Personaxes da emigración

 

Luís Noia Domínguez in memoriam
1932-2006


En outubro de 1932 nace en A Guarda Luís. Fillo de Xoán Noia, o tenente alcalde no momento do golpe fascista do 18 de xullo de 1936. O propio pai narra no seu libro Fuxidos a súa vida na vila pontevedresa: “Exixencias dun miserábel vivir liquidaban a miña nenez, os xogos propios desta idade e os estudos. Impúñaseme a gavela de suar o meu primeiro salario. Un peso ó mes! Sesenta pesetas ao ano!” Así, con este sacrificio, iniciouse a forxar a recia personalidade deste guardés e dos seus fillos, que tiveron no seu pai Xoán un exemplo nunca abondo valorado polas novas xeracións de galegas e galegos.

Quixo a chamada apor Xosé Sesto “loita cainesca” que Xoán marchara a Venezuela cos seus fillos, e voltara axiña de novo a Galiza, voltando definitivamente Luís a comezos dos 60 ao carón do pai para quitar adiante a imprenta familiar Gráficas Numen.

En Venezuela, Luís participa da vida do republicano e galeguista Lar Gallego que se fundara en 1945, pouco tempo despois do Eusko-Etxea de Caracas e moito tempo antes que o Centré Catalá, os tres de marcado talante antifascista e democrático. Par antes de voltar a Galiza participar na fundación da Irmandade Galega de Venezuela o 12 de outubro de 1960.
Futbolista de vocación, en Venezuela organiza e participa do fútbol entre as comunidades inmigrantes. A familia Noia, en Caracas, o seu irmán Óscar, foi un facho aceso de cultura galega, e a embaixada galega nese país. Sen os Noia no país caribeño nin Pura Vázquez, nin Celso Emilio, nin tantos outros poderían ter chamado algo como “fogar” lonxe das súas casas.

Pero todos eles compartiron e debeceron por unha Galiza máis galega, máis xusta, máis humana. Con ese mecenazgo humano que tiveron cos chegados, ou cos traídos como no caso de Celso Emilio, que chegou a Venezuela da man do irmán de Luís, Óscar.

A volta definitiva de Luís a Galiza quixo que o fado que fora unha volta de película. O barco portugués Santa María foi secuestrado polos coñecidos de Luís, Xosé Velo e o comandante Soutomaior. A Luís débese a única filmación existente do secuestro, filmación que tomara coa súa pequena cámara e que agochara ao chegar a Canarias para que non fora confiscada polas autoridades franquistas que ían detrás de calquera tipo de probas que axudasen a recoñecer aos membros do Directorio Ibérico de Liberación; así con esa pequena e curta gravación Luís pasou a posteridade e a historia gráfica de Galiza.

Na súa imprenta chegaban correos humanos e contactos do Partido Comunista na clandestinidade, por recursos e con ordes. A súa foi unha actividade política ininterrompida, e o máis importante comprometida coa cultura deste país.

A derradeira vez que vin a Luís foi en Santiago, na praza do Obradoiro. Levábamos horas agardando para poder saudar ao presidente venezuelano que ía pasar só tres horas no noso pequeno país. Malia a doenza e o mal tempo alí estivo connosco. Foi grazas a Luís que tivemos eses fermosos cartaces de solidariedade coa revolución bolivariana, nunca pagados que saíron do seu prelo... do seu Numen, literalmente e das súas firmes crenzas.

Compromiso é unha palabra en desuso nestes tempos. Luís tíñao, co seu país e países nos que inclúo á nosa nunca abondo querida Venezuela. Coa súa familia e coa historia e cultura de Galiza.

Home solidario e bo, en fin, morreu Luís Noia. Sei que moitos en Caracas lamentarán a súa irreparábel perda. Os seus amigos como Xesús López, Manuel Álvarez Quiroga, Eduardo Meilán e tantos e tantos outros.

Nós, galegas e galegos de Venezuela, de Galiza e de todos os recunchos tivemos a sorte de coñecer o que el e os seus fixeron po todos nós. Agradecémolo seguindo o seu exemplo. Ben dixo Castelao que non existe maior secesión nin separatismo que o que existe entre pobres e ricos; Luís sabíao e dende a súa pequena trincheira de follas, letras e libros loitou toda a súa vida contra esa secesión e ese separatismo. O sábado 19 de agosto as súas cinzas serán esperexidas na súa vila de A Guarda, ao carón do mar que o viu partir e voltar. Moitas grazas Luís Noia e boa viaxe.

Xurxo Martínez Crespo

         
Cartaz feito no prelo de Numen. Luís Noia sempre foi solidario coas causas xustas.
 
Visita do presidente Chávez a Galiza. Foi a derradeira vez que vin a Luís Noia. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).