Personaxes da emigración
 

 

José María Mosqueira Manso

Corme, 17 de outubro de 1886, Caracas, 18 maio de 1968

“Galiza nunca tivo de Madrid a atención que precisaba. É que na capital de España viven moi lonxe do litoral e, polo tanto, de costas ao mar; e coido que moitos políticos crerán que a lagosta, a ameixa e a pescada que lles serven moi fresquiñas nas súas mesas, e que con tanta fatiga rañan dos fondos mariños os nosos abnegados e humildes pescadores, nacen e se desenvolven nas árbores ao igual que a pera e o pexego”.

A vida do capitán Mosqueira Manso deixa pequena a de calquera aventureiro do cine. Ictiólogo, cartógrafo, biólogo, historiador, mariño. A Mosqueira Manso debemos a honra, en pleno século XX, de que moitos dos mapas realizados por vez primeira en Venezuela e na República Dominicana levasen a sinatura deste ilustre cormés. Estudoso das tartarugas do Orinoco, o seu traballo verbo as tartarugas arrau (podocnemis expansa) e o descubrimento das tartarugas albinas, hoxe, medio século despois, continúa a ser de gran valía para os estudos destes réptiles.

Este breve limiar dá fe do abraio que xera a figura de José María Mosqueira Manso entre as persoas que se achegan a ela.

A vida fóra do seu natal Corme para José María Mosqueira comezou cando cumpriu os 8 anos. A esa idade marchou cos seus pais cara a Santiago para ingresar no seminario, no que pasou cinco anos.

Polo que devecía o rapaz José era pola mar, e tanto devecía, que o seu pai o embarcou nun pequeno barco de vela que adoitaba viaxar cara a Xixón dende a pequena vila mariñeira de Corme, e así comezou a carreira marítima deste home de letras, mares, microscopios e mapas chamado José María Mosqueira Manso.

Mosqueira ingresou na Escola de Náutica e, ao rematar os seus estudos, embarcou nun barco de tres mastros que desprazaba 300 toneladas, barco sen igual na pequena vila de Corme.

Embarcou como agregado, coa obriga de facer no mar 200 días de vela e outros tantos de vapor para ter dereito a facer a proba de piloto.

A súa primeira viaxe de altura foi desde a Guinea Española até a República Arxentina. 109 días a través do océano. A viaxe desde Fernando Poo até Buenos Aires prolongouse debido á ausencia de vento; porén os agregados coma Mosqueira, aledáronse, porque eses días eran "días de mar" e a ese paso axiña poderían examinarse para ser pilotos. Despois quedaban os días de vapor, mais por aquelas datas interesaban máis os barcos de vela que os de vapor.

Para ser capitáns aínda quedaban moitos días para viaxar sobre as ondas. José Mosqueira Manso foi capitán da mariña mercante aos 25 años, casou ese mesmo ano con Honorina Vecino, e tivo o seu primeiro fillo Manuel o ano seguinte e outro máis, Francisco, aos 21 meses de celebrado o matrimonio.

O seu primeiro libro foi El Patrón de Cabotaje. Pasan algúns anos, e Mosqueira Manso é capitán con mando. Ocupa varios cargos oficiais como axudante militar de mariña en Viveiro e Ortigueira.

Estudou a fauna do litoral sahariano contratado por un consorcio pesqueiro privado publicando tres cartas de pesca de España, unha de carácter xeral, Costas sur española y portuguesa hasta Cabo Blanco del Sur (África) e dúas particulares Caladero de Cabo Jubi (África) e Caladero de São Vicente (Portugal).

Empezou a compaxinar a navegación con escritos de carácter divulgativo e científico en revistas especializadas de Vigo e en Vasconia Industrial y Pesquera de Donosita en 1929.

O seu traballo Biología de la Merluza-Sus variaciones sexuales-Su pesca, foi premiado pola Sociedade Oceanográfica de Guipúscoa co primeiro premio en concurso aberto en 1935.

Mosqueira Manso deixara a navegación, dende 1931, data na que obtivo o título de oficial da Reserva Naval Española, pasando a ser capitán de porto en Sevilla e subdelegado marítimo e de pesca de Santa Uxía de Ribeira. Estando en Ribeira estoupou a guerra.

Mosqueira pertencia ideoloxicamente, aínda que non militaba en ningún partido nin tiña ningún cargo político, ao bando republicano. Fuxiu do lado feixista no que permecera ocupando un cargo público outorgado pola legalidade republicana. Decide abandonar a loita fratricida e aceptar as ofertas laborais que dende hai anos recibira da República Dominicana; xa daquela deprimido pola guerra e a morte da súa compañeira, marcha cara ao exilio do que nunca máis volvería.


A guerra

O primeiro día de xullo de 1937, Mosqueira Manso toma o tren na Coruña cara á fronteira francesa.

O embaixador dominicano ante a República española, que residía en Hendaia cos demáis embaixadores ante a República Española, foi despedilo despois de darlle os seus documentos e a súa nova nacionalidade dominicana como salvoconduto.

Chega a Burdeos e embarca nun barco da Compañía Transatlántica Francesa. Viaxa contratado polo goberno do ditador Trujillo, con todos os gastos cubertos e co pasaporte dominicano no peto. Moitos outros, como Mosqueira Manso, descoñecían a clase de réxime que detentaba o poder na illa dominicana, uns máis axiña que outros (Galíndez e Almoyna foron asasinados) abandonaron a illa ao pouco noutras direccións, cara a outros países.

Mosqueira Manso chega a Puerto Plata, o segundo porto ao norte de Santo Domingo. Atravesou toda a illa, de norte a sur, até a capital, Santo Domingo, que daquela se chamaba Ciudad Trujillo, nome co que o sátrapa no poder bautizara a capital.

O presidente Trujillo, que tan maxistralmente describiu Mario Vargas Llosa en La fiesta del Chivo, incentivou a chegada de refuxiados políticos republicanos á República Dominicana. De todos é coñecida a chegada de homes cun grande relevo político, cultural e intelectual como Jesús de Galíndez, Alberto de Paz y Mateos, Ramón Suárez Picallo, o profesor Almoyna de Lugo ou Eugenio Fernández Granell, entre outros republicanos que máis tarde ou máis cedo tiveron que abandonar a illa debido ao carácter despótico do alcumado presidente Chapita, tamén coñecido coma o “Benefactor” Leonidas Trujillo.

Mosqueira desenvolvía o seu labor como tecnico pesqueiro, recibindo ordes directas do ditador Trujillo, co cal departía acotío. Posuía, dentro da xerarquía gobernamental dominicana, o rango de ministro sen carteira.
Levantou moitas cartas de pesca e mapas das costas da República Dominicana; moitos dos mapas, asinados polo propio Mosqueira adornaban as paredes das oficinas de Trujillo e do seu pazo presidencial.
Navegaba co xeneral Trujillo no iate Ramfis (nome tamén do fillo menor do presidente) o que é proba da admiración que sentía por este cormés o ditador dominicano.

Porén, a admiración non era mutua, e Mosqueira aproveitou o final dos tres anos de contrato para fuxir de Trujillo e marchou cara a Venezuela, onde soprarían ventos máis propicios para os republicanos co recoñecemento da legalidade da República española a partir do golpe de Estado da Xunta Revolucionaria de Goberno de 1945 presidida por Rómulo Betancourt e que tiña como un dos seus membros o político anteriormente exiliado na Galiza con Rómulo Gallegos: Gonzalo Barrios.


Venezuela 1940. As tartarugas arrau (podocnemis expansa)

Mosqueira Manso é unha tatuaxe na Venezuela. A súa pegada na cartografía, na bioloxía mariña ou mesmo como guía de Camilo José Cela, que retratou a Mosqueira en La Catira, dan unha imaxe da importancia deste cormés universal.

No alto do río Orinoco descubriu e catalogou mexillóns xigantescos. Dentro dos descubrimentos naturais temos o que fixo das tartaruguiñas albinas.
As tartarugas arrau (podocnemis expansa) do Orinoco, cando chegaba a época de pór os ovos, deixaban as augas do Orinoco e subían pola praia abondo para que as subidas do río non atinxisen os seus niños pero, asemade, non ían demasiado lonxe para que os tartaruguiños tivesen tempo de alcanzar a auga cando saísen do ovo.

As aves de rapiña axexaban, e aínda que os tartaruguiños trataban de correr, moitos ficaban no camiño. Nunha desas noites, na que a multitude de tartaruguiños amoreados, trataba de acadar as augas do Orinoco, Mosqueira observou, na escuridade, algo que brillaba. Eran o que máis tarde serían os célebres tartaruguiños albinos. Eran dous tartaruguiños pequerrechos que se distinguían dos outros pola súa brancura.

O capitán Mosqueira, agás o seu cargo co goberno venezuelano, era membro da Sociedade de Ciencias Naturais de Lasalle. Pronto houbo movemento entre os científicos, e a prensa falou dos tartaruguiños.

O seu amor polo Orinoco e as tartarugas "Arrau" (Podocnemis expansa), fíxolle pensar que o mellor que podía facer na súa vida era ficar ás beiras do río Orinoco, co seu metro, a sua báscula e o seu magnífico reloxo e co agarimo dos indios que lle axudaban, tan afectivos, tan humanos, tan bondadosos.

O capitán Mosqueira co seu metro medía a altura e o largo do niño, o tamaño dos ovos, a distancia entre o río e o niño, e o que fixese falla. Coa báscula pesaba os ovos e os tartaruguiños ao nacer e, cando medraban, convertianse nunhas señoras tartarugas que puñan de 80 a 100 ovos.
Desta época, 1943, son os seus traballos Superfície e profundidades do Rio Orinoco e os mapas ilustrativos, o libro Ostras y perlas de Margarita; centos de escritos en xornais e revistas de España, República Dominicana e Venezuela.


Fundador do Lar Galego de Caracas

Os exiliados republicanos tiñan moitos problemas co seu densenvolvemento como colectivo na Venezuela. Tíñano antes de chegar, a súa chegada fora traumática, pero aínda así, unha vez na Venezuela tentaron organizarse en centros colectivos.

O goberno venezuelano non daba a autorización para que eles poideran asociarse, pois consideraban que eran perigosos polas súas ideas esquerdistas, e a lei prohibía taxativamente as actividades políticas dos estranxeiros. A Casa de España (republicana), Centro Basco (Caracas’ko Eusko Etxea) e o Centro Canario foron as primeiras organizacións permitidas coa prohibición expresa de calquera actividade política en chan venezuelano e unha estrita vixilancia por parte das autoridades.

Mosqueira Manso xunto a unha ducia de galegos de carácter progresista fundou, o 9 de febreiro de 1945, o Lar Gallego.

Na Memoria do Ministerio de Relacións Interiores, 1945-1946, p. LVII, subliñan a profunda relación do presidente e escritor Rómulo Gallegos Freire, descendente de galegos e que pasara tres veráns exilado en Beluso (Bueu), e o ministro de relacións exteriores, o poeta Andrés Eloy Blanco Meaño, descendente tamén de galegos e afervoado defensor da República española.

Mosqueira foi elixido presidente entre os 49 socios fundadores. O fillo do capitán Mosqueira, Fernando, recrea o intre así: “Os ‘catro gatos’ que fundamos o Lar Galego de Caracas, nacéramos, todos, en Galiza e, na nosa primeira xuntanza da Xunta Directiva, acordamos, por unanimidade, que mentres estivésemos no Lar, falaríamos a lingua de Rosalía, Pondal e Castelao”.

O Lar precisaba unha casa, unha casa abondo ampla. Durante algún tempo, usaran os locais do Centro Canario e da Casa de España.

O día da fundación da sede do Lar apareceu por sorpresa o escritor (que tres anos despois sería presidente) Rómulo Gallegos Freire e o que sería o seu ministro de exteriores Andrés Eloy Blanco Meaño, foron nomeados imediatamente, ambos os dous, socios de honra.

O mesmo fillo de Mosqueira conta a anécdota do seguinte xeito: “O meu pai, que viaxara moito, tiña o costume de levar unha pequena Kodak no peto e en calquera lugar quitaba fotografías (era un namorado da fotografía), e, que aconteceu?..., pois quixo a casualidade que o meu pai viaxase pola provincia de Pontevedra e, en Bueu e o seu contorno, quitara varias fotografías.

Tamén, por casualidade, e falando de viaxes e lugares, meu pai mostroulles a Don Rómulo e á sua esposa, Dona Teotiste, esas fotografías. Esta, ao velas, lanzou unha exclamación de xúbilo. Dona Teotiste dixo, dirixindose ao grande escritor: ‘Olla Rómulo! non che trae isto lembranzas? Olla esta árbore, neste carreiriño e o prado que está á dereita. Cantas lembranzas, que fermosos recordos! Lembraste daqueles seráns, cando paseabamos por Bueu?’.

Don Rómulo colleu as fotos e mirounas, detidamente e con emoción:

-Si, muller, lembro estes lugares e os nosos paseos ao solpor, e lembro a xente, a boa xente que moraba neses lugares. Eran galegos, coma os meus avós maternos. Lémbroos a todos con agarimo”.

Pero a historia non perdoou a Rómulo Gallegos. E o seu democrático goberno, de só uns meses, foi derrocado por un incruento golpe militar presidido por Delgado Chalbaud, Lovera Llopís e Marcos Pérez Jiménez.

 

De capitán Mosqueira ao capitán Cerdeira de La Catira

O primeiro e derradeiro magnicidio da historia venezuelana foi o de Delgado Chalbaud, magnicidio nunca resolto. A presidencia foi ocupada polo coronel Marcos Pérez Jiménez. El, e sobre todo o seu ministro do Interior, Ernesto Vallenilla Lanz, foron os encargados de tratar de opacar a figura do literato que derrocaran uns anos antes.

Vallenilla contrata a Cela (casualmente) para tratar de opacar a novela de Gallegos Doña Bárbara. Para La catira, Cela viaxou ás chairas venezuelanas coñecidas como llanos. Un llano é o equivalente á pampa arxentina.

Camilo José Cela, o tempo que estivo nos llanos do estado Apure empregou os coñecementos de Mosqueira Manso para que lle servisen de guía, ou como din os venezuelanos, de baquiano.

Encantado ficou nese bravo lapso de tempo, Cela, da natureza e de Mosqueira, tanto asi que Mosqueira quedou como un dos protagonistas de La Catira co nome de “capitán Cerdeira”.

 

Mosqueira en La Catira

“O capitán Cerdeira navegara os sete mares. O capitán Cerdeira -pequeniño e rexo, delgado e voluntarioso- era un bo celta mariñeiro e trotamundos, que decote quería ver o que ficaba alén do horizonte.

-Estamos no reino dos caribes (nome venezuelano para as pirañas), amigo meu, o río Apure é todo el unha inmensa caribera.

-Si, señor.

-E tanto! Quen caia á auga por estas latitudes, non o conta.

-Si, señor.

O capitán Cerdeira, de pé no bongo, que xa é difícil, semellaba o nobre porte dun vixía do tempo dos descubrimentos. Evaristo quiso ser orixinal.

-Capitán, sabe vostede o que penso?

O capitán Cerdeira fitou a Evaristo con certa estrañeza. O capitán Cerdeira non sospeitaba que Evaristo pensase.

-Non, que pensa vostede?
Evaristo tomou alento; despois, sorriu.

-Pois penso que ten vostede o nobre porte dun vixía do tempo dos descubrimentos.

O capitán Cerdeira ensaiou un condescendente aceno de aprobación.

–Grazas, Evaristo...

Evaristo, antes Camilo, aquel galego do discurso, andou unha tempada polo Orinoco, acompañando ao seu paisano o capitán Cerdeira, o home que máis sabia de tartarugas en todo o universo.

Eis a descripción cuspida de Mosqueira Manso vista a través dos ollos e a pluma de Camilo José Cela durante a súa estadía en Venezuela.

A pegada de Mosqueira trascende o ámbito do exilio e da colectividade galega en Caracas. O seu labor científico a través de traballos cos tartaruguiños albinos, as tartarugas arrau (podocnemis expansa) ou incluso os estudos de rendibilidade do cultivo de ostras no mangle da illa de Margarita fan de Mosqueira un adiantado no eido da investigación mariña, ademais da valiosa achega, no exilio, que fixo cos seus traballos sobre a industria de extracción pesqueira para Galiza.

Mosqueira Manso, inutilmente e desgrazadamente esquecido polo pobo galego, é aínda hoxe, un referente nos estudos biolóxicos de Latinoamérica.

Morreu en Caracas coa lembranza da súa compañeira Honorina Vecino, morta en Corme en 1918, á que dedicara o seu libro verbo as orixes galegas de Cristóvo Colón e a compaña dos seus fillos Paco e Manolo.
José María Mosqueira Manso, un cormés universal nunca abondo recoñecido, inxustamente esquecido.

 

As nosas riquezas galegas

Por José María Mosqueira Manso

(Revista Galicia do Centro Gallego de Caracas, 1952).

Iniciaremos neste primeiro número da nosa revista “Galicia” o tema pesqueiro, xa que as costas do noroeste español significan no conxunto da economía nacional unha achega importantísima, aínda que nunca tivo de Madrid a atención que precisaba. É que na capital de España viven moi lonxe do litoral e, polo tanto, de costas ao mar; e coido que moitos políticos crerán que a lagosta, a ameixa e a pescada que lles serven moi fresquiñas nas súas mesas, e que con tanta fatiga rañan dos fundos mariños os nosos abnegados e humildes pescadores, nacen e se desenvolven nas árbores ao igual que a pera e o pexego.

Dedicaremos hoxe unhas líñas ás piscifactorías, para seguir noutros números tratando da sardiña -o pan dos pobres das costas-; da perniciosa pesca á "pastilla"; da criminal con explosivos, e da imperiosa necesidade dunha sabia e apolítica unificación de vedas de moluscos e crustáceos.

Piscifactorias

Fomentar a reprodución dos peixes, é cousa que moito nos debera preocuparnos. (Situémonos simbolicamente na nosa moi amada Galiza "meiga"). Para iso procuremos estudar os lugares máis indicados para establecementos de piscicultura. Precisamos repoboar as nosas costas e ríos de peixes -os sedentarios- crustáceos e moluscos de moi diversas especies indíxenas, que en tempos non lonxanos tanto abondaran no noso prolífico litoral e nos nosos ríos: Anllóns, Eume, Eo, Ulla, Tambre, Ponte do Porto, Miño.

Algunhas desas múltiples especies, sobre todo as fluviais, xa case están desaparecendo. Acudamos no seu auxilio, que aínda é tempo; non nos vaia suceder que dentro de vinte ou trinta anos teñamos -eu, xa non- que acudir a gravados para poder recordar especies que aínda hoxe se poden salvar, e que por incuria duns e doutros poderiamos moi ben perder. Se a Garda Civil se preocupase de vixiar os ríos como vixia outras cousas...!

Os galegos temos na nosa terra lagoas e esteiros, aínda que pequenos, coma os de Frouxeira, Traba de Laxe, Carregal -os da zona de Corrubedo chámanlle "Lagoa do Sementeiro"-, e a extensa e ben situada dos Baldaios.
Estas dúas últimas percorrimolas moitas veces en plan de estudos por orde da Inspección Xeral de Pesca durante as nosas actuacións de subdelegado de Pesca da Coruña e subdelegado marítimo e de Pesca de Santa Uxía de Ribeira. Considerámolas, sobre todo a Marisma dos Baldaios, como excelentes para acondicionalas e convertelas en piscifactorías, parques experimentais do Estado.

Entre estas encóntranse con auga doce e augas salobre e salgada, segundo os fluxos e refluxos das mareas. Semella como se a providencia se quixera pór decote da nosa parte, en contraste co pouco que sempre os políticos de todos os matices e réxímes fixeron a prol de Galiza.

Os procedementos que se deben empregar e seguir na piscicultura son doados, sinxelos, de pouco custo e de seguro éxito; dende logo, axustándoos ás condicións especiais de cada localidade e ás especies que se pretendan repoboar. Neste caso, ten a sa palabra a ciencia, como base primordial de tal éxito. Agora ben, non só actuando no xeito que no ano 1916 indicou un ilustre científico español -"Non se esqueza que só na ciencia pode atoparse o basamento da solución dos problemas pesqueiros"-, senón que aparellada coa práctica. En cuestións pesqueiras en xeral, a ciencia é moi útil á práctica, así como esta as aquela. Ambas deben camiñar da man.

A rutina que desdeña a ciencia mostra un orgullo necio, fillo da ignorancia; mais a ciencia que olla con desprezo a práctica, manifesta unha soberbia egoista. A práctica, sen a teoría, permanece estacionaria ou non adianta senón con moitísima lentitude mais, tamén, a teoría sen a experiencia resultaría infrutuosa. A teoría non progresa nin se consolida sen a observación: e esta estriba na práctica.

En España cremos que aínda quedarían persoas con ciencia abonda -dende logo que sería en nós un pecado dubidalo- e sobre todo con vontade para axudar co auxilio de ambas o rexurdir da pesca.
E sería unha magoa non lles exixir a eses encargados de estudar cientificamente o ramo da pesca -hoxe por hoxe debería ser a riqueza matriz da coitada Galiza-, que non consoman esterilmente as súas forzas, xa que ben aproveitadas e dirixidas poderían producir grandes bens. Polo tanto, permitímonos aconsellar que se irmanden: ambas as dúas -ciencia e práctica- no estudo desas marismas e lagoas, xa que desa simultánea observación xurdiría, sen dúbida, en prazo breve un labor eficaz, útil. Non pode ou non debe haber máis demoras.

É difícil atopar traballos de Mosqueira Manso. Temos este verbo a pesca da pescada en Vasconio Industrial y Pesquera de 1927. Este artigo gañara o Segundo prémio do concurso aberto pola Sociedade Oceanográfica de Guipúzcoa, con 100 pesetas e mención publicación.
Nunca foi publicado en forma de libro, e esta é a primeira tradución ao galego. Mosqueira mostra un interesante e relevante interés no meio ambiente e na utilización dos recusrsos de xeito racional. Mosqueira Manso, un adiantado na conservación dos recursos naturais renovábeis.


A ciencia práctica

A pesca da pescada

Por José María Mosqueira Manso
(Vasconia Industrial y Pesquera, 1927).

A pescada, canto máis ao Sul, máis pequena e menos branca é. Acontece con frecuéncia nas praias africanas comprendidas de Cabo Sim a Cabo Verde (non sei de troles españois que baixasen desa latitude), ao atopar cantidades grandes de pescada cunha cor tan negra, que xa a coñecen co nome de pescada negra. Ademáis a súa carne é máis mol, e perde diáriamente, despois de pescada, unha cantidade importante de peso. Gostariame saber o por que adquire esa cor, (igual acontece co pargo). Semella como se gardase relación coa cor da raza humana, pasando a cor dsta, de loura nos paises do Norte á negra dos trópicos.

Fixandose na súa forma e ollos, fai subpor non baixen a profundidades superiores a 6oo brazas; agora ben, que muda contínuamente de lugar o estamos a comprobar acotío, pois onde hoxe se pescaron 8oo pescadas, ao seguinte día só se pescan 20 ou 30. Isto obedecerá a que os caladoiros máis castigados polos aparellos de arrastre, estarán pelados de toda vexetación, mesmo das súas raíces, e andarán en bandadas buscando os seus prados. Estamola a obrigar a converterse , de espécie sedentaria, en especie nómada. Observase ao atopar un caladoiro virxe, que se abarrota un barco de pescado ás poucas largaduras. Por que se atopan en grande abondancia nestes, e hai uns tres ou catro anos se pescaban nos caladoiros dos 25° e 26° latitude 13.000 ou 15.000 pescadas en tres ou catro días, e hoxe somente cantidades insignificantes? Se emigrasen a maiores profundidades, igualmente o farian naquela época nestes e hoxe nos primeiros. Non colle dúbida; andan desorientadas buscando fondos povoados de vexetación onde atopar o seu pasto e sítios de desove, mesmo de esparcemento. Gostanos ao home e animais terrestres lugares limpos de toda vexetación? Non; procuramos fuxir deles.

Seria moi convinte dividir en parcelas os caladoiros da pescada actúalmente en explotación polos pescadores españois. Nos caladoiros existintes nas costas galegas, a excepción da Praia nova, podese largar en todo tempo ao arrastre, debido a que estes caladoiros de fondo limpo, forman caleixóns reducidos entre fondos de pedra, manchóns ou pedras soltas e pozos como o de Finisterre, sendo preciso guiarse por marcacións a pontos da costa para non ficar sen os aparellos. Semella como se a Natureza nos quixese favorecer aos galegos, pondo unha limitación ao emprego de tales artes que destrúen ou asolan os fondos aplacerados, como acontece nas praias africanas; e á beira de ditos caleixóns, nas fragosidades do fondo, podan reproducirse as especies.

Desde Ribadeo a Cabo San Vicente, somente a un caladoiro podíaselle tocar; ao da dita Praia nova, sitúado a unhas 20 millas ao N.O. ¼ N. de Cabo Prior; aquí non sería factíbel a división, pero si limitar datas para o emprego do bou, aínda que permitir en todo tempo a pesca con "liña" e palangre. En cambio, aos caladoiros coñecidos e comprendidos entre Cabo Espartel e Cabo Branco do Sul, sería de necesidade, e canto máis antes mellor, dividír as en tales parcelas; pois a maioría, a excepción de catro ou cinco, son de praia moi limpa, debendo actúalmente atoparse todas elas cos seus fondos tan pelados, coma un prado despois de ben segada a súa erva; e aínda peor, como se despois se lle pasase o arado; asi é que as poucas pescadas que hoxe se pescan neles, serán as que van de paso en procura de prados submariños. Teño un estudo formado encanto a tales divisións se refere, pero teño a seguranza de que os patróns de pesca disentirían delas, xa que entre eles os hai que teñen os seus caladoiros favoritos e únicos, e quitálos deles, sería matálos.

Como digo antes, é verdadeiramente moi necesário, e canto antes mellor, o demarcar tales parcelas, ditando ordes severas para o seu bo cumprimento e castigando con man dura aos infractores. Para iso, cómpre contar cun bo servizo de vixiláncia e policia de pesca, que asemade servise para obter dados estatísticos de pesca que merezan crédito e facer observacións práticas e científicas que sirvan para lexislar con acerto.

Para efectúar tales divisións dos caladoiros, presentase un inconvinte e é: que os portugueses tamén pescan de Cabo Sim para o Sul.

Outra das cousas que debía limitarse nas pescas do arrastre, sería a velocidade a que debían navegar os troles (esquecemonos das parellas?) cos seus aparellos longos; non debia de permitirselles navegar a velocidades maiores de dúas millas e media ou tres menos cuarto; coido sería moi práctico, toda vez que se pescaría a mesma cantidade de pescada, ollomol, pescadilla, etc., e en cambio terían máis probabilidades de fuxir por entre as súas mallas a pescadilla-cría e demáis peixes rapaces, toda vez que a menor velocidade, menor peche de mallas; mesmo que as súas portas non se enterrarían tanto nos fondos (isto é o importante), sendo o efecto destructor de parte e xermes moito menor. Patróns de pesca hai, que sen máis discernimento que o seu capricho e ignoráncia (non procuro ofendélos ), ordenan dar velocidades grandes, sen ter en conta que entón as portas se distancian máis, chegando a unirse ambos "burlones", ficando por conseguinte a boca do aparello pechada, asolando ao mesmo tempo os fondos. Estas verdades comprobanse acotío con só ver, que de varios troles que se atopan rastreando nun mesmo caladoiro, hai diferenzas moi grandes na cantidade de pesca obtida no mesmo tempo por cada un dos diferentes patróns. Por que os tres patróns de pesca, ao meu xuízo mellores, chamados Francisco Barral, Benito Vidal e Antonio Santiago “bakú”, embarcados actualmente nos troles "Paco", "Cantábrica n.° II" e "Cantábrica n.° I", respectivamente, nunca fracasaron, dando ao fin de cada ano un rendemento de pesca moi superior aos demáis? Porque estudan, observan, tomaron notas útiles, e hoxe teñen pleno coñecemento do seu ofício.

O primeiro que debe procurar todo patrón de pesca, é o de contar con dous homes moi práticos na maquiniña para filar os dous cabos durante a faena de “argar”, despois moito tacto no goberno do buque para evitar que aparello ou cabos toquen á hélice, e finalmente saber o número de "marcas" exactas (non ao que resulte) de cabo que filar, segundo a profundidade, calidade do fondo e marcha do buque (graduar ben ésta, é factor importantísimo). Despois de contar cos dous homes e coñecementos expostos, é preciso que, tanto a bita como a regala de popa da banda en que van os cabos, sexan o seu asento e apoio respectivamente durante o tempo que se empregue no arrastre, mesmo comer alá para que en todo momento saiba se o aparello está en moita ou pouca profundidade, se toca ou non en rocha, coral, pedras soltas, etc., ou embarra en lama. Cando se larga na maioría das praias africanas e se calan bóias (son precisas debidas ás correntes que alá se senten, e en varias direccións, en todo tempo), entón é innecesario extremar tanto a atención apuntada, a causa de que esa maioria de praias son “aplaceradas” e de area. As "corridas" adoitan ser curtas, navegando a rumbos opostos e tomando a bóia (se se longa ou tende unha soa) como punto de partida e chegada. E dicer, para ser bo patrón de pesca, é preciso, ante todo, reunir as dúas cualidades seguintes: actividade e moito amor propio. Estas dúas indispensabeis cousas, fan á "longa" a "sorte" que chaman moitos; ademáis, os que posúan esas dúas cualidades citadas, nunca achacarán ao chegar a porto sen pescado, aquela inobre desculpa "que o maquinista non me deu a máquina que lle pedin", "que o capitán ou patrón de costa non me acertou co caladoiro que lle indiquei", etc., etc. Hai un sinnumero de patróns de pesca, pero... deixemos correr a "bola"; a maioria dos fracasos son dos armadores. Seguramente que haberá caladoiros virxes cercanos aos actúalmente en explotación, pero temen ao descoñecido. (Oh! e o 4%?) Hai pouco máis dun ano, indiqueille ao patrón de pesca do buque que entón eu mandaba, se querÍa probar nun caladoiro de curta extensión, e próximo ao que estabamos a rastrear, no que confiaba faríamos boa "marca"; contestoume que si iría, pero temía que non acertásemos con el, pois xa lle acontecera a un parente seu, tamén patrón de pesca. Fixenlle a observación, de que se non o atopábamos, me fixese responsábel ante o armador. Non fomos.

Acabemos por hoxe coa indicación dos caladoiros seguintes, deixando aínda vários para outro artigo. Nalgúns dos caladoiros anotados a continuación, poden seguirse outras derrotas, guiandose tamén por marcacións e enfilacións á costa, pero sempre son próximas unhas a outras.

Antes que o esqueza: por que sucede moitas veces, sobre todo nas proximidades de pozos ou pedras, que de dous buques rastreando baixo a mesma derrota, e a distáncia dunha a dúas millas un do outro, o que vai rastreando atrás ergue no aparello maior cantidade de pescado? Despois de remexer os fondos o primeiro buque co seu aparello, ficará para o segundo o que di o dito "A auga ou río revolto, gañáncia de pescadores"? ,Será que ao darse estes casos, o que vai de patrón no buque de atrás, saberá mellor graduar a velocidade e o número de marcas a filar?

Caladoiros da pescada.- Todos os rumbos anotados neste artigo, están reducidos a verdadeiros. (É costume de todos os patróns de pesca, salvo raras excepcións, o saber de memória os rumbos a seguir, pero os magnéticos; e as correccións totais dos compases dos diferentes buques?).

Estaca de Bares.-Comezar a rastexar en 90 brazas de fondo ao demorar o faro da Estaca ao S. 38° E., e navegar ao rumbo de N. 74° E até ter dito faro na demora de S. 74º O., e en fondos de 110 brazas. Nesta "corrida", hai case sempre risco de ter algunha enganchadura en pedras por ir percorrendo as proximidades de manchóns ou grupos delas, pero cómpre arriscarse a fin de obter boa pesca.

Sisargas.- “A Medianía".- Ao ter a medianía da Illa Sisargas enfilada coa punta Oeste do monte de San Adrián e en 270 brazas de auga, largar e navegar ao S. 30° O. até que a medianía de dita illa estexa enfilada coa punta E. do antes citado monte; desde aquí naveganse dúas millas ao S. 75° 0., entón outras dúas millas ao S. 15° E , e a continuación ao S. 75° O. até enfilar Ponta do Roncudo co monte Castelo. Desde aqui é necesário ciabogar e seguir a derrota oposta.

Finisterre.- Largar ao N.O. de Touriñán nunhas 160 brazas de profundidade e navegar ao S. 30° O. até que o monte Pindo enfile coa cortada que divide A Nave da praia de Nemiña; desde aquí arrumbar ao S. 60° E. até enfilar Ponta Buitra con Chorente, emendando entón ao S. 8° O. a procurar a enfilación do Pindo coa ponta Sul Da Nave; unha vez nesta enfilación, arrumbar ao S. 52° O. até atopar moita profundidade e dar a ciaboga.


Bibliografía de libros, cartas mariñas e traballos científicos:

Biología de la Merluza-Sus variaciones sexuales-Su pesca, Sociedade Oceanográfica de Guipúzcoa, 1935.

El Patrón de Cabotaje, n/d.

The tortoises of the Orinoco. Biological notes of podocnemis expansa . 3º Conferencia Interamericana de Agricultura, Caracas. 29: 5-43. 1945.

Las tortugas del Orinoco. Ensayos biológicos de la Arrau (podocnemis expansa). Tercera Conferencia Interamericana de Agricultura (Cuadernos Verdes No 29): 43 pp. 1945.

Las tortugas del Orinoco. Ensayos biológicos de la Arrau (podocnemis expansa). Tercera conferencia interamericana de Agricultura. De. Crisol, Caracas 43 pp. 1954.

Los Clupeidos-Clupea: la sardina, sus variaciones étnicas y sexuales, su pesca, su industrialización. Conferencia Interamericana de Agricultura, 3ra. : 1945 : Caracas. Cuadernos verdes. Serie internacional, editorial El Crisol, Caracas, República de Venezuela, 1945.

Carta pesquera del Orinoco: derrotero hidrográfico y pesquero, ejecutivo del estado Bolívar, Los Teques, 1955.

¿Dónde nació Cristóbal Colón?, Hacia la aclaración de un enigma, Caracas, Galicia, septiembre-octubre, 1953.

La cuna gallega de Cristobal Colón, ed. Citania, Buenos Aires, 1961.

Navegando por el río Apure, Galicia, Caracas, agosto 1952.

Nuestras riquezas gallegas, en Galicia, revista do Centro Gallego de Caracas, número 1, 25 de julio de 1952.

Ostras y Perlas, Memoria de la Sociedad de Ciencias Naturales La Salle, Caracas 1943.

Superficie e profundidades do Río Orinoco, (inclúe mapas e cartas de navegación), Caracas, ministerio de Agricultura y Cría. 1943

Cartas mariñas:

Costas sul española e portuguesa até Cabo Branco do Sul (África).

Caladoiro de Cabo Jubi (África).

Caladoiro de São Vicente (Portugal).

Obras nas que aparecen citados traballos de Mosqueira Manso:

CULTIVO DE LA OSTRA DE MANGLE Crassostrea rhizophorae EN VENEZUELA, Bióloga Esperanza Buitrago Borrás . Departamento de Cultivos, Estación de Investigaciones Marinas de Margarita, Fundación La Salle de Ciencias Naturales, Punta de Piedras 6318, Illa de Margarita, Venezuela.

On clutch size and hatching success of the South American turtles Podocnemis expansa (Schweigger, 1812) and P. unifilis Troschel, 1848 (Testudines, Podocnemididae). VANZOLINI, Paulo Emilio. Anais Acadèmia Brasileira de Ciências [online]. Dec. 2003, vol.75, no.4 [cited 17 August 2004], p.415-430.

Xurxo Martínez Crespo

 
         
     
Capitán José María Mosqueira Manso.
 
 
As tartarugas arrau (podocnemis expansa) do Orinoco, cando chegaba a época de pór os ovos, deixaban as augas do Orinoco e subían pola praia abondo para que as subidas do río non atinxisen os seus niños pero, asemade, non ían demasiado lonxe para que os tartaruguiños tivesen tempo de alcanzar a auga cando saísen do ovo.
 
Tartaruga mata-mata (chelusfimbriatus). Segundo Mosqueira Manso unha das especies de quelonios máis rara do mundo.
       
   
Unha tartaruga arrau (podocnemis expansa) hoxe. Esta espécie, protexida polo goberno venezuelano grazas aos desvelos do capitán Mosqueira Manso, está hoxe en perigo de extinción.
   
Dedicatoria de José María Mosqueira Manso ao “Centro Gallego” de Caracas, 1952.
   
Mosqueira Manso, na inauguración do Lar Galego de Caracas, mostroulles a Don Rómulo e á sua esposa, Dona Teotiste, as fotografías de Bueu e Beluso, onde pasaran tres veráns. Don Rómulo colleu as fotos e mirounas, detidamente e con emoción: “Si, muller, lembro estes lugares e os nosos paseos ao solpor, e lembro a xente, a boa xente que moraba neses lugares. Eran galegos, coma os meus avós maternos. Lémbroos a todos con agarimo”.
   
Capa de “O berce galego de Cristóvo Colón”.
   
Fomentar a reprodución dos peixes, é cousa que moito debera preocuparnos. (Situémonos simbolicamente na nosa moi amada Galiza "meiga"). Para iso procuremos estudar os lugares máis indicados para establecementos de piscicultura. Precisamos repoboar as nosas costas e ríos de peixes -os sedentarios- crustáceos e moluscos de moi diversas especies indíxenas, que en tempos non lonxanos tanto abondaran no noso prolífico litoral e nos nosos ríos: Anllóns, Eume, Eo, Ulla, Tambre, Ponte do Porto, Miño. (Foto: río Eume).
   
Forma aproximada do pozo de Finisterre e obstáculos atopados por mín” (debuxo de Mosqueira Manso).