Personaxes da emigración
 

 

Otero Abeledo Xosé

"Laxeiro"

Xosé Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, naceu na parroquia de Don Ramiro-Lalín o 23 de febreiro de 1908.

No 1914 mudouse cos seus pais a Botos-Vilarmaior-Lalín. Alí comezou as fábulas da infancia, os seus primeiros debuxos e poemas.

En 1921 emigrou a Cuba cos seus pais. Traballaba de día e asistía a clases de debuxo no plantel de ensino "Concepción Arenal" do Centro Galego da Habana.

Laxeiro quedou impresionado polas primeiras exposicións que viu na Habana: a de Jesús Corredoira e a de Ignacio Zuloaga.

En 1925 volveu a Galiza doente dunha enfermidade. Ao chegar exerceu de barbeiro en feiras, e era coñecido como o "barbeiro-pintor" de Lalín.

O propio Laxeiro cóntanos como foi o seu regreso de Cuba: "Cheguei de Cuba a Botos no ano 1925 cun catarro bronquial tremendo e estaba moi feble. Voltei só no mesmo barco que me levara a Cuba no "L'Espagne" mais esta vez desembarquei no porto de Vigo. A viaxe foi tremenda porque no barco viña un grupo numeroso de tuberculosos e vin morrer moita xente. Xa en Botos fun consultarme cun médico moi bo da parroquia que conseguiu curarme e que me aconsellou polo camiño acerca da muller e do home para poñer en marcha a un mozo de dezasete anos. Visitaba algunha vez a miña antiga mestra dona Teresa que me volveu a animar no asunto do debuxo. Desde aquela comecei a atoparme forte e con ganas de traballar. Pasaba todo o día metido na casa debuxando e cando ía a algunha romaría as rapazas tíñanme que levar case á forza porque era tímido e tíñalle medo ás mulleres.

Aos dezasete ou dezaoito anos tiven que pasar unhas horas na cadea. O asunto foi que me apareceu un anxo e aínda que eu me asustei díxome: "Pepiño, tes que casar ao Cambote e á Mariquiña". Era unha parella de vellos: el tería algo máis de oitenta anos, traballaba de xornaleiro e falaba moi mal -cagábase sempre en Deus- e ela case que noventa. O crego non os quería casar. Entón vestinme eu de crego peguei unha barba postiza e caseinos nunha eira ás cinco da mañá en presencia de moitos veciños. A xente non estaba afeita a este tipo de milagres e o crego sóuboo e denunciounos por sacrilexio aos que estivemos na cerimonia. A Garda Civil levounos detidos a todos. O xuíz de instrucción, que era un andaluz moi simpático e tiña unha amante que era a moza máis fermosa da vila, soltounos logo e ademais puxo ao crego a parir porque non os quixo casar. Aínda que co meu casamento xa quedaran unidos para toda a vida.

Nunca cortaba o cabelo, tíñao longuísimo e caíame polos ombreiros. Estaba fodido porque a miña avoa non me daba cartos ao non traballar no campo; entón foi cando tiven a idea de facerme barbeiro de feiras. Así estudiaba as características dos nosos paisanos facédonlles debuxos para analizalos ben nos momentos en que non tiña clientes para lles cortar o pelo. O da ferretería fiárame setenta pesetas das daquela para mercar ferramentas de barbeiro. O primeiro corte de pelo fíxenllo a un picapedreiro que traballaba en Francia nunha feira que había cada mes en Vilatuxe, preto de Lalín, que era coñecida como a Feira dos Carballiños ou feira do día oito. Montei o meu posto de barbeiro cun rótulo que dicía: Barbería de J. Otero. O asento era unha simple táboa. Fíxenlle un corte tan perfecto a ese primeiro cliente que me valeu unha boa malleira, a consecuencia da cal tivéronme que levar á casa nunha mula e sen coñecemento ata un día despois que comecei a falar milagreiramente. Polo visto xa me deran a extrema unción estando inconsciente como pasaporte para o outro mundo. Despois disto fun á vila para aprender a cortar ben o pelo e xa ao mes seguinte na seguinte feira tiña feitos de grande barbeiro. Puxen unha barbería noutra vila en Prado, na estrada de Ourense, onde coñecín unha rapaza chamada Luísa coa que comecei a saír e ao pouco tempo xa nos fixemos mozos serios. Era fermosísima e bailaba a muiñeira mellor que ningunha outra muller. Tívena que deixar preñada a propósito porque a súa nai non vía ben as nosas relacións. Naceu a miña filla Mari Cruz, Marujita, no mes de maio de 1930 mais non casei ata catro anos máis tarde en 1934, cando tiña eu 26. En 1937 tiven un rapaz Néstor Gonzalo, mais morreu aos dez meses de nacer. De Prado leváronme de oficial primeiro a unha barbería de Lalín. Era xa un barbeiro afamado, 18 pesos ao mes e as propinas. Nesta barbería atopábame como se estivese no estudio dun pintor. Alí tiña o cabalete e todos os vagos que había na vila posaban para min, eran os meus modelos para facer o ingreso na Escola de Belas Artes de San Fernando, que foi sempre a miña gran ilusión e polo que entón loitei. Lembro os modelos que pasaban pola barbería; estes eran ben populares: Angelito do Ferreiro, que era un pouco parvo e medio tolo e traballaba cun ferrador de cabalos; outro tipo que viña case que todos os sábados e que andaba coa cabeza torta mais non me lembro agora do seu nome, e mesmo algunhas veces viña o Naranxo, un tolo manso e marabilloso.

Polo 1928 ou 1930, non me lembro ben, tiven a sorte de coñecer ao pintor Manuel Colmeiro. Ensineille os meus traballos e gustáronlle moito. El foi quen me animou para que me presentara aos concursos de bolsas da Deputación de Pontevedra. Colmeiro tamén me presentou en Vigo a un pintor arxentino que logo sería o primeiro que me abrazou cando cheguei alí no ano 1951. Chamábase Enrique de Larrañaga, quizais fora polo ano 28 data en que gañara unha terceira Medalla Nacional en Madrid. Larrañaga foi o que me deu tamén a primeira lección real de pintura nun estudio que tiña na rúa viguesa Policarpo Sanz dicíndome despois de verme os debuxos que lle gustaran: ponte a pintar con cor e se non tes cartos para mercar óleo pódelo facer con terras baratas que consegues ti mesmo con cola de carpinteiro ou de coello diluída en auga e comezas a manchar sobre un papel calquera. Se es pintor xa che irá saíndo. Esta lección aínda hoxe a teño presente porque era unha lección de liberdade.

No fondo aínda permanecen as lembranzas desa época dos anos vinte daquelas feiras galegas de Bandeira, Cruces, Silleda, Lalín, A Golada, Rodeiro, que eran un fervedorio de vida e de cor. Naquel grande mercado de Lalín pletórico de vacúns, aves e productos rexionais, cortei cabeleiras e afeitei con man torpe ao principio, debuxei no tempo libre ás xentes do pobo, oín cantar ós cegos guiados por mozas aguerridas que lles servían de lazarillo; cegos aqueles algo truáns que tocaban o violín e improvisaban cantares particularísimos a persoas determinadas coas referencias que as mozas guiadoras lles sopraban ao oído...".

Dado o talento que demostraba o mozo pintor o Concello de Lalín en 1931 concedeulle unha bolsa para estudiar Belas Artes na Academia de San Fernando de Madrid. Un ano despois foi a Deputación de Pontevedra quen lle outorgou unha bolsa para continuar naquela afamada academia.

Laxeiro aproveitou a súa estadía en Madrid para frecuentar as tertulias do Café "Granja El Henar" para atoparse cos intelectuais do momento e especialmente cos galegos. "Neste Café xuntábamonos todas as noites e facíamos un grupo de galegos ilustres: Castelao, Picallo, os irmáns Villar Ponte, os Dieste, Risco, Alonso Ríos, e os sábados moitas veces, o poeta García Lorca".

Laxeiro realizou en 1934 a súa primeira exposición na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago. O pintor mantiña unha fluída relación coas tertulias do Español e do Derby.

Logo realizou en 1935 a súa segunda exposición nunha sala da rúa Michelena (Pontevedra).

Co alzamento militar de Franco de xullo de 1936 Laxeiro foi sorprendido organizando unha exposición de debuxos.

Malia que tiña frecuentado ambientes republicanos, Laxeiro non tiña militancia política, polo que non foi obxecto de persecucións. En 1937 foi recrutado forzosamente ata 1939. Ao rematar o seu servicio militar instalouse na cidade de Pontevedra. Nesta cidade pintou en 1941 os murais do Cine Balado de Lalín e o mural "O manantial da vida" do café Moderno de Pontevedra, onde aparecía un concepto claro de neofiguración consagrado nos sesenta.

Un ano despois estableceuse en Vigo: "Pasei alí días de fame e agasallei murais ás paredes..." lembraba o pintor.

A súa primeira exposición importante nesta cidade realizouna en 1945 na Sala do Casino de Vigo. Outra das exposicións dos anos corenta son: 1946-Murais na taberna "El Caserío". Expuxo xunto a Virxilio Blanco en Compostela. 1947- Convidado a expoñer en Bilbao: Sala Studio. Exposición de debuxos na galería "Estilo" de Madrid. Exposicións na Asociación de Artistas da Coruña e na Sala Velázquez do Teatro Fraga de Vigo. 1948-Exposición na Sala Velázquez de Vigo. "Exposición relámpago" na taberna "El Capitán ". Pintou un dos seus cadros máis famosos: "Transmundo" 1950-Exposición na Sala Velázquez en Vigo.

En 1951 mudouse a Bos Aires xunto con ao seu gran amor e compañeira Lala. Levou consigo a obra de sete artistas galegos convidados a expoñer na capital. Desde entón e ata 1970 permaneceu na Arxentina constituíndo esta unha das etapas máis fecundas e influíndo de xeito decisivo nas novas xeracións dese país.

Na Arxentina expuxo nunha morea de salas as máis importantes foron: 1951- Mostra de debuxos nos "Martes Bohemios da Boca", Bos Aires. 1954-Sala da Sociedade Iberoamericana, Bos Aires. 1955-Inauguración -cunha exposición- da Sala de Arte do Centro Lucense. 1957-Exposición na Sala Velázquez, Bos Aires. 1962.Exposición na Sala Prisma de Madrid. "50 anos de pintura figurativa española". Galería Charpentier, París. Participan, entre outras 30 seleccionadas, obras de Solana, Regoyos, Vázquez Díaz, Nonell, B. Palencia... 1964-Exposicións na Sala Lascaux, Sociedade Estímulo de Belas Artes, Galería Boado e na Sala Velázquez, Bos Aires. Elixido Vicepresidente da Sociedade Arxentina de Artistas Plásticos. Importante labor de conferenciante que causa impacto no ambiente artístico bonaerense: "O bicho creativo", sobre a arte moderno. 1965-Exposición na sala Lascaux, Bos Aires. Exposición na Asociación de Artistas da Coruña. Importante conferencia no Museo de Artes Plásticas da cidade da Plata sobre "As barrigas verdes da pintura". 1966-Exposición de máis de 70 obras na Sala Quixote, de Madrid. 1968-Exposición na Sala Biosca, de Madrid. 1970-Grande retrospectiva na Art Gallery International de Bos Aires. Volta a Galiza. A etapa galaico-madrileña (1970-1996). 1981-"Antoloxía Homenaxe a Laxeiro", organizada por Atlántica, en Vigo, con máis de 300 obras. 1985-Exposición antolólixa na VIII Bienal Nacional de Arte de Pontevedra. 1996-No Centro Galego de Arte Contemporánea. En 1983 o Concello de Vigo adícalle un Museo Monográfico.

Laxeiro foi un home comprometido co seu tempo, foi un home de esquerdas sensible ao mundo que o rodeaba. Foi un gran amigo dos seus amigos. Nas súas lembranzas sempre estaba Lala, os seus anos na Habana e Bos Aires, algún amor furtivo.

Na intimidade encantáballe o humor, gustáballe cantar e dar discursos en distintos idiomas que el dicía que coñecía mais que en realidade inventaba para facer rir aos seus amigos.

Coñecín a Laxeiro en 1990 ao pouco de chegar de Bos Aires, participei nalgunhas das tertulias do Goya. A Laxeiro gustáballe que lle comentara como estaba a Arxentina. Falábamos dos nosos amigos en común: Cuadrado, Lores, Benito e José Domínguez, etc. Sempre se lembraba dalgunha anécdota. Notábaselle feliz falando daqueles tempos.

Nunha entrevista que lle realizou Fernando Elorrieta Rey comentounos algunhas lembranzas do seu paso pola emigración cubana: "Na Habana estiven catro anos desde o ano 1921 ata o 1925. Alí fíxenme pintor pois tiven a sorte de ir a clase de debuxo e pintura mais ademais tiven nese pouco tempo unha chea de vivencias daquela cultura afrocubana, das súas crenzas, do son e do ritmo e tamén aprendín como un mozo do meu barrio Kid Chocolate (campeón do mundo de boxeo) a "fajarme" e a defenderme. Traballei nunha fábrica de manteiga que se chamaba "El País", despois traballei cun negro facendo publicidade polas rúas, traballei de toneleiro e máis tarde nunha compañía chamada "Ballesteros Hermanos" na sección de vidrieiras de chumbo. Alí como debuxante de vidrierias pagábanme catro dólares diarios que era un salario moi bo. Nese intre púxenme moi mal de saúde e tiven que ingresar na quinta do Centro Galego e de alí mandáronme a España para finar. E xa ves aquí estou. Cuba quedou prendida no meu corazón co seu cromatismo e ledicia de vivir e cunha carga misteriosa de ritmos e harmonías". Sobre o seu paso por Bos Aires relátanos Laxeiro: "...Valeume moito a miña estadía na Arxentina porque cheguei a un país no que valoran a arte e ademais cheguei cando os arxentinos cultos comezaron a darse conta de que alí había moi bos pintores e comezaron a mercar obras de arte. Eu atopábame alí como na miña terra... Foi unha época moi boa para o meu espírito e para os meus sentimentos. Vivín a tope aquelas vivencias e nunca as poderei esquecer. Sí é certo, Bos Aires foi un xarope doce e inesquecible para min como home, como artista e como galego".

Co transcorrer dos anos compartín outros momentos co xenial artista, lembro unha entrañable cea no Posto Piloto de Vigo xunto a Cuadrado e Lores, as visitas a súa casa da rúa Urzáiz, as festas na casa de Raimundo Orozco, os encontros casuais pola rúa do Príncipe. O noso último encontro sería no Hospital Xeral, o noso grande pintor achegábase cara á morte.

Aos poucos meses dese último e fugaz intecambio de saúdos Laxeiro finaba. Era o 21 de xullo de 1996, o noso pintor máis xenial deixábanos para sempre con el íansenos todas as cores e todos os soños.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Xosé Otero Abeledo "Laxeiro"
 
Casa de "Laxeiro" en Cuba.
 
Debuxo de "Laxeiro", realizado por Seoane.
 
"Laxeiro", traballando na súa casa na cidade de Vigo.
 
Na súa casa de Vigo, dende a esquerda da foto sentados Arturo Cuadrado, "Laxeiro, Paco Lores, e outro, de pé Lois Pérez Leira.
 
"Laxeiro", na súa casa na cidade de Vigo.
 
Óleo de "Laxeiro", autorretrato ano 1977.