Personaxes da emigración

 

Pampillón Rodríguez Segundo

Segundo Pampillón naceu en 1907 en Tameiga, Concello de Mos. Os seus pais foron Anacleto Pampillón Sío e Claudina Rodríguez Lira. O matrimonio tivo 9 fillos dos cales tan só sete chegarían a adultos. O seu pai fundou en 1904 en Sanguiñeda, unha fábrica dedicada á transformación da madeira.

Daquela Mos era un municipio rural que pola cercanía a Vigo e Lavadores tiña pouco desenvolvemento económico. Unha parte da súa poboación traballaba a terra, mentres que os outros se intentaban colocar na incipiente industria viguesa. Os máis atrevidos, como era común nas primeiras décadas do século embarcaban rumbo a América.

Segundo cursou estudios primarios e secundarios nos Salesianos de Vigo, onde rematou como Perito Mercantil. Administrou logo, o complexo Agrícola Serreril da súa familia en Sanguiñeda, e segundo conta Rosa Puente, nunha interesante evocación, foi fundador da Cooperativa Agraria do seu pobo.

Coa instauración da Segunda República, funda en Mos o partido Acción Republicana, que logo pasara a se chamar Esquerda Republicana.

O 9 de marzo de 1936 é elexido Alcalde, en representación de Esquerda Republicana de Casares Quiroga e de Manuel Azaña. Tan só pode presidir un mínimo de dúas sesións plenarias, xa que ao pouco tempo chegaría o baño de sangue.

Co levantamento das tropas de Franco no norte de África en 1936, Pampillón comeza a ser perseguido. Mos non seria unha excepción da represión franquista. En Louredo (Mos) para contar algunha das tantas historias, foi queimado vivo un veciño, en presencia da súa muller e fillos pequenos

O 2 de agosto dese ano é obrigado polo delegado militar e cabo da Garda Civil de Porriño a asinar un acta de renuncia ao seu cargo. Logo sería acusado de distintos delictos, que significaban a pena de morte. É encarcerado en Tui e meses máis tarde transladado, primero ao frontón de Vigo e logo ao cárcere da Rúa Príncipe. Mercé a intermediación do seu sogro, o coñecido médico de Porriño, Paz Varela logra saír en liberdade e ao pouco tempo foxe a Portugal, onde foi reclamado polo seu irmán Cándido, que xa estaba exilado na Arxentina, desde setembro de 1936.

O propio Pampillón comenta aquela etapa: "Fun organizador de Acción Republicana, chamada máis tarde Esquerda Republicana, requisando armas –segundo a denuncia- fabricando bombas, propaganda comunista e outras cousas máis". Noutra parte sinala: "De moitas cousas xa me esquecin delas, ¡son moitos anos!, e doutras fixen forza para esquecelas, e poder salvar o corpo e a alma; diante de tantas inxustizas, de tantas miserias humanas e padecementos, moi poucos saímos daquel inferno con virtudes de persoa nin con moitos anos para seguir vivindo".

O seu paso polo cárcere de Tui tamén foi contado nunha novela de Aníbal Otero chamada "Esmoriz"; o autor da obra, quen foi compañeiro de cárcere de Pampillón, noméao a través do seudónimo <Artaza>.

Á súa chegada a Bos Aires en abril de 1937, súmase ao Centro Republicano Español onde a maioría dos seus dirixentes eran exilados galegos. Xunto a García Gerpe, de Esquerda Republicana coma el, desenvolven un intenso labor antifranquista. Desde as páxinas de "España Republicana", órgano daquel Centro, e en coordenación coa colectividade española progresista realizan distintas campañas de denuncia do réxime franquista. Co transcorrer dos anos o Centro Republicano foi perdendo aos seus máis activos dirixentes e aos poucos foi perdendo influencia e sentido de continuidade. Durante a década do sesenta Pampillón foise acchegando á colectividade galega, incorporándose de cheo nas súas actividades. Foi membro do Consello de Galiza en 1960 e participou moi activamente do Instituto Arxentino de Cultura Galega do Centro Galego de Bos Aires. Tamén incursionou no xornalismo radial sendo o coordenador de programa "Galiza en América" de Radio Nacional, así mesmo colaborou no programa "Galicia Emigrante" que dirixía Luís Seoane.

A súa actividade comercial neste país foi moi variada. Tivo unha xoiería en sociedade co seu irmán, e fíxose artesán en xoias. Como así tamén fabricou mobles no barrio de Villa Crespo, etc.

O que lles escribe, cando comezou a frecuentar case a finais da década do 70 o Centro Galego e a oficina do Instituto mencionado, tivo a sorte de coñecer a Segundo Pampillón. Non había acto cultural ou político da colectividade onde este mosense non estivese. Nas Xornadas Patrióticas, nos cursos de idioma galego nas reunións da oposición franquista, reclamando a fin do réxime dictatorial ou solicitando a Autonomía para Galiza. A Pampillón era común velo xunto a Prada, Tacholas, Abraira, Cupeiro, José Domínguez, Sánchez Millares, Antón Santamarina, Bernardo Souto e Víctor Molinari. Ás veces cando me lembro de todos eles, repróchome non ter entendido no seu momento a importancia daquela xeración que tanto fixo pola nosa Galiza. Aos poucos anos destas lembranzas, máis exactamente en 1980 Segundo Pampillón deixábanos para sempre. La revista "Galicia" do Centro Galego nunha breve e emotiva necrolóxica sintetizaba algúns aspectos da súa persoalidade:

"Fóisenos por unha senda clara, como limpa fora a súa existencia; e ao penetrar no cono de sombra, deixounos en prenda a lembranza dun trato afable e unha intachable conducta no persoal, e o exemplo dunha liña xamais crebada, perseverante, no tocante aos seus ideais democráticos.

Pampillón non foi o activista de posturas polémicas nin era afecto ás actitudes espasmódicas, senón o home dun accionar mesurado, pacifico, mais que non está disposto a arriar as súas bandeiras por nada nin diante ninguén. Avanzado executor das causas nobres en pro da súa Galiza amada e en canto tivese relación coa nosa cultura; traballador incansable e tenaz en canto ao Centro Galego se refire. No Instituto Arxentino de Cultura Galega deixou a pegada indeleble do seu labor singular, eficiente e de vastos alcances."

En 1996 o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha moción solicitando que o Concello de Mos lle dedicase unha rúa co nome de Avenida do Alcalde Segundo Pampillón Rodríguez. O 2 de agosto de 1997 o Concello de Mos realízalle a mencionada homenaxe, coa presencia das forzas políticas, os seus veciños e os seus familiares. Con motivo desta homenaxe o escritor Méndez Ferrín, desde a súa columna do Faro de Vigo, lembraba ao noso biografado: "A figura política de Segundo Pampillón non deixou de ter relevancia na comunidade de exiliados e emigrantes galegos de Buenos Aires. Coñecímolo a finais dos cincuenta ou principios dos sesenta, cando comenzou a deixarse ver por Vigo en xuntanza do Círculo de Galaxia. Este cronista diulle por primeira vez unha aperta no restaurante Gran Hotel, Ao termo do xantar no que se celebrou a inauguración da Fundación Penzol. Daquela, a súa fala de tonos agudos, a súa alta talla, a súa rebordante simpatía chamou a atención deste cronista. Simpatizamos moito"

 

Lois Pérez Leira

         
     
Pampillón Rodríguez Segundo