era contratar a Talladas e Pierla, pero este último non se animou a cruzar o grande océano. Ante este imprevisto Cal e Talladas non dubidaron de falar con Francisco quen sen dubídalo comezou os preparativos para a súa nova aventura. Por outro lado o contrato que lle ofreceron era bastante tentador, pagábanlle tres mil pesetas e a pasaxe.

Macoco partía xunto o seu amigo Talladas do porto de Vigo o 4 de marzo de 1936 , embarcábase no vapor alemán Antonio Delfino e partía rumbo o éxito.

A chegada a Salvador de Francisco Pazos Macoco e Talladas espertasen o grande entusiasmo da colonia galega e toda a afección bahiana. É necesario engadir que ambas contratacións internacionais seguramente foran as primeiras do fútbol profesional español, logo seguíranlle as de Langara e Zubieta.

O equipo do Galicia formaba por aqueles anos con: Talladas, Francisco Pazos “Macoco” e Bisa. Bubu, Vannni e Grandim. Dedé, Servillo, Vavá, Ferreira e Moela.

Aos poucos meses de chegar ao Brasil, estoupa a Guerra Civil. No seu pobo os falanxistas realizan unha verdadeira cacería humana, moitos dos seus veciños son fusilados, entre eles o médico e deputado por Izquierda Republicana, Telmo Bernárdez Santome, mentres que os seus fillos maiores da mesma idade que Francisco son encarcerados. A pesar de que Francisco pensaba estar en Salvador unha tempada, o comezo da Guerra Civil levouno á desición de exiliarse.

O seu paso polo Galicia Esporte Club foi destacado, xerando todo tipo de simpatías a súa persoa. A pesar de ser un xogador profesional Macoco tiña que combinar a labor deportiva coa comercial, xa que os salarios dun equipo modesto eran bastante baixos. Por isto comezou a traballar como vendedor de distintas firmas de bebidas, entre elas Branma, Licores Yacare e na firma Morgade Cortizo. Segundo coinciden todos os que o coñeceron Macoco era una persoa de bo carácter, alegre, gustáballe as troulas e a compaña dos amigos. Polas súas características rapidamente incorporouse á vida bahiana. Ou mellor dito era un bahiano máis, vivía o día ou case nunca chegaba a fin de mes. A pesar da morriña, Francisco amaba a Salvador, a súa paisaxe, os súas noites sen tempo, as súas mulleres que olian a coco e a dende. Ata que un día casou con Aida Piva Pazos coa que tivo unha familia numerosa.

Macoco, o gran defensa galego, viviu con moita intensidade a sua vida de bohemio e de emigrante. Seu paso polo Galicia abriu unha paxina de gloria do futbol bahiano. Seus restos descansan na Bahia de Todos os Santos.

Lois Pérez Leira

         
     
Francisco Pazos González "Macoco".
 
"Macoco", na foto sentado e a dereita Talladas.
 
Artigo do xornal "A Tarde ", Macoco e Talladas xogando.