Personaxes da emigración

 

Manuel Meilán Martínez:

No 50 Aniversario da Fundación da Emisión Radial Galega Sempre en Galiza de Montevideo

Manuel Meilán naceu en Lugo o 18 de Xullo de 1904. Seus pais foron Manuel Meilán Vilavella empregado da delegación de Facenda e Ángela Martínez Souto. A familia Meilán tivo cinco fillos dos cales Manuel foi o último. Cóntanos Meilán no libro de Cristina Samuelle : "Nacín na rúa da Tinería, no número 6, que da á porta do Carme na muralla, e alí vivimos cinco ou seis anos. Despois fomos para Santo Domingo 27, e posteriormente para a rúa do Progreso. Cando vin para América a familia mudara outra vez para a praza de santo Domingo. Pero Lugo era daquela moi pouquiña cousa, unha cidade entrañable que sempre levei no corazón, moi diferente destas grandes urbes como Bos Aires ou Montevideo...”.
Manuel comenza a interesarse polo galeguismo a partir do Congreso das Irmandades da Fala que se realiza en Lugo en 1918.

Como a maioría dos mozos da época que non queren facer a guerra de Marrocos, marchan cara a emigración. Alí tiña a seu irmán Rafael quen lle manda o pasaxe. Partiu do porto da Coruña no barco "Aerlanza" o 23 de abril de 1922. Despois dunha longa viaxe no que o barco paraba en tódolos portos: Vigo, Lisboa, Madeira, Cabo Verde, Río de Janeiro, Montevideo e finalmente , o 13 de Maio, Bos Aires, onde o estaba esperando o seu irmán.
Meilán intalouse na ría Victoria (hoxe Hipólito Yrigoyen) preto da Praza do Congreso. Cando aínda non pasasaran oito días da súa chegada comenzou a traballar na casa importadora Peña Pérez y Peña.
Polas noites despois de saír do traballo gustáballe percorrer a Avenida de Maio, por aqueles bares onde se xuntaban a cotío mozos galegos en busca dalgún paisano para lembrar a terra. Un día, por casualidade entrou no Café Armonia e de pronto atopouse que uns músicos andaban a tocar a Alborada de Veiga. Aquel encontro con aquel bar seguramente lle cambiou a vida. “ A época do Café Armonía foi moi importante para min. Un tempo que xa nunca voltará como di o tango”.
Naquel café facían tertulia de xeito diario unha peña galeguista entre os que se atopaban: Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, Xosé Abraira, Lino Pérez, Rodolfo Prada, Xosé Iglesias Ribadulla, Xosé Barreiro, etc, que darían lugar aos grupos Céltiga e Pondal. Foi naquela época, máis exactamente en 1921, que se fundou unha Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais onde convivían os sectores republicáns cos socialistas e os nacionalistas. Durante aqueles anos naceu unha grande amizade con Ramón Súarez Picallo e Blanco Amor. Co primeiro compartiu unha pensíón rexentada por unha paisana de Lugo.
A primeira entidade patriótica onde participou foi en El Hogar Gallego da rúa Bernardo Yrigoyen esquina Venezuela que era un excisión da Casa de Galicia, ó mesmo tempo comenzou a participar da Federación en representación da Sociedade de Meira. En 1931, coa proclamación da segunda república, a Federación envía como representantes a Asamblea Republicán da Coruña a Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo, sendo eleito este último deputado ás Cortes.

Mentres tanto en Bos Aires fúndase a Organización Republicana Nacionalista Autónoma Galega do que Rodolfo Prada é nomeado Presidente e Meilán secretario. Este partido converteuse na delegación do Partido Galeguista en Arxentina.

En 1934 instálase en Montevideo traballando para un laboratorio uruguaio. Mentres tanto continúa a súa relación co galeguismo da Arxentina e con Prada co que comenzará unha estreita relación persoal, política e tamén laboral. A parte dos seus ideais galeguistas e republicáns ambos amigos tiñan unha clara identificación coas ideas do libre pensamento tan de moda nos ámbitos republicáns daqueles anos. Este vínculo amizoso con Prada - quen era xerente xeral para toda América da empresa Laboratorios de Especialidades Médicas Doutor Andreu – fixo que Meilán entrara a traballar nesta empresa como xerente xeral en Montevideo.

Na capital do país chamado tamén "oriental", recreou a tertulia do "Armonía" xunto a Antón Crestar, Ramón Antelo, Francisco Rial,etc no mítico café Tupí Nambá do galego Francisco San Róman. Participou dos comenzos da Irmandade Galeguista do Uruguai xunto con Antón Crestar. Coa guerra civil participa da fundación na Casa de Galicia do Comité Nacional de Axuda á Republica Española onde tamén participaban os partidos políticos uruguaios. Os galegos estaban representados por Meilán e Andrés Calvo. Participa da Fundación do xornal España Republicana tendo unha columna chamada “Rataplán” e firmaba co seudónimo de Tatarí. Tamén participou da fundación da Organización Republicana Galega de Axuda o Povo Español sendo elexido secretario xeral.

En 1940 casa con Chela. Ao pouco tempo naceu o seu primeiro fillo Lugo Fernando, despois viría Rafael. Naqueles anos da solidaridade coa República coñeceu ó seu entrañable amigo Pepé Fernandez con quen desenrola moitísimas actividades de carácter cultural. Coa derrota do bando republicán comenzan a chegar os exiliados: Luis Tobío, Vázquez Valiño, Alfredo Somoza, etc.

Por aqueles anos intégrase de cheo a traballar no seo da masonería uruguaia na que participaban destacadas figuras do galeguismo entre elas: Xesús Canabal, o empresario fundador de IPUSA e o Banco de Galicia; Xose Añon, Fundador de CUTSA, vicepresidente del Banco de Galicia e Presidente do equipo de fútbol Nacional de Montevideo; Pepe Fernández:, actor; o médico Cancela Freijo, fundador do Padronado da Cultura Galega de Montevideo; Lois Luna; Pastor García; Eusebio Silva e o diputado Alfredo Somoza entre outros.

A partir do paso de Castelao por Montevideo en viaxe a Arxentina, Meilán mantivo co "Guieiro" nacionalista unha entrañábel amizade. O líder galeguista mantivo unha relación permanente cos nacionalistas residentes no Uruguai. A tal punto que a creación do Consello de Galiza en 1945 foi realizada en Montevideo. Meilán foi un activo participante das Irmandades Galegas creadas en toda América que eran na práctica a continuación do Partido Galeguista. Participou da creación de GALEUZCA e posteriormente do Congreso da Emigración Galega que se fixo en Bos Aires en 1956.

Meilán e o galeguismo do Río da Prata fixeron distintos intentos para reorganizar o Partido Galeguista no interior: "Os galeguistas da Arxentina e do Uruguai decidimos, certamente, enviar un representante do Consello de Galiza para que falase coa xente que quedaba no país, por se era posible reorganizar o partido e apoialos dende aquí. Enviamos a Perfecto lópez. Era un rapaz galeguista do meu tempo, que militou na Irmandade e sempre estivo vinculado ó nacionalismo. A mensaxe que levaba era que se reorganizase o Partido Galeguista e que contasen coa nosa colaboración, tanto moral e institucional como enonómica. De feito, como dixen, o galeguismo do interior deixou sentir a súa opinión cando tratamos de colocar a Castelao no Governo da República no exilio. Pero os representantes do galeguismo en Galicia non concordaron coa nosa idea de reconstruír o partido na Terra (aínda que seica houbo algúns pequenos intentos de facelo, nos anos 40) e preferiron orientar os seus esforzos e a súa actividade noutra dirección, primeiro no traballo cultural, máis tarde, pensando máis nos partidos políticos españois que na viabilidade de organizacións políticas nosas, que era un traballo máis difícil, pero que nós entendíamos que é a verdadeira maneira de garantir a nosa soberanía. Daquela dixeron que a situación era moi difícil, que a saída do franquismo non estaba nada clara e que cumpría pospoñer a labor partidaria ou política por unha actividade máis ampla e cultural, pensando nun futuro a longo prazo. Houbo diferencias. É certo. Distintas maneiras de ver as cousas. Mesmo cando chegou a democracia a España moitos intentamos organizar un apoio moral e económico dende aquí, enviando diñeiro, para levar ó Parlamento do Estado e ó Parlamento de Galicia un grupo de deputados galeguistas. Mais eles escolleron outra estratexia. Foron cos partidos españois. E nós entendemos que iso foi un grandísimo erro".

O 3 de septembro de 1950 comenza a emitirse a emisión radial Sempre en Galiza o propio meilán contanos esta historia:

"A idea naceu de Alfredo Somoza, e eu fixen as xestións en radio Carve, coa que tiña bastante relación..." "Interesábanos que fose radio Carve porque era unha emisora de moito prestixio e porque se escoitaba tamén na Arxentina, e era un xeito de chegar tamén ós galegos do outro lado do Río da Prata. Daquela a constitución Arxentina prohibía o uso doutras linguas que non fose o castelán nos medios de comunicación. Era unha lei da época de Perón". "... non podía imaxinar que aquel programa de radio en galego había de durar máis de corenta anos ininterrupidamente".

"Comenzaba a audición cunha música de gaitas para que a esa hora os oíntes puidesen atopar a sinfonía fácilmente no receptor...""Emilio Pita interpretaba ó piano a Muiñeira de Chantada, a mesma dende 1950 ata hoxe. Logo viña un editorial, música, noticias, cuestións de interese arredor de galicia ou da propia colectividade...".

"Sempre en Galiza foi sempre un labor militante. Nunca contou co apoio das institucións. Nin axuda oficial tampouco". "...o mais do tempo sostivémola co noso propio esforzo e os nosos medios pequenos, pois había un grupo entusiasta de colaboradores...""Era un grupo pequeno de galeguistas que nunca nos fallaron". "A verdade é que nunca pensamos durar tanto. No 1987 a fundación do Pedrón de Ouro, en Gilicia, outorgounos o Pedrón de Honra, e logo destes corenta anos recibimos moitos agasallos e gratificacións...".

"É moi importante que a colectividade galega deste lado do mundo siga a ter unha referencia na súa propia lingua, unha presencia viva da nosa cultura dentro da sociedade uruguaia e arxentina, a través dun medio de comunicación".

"Tódolos domingos pola mañá os galegos do Uruguai e da Arxentina, e tamén os fillos e netos deses galegos, seguen escoitando a voz amiga de Sempre en Galiza, animados pola súa sintonía, e penso que é unha maneira de dicirlles o que somos, que estamos vivos , que temos detrás un esforzo e unha historia da que podemos sentirnos orgullosos. A Historia, certamente deu moitas voltas, pero hai unha Galiza que está aquí e que ten unha parte moi importante do seu corazón na Terra".

É Cofundador do Patronato da Cultura Galega, creada en 1968, da que foi presidente. "A idea naceu do doutor Cancela Freixo, médico, de Pontevedra, que mesmo fora alumno de Castelao no instituto desta cidade. Coñecino porque era practicante na Casa de Galiza e tiña un gran sentimento pola Terra..." "Pensamos de primeiras en facer un ambicioso complexo cultural que agrupase unha Escola Galega e unha institución adicada especificamente ó estudo e espallamento da nosa cultura. Pero iso era un soño, quizais daquela un pouco grande demáis, e quedámonos a metade de camiño. Creouse o Patronato da Cultura Galega e, logo dalgunhas xestións, logramos que unha escola pública de Montevideo levase o nome de Galiza, cunha comisión xestora do centro que presidía Antón Crestar".
"...cumpría unha institución que espallase con forza e con enerxía a nosa cultura e máis que usase con determinación e afouteza a nosa lingua, mesmo para activar a conciencia das outras sociedades de galegos. As sociedades e institucións galegas estaban máis adicadas a labores de carácter recreativo e asistencial, e moitos de nós precisábamos dunha plataforma específica e activista. Así foi como acordamos crear un Patronato.
O seu obxetivo é moi amplo e estrictamente cultural, entendendo a cultura como algo dinámico e clarificador, naturalmente, que sirva para abrir os ollos da xente e motivala polas nosas cousas. Polos nosos salóns pasou unha morea de xente do galeguismo, de Galicia e de América". "As edicións do Patronato chegan xa a dezaseis títulos e anualmente outorgamos a Vieira de Prata a aquela institución ou persoa que se teña distinguido polo seu traballo a prol da Terra".

"Para min o Patronato xa é coma un fillo. Axudei a crealo, fun da primeira xunta directiva, fun tamén o seu presidente durante un tempo e sigo vinculando a el e preocupándome polo seu funcionamento. A mellor solución de futuro poida que sexa transformalo nunha fundación".

Meilán morre en 1994 a idade de 89 anos en Montevideo. Según o escritor Manuel Suárez Suárez quen compartiu con Meilán a Audición Sempre en Galiza: "Manuel Meilán foi un dos máis destacados galegos que pasaron pola emigración galega do río da plata . Foi un home comprometido coa súa Terra e cultura. Xunto con Crestar, Canabal, Somoza, Luís Tobío, etc deixaron sementado o verdadeiro galeguismo. Agora os seus dous fillos seguen o mesmo camiño de compromiso coa humanidade".


Fontes Bibliográficas consultadas:

  • Cristina Samuelle: Conversas con Manuel Meilán, Edicións Xerais, Vigo 1993.
  • Gran Enciclopedia Galega páxina 225, Manuel Suárez Suárez.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Manuel Meilán de pé na esquerda da foto, no centro Alfonso Castelao.
 
Na Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, Meilán o cuarto sentado de dereita a esquerda na foto.