Personaxes da emigración
 

 

Lino Novás Calvo, o home que chegou a Cuba de ningún país


O mellor narrador das letras cubanas era este galego de As Grañas do Sor. Militou no V Reximiento durante a República española e foi o primeiro tradutor da obra de William Faulkner, D.H. Lawrence e Ernest Hemingway ao español. Foi exiliado en Cuba, Venezuela e nos Estados Unidos.
O 24 de setembro de 1903 naceu Lino Novás Calvo en As Grañas do Sor, Mañón, A Coruña. Rexistrado como fillo natural de María Calvo Rego, cos nomes de Lino Gonzalo. O seu pai, Lorenzo Novás non o recoñeceu senón até o 2 de xaneiro de 1909, segundo se fai constar nunha nota adicional á partida de nacimento.

A sua nai, que tiña como oficio o de costureira, asumiu soa a sua crianza. Estudou na pequena escola da parróquia da aldea, á vez que araba a terra e cuidaba do gando. As crecentes dificuldades económicas obrigaron á sua nai a tomar a decisión, de enviar a Cuba a Lino, cun tío materno.

Lino sempre deu como ano da sua chegada á illa o de 1912. "Non viña de nengun país", lembraba anos despois, "viña dun monte e dese monte metinme nunha grande cidade, ainda que A Habana de entón era rapaciña, pero en comparación coa aldea onde eu nacin resultaba abondo grande". Realizou os máis variados traballos: dependente de fondas, mandadeiro, limpador e empregado dunha fábrica de sombreiros. Tamén foi carboneiro e chofer de aluguer. Estudou inglés nunha escola nocturna e, desde entón, vencellouse a ese idioma, de tal xeito que chegou a dominalo totalmente para realizar traduccións que aínda hoxe están vixentes dentro da literatura norteamericana na língua española.

Quixo tamén ser boxeador e comezou a adestrarse nunha azotea, pero mais que o esporte, a razón que o moveu a ese empeño "foi a necesidade de compaña. Sentiase abondo só e procuraba un grupo para asimilarse […] Non tiña condicións porque era robusto […] até que lle propinaron un nocao e se retirou". En 1926 estivo oito meses en Nova Iorque baixo a condición de imigrante ilegal. Alá desempeñou diversos labores menores e pudo aperfeizoar o inglés. De volta a A Habana continuou traballando como chofer de aluguer. Leitor insaciábel e ao tanto dos acontecementos literários da illa, non duvidou en comentar cos seus compeñeiros taxistas a aparición da Revista de Avance (1927-1930), principal órgao da vangarda artística cubana, pero pudo comprobar que "ninguén a entendia", segundo recoñeceu nun artigo titulado " Mi fichero " publicado en 1931.

Á Revista de Avance enviou o seu poema Camarada baixo o pseudónimo de Lino María de Calvo.

Moitos anos despois Novás comentaba: "Cando escrebin o primeiro poema na Revista de Avance, iso era como facer o contrário que eles estaban a publicar, porque esa era a revista dos “señoritos”, da literatura enxebre, como a revista dos Contemporáneos de México. Eran cuspidas un á outra. Era a vangarda, movimento da nova xerazón burguesa. Desligabase das realidades sociais, políticas e humanas. A vangarda foi desumanizada. Pero como eu non podia facer literatura desumanizada a eles gostaballes ter a nota proletária".

Os fundadores da publicación vangardista o animaron a que continuase criando e conseguiron para Lino un emprego na libraria Minerva, situada en Obispo y Bernaza. O seu traballo alá consistia en manter actualizado un arquivo cos libros que re recebian. Mentres, continuou colaborando en Avance con poemas, ensaios, unha curta peza de teatro vangardista titulada "El ahogao" e, sobre todo, con reseñas a libros na sección Letras. Asemade, entre xuño e decembro de 1930 fixo a sección libros importantes do mes na Revista de A Habana.

Esa mesma publicazón outorgoulle unha mención de honra ao seu conto "El bejuco", nun concurso baseado en temas costumbristas cubanos. Apareceu na revista Social en decembro de 1931, a que, posteriormente, deu a coñecer outros contos seus. Lia, escrebia, asistía a exposicións. nunha delas coñeceu a José María Chacón y Calvo, xa estabelecido como crítico e ensaísta, quen desde entón foi o seu grande amigo.

O ano de 1931 foi crucial na sua vida. A empresa editorial que publicaba o Diário de la Marina decidiu fundar o semanário gráfico Orbe (1931-1933). O seu redactor xefe era José Antonio Fernández de Castro, quen estaba moi vencellado a Novás, e pudo conseguirlle unha praza de corresponsdente en Madrid. No mes de xuño embarcou no "Cristóbal Colón". Deixaba Cuba nunha situación política difícil debido ás extralimintacións da tirania de Gerardo Machado, duramente combatida polo pobo. Desde o próprio barco remitiu a Orbe a reportaxe titulada "Buceando na terceira. De A Habana a Nova Iorque", onde narra as suas experiencias como pasaxeiro de derradeira categoria durante a primeira etapa da sua longa viaxe. Chegou ao porto de A Coruña, de onde mesmo partira case vinte anos atrás, e de imediato foi á sua aldea natal a ver á nai.

O reencontro con Galiza fixo que escrebera tres crónicas para Orbe: “Hombres de mar y mujeres de orilla. Instantáneas galegas”, “Por la aldea de Galiza” e “Por las aldeas de Galiza. Las escuelas”, que se publicaron en números correspondentes a agosto de 1931.

Lino chegou a Madrid en plenas férias de verán, canícula e mes que impediu comezar a traballar. Ademais, segundo comentaba ao seu amigo, o director da revista, Fernández de Castro, "o problema do escritor novo é abondo difícil aqui, tanto ou mais que aí. Os mesmos 'consagrados' non están moi ben. Onde está o 'ambiente' literário que nos figurabamos desde Cuba? Nada; reducese a unhas cantas intriguiñas. Non hai espazo. Non hai onde publicar un mal conto". Porén, foi mergullándose no mundo cultural madrileño e logrou entrevistar para Orbe a figuras relevantes como Fernando de los Rios, Antonio Marichalar, Eugenio D'Ors, Carmen de Burgos; e tamén escrebeu numerosas reportaxes onde recriou a vida capitalina: os teatros e outros espectáculos artísticos, os touros, a política, o rio Manzanares. A sua sinatura comezou a aparecer con certa frecuéncia en moitas das mais importantes publicacións da capital do Estado español. Grazas ás xestións de Chacón y Calvo, daquela secretário da Legación de Cuba en Madrid, foi nomeado segundo secretário da sección de Literatura do Ateneo Científico e Literário, a cuxa biblioteca asistía diáriamente para preparar os seus traballos e consultar materiais. Como os envios monetários de Orbe non eran suficientes, realizou as traducións do inglés ao español de obras de Aldous Huxley, Contraponto, e a primeira traducción ao español de de William Faulkner, Santuário, autor que grazas a esta tradución, reimpresa en múltipis ocasións, coñeceuse en español por vez primeira, e outros autores mais.

As suas colaboracións fixeronse mais frecuentes en Revista de Occidente, tanto con contos como con reseñas a libros, sendo o escritor latinoamericano (inda que galego) mais publicado durante a primeira etapa (1926-1936) da revista. José María Chacón y Calvo, en carta a Fernández de Castro datada en Madrid en 1932, valorou este momento da vida de Novás de maneira moi eloxiosa:

“Sei que sabes ben quen é Lino Novás. Nada hei che dicer da exemplaridade da sua conducta. Un bo escritor é raro sempre. Un bo escritor de honradez perfeita é moito mais raro ainda. Abraianme os seus estudos de autodidacto […] Está catorce e máis horas na biblioteca do Ateneo”.

Ao cesar Orbe en 1933 a sua situación económica fixose case insostíbel, polo que debeu traducir de todo, moitas das veces sen pór o seu nome na tradución.

Foi entón que as suas ideas políticas comezaron a tomar certo xiro anarquista e chegou a militar na FAI (Federación Anarquista Ibérica). En 1933 publicou, tras un arduo traballo de investigación, e por encargo da colección "Vistas extraordinárias", de Espasa Calpe, a 'autobiografía novelada' Pedro Branco o negreiro, que tivo moi boa acollida no mundo intelectual madrileño, incluído o eloxio de Miguel de Unamuno.

En 1935 fixo unha viaxe a París por breve tempo, ainda que iso lle permitiu afianzar os seus coñecementos do idioma francés, ao ponto que ao seu regreso a Madrid traduciu libros do francés para Espasa Calpe e para a editorial arxentina Sur, coma por exemplo Os pequenos burgueses, de Honorato de Balzac. A comezos de 1936 decidiu trasladar-se a Barcelona, onde continuou realizando labores como tradutor e escrebendo para a prensa. Publicou na cidade condal Un experimento no bairro chinés.

Volve cara a Madrid. Comezo da guerra, o alzamento militar de xullo dese ano surprendeuno no norte da península, mentres facia unha reportaxe sobre as cadeas españolas. Volveu á capital no derradeiro tren que arribou dende o norte e comezou a viver a guerra civil coma millóns de madrileños na capital sitiada polos feixistas.

Lino, que non pertencia a ningún partido viu que a República, ideolóxia e humanamente, representaba algo máis afín ás suas ideas e xeito de vida. Comezou a colaborar no semanário Ayuda, órgao do Socorro Vermello Internacional, e fixo-se membro da Federación de Estudiantes Hispanoamericanos. Participou en requisas e incautacións e incorporouse ao Quinto Reximento como oficial de enlace da brigada de Valentín González (O Campesiño).

A morte non o axexou na fronte de combate. Na Casa da Cultura de Madrid foi acusado, ante un auditorio de máis de mil escritores e artistas reunidos no II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, de ter publicado vários artigos en contra dos mineiros asturianos, o cal implicaba o seu fusilamento imediato. Foi conducido ao madrileño Pazo Spinola até que o acusador, Carmona Menclares, apresentase probas na sua contra. José Bergamín se autonomeou o seu avogado, mentres Pablo Neruda, Rafael Alberti e María Zambrano defenderon nese ridículo xuizo a Lino. Ao non poder apresentar o citado denunciante a testemuña probatoria, foi absolto, pero o incidinte conmoveu a súa psique de xeito definitivo. A morte en combate de Pablo de la Torriente Brau o afectou profundamente. En carta ao seu amigo Chacón y Calvo, datado en Madrid o 21 de decembro de 1936, expresaba-lle:

“Hoxe, dia 21 de decembro, deronme a notícia: o noso entrañabel Torriente Brau ficou ferido de morte, en campo inimigo.

Prefiro dar-lle asi, brutalmente, a mesma notícia. Non teño ánimo para facelo doutro xeito. Bastoume tratalo pasaxeiramente en Cuba, e brevemente aqui, para lquerelo como a un irmán. Cuba perdeu (damolo xa por perdido): percebemolo todos ; levareino no corazón mentres viva”.

En 1938 foi de novo a Barcelona e, casou, baixo leis que posteriormente, ao ser derrocada a República, non foron recoñecidas como válidas, con María Luz Nieto, que era a sua compañeira de traballo. Ante a difícil situación pola que atravesaban as forzas republicanas se viu obrigado a cruzar os Pirineos e chegou a París "esquivando os campos de concentración, con toda a traxédia de España sobre a alma e un trapo sobre o corpo", segundo comenta a Chacón y Calvo nunha carta escrita na capital francesa o 11 de febreiro de 1939. Grazas aos amigos cubanos alá radicados e do próprio Chacón, pudo volver a A Habana, o mesmo mes e o mesmo ano no que remataba a guerra civil española.


1940-1960

Pasou a traballar case de imediato ao periódico Hoy, órgao do Partido Socialista Popular, onde mantivo, durante o resto dese ano e parte de 1940, a coluna semanal "Una hora del mundo", onde comentou preferentemente diversos feitos da recén finalizada guerra en España, ainda que tamén abordou temas locais e internacionais, publicou o conto "O comisário cego"e a peza teatral "Os alzados do cuadrilatero". Pouco despois de abandonar o periódico Hoy por soster algunhas discrepancias de orde política cos dirixintes do citado Partido.

Pasou a traballar á revista Ultra (1936-1947), dirixida por Fernando Ortiz onde realizou labores de tradución e, en ocasións, realizou funcións de director interino. En 1940 contraiu matrimónio coa xornalista e poetisa Herminia del Portal. Compartiu con José Antonio Portuondo e outros intelectuais o espazo radial "Hora Ultra de Cultura Popular", dedicado a entrevistar figuras destacadas dese ámbito, e comezou a colaborar na revista Bohemia, da que chegou a ser xefe de información entre 1954 e 1960.

O ano 1942 foi importante para LiNo Novás Calvo, pois recebeu o prémio de contos "Hernández Catá", un dos mais recoñecidos do momento, polo conto titulado "Un dedo encima", ademais de publicar o volume A lua nona e outros contos, editado pola editorial Losada, de Argentina, libro que en 1943 mereceu o Prémio Nacional que nese xénero outorgaba o ministério de Educación. Tamén prologou o libro Orbita de España en 1943, de Fernando Campoamor.

“Estiven dentro daquel sangue e daquel lume. Non podo dicer que os vira. Estaba demasiado dentro deles para ver. Por iso, ao retorno, que é como voltar da morte, interesame comprender as cousas que tiven perto de través dos demáis e estudar realmente, no documento e na dor alleas, o que alá pasou. […]


“A que alá, españois e internacionais libramos, será sempre a batalla inicial de todas as batallas da nosa época. Por iso está ben que, todos os que a vivemos de perto ou a distánza, levemos ao papel a sua sentida e a sua paixón. […]

España é unha tumba, é un deserto coberto de esqueletos, pero sobre esa pele sementada de morte escrebeuse unha grande lección que o mundo xa debeu aprender. Alá deuse.

O exemplo que outros pobos souberon imitar. E iso é algo. Iso di mais que todas as batallas fulminantes”.

O 19 de xuño de 1944 naceu a sua única filla, Himilce, na actualidade escritora e especialista en relazóns públicas, que mora nos Estados Unidos. Ao ano seguinte Novás integrou a filial cubana do PEN Clube internacional e obtivo o prémio xornalístico "Enrique José Varona" polo seu artigo "Unha América sen patiños feos", aparecido no xornal Información, onde por entón publicaba dous comentários semanais sobre diversos temas, con preferéncia os de carácter cultural. Algún tempo atrás abandonara o seu traballo na revista Ultra por desavenencias con Fernando Ortiz. Continuou en Bohémia, onde atendía as seccións "En pocas palabras" e "Así va la ciencia" e daba a coñecer reportaxes, artigos, traducións de diverso carácter e contos, preferentemente de temas policiais. En 1948 gañou outro prémio xornalístico, o "Eduardo Varela Zequeira", coa reportaxe "Guerra de nervos en Santa Lucia", que aparecera en Bohémia en xullo dese ano.

Nestes anos aparecera en forma de libro o seu conto longo Non sei quen son (México, 1945) e en 1946 o volume de contos titulado Cayo Canas, publicado en Bos Aires e o conto "Nos traspatios", editado en A Habana.
Entre 1949 e 1951 Lino Novás Calvo viveu anos difícis a partir da sua cesantía como profesor auxiliar de francés da Escola Normal de Mestres de A Habana. Agás do impacto económico, experimentou un rudo golpe emocional que gravitou sobre el profundamente. A raiz deste feito, provocado por non posuir o título que avalara a sua condición de graduado desa língua, matriculou na Escola de Idiomas anexa á Universidade da Habana e en 1955 concluiu os seus estudos, ainda que un pouco antes fora restituído ao seu cargo. Unha das poucas alegrías deses anos, particularmente en 1953, a proporcionou a oportunidade de traducir ao español, por primeira vez, a novela de Ernest Hemingway O vello e o mar (1952), que foi publicada pola revista Bohémia no número correspondiente ao 15 de marzo e posteriormente pola revista Life na sua edición en español do 30 do próprio mes. Esta tradución foi a única autorizada polo célebre narrador norteamericano. Desde esa data ambos estabeleceron unha sólida amizade, unha das poucas que o norteamericano sustivo con figuras do mundo intelectual cubano.

A finais dos anos cincuenta, sen que o seu estado emocional sofrese variacións notabeis, xa que , sobre todo a partir do seu regreso a Cuba en 1939, foi sempre un home atormentado e suxeito a fortes crise emocionais, logrou atinxir certa estabilidade económica, á que contribuiu o nomeamento da sua esposa como directora da revista Vanidades. Tras o triunfo da Revolución en 1959 viu a luz en México o seu volume de contos O outro cayo, que reúne pezas de A lua nona e outros contos e Cayo Canas. En outubro de 1959 foi xurado do primeiro concurso literário convocado pola Casa das Américas. A metade de 1960 pediu asilo político na embaixada de Colombia en Cuba. Viaxou a Miami e posteriormente á cidade de Nova Iorque. Desde esa cidade remitiu ao seu amigo José María Chacón y Calvo unha carta datada o 17 de agosto de 1963 na que expresaba a profunda dor que lle provocaba o exílio. Colaborou en varias publicacións periódicas e, en 1967, foi nomeado profesor de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Syracuse, no estado de Nova Iorque. En 1970 publicou o libro Xeitos de contar, onde reuniu dezaoito contos, dos cais trece foron escritos -e alguns publicados no exílio, en tanto que os restantes xa foran dados a coñecer nos seus libros anteriores. En 1973 sofreu un ataque cerebral do que pudo recuperarse, ainda que se viu obrigado a retirarse do seu cargo de profesor da citada universidade, que o despediu co rango de profesor Emerito, á vez que ofereceu na sua honra un coloquio dedicado ao estudo da sua importante obra narrativa. Os traballos lidos nese evento foron reunidos nos números 3 e 4, outono e inverno, respectivamente, de 1975, da revista Symposium. Sucesivas hemorraxias cerebrais deixarono paralítico e sen posibilidades de falar, ainda que desenvolveu xeitos para pintar. Foi internado nun hospital para inválidos. Faleceu na cidade de Nova Iorque o 24 de marzo de 1983. Os seus restos foron conducidos ao cemiterio da cidade de Syracuse. Cumpríase, asi, o seu desexo expreso de repousar nese lugar para dese modo viver o seu derradeiro e definitivo exílio.


Lino tradutor

“A misión do tradutor é, pois, en princípio, levar pola sua ciéncia e pola sua máxia , o lector da versión, ao lcitor do orixinal". Liño Novás Calvo.

Non pudo determinarse con exactitude a forma en que Lino Novás Calvo se apropirou -que non aprendeu- dos idiomas inglés e francés. Ao primeiro vencellouse desde a metade dos anos 20, se cadra asistindo a algunha das academias que existian en A Habana, ou ben pudo estudálo por correo. A sua viaxe aos Estados Unidos en 1926 por espazo de oito meses axudouno a mellorálo ou a aperfeizoálo seu inglés , de xeito que cando traballou na Revista de Avance traduciu para ela o capítulo titulado "A agonía de Cuchita", da novela The son of perdition, do norteamericano James. G. Cozzens (decembro, 1929), asi como unha prosa poética de William B. Yeats que se denomina "Páxinas dun vello diário" (febreiro, 1930).

Xa en España, adonde chegara en 1931 como correspondente do semanário gráfico Orbe, viuse obrigado, ao cesar este, a dedicarse de cheo ao labor de tradutor e á de xornalista. Estas son algunhas das traducións de Lino Novás Calvo.

1933:

Burns, Walter (1872-1932): Viaje sin vuelta: la senda roja de Chicago desde la prohibición alcohólica hasta Jake Lingle. Acerca del pandillismo en los Estados Unidos en la década del 20, Espasa-Calpe, Madrid.
Faulkner, William (1897-1962): Santuario, novela, prólogo de Antonio Marichalar, Espasa-Calpe, Madrid. Esta traducción reviste especial importánza, pois foi a primeira obra deste narrador norteamericano que foi traducida ao español. Deste xeito Novás se convirteu no primeiro difusor ao español deste recoñecido autor, que tanta influencia exercera nel.
Huxley, Aldous (1894-1963): Contrapunto, novela, Editorial Sur, Bos Aires. Igualmente, esta tradución se continuou publicando até data relativamente recente.

Lawrence, David H. (1885-1930): Canguro, novela, Editorial Sur, Bos Aires.

1934:

Kyne, Peter B. (1880-¿): Camaradas de la tormenta, novela, Editorial Juventud, Barcelona.
1935:
Gosse, Philip (1879-1959): Historia de la piratería, Espasa-Calpe, Madrid.


1942:

Graves, Robert (1895-1985): Aventuras del sargento Lamb, historia novelada, Espasa-Calpe, Bos Aires.
Komroff, Manuel (1890- ¿ ): La marcha de los cien, novela, Espasa-Calpe, Bos Aires.

1945:

La literatura norteamericana en 1944, resumen, folleto. Reúne os artígos titulados "La literatura de los Estados Unidos en 1944", de H.Bt. y "La literatura hispanoamericana en 1944", de F. Aa. , escritos para el Anuario de la Encyclopedia Brittanica.

1947:

Gosse, Philip: Los corsarios berberiscos. Los piratas del norte; historia de la piratería, Espasa-Calpe, Bos Aires.

1948:

Gosse, Philip: Los piratas del Oeste. Los piratas de Orient: historia de la piratería, Espasa-Calpe, Bos Aires.

1953:

Hemingway, Ernest. (1898-1961). O vello e o mar. Apareceu por primeira vez na revista Bohemia, no número 11, correspondiente ao 15 de marzo de 1953, pp. 67-98. Viu a luz na edición en español da revista Life, con lixeiros retoques, no número 7 correspondiente ao 30 de marzo do mesmo ano, pp. 27-46. Esta tradución, a única que Hemingway autorizou, realizouse na casa de que o Hemingway tiña nas afóras de A Habana, coñecida como "La Vigía". Novás contou coa axuda de especialistas nas artes de pesca, ademais de que tivo a posibilidade de trocar criterios co próprio Hemingway. Foi a tradución mais divulgada desta obra, co que o seu autor obtivo en 1954 o Prémio Nobel de Literatura. Os honorarios que recebeu Novás por esta tradución foron "un Ford usado, unha compensación apropriada para un escritor que, nos seus inícios, foi taxista, e revelaba grande fascinación polos automóbiles", en tanto que Hemingway investiu os seus dereitos de autor na compra de televisores para un fogar de vellos abandonados.

As traducións realizadas por Novás Calvo desde o francés ao español son menos numerosas que as que fixo desde o inglés. Temos Os pequenos burgueses, de Honoré de Balzac, en 1933, para a editorial Espasa-Calpe, que a editou en varias oportunidades.


Bibliografia:

Pedro Blanco, el negrero, Espasa-Calpe, Madrid, 1933.
Un experimento en el barrio chino, Editores Reunidos, Madrid, 1936.
La luna nona y otros cuentos, Ediciones Nuevo Romance, Bos Aires, 1942.
No sé quién soy, Colección Lunes, México, 1945.
Cayo Canas, Editorial Espasa-Calpe, Bos Aires, 1946.
El otro cayo, Ediciones Nuevo Mundo, México, 1959.
Maneras de contar, Las Américas Publishing Co., New York, 1970.
Obra narrativa, Editorial Letras Cubanas, La Habana, 1990.
8 narraciones policiales, Editorial Oriente, Santiago de Cuba, 1995.

Xurxo Martínez Crespo

 
         
     
Lino Novás Calvo fotografado pola sua única filla, Himilce.
 
 
Autorretrato. Lino Novás cando sexa xeneral do exército vermello do Caribe.
 
Lino Novás Calvo, debuxo de Manuel García, rei dos canaverais e enxeños azucreiros da illa de Cuba.
 
Lino Novás Calvo, debuxo dun persoaxe descoñecido.
 
Capa interior de “El otro cayo”.
 
Capa interior de “En los Traspatios”.