Personaxes da emigración
 

 

Manuel Lemos

Manuel Lemos emigrou moi novo á Arxentina; cando tiña dezasete anos emprendeu o seu primeiro negocio, unha axencia de loterías. Durante eses anos ofrecéronlle ocupar destacados cargos públicos, que non aceptou xa que estaría na obriga de solicitar a nacionalidade arxentina. A axencia de loterías non lle enchía as súas expectativas e mudou a súa ocupación por unha adega de distribución de viños. Comezou nun espacio prestado por un amigo; toda a súa adega reducíase a unhas cantas bordolesas agachadas tras do mostrador do comercio do seu amigo. Mais daquela insignificancia rematou construíndo unha das grandes empresas vitivicultoras da Arxentina, as "Bodegas La Superiora".

Lemos comezou a fornecerse de viño a milleiros de establecementos moitos dos cales estaban rexentados por galegos. Co prestixio vertixinoso de "La Superiora" comezou a ampliación desta empresa. Primeiro foi a construcción do edificio da rúa Ribadavia, posteriormente abriu sucursais en toda a Capital federal e o gran Bos Aires. A demanda do seu producto levouno á necesidade de ter colleita propia; polo dito motivo a empresa estableceuse en Mendoza, provincia andina que limita con Chile. Nesta rexión de altas montañas onde a terra é boa para o bo viño comezou a súa actividade empresarial. O seu primeiro paso foi establecerse cunha pequena empresa logrando mercar aos poucos grandes extensións de terra onde cultivar a vide. Anos despois esta empresa converteuse nunha das adegas máis importantes de viño de toda América Latina, a famosa Empresa "La Superiora, S.A." da cal foi o seu principal accionista e Presidente do Consello de Administración. A adega tiña grandes extensións tanto na provincia de Mendoza como na de San Juan. Nestas provincias comezou o seu labor de mecenas fundando escolas e colonias escolares para os fillos dos seus empregados.

Manuel Lemos viaxou a Galiza en 1912 chegando ao porto de Vigo no vapor "Cap Ortegal". Esta viaxe fora orientada a inspeccionar as obras de construcción da escola graduada e a visitar a súa vila natal. O xornal "Vida Gallega" de Vigo anunciou nun artigo a chegada deste destacado benefactor:

"Un día alegre para o progreso de Galiza, un grupo de fillos do Val Miñor residentes en Bos Aires tivo a idea feliz de crear no seo daqueles campos fecundos unha escola de ensino primario e oficios varios.

Coa nova ditosa tomou camiño do Val un galego entusiasta, Manuel L. Lemos. E os seus bríos propagandistas tropezaron co valado do escepticismo, dese escepticismo retranqueiro que pon un sorriso nos nosos beizos e un movemento de desdén nos nosos ombreiros.

Lemos foi para moitos dos meus paisanos un máis deses "ches" que a miúdo chegaban antes á nai Patria debrocando promesas douradas por todos os poros da súa alma.

O 'che' tivo en Galiza unha historia burlesca contra a cal loitou bravamente nos últimos tempos. Non houbo negocio, non houbo boa obra, non houbo aspiración popular para as cales non tivese o 'che' palabras de esperanza. E non houbo esperanza desta caste que non tivese finalmente a súa dor de esvaecemento.

"`Che´ aquí `no te llevan el apunte´", dicía o indiano ao seu presunto protexido -"`tú no debes dejarte pisar el poncho. ¡La pucha con estos sonsos! Yo soy `vaqueano´ con estas cosas. Tú vás a ganarte `mucha plata´ conmigo Ché, yo te empujo".

E o pobre rexional agardaba en van a protección efectiva do seu xeneroso coterráneo.

Mais a esta xeración de "Chés" e a súa existencia non se debe negar porque iso sería negar a historia; iso aconteceulles a unha xeración de verdadeiros patriotas, de patriotas conscientes, prácticos e cultos, que se deron conta exacta das necesidades espirituais e económicas de Galiza e que se propuxeron remedialas. A esta xeración pertenceu xa cando hai uns anos realizou a súa viaxe á nai Patria Manuel Lemos que foi sen dúbida algunha un dos precursores.

Lemos chegou a Galiza cun programa que era algo máis que unha aspiración teórica. Chegou prometendo feitos. Falou pouco, estudiou o asunto, trazou un plano e tivo o acougo de ver como no país había xornais e xornalistas capaces de comprendelo tan sequera estes non fosen os que lle habían de dar unha peseta.

Talvez Lemos se levou consigo a crenza -salvadora, desde logo salvadora- de que a obra cultural miñorana cumpría facela totalmente desde Bos Aires. Os feitos demostrárono. A Asociación Val Miñor comezou a desenvolverse contando case exclusivamente coas enerxías dos galegos ausentes e sumouse algunha seria cooperación á súa empresa foi a cooperación americana. Na obra da cultura miñorana hai actualmente cimentación de ouro arxentino. É pois deber inescusable poñer no desenvolvemento do plano educativo ese rastro de luz de gratitude que aparece nalgunhas das súas ensinanzas, ollada acaso co receo polos que non souberon ter unha peseta para a próspera e simpática escola, xustamente chamada porque así é a Asociación que a sostén "Hispano Americana".

A Asociación Val Miñor é hoxe unha institución formidable. Non hai peto de patriota galego residente na Arxentina que non lle tribute dalgún xeito. Quen non é socio quen non contribúa periodicamente coa súa cota, a que fai de tarde en tarde, o de tempada en tempada un dativo. Lemos, o brioso presidente e todos os membros da directiva e todos os asiduos daquela alegre oficina da rúa Bartolomé Mitre onde a Asociación ten a súa sede son verdadeiros vampiros de todo suxeito susceptible de servir aos fins sociais. Alí non se perdoa a ninguén. ¿Aparece D. Manuel Losada? Dáse un asalto ao peto sempre pródigo para a filantropía de D. Manuel Losada. ¿Ten a mala ventura de se poñer a tiro Concepto López? Pois xa tendes acometido polos pedichóns de Concepto López... Parecen mendicantes aqueles bos galegos. Coa súa bandeira cultural en alto non se avergoñan de alongar a man diante do peto dos amigos do ensino. Ampáraos a testemuña dos feitos. Eles poden dicir: "Isto realizamos". E cando teñen que dar unha estocada a fondo poden amosar o seu programa para o porvir -os planos da súa futura escola, o seu plano educativo- ou sexa coa firmeza e a autoridade de quen non será desmentido: "Isto faremos".... Aquel "ché" cheo de mocidade e de entusiasmos que un día se presentou no Val Miñor falando dunha escola na cal ninguén creía volveu ao Val. Alí falou de novos proxectos. Podíase crer nel xa. Con Manuel Lemos viaxan os seus enormes, os seus constantes, os seus belos e os seus ilustrados entusiasmos e a vontade de moitos galegos fervorosos, consecuentes e dispostos a demostrar que o "ché" prometedor e veleidoso, filántropo de "macana" desapareceu para sempre.

"Os "chés" de agora merecen que Galiza -a Galiza amiga do seu porvir, práctica, discreta e hábil - lles tenda os brazos e que lles abra o peito".

Manuel Lemos, á parte de ser o mentor da construcción das escolas Val Miñor realizou distintas obras benéficas como son a doazón do Mercado da Ramallosa, a construcción da Capela dedicada á Virxe do Carme no Monte Lourido e a fundación en 1927 de "Praia América". Lemos coa súa visión empresarial proxectou e construíu unha serie de chalés nesta famosa praia que logo vendeu sen beneficio algún. O seu soño foi construír unha vila turística e deste xeito logrou proxectar esta famosa praia de fama en todo o estado español.

O Concello de Nigrán en homenaxe á súa figura bautizou a rúa principal de Praia América como " Avenida Lemos" e á fronte ao seu fermoso mar un busto de Lemos perpetúa a súa memoria.

O 11 de setembro de 1921 o Concello de Baiona sendo Alcalde José Barreiro Álvarez celebrou unha sesión na Casa Consistorial e da Acta desa sesión transcribo o seguinte acordo por consideralo de interese: "Dáse conta dunha solicitude subscrita por Moisés Luna, no seu nome, e interpretando o xeral sentir do vecindario dos tres Distritos do Val Miñor e dirixida ao Sr. Alcalde-Presidente da Corporación Municipal, na cal despois de varias razóns pertinentes, remata suplicando a aquela que pida ao goberno da Súa Maxestade se digne conceder a D. Manuel L. Lemos, fillos desta Comarca, a Cruz de Beneficencia xustamente merecida tanto polos súas grandes e positivas obras benéficas en relación coa actuación das Escolas Hispano-Americanas que funcionan neste Val Miñor e o Axuntamento acordou tomar en consideración a petición formulada, e que se faga e curse a correspondente instancia ao goberno da S. M. xustamente coas que levan a efecto os axuntamentos de Nigrán e Gondomar co mesmo fin".

No ano 1930 o axuntamento de Nigrán acordou nomealo "Fillo Predilecto de Nigrán".

A comezos do ano 1946 Manuel Lemos morreu na súa Mendoza, preto das vides e as montañas que tanto lle lembraban a Galiza. O xornal "A Nosa Terra" editada no exilio lembraba na súa figura baixo o título "Morreu un grande galego: Don Manuel Lemos": morreu en Mendoza o Señor Manuel L. Lemos, nado en Gondomar-Galiza; o Sr. Lemos levaba moitos de residencia na Arxentina onde destacou como industrial e comerciante de grande capacidade. A vasta organización de plantacións, adegas e despachos que levan da "Superiora" foron creación da intelixencia e da vontade tenaz de Don Manuel Lemos.

Grande patriota galego foi o señor que deu a vida á iniciativa de crear as Escolas do Valmiñor.

O seu nome fica vencellado a institución das festas da vendima nas provincias de Cuio e a outras innumerables iniciativas económico-sociais e culturais.

Foi o Sr. Lemos un eficente propulsor do progreso arxentino polo que merecerá ser lembrado con gratitude pola posteridade que atopará neste galego exemplar un modelo digno de ser imitado".

Algúns meses despois da súa morte a Irmandade Galega de Mendoza realiza distintos festexos para celebrar o 25 de xullo o día da Patria Galega. Para os ditos actos trasladárase desde Bos Aires Antón Alonso Ríos quen exercía de presidente nas funcións do Consello de Galiza. No día 27 pola tarde a Irmandade Galega de Mendoza, presidida por Manuel Cacheriro Rey, realizaron unha emotiva homenaxe ao fundador de "La Superiora". Durante o acto colocouse unha placa de bronce obra do escultor mendocino José Carrieri. A placa na homenaxe a Lemos foi descuberta polo Presidente da Irmandade Galega, Manuel Cacheiro Rey, facendo uso da palabra Antón Alonso Ríos en nome do goberno galego no exilio e pechando o acto a directora da Escola de "La Superiora", Sra. Vergara, e o xerente do establecemento José Calvo Lagos.

A pesar destas merecidas homenaxes o tempo deixou no esquecemento a esta destacada figura da emigración. Tan só un monumento frío fronte ao mar de Nigrán lembra a este galego universal que quixo encher de ilusión e de cultura aos nenos do Miñor.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Manuel Lemos.
 
Capa de "Vida Gallega", na tapa Manuel Lemos.
 
Manuel Lemos nunha reunión en Bos Aires.
 
Adega de Manuel Lemos na Arxentina.
 
Publicidade da empresa de viños de Manuel Lemos en Arxentina.
 
Manuel Lemos impulsor das Escolas do Val Miñor.
 
Despedida en Bos Aires por un grupo de amigos/as nunha viaxe a Europa de Manuel Lemos, entre os amigos se atopan os galegos Antonio Boo e Augusto Aranda.