Personaxes da emigración
 

 

José María Montero

O 4 de maio de 1897 cando case remataba o século naceu José María Montero nunha aldea de San Salvador de Cecebre, parroquia pertencente a Cambre. O propio Montero nas súas memorias cóntanos aspectos da súa nenez: "Os meus pais -un humilde matrimonio labrego- como a grande maioría dos que daquela habitaban esta parte do planeta, amasaban con inmenso sacrificio o pan de cada día que esixían perentoria e cotiamente as bocas dos seus catorce fillos chegados ao mundo como unha resignada resposta ao precepto bíblico...".

José María Montero ao chegar da mili tomou a decisión de marchar a Cuba. Ao pouco de chegar encontrou traballo nun café da Habana na rúa Oficios 35 fronte á Perla. Aos oito meses de estar na illa atópase cun amigo da aldea que traballaba na tripulación do barco "Morocasten" que facía a travesía Estados Unidos, México e Cuba. Montero, sen o dubidar, pediulle ao seu amigo que o levara de polisón a EEUU, e o seu amigo accedeu.

Ao chegar a Nova York eludiu aos gardas de alfándegas facéndose pasar por tripulante. Trasladouse a unha fonda situada en Roosevelt Street fronte á ponte de Brooklin que cruza o río Hudson. Os donos eran naturais dunha aldea galega chamada Espírito Santo. O seu primeiro traballo despois dunha semana de buscar por toda a cidade foi o de ascensorista.

En 1922 produciuse unha forte crise económica no xigante do norte que rematou co peche de numerosas industrias. Foi así como Montero quedou na rúa durante un longo tempo. Volveu embarcar e percorreu o mundo traballando, ata que decidiu intentar retornar á terra e púxose a traballar nunha fábrica militar en Pensilvania. Ao pouco tempo entrou na fábrica Ford de Detroit na sección de fundición. Por mor dun incidente con outro compañeiro mudou de traballo, incorporándose aos talleres da General Motors. Cos dólares aforrados na empresa automotor en xaneiro de 1925 decidiu visitar aos seus pais. Despois dunhas vacacións na súa aldea tomou a decisión de emigrar á Arxentina onde se encontraban os seus irmáns. Ao pouco de chegar conseguiu traballo na General Motors Arxentina. A vida tranquila non lle durou demasiado tempo. Os seus compañeiros ofrecéronlle que fose o seu representante integrando unha comisión de 5 delegados. A nova comisión pasouse integrar á Federación Obreira Rexional Arxentina (FORA). Enteirados na empresa da formación do sindicato Montero e os seus compañeiros son despedidos. A comisión de delegados convocou unha asemblea xeral e a mesma declarou unha folga xeral dentro da planta automotriz. A negativa empresarial para readmitir os delegados provocou que o conflicto se poña en límites insospeitables. A policía detivo a centos de traballadores moitos dos cales foron torturados con picanas eléctricas. O conflicto durou case dez meses durante os cales en varias oportunidades Montero foi detido. A folga da General Motors foi unha das loitas obreiras máis importantes da súa época logrando concentrar a simpatía e a solidariedade da maioría do pobo arxentino. A folga rematou coa chegada de novos directivos e a readmisión dos despedidos. A loita fora todo un éxito mais seguir dentro da fábrica resultaba un calvario. Cos meses adebedados tomou a decisión de deixar a empresa e mercar un taxi. Esta nova actividade resultou un fracaso debido á grande cantidade de taxis e ao elevado custo do servizo. Por outra banda o taxi de Montero era un automóbil vello que dificilmente podía competir cos outros máis modernos. Fronte a esta situación moi común e xunto a outros propietarios de taxis resolveron convocar unha reunión co auspicio do Sindicato da Unión de Chóferes de Bos Aires, onde decidiron poñer en práctica unha nova modalidade de transporte público que significaba alongar os taxis para dotalos de capacidade para 8 asentos. Carrozados convenientemente colocóuselles un cartel na parte superior dianteira onde figuraba un número de identificación e as zonas ou barrios que percorría no seu itinerario preestablecido. Saíu así á circulación a primera liña de colectivos que levaba o número 1 que tiña o percorrido desde Praza de Maio ata Lacarra e Rivadabia (10 quilómetros aproximadamente). Deste xeito creouse o famoso Colectivo arxentino das mans dos galegos xa que a meirande parte dos chóferes eran desta orixe. Montero foi un dos primeiros peóns que saíu traballar cos Colectivos. Tempo despois logrou mercar un vehículo propio de marca "Studebaker" fundando unha empresa que levaba o número 86 que facía o percorrido Praza de Maio ata Villa Devoto. Despois desta etapa de colectivero pasou á de comerciante por conta propia. Ata que o 26 de abril de 1930, cando tiña 32 anos, casou con Elena Fernández, filla de galegos. A Arxentina por aqueles anos viviu unha situación de crise pola cal a actividade que realizaba Montero de venda casa por casa e non lle daba o suficiente para manter un fogar. O casamento levouno a buscar unha actividade máis segura. Foi así como conseguiu traballar nunha empresa de colectivos como Control da Liña Nº 1. O seu traballo era sinxelo tiña que controlar o funcionamento regular das saídas e chegadas dos colectivos. A Liña Nº 1 tiña naquel entón 70 unidades e a regularidade de saída era de tres minutos entre cada coche.

Como non podía ser doutra maneira, Montero impulsou a realización dunha asemblea e quedou constituído o Sindicato de Controladores e Inspectores adheridos á FORA. Ao se constituír a primeira comisión, foi electo tesoureiro.

O 6 de setembro de 1930 o Xeneral Uriburu asaltou o goberno e declarou fóra da lei a todos os sindicatos de traballadores e simultaneamente se expediu un Bando Militar no que se sentenciaba que "todo cidadán descuberto en infracción ás disposicións adoptadas sería pasado polas armas".

Coa dictadura militar algúns socios das liñas de colectivos que se fixeran por conveniencia comezaron a desertar. Fronte a esta situación os activistas máis exaltados comezaron a queimar os colectivos dos traidores.

Unha desas noites comezou a dramática historia de Montero. Así nola conta o propio protagonista: "Unha das tantas noites de violencia quixo o destino verme para a miña desgracia envolto nos acontecementos.

En unión de catro compañeiros atopábame repartindo un manifesto ao que titularamos "El Verbo Prohibido" cando nos atopamos de súpeto preto do lugar onde estaba incendiado o coche dun desertor, obra da que eramos totalmente alleos.

Ao tentar arredarnos do lugar deu a casualidade de que andaba por alí unha patrulla policial que pretendeu deter o noso coche. Dadas as circunstancias fuximos velozmente desoíndo a orde impartida.

O coche policial emprendeu a nosa pescuda disparando as súas armas para nos obrigar a deter. Isto provocou o nerviosismo do noso conductor que ao dobrar unha rúa sobre a man esquerda calculou mal a viraxe chocando co cordón da beirarrúa e provocando a rotura da punta do eixo dianteiro.

Detido o noso vehículo, fixo o propio e a prudencial distancia a forza policial co seu, xa que na breve carreira deberon soportar o fogo co cal respondemos ao seu ataque..."

Despois dun nutrido tiroteo e diante da escaseza de balas, Montero tapou a fuxida dos seus compañeiros para logo aproveitar a noite e eludir á policía. A proximidade dunha comisaría impediulle escapar da zona sendo detido pola policía. Ao chegar á comisaría logo de recibir algúns golpes puido comprobar que dous dos seus compañeiros non puideron escapar do valado policial. Alí volvéronse xuntar cos seus paisanos Florindo Gayoso e José Ares. Esa noite foi terrible para os tres galegos. Os policías facían comentarios en voz alta: "Hai que dar un exemplo rápido, é necesario fusilalos de inmediato...". Ao outro día foron trasladados ao Cuartel de Granadeiros a cabalo "Xeneral San Martín". Comezado o rápido xuízo aos tres galegos e despois da intervención do fiscal que pediu a pena de morte o Presidente do Tribunal poñéndose en pé anunciou a terrible sentencia: PENA DE MORTE.

Tras uns segundos de reflexión Montero pediu a palabra e dixo: "Señores do Consello, vostedes condenáronnos á última pena a sabendas de que non hai dereito a matar por unha cousa tan insignificante e ao aceptar Vds. esta sentencia convértense automaticamente nuns criminais ao condenar a tres homes polo só feito de non comungar cos seus ideais nin coa dictadura que Vds. representan. Por canto nin matamos nin roubamos, só podemos probar que somos honestos traballadores, propietarios dos nosos coches e ese traballo honrado defendemos. Por estas razóns a conciencia de Vds. quedará manchada para o resto das súas vidas...". O presidente non se fixo esperar retirándolle a palabra e sacándoos da sala. Mentres este xuízo se realizaba en forma secreta ninguén sabía do paradoiro de Montero, Gayoso e Ares. Cando foron trasladados do tribunal Montero comezou a berrar pola xaneliña do vehículo. "¡Somos os tres condenados a morte que nos levan para ser fusilados! ¡Somos Gayoso, Ares e Montero! Viva a Unión de Chóferes! ¡Viva a FORA! ¡ Abaixo os tiranos!". Desta xeito a FORA e os medios de comunicación enteiráronsedo que pasara. Ao chegar ao cárcere foron aloxados nas "Cámaras da morte" de onde deberían saír para se enfrontar co pelotón de fusilamento. O 9 de decembro un carcereiro achegouse aos tres galegos que estaban en celas separadas e tróuxolles follas de papel para se despedir dos seus familiares por carta. Montero acepta e comezou a escribir: "Eu quedo un pouco triste, é dicir moi triste por canto esta carta será a última que recibirás das miñas mans pois dentro de horas serei fusilado... Eu só che podo dicir para a túa tranquilidade que non matei non roubei e só me matan polos meus ideais. Saúdos para as miñas irmás e demais familiares nosos". Mentres Montero escribía a súa nai, Gayoso a berros pedía: "Eu quero ver a miña esposa e aos meus fillos".

Despois de tantos reclamos concedéronnos poder ser visitados pola familia. A muller de Montero non se animou a ir a velo. Quizais o máis dramático foi a visita da muller de Gayoso, unha valente arxentina que con tres fillos apretouse ao seu marido chorando todos desconsoladamente. Gayoso sen forzas para falar puido dicir "¡Pobres fillos meus!... Vanme matar... Eu que fun tan bo e solidario..., vanme matar...".

Esa noite ninguén podía durmir; pola mañá sería seguramente o fusilamento. Mais ao anoitecer o Doutor Alberto Viñas, Director do cárcere, comunicoulles que foran indultados. A presión dos sindicatos e a colectividade galega como así tamén a grande manifestación estudiantil fixeron posible que o Xeneral Uriburu non consumara os tres asasinatos.

Despois do indulto os tres anarquistas galegos foron recluidos no cárcere de Tierra del Fuego, zona que limita co polo sur. Durante tres anos estiveron nun dos cárceres de peores condicións do mundo. Ao lles decretar a liberdade foron recibidos como herois. Máis de 10.000 persoas achegáronse para recibilos na estación de trens de Constitución. A súa nova etapa en liberdade foi moi difícil polo férreo control da policía. En abril de 1935 un destacamento da policía política denominada "Orde Social" expulsouno da Arxentina, meténdoo nun barco rumbo ao seu país.

Na Coruña estaba coa súa nai e contactou cos seus compañeiros da CNT, que lle deron toda a axuda necesaria para regresar á Arxentina como polisón. Así foi que os seus compañeiros da CNT embarcárono nunha nave da Armada Real Inglesa baixo unha nova identidade. Ao chegar a Bos Aires seguiu coa documentación de Ramón Galán Lafuente e como non podía de ser de outro xeito entrou traballar como chófer de colectivos. Ao pouco tempo de chegar a policía volveu estar tras de Montero.

Cansado desta situación no mes de febreiro de 1937 decidiu xunto a outros compañeiros voltar ao estado español para combater ao lado das forzas da República. Enteirados de que na cidade de Rosario estaba cargando o barco da República "Serantes" achegáronse ata esta cidade e foron directamente falar co capitán. A súa sorpresa foi grande cando o responsable do barco lle denega a posibilidade de poder ir combater. Sen moita demora logrou contactar cos delegados da CNT e a UGT do barco e en forma conxunta elaboraron un plano para entrar sen ser vistos. Ao día seguinte, en plena navegación, Montero amotinou aos mariñeiros contra o capitán de dubidosa adhesión republicana. Con este barco trasladouse ata o norte de África onde colleu un barco francés ata Marsella para pasar logo a Barcelona. Ao llegar a esta cidade enteirouse que o capitán do barco anterior se pasara ao bando falanxista. A súa primeira actividade ao chegar foi a de traballar cun Conselleiro do Goberno da Generalitat de Cataluña. Esta actividade burocrática non era para o temperamento de Montero; el quería ir á frente de batalla. Un encontro fortuíto co seu compañeiro de sindicalismo na Arxentina e nese momento deputado galeguista Ramón Suárez Picallo facilitoulle os contactos para realizar un curso de oficial, sendo destinado posteriormente como tenente no Corpo do Exército Nº 10 que estaba ao mando do Comandante Francisco Galán. Logo de combater ata rematar a guerra pasou pola fronteira onde permaneceu nun campo de refuxiados. Montero tentou fuxir en varias oportunidades ata que logrou ir a París. Alí os sindicatos conseguíronlle un billete para viaxar a México onde gozou da axuda inestimable do Presidente Lázaro Cárdenas que tanto fixera polos exiliados da República. Neste país puxo en sociedade unha pequena empresa de chacinados. Os últimos anos pasounos en Galiza participando na fundación do PSOE da súa bisbarra. E logrou despois dunha longa loita a construcción dunha estrada de máis de 1500 metros nunha zona anegada da súa zona.

José María Montero faleceu en Peirallo o 13 de xullo de 1981 despois de loitar incansablemente ata a súa morte polos dereitos dos máis desprotexidos.

Lois Pérez Leira

 
         
     
José María Montero
 
Inmigración entrando en Nova Iork.
 
Os primeiros "colectivos" na Arxentina.
 
Xornais da época.
 
Disturvios en Bos Aires, comezo do século XlX .
 
Gayoso, Ares e Montero, as vítimas da ditadura de Uriburu.