Personaxes da emigración

 

Enrique Lister

Enrique Líster naceu o 21 de abril de 1907 nunha aldea chamada Ameneiro, na parroquia de Calo, concello de Teo, a 7 quilómetros de Santiago de Compostela. A súa nai era labrega e o seu pai obreiro canteiro. Os Líster tiveron sete fillos, cinco varóns que seguiron o oficio do pai e dúas mulleres que se adicaron aos traballos do campo. Desde neno Enrique comezou traballar cos seus paisnas labourasda aldea. A escola máis próxima quedaba moi lonxe polo que este rapaz campesiño se quedou sen aprender a ler e escribir. Aos 11 anos o seu pai canso de tanta pobreza decidiu marchar a Cuba onde xa estaban os seus dous fillos maiores.

No seu libro de memorias, Enrique Líster lembraba deste xeito aquela etapa de neno emigrante: "Só moito máis tarde eu decateime de onde estaban as causas que me arrincaron da miña aldea natal e que me levaron a Cuba, porque alí moitos empregaban o nome de "gallego" como un insulto. Nos meus primeiros meses de estancia en Cuba sentíame terriblemente triste. Lembrábame da miña nai e irmáns, dos meus amigos, da aldea, dos capos e piñeirais, das hortas dos veciños que ningunha delas se salvara dos meus asaltos, coñecendo eu mellor que os seus donos as árbores que daban as froitas máis saborosas. Se en vez de auga fose terra o que me separase de Galiza creo que me volvería andando".

Mais este estado de ánimo duroulle pouco. Acabando de chegar o seu pai púxoo traballar de aprendiz de adegueiro no negocio que tiña un paisano de nome José Albariño na Rúa Sol e San Ignacio. Logo de cambiar a outra adega que tiña mellores condicións laborais, e tras unha breve estancia en Matanzas, voltou á Habana, onde comezou estudiar pola noite na escola do Centro Galego namentres que polo día se dedicaba ao traballo de canteiro.

Esta rutina non durou moito tempo xa que unha noite ao saír do Centro Galego unha rapaza se lle achegou para lle ofrecer un par de pesos se lle levaba un paquete e se llo entregaba a unha persoa. Enrique sen pensalo e ante a necesidade deses cartos aceptou a proposta. O simple traballiño foi cumprido con toda normalidade, nembargantes despois de varios días dúas persoas que se identificaron como policías detiveron a Enrique. Ao chegar á dependencia policial os axentes comezáronlle a berrar e a golpealo. Preguntáronlle quen era a persoa que lle dera a bomba. Enrique descoñecía o contido do paquete mais ao escoitar a palabra bomba evitou dar pistas á policía. As dúas pesetas terminaron por lle saír caras pois tivo unha condena de dous anos de cárcere nun reformatorio. Deste xeito casual, seguramente, Enrique comezou experimentar vivencias moi duras que o foron curtindo na súa mocidade. Ao saír do cárcere con 17 anos o seu pai conseguiulle un traballo de canteiro na construcción do Centro Asturiano. Por aqueles anos Enrique estaba moi adaptado á vida cubana, atrás quedaba a súa tristura e os seus desexos de voltar a Galiza. Mais todo cambiou o 25 de xaneiro de 1925. Unha carta recibida por un compañeiro de traballo e veciño da súa aldea contáballe que á súa nai pegáralle o ferreiro e o seu fillo. A nova causoulle tanta indignación que xuntou todos os seu aforros e sacou pasaxe para Galiza o 28 de xaneiro. E cos cartos sobrantes mercou unha pistola do 9 largo e unha caixa de balas. Chegou a Vigo o 11 de febreiro e a súa casa o día 13. A súa nai asustada tentou quitar importancia ao asunto, mentres o ferreiro e o seu fillo liscaron da aldea. Despois dun mes a policía requisou na casa e apoderáronse da pistola. Enrique sabe que corre perigo e consegue outra arma. O encontro foi inevitable, así o 30 de abril atóparonse os tres e enfrontáronse a tiro limpo. Enrique quedou cunha ferida na cabeza e o fillo do ferreiro cun tiro no pulmón.

Durante os anos 1925 ao 26 Líster tentou darlle vida ao Sindicato de Oficios varios de Teo (Ames) onde tamén participaron os seus irmáns. Despois de ter un novo choque coa Garda Civil, para evitar ir ao cárcere volveu para Cuba. Foise no mes de xaneiro de 1927.

Na Habana traballou na construcción do Capitolio onde tomou contacto co sindicato e un dirixente do mesmo, de orixe canaria, comezou falar da Unión Soviética e do socialismo. Daquela Cuba estaba nun proceso de importantes loitas. En 1920 constituíuse a Federación Obrera da Habana, en 1925 creouse en Camagüei a Confederación Nacional Obrera e a mediados de 1927 fundouse o Partido Comunista de Cuba liderado por Ricardo Mella e Rubén Martínez Villena. Tanto Líster como o galego Fernández Valle, entre outros paisanos, formaron parte deste novo partido. A dictadura de Machado non tardou en reaccionar de forma represiva detendo a un grande número de comunistas. Líster viuse na obriga de deixar o traballo para evitar a detención, motivo polo que o seu partido decidiu que o mellor era que saíra do país de xeito clandestino nun barco que fose ao estado español e que paraba en Nova York. O seu destino debería ser esa última cidade mais o destino xogoulle unha mala pasada e a forte custodia do barco non lle permitiu baixar. Foi así como novamente estivo en Galiza. En 1928 chegou á Coruña onde se puxo en contacto coa súa familia e coa organización do Partido Comunista Español, incorporándose á célula de Santiago de Compostela. Durante eses primeiros meses volveu caer preso en varias oportunidades, sendo a detención máis longa entre 1929 e o 4 de maio de 1931, días despois da proclamación da Primeira República.

Ao saír da prisión dedicouse de pleno a recuperar o seu sindicato que estaba en mans de burócratas. Co apoio de máis dun cento de afiliados convocou unha asemblea onde se varreu a dirección anterior e elixírono presidente da mesma. En febreiro de 1932 participou activamente da Conferencia Rexional do Partido Comunista onde o elixiron delegado ao IV Congreso que se celebrou en Sevilla.

O seu labor militante na comarca converteuno nun baluarte comunista chegando a contar con máis de 60 afiliados.

A Segunda República naceu das mans da dereita liberal mentres os traballadores e labregos pobres empurrándoa a un cambio profundo.

Líster participou apaixonadamente da primeira etapa da República. Os seus constantes enfrontamentos e persecucións por parte da Garda Civil levaron ao seu partido a tomar a decisión de conducilo á Unión Soviética para preparalo politicamente. De setembro de 1932 a setembro de 1935 residiu no país dos Bolxeviques. Na URSS estudiou nunha escola leninista como así tamén na escola militar. Mentres se preparou politicamente, traballou na construcción do Metro de Moscova.

O seu paso pola Unión Soviética foi decisivo na súa formación comunista. Ao seu regreso o delegado da Internacional Comunista para España o arxentino Victorio Codovilla encomendoulle a responsabilidade do traballo coas Forzas Armadas. O Partido Comunista a través dos seus membros organizados ou individuais tiñan contacto co centos de soldados, cabos, sarxentos, oficiais aos que influían politicamente e en moitos casos organizábanse en comités que levaban a cabo a loita de defensa dos dereitos dos soldados contra os manexos dos mandos reaccionarios. O 16 de febreiro de 1936 produciuse o triunfo da Frente Popular. Aos poucos meses, o 18 de xullo, realizouse o levantamento de Franco e os sectores fascistas do exército. Durante os dous anos que durou a Guerra Civil Líster converteuse no símbolo do heroísmo e nun dos militares máis queridos. Ao longo da guerra incorporouse ás Milicias Populares como simple miliciano. Posteriormente nomearono comandante-xefe do 5º Rexemento; organizador e xefe da Primeira Brigada Mixta e da 11ª División. Rematando a Guerra co grao de Coronel-Xefe do V Corpo do Exército. Con esas forzas participou das batallas de Guadarrama, Talavera, defensa de Madrid, Xarama, Guadalaxara, Brunete, Aragón, o Ebro e Cataluña. Mentres se desenvolveu a guerra, os galegos residentes en Madrid organizaban as Milicias Galegas. Nun comezo naceron como autónomas cunha dirección compartida polos distintos partidos políticos (agás o PSOE que non quixo participar). Entre un dos fundadores das Milicias estivo o deputado galeguista Ramón Suárez Picallo. Desde o principio tivo unha activa participación na súa dirección o dirixente comunista Santiago Álvarez. Moitos foron os intelectuais galegos que dun xeito ou outro colaboraron coas milicias, como foron Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Illa Couto, Castelao, Rubia Barcia, Lorenzo Varela, etc. A falta de apoios para conseguir os correspondentes armamentos e outros elementos de guerra levounos á decisión de incorporarse ao 5º Rexemento liderado polo seu compatriota Enrique Líster. O escritor Arturo Cuadrado lembraba o seu paso polas Milicias Galegas: "Con que amor e heroísmo combatían os nosos Milicianos. Na frente de batalla nunca faltou a bandeira azul e branca de Galiza. O noso soño era avanzar cara a Galiza e liberar ao noso pobo. Contábamos cun grande líder militar e gran revolucionario, Enrique Líster; xunto a el pasei parte da Guerra Civil e xuntos soñamos entrar no noso Santiago de Compostela capital da Europa liberada do fascismo".

O 5º Rexemento convertérase na esperanza de toda a República. Os máis destacados escritores achegábanse para darlles azos, os poetas dedicábanlle os seus máis combativos versos. Pola fronte de batalla recitando os seus poemas podíanse ver a León Felipe, a Rafael Alberti, a Miguel Hernández, a María Teresa León, a Altolaguirre, a Serrano Plaja, etc..".

O grande poeta Miguel Hernández relata poeticamente a batalla de Teruel:

"Líster, la Vida, la cantera, el frío:
Tú, la vida, tus fuerzas como llamas,
Teruel como el cadáver sobre el río..."

Mentres tanto o outro grande poeta dos pobos da España Republicana, Antonio Machado, adicoulle unha poesía que di:

A LÍSTER

Jefe en los ejércitos del Ebro

Tu carta- Oh noble corazón en vela,

español indomable, puño fuerte!-,

tu carta, heroico Líster, me consuela

de esta que pesa en mi carne de muerte.

Fragores en tu carta me han llegado

de lucha santa sobre el campo ibero;

también mi corazón ha despertado

entre olores de pólvora romero.

Donde anuncia marina caracola

que llega el Ebro, y en la peña fría

donde brota esa rúbrica española:

de monte a mar, esta palabra mía:

" Si mi pluma valiera tu pistola

de capitán, contento moriría".

Antonio Machado tivo un grande compromiso militante na defensa da liberdade dos pobos e nacionalidades do estado español. Malia a súa enfermidade enviou unha carta de alento ao 5º Rexemento, a cal rematou dicindo: "Saúde obreiros e soldados, combatentes nas filas do V Corpo do noso grande Exército da Victoria. Agardo que ninguén poida arrebatarvos o triunfo: estou seguro de que nadie pode privarvos da gloria de merecelo."

Rematada a Guerra, Líster refuxiouse en Moscova cursando estudios na Academia Militar Frunze. Co grao de Xeneral Soviético, polaco e finalmente iugoslavo, loitou nos campos de batalla da Segunda Guerra Mundial. En 1945 estableceuse en París exercendo o cargo de responsable de emigración do Partido Comunista. Ata 1970 formou parte da dirección do PC. En 1973 rompeu co sector socialdemócrata de Carrillo para formar o Partido Comunista Obrero Español. Durante a transición española volveu ao estado español onde se reintegrou no Partido Comunista. Pouco antes da súa morte en 1994, o Clube Cultural Adiante dependente da CIG baixo a dirección de Xosé Luis Méndez Ferrín outorgoulle o Premio 10 de Marzo.

Lois Pérez Leira

         
     
Enrique Lister.
 
Na fronte de Aragón, Enrique Lister interrogando a un prisioneiro italiano, ano 1937.
 
Enrique Lister lendo unha carta.
 
Enrique Lister no centro da foto, na Conferencia de Valencia.
 
Fotografía de Enrique Lister dedicada a Santiago Álvarez, ano 1938.