Personaxes da emigración
 

 

Manuel Fandiño

Manuel Fandiño naceu na vila mariñeira de Laxe o 28 de febreiro de 1889. Aos oito días do seu nacemento os seus pais trasladáronse co recén nado a Santiago de Compostela. A cidade da Berenguela era por aqueles anos o centro cultural e relixioso de Galiza; mais, malia a influencia da igrexa, respirábase un clima liberal onde as novas ideas republicanas e federais contaxiaban á mocidade compostelá.

Aos mozos daquela época éralles moi difícil acceder ao estudio, xa que desde nenos tiñan que axudar a seus pais nas tarefas do campo e cando chegaba a idade do servicio militar unha grande maioría escapaba para evitar ir á guerra. Manuel Serafín Fandiño sen o dubidar colleu o camiño da emigración chegando a Bos Aires en 1905. Arxentina estaba baixo o estado de sitio; había poucos meses que estoupara unha revolución cívico-militar encabezada por Hipólito Irigoyen contra o goberno de Manuel Quintana. A represión dos conservadores exercida contra os sublevados acadou tamén ao movemento obreiro que mantiña folgas nos gremios de ferroviarios, metalúrxicos, serradoiros, tapiceiros e alpargateiros os cales deberon voltar ao traballo de xeito incondicional sen conseguir ningunha das súas demandas cos dirixentes encadeados e suprimindo o dereito de reunión. Dous anos antes o Parlamento Arxentino aprobaba a Lei de Residencia que perseguía aos estranxeiros de ideoloxía anarquista ou socialista. Con esta lei represiva moitos foron os galegos que tiveron que abandonar o país contra a súa vontade. Entre os máis destacados podemos nomear a Adrián Troitiño e Julio Camba, que logo sería un dos mellores humoristas de fala castelá da primeira metade do século.

Para dar unha imaxe gráfica dos galegos na Arxentina nas primeiras décadas do século ben vale unha reflexión chocalleira do presidente Ortiz: "Eu sei que un vasco o primeiro que fai ao chegar a Bos Aires é achegarse a unha igrexa e dar gracias a Deus por ter cruzado o mar san e salvo. Un galego en cambio despois de visitar un par de sindicatos vaise a un café da Avenida de Mayo e desde alí critica ao goberno". Non estaba moi equivocado Ortiz cos galegos e un deses que relata de nome Fandiño ao pouco de chegar incorporouse de cheo na loita sindical en defensa dos máis desprotexidos. Entrou en contacto cun grupo de compatriotas alpargateiros -o calzado obreiro- aprendeu o oficio e ao pouco tempo ocupouse da súa organización sindical representándoos no seo da Federación de Obreiros do Calzado como membro do Consello.

"Se as vidreiras das librerías populares acusan o pensamento da xente -escribiu Fandiño- o pensamento dos traballadores na Arxentina de primeiros de século era anarquista". Manuel Fandiño como a maioría dos seus paisanos apreixaba con paixón a ideoloxía libertaria.

O 1 de maio de 1909 foi unha conmemoración sanguenta, os enfrontamentos da policía cos pacíficos manifestantes rematou con oito mortos e corenta feridos. A indignación dos traballadores determinou que se convocara unha folga xeral de repulsa aos asasinatos do xefe de policía coronel Ramón Falcón. Para os traballadores máis conscientes había un verdugo culpable de toda a represión; o clima de tensión e vinganza íase apoderando dos activistas sindicais. Durante varios días os enfrontamentos nas rúas sucedíanse por toda a cidade. Mentres, as forzas policiais despregaban unha brutal represión contra o conxunto do movemento obreiro. Neste clima de tensión un mozo anarquista sentiuse o vingador dos seus irmáns de clase, e o 14 de novembro de 1909 Simón Radowitzky arrebolou unha bomba contra a carruaxe na que viaxaban Falcón e o seu secretario Juán Lartigau dándolle morte a ambos. A reacción oficial foi contundente e desatou unha brutal persecución contra o movemento obreiro arxentino. Manuel Fandiño relátanos estes acontecementos: "Cando eu tiña vinte anos morreu o coronel Ramón Falcón; por ser militante gremial foron determe no mesmo obradoiro onde traballaba, un "boliche" que había en Victoria (Hipólito Yrigoyen) e Rioxa. Aínda me lembro que o patrón se puxo como un energúmeno porque lle sacaban do pé da máquina a un obreiro que precisaba. Logo dunha corentena con outros moitos presos no "Guardia Nacional", nun transporte de guerra fun deportado a España". Era o día do Nadal de 1909. Ao pouco de chegar á Península organizou o seu retorno, conseguindo os papeis dun tal Manuel Campos. Coa súa nova documentación conseguiu embarcarse para Montevideo, para logo pasar en maio de 1910 clandestinamente a Bos Aires.

Fandiño chegou á capital do Prata en medio dunha folga do Centenario, ano en que se festexaba o cen aniversario da primeira proclama de liberdade do pobo arxentino. Aos poucos meses da súa chegada é apresado novamente cando se dirixía do seu domicilio cara ao traballo. O destacado avogado socialista Mario Bravo foi o encargado da súa defensa mais, a pesar dos seus esforzos, non puido conseguir a súa liberdade e foi deportado. Esta vez aplicóuselle a Lei de Orde Social, recentemente sancionada, como medida de represión contra as folgas ou actos considerados violentos. A policía novamente meteuno nun barco rumbo a Galiza. Ao chegar a Montevideo tenta en van eludir á policía uruguaia mais ao chegar ao porto de Santos o seu novo intento permitiulle eludir os controis e quedarse no Brasil. Desde Santos partiu a Sâo Paulo onde residiu un ano traballando na fábrica de mobles dun inmigrante italiano de nome Fioravante. Nesta cidade mudou de nome e comezou a chamarse Alejandro Alba. Con esta nova personalidade actuaba sindicalmente e estaba ligado á redacción do xornal "La Bataglia", semanario que dirixía Oreste Ristori, Gigi Damiani e Alejandro Cerchisi.

En 1911 saíu do Brasil transformado en Francisco Benítez, cidadán uruguaio. Despois dunha breve historia con este nome volveu chamarse Alba, tendo unha longa actuación en Montevideo. Fundou o Sindicato de Obreiros Ebanistas e Anexos, que existira xa anteriormente mais que por inoperancia se disolveu. Encabezou a loita polas oito horas do seu gremio conseguindo esta importante conquista. Fandiño (Alba) bregou pola constitución da Federación de Traballadores da Madeira, da que foi administrador e redactor do seu xornal "Aurora", ao tempo que participou no Consello Federal da Federación Rexional Uruguaia, do que foi secretario xeral e figura clave do xornal "Solidaridad". Nos cinco anos que residiu no Uruguai colaborou en distintos medios xornalísticos como foron: "Crónicas Subversivas" e "El Anarquista".

En 1915 a partir da crise económica que padece Uruguai decidiu marchar a Río de Janeiro.

"No Brasil a miseria era maior -escribiu- e, se en Montevideo cheguei a traballar como peón de albanel, en Río nin eso conseguín, durmín na rúa, vendín xornais e para combater a fame saía ao amencer en expedición con outros desocupados aos barrios ricos para roubar o leite e o pan que deixaban os repartidores nas portas. Ingresei despois na Federación Local de Traballadores, e durante unha folga xeral pilláronme unha noite pegando carteis nas paredes do Ministerio de Guerra, que estaba na praza da República, e, naturalmente, estiven preso por iso. Na Federación de Traballadores trabei amizade cos principais militantes do movemento obreiro do Brasil, sobre todo co xornalista Astroglio Pereyra, máis tarde fundador do Partido Comunista do Brasil. Pereyra estaba empregado no Ministerio de Agricultura e aproveitando non sei que circunstancia conseguiume un emprego alí no depósito de libros de propaganda que estaba nun soto. Pechados os dous nese soto, en medio de montañas de libros, ombreiro a ombreiro, adicábamonos a escribir artigos destinados a "Na Barricada", un xornal eclético mais de fondo anarquista que redactaba tamén Fabio Luz, profesor xubilado e literato de certa fama, o enxeñeiro Correia Lópes, José Oitigica e C. Botti. Cando se esgotou a partida oficial botáronme do traballo sen me pagar". Ao mesmo tempo era correspondente de "La Protesta" de Bos Aires, en Brasil e malia as grandes camiñatas en busca de ocupación non conseguín nunca traballar no meu oficio. Cando foi posible abandonei territorio brasileiro e voltei a Montevideo, onde puiden gañar a vida e colaborar no xornal "La Batalla". Despois duns meses conseguín entrar en Bos Aires e inmediatamente pasei a formar parte da redacción de "La Protesta", mais advertido dunha fonda disidencia interna decidinme a establecerme en Rosario, onde redactei "La Rebelión" conxuntamente con García Thomas e Fernando Gonzalo". "Mentres tanto a loita en torno de "La Protesta" adquiriu tons violentos como consecuencia da resolución do IX Congreso da FORA que eliminou da declaración de principios a recomendación de que a finalidade da entidade era acadar o comunismo anárquico. Os integrantes de "La Rebelión" estábamos arredados desa alporizada loita e foron requiridos para actuar en Bos Aires como elementos morixeradores Fernández Gonzalo e Alejandro Alba (Fandiño); ademais designáronme para presidir a asemblea que se efectuou na Casa Suiza. Aínda que nunca me faltou enerxía, carecía da voz necesaria para impoñerme ás feras polo que abandonei a presidencia en plena desorde e xunto co meu compañeiro voltamos a Rosario". Segundo conta Óscar Troncoso foi requirido desde Campana para que se encargara da redacción de "Voces Proletarias" e trasladouse a esa cidade para responder á chamada; ao pouco tempo de facerse cargo do xornal era redactor, compositor, administrador e impresor. Certo día recibiu a inesperada visita do comisario do lugar que padecera a diatriba dun diario político que cuestionaba os seus procedementos cando a súa actuación era en realidade imparcial e suxeita ás leis.

"Veño a velo- díxolle a boca de xarro- porque desexaría que unha publicación honesta como a que vostede dirixe relate a verdade dos sucesos dos que inxustamente se me acusa.

¿Pero que van pensar os seus superiores cando saiban que a vostede o defende un xornal anarquista? -atinou a respostar Alba (Fandiño) en medio da sorpresa que lle provocara a solicitude."

A pregunta fixo recapacitar ó funcionario policial, que lle agradeceu a observación, mentras Alba respiraba aliviado.

En 1918 Alba (Fandiño) trasladouse á cidade de Mar do Prata convocado pola Federación Obrera Local para editar un xornal. A idea non prosperou e tivo que voltar a Bos Aires. A revolución rusa xa estoupara e o grupo "La Rebelión" da cidade de Rosario decidiu fundar un xornal defensor da revolución bolxevique, contando entre os seus redactores con Alba (Fandiño). Posteriormente trasladouse a Bos Aires para fundar o matutino "Bandera Roja". Este xornal tivo unha grande difusión debido a súa posición a favor da revolución rusa e as súas propostas de unidade sindical.

Cóntanos Fandiño: "A `Bandera Roja´ inicióuselle un proceso do que non se salvaron nin as máquinas. Tres compañeiros do grupo editor Atilio Biondi, Hermenegildo Rosales e E. García Thomas foron parar a Usuhaia; eu "matei" a Alba e fixen nacer a José Alejandro Silvetti, como San José non é santo da miña devoción suprimín ese nome e quedei co de Alejandro ao mesmo tempo que abandonei a Capital Federal e fun ao interior". Ao pouco tempo voltou a Bos Aires incorporándose ao Sindicato de Ebanistas ata que foron indultados os condenados de "Bandera Roja". En 1921 participou no lanzamento do xornal "El Trabajo". Máis tarde nos derradeiros tempos da FORA -agrega Silvetti-, axudei a Rodolfo Pongratz a redactar "La Organización Obrera", asistín como delegado suplente do Sindicato de Ebanistas ao Congreso de Unificación de 1922. Designáronme alí membro do Comité Central da Unión Sindical Argentina (USA) que creara o Congreso e o Comité Central nomeoume secretario xeral da mesma".

Durante o mandato de Silvetti caracterizouse pola súa actitude unitaria cara á FORA anarquista. Iniciou unha grande campaña en defensa dos presos por cuestións políticas. Durante a súa xestión á frente da central sindical aconteceron os tráxicos sucesos da Patagonia que acabaron con 1.500 fusilados.

Do 16 ó 22 de abril de 1924 realizouse o Primeiro Congreso Ordinario da USA sendo reelixido por un mandato. Ao remate do mesmo volveu ao taller, foi electo dúas veces máis membro do Comité Central da USA. Organizou o Sindicato de Obreiros da Industria do Calzado.

En 1927 entrevistouse co presidente da nación Marcelo T. de Alvear para solicitarlle o indulto de Eusebio Mañasco, dirixente dos mensús condenado a reclusión perpetua.

En 1930 foi recibido polo presidente do goberno provisional xeneral José F. Uriburu a quen lle solicitou o indulto para os choferes galegos José Ares, Florindo Gayoso e José Montero, os que foron condenados a morte. A xestión de Fandiño, as mobilizacións obreiras e os reclamos da colectividade galega conseguiron que se lles conmutara a pena máxima.

Ese mesmo ano participou nas xestións de unidade coa Confederación Obrera Argentina, que deu lugar á creación da actual Confederación General del Trabajo da que foi subsecretario e director do seu xornal ata decembro de 1935.

Coa crise dos anos trinta distintas ramas da industria como a do moble viuse afectada por esta. Silvetti (Fandiño) ten que buscar ocupación noutras áreas conseguindo un emprego en 1933 como tupista ou serrador nunha dependencia da Dirección General de Arquitectura. Esta nova situación laboral levouno a renunciar ao Comité Confederal e a cambiar de gremio. Silvetti (Fandiño) incorporouse como afiliado á Asociación de Trabajadores del Estado. A dirección da CGT rexeitou a súa renuncia argumentando que seguía pertecendo a unha entidade confederada.

En 1935 Silvetti (Fandiño) integrou con José Negri e Mariano S. Cianciardo a delegación da CGT á XIX Conferencia Internacional del Trabajo (OIT) en Xenebra. O propio Fandiño cóntanos o seu paso por Suíza: "Estiven na XIX Conferencia da OIT integrando a delegación obreira arxentina como asesor técnico da mesma. Fun designado pola CGT, da que era subsecretario e á vez director do xornal confederal, e non pola oligarquía imperante. A delegación obreira da que eu formaba parte honroume co cargo de secretario e como tal fixen á volta o informe da nosa actuación e no seu prólogo emitín uns conceptos nada favorables para o goberno do xeneral Agustín P. Xusto polas dificultades que opuxo á nosa xestión".

En febreiro de 1937 realizouse o V Congreso de ATE. Silvetti (Fandiño), que dirixía a seccional de Capital Federal máis importante de todo o país, enfrontouse contra as asociacións do interior do país controladas por socialistas e comunistas. O grupo "sindicalista" liderado por Silvetti despois de soportar durante o congreso todo tipo de manobras fraudulentas rematou por retirarse deste, quedando de feito escindida a Asociación.

Esta situación de enfrontamentos na vida sindical levou ao movemento obreiro a dividirse en 1943 na CGT Nº 1 e a CGT Nº 2. Coa aparición do fenómeno do Peronismo a partir de 1945 Silvetti comezou o seu repregue da vida activa sindical. As súas posicións ideolóxicas eran contrarias ao xusticialismo. En 1955 coa caída do xeneral Perón, Silvetti (Fandiño) formou parte da Comisión Normalizadora da CGT. Poucos anos despois, como nos conta Óscar Troncoso: "Aínda inquieto e combativo, sentiuse enfermo de xeito imprevisto e logo duns días foi internado no Centro Galego onde foi desmellorando paulatinamente". Segundo contan os seus amigos na súa agonía murmurou: "Compañeiros meus...a revolución social..." eran as 16,45 horas do 6 de febreiro de 1960 e rodeaban o seu leito de morte a súa compañeira, as súas fillas e o seu amigo entrañable Sebastián Marotta. Con Silvetti morrían moitos personaxes: Alba, Campos, Benítez e o verdadeiro Fandiño. "Recoñezo que esa é unha debilidade miña -dixo-. Eu nunca tomei en serio esas cuestións de avoengo familiar. Sempre pensei que era o mesmo chamarse Pérez que Rodríguez, que Bianchi ou que Domínguez. Nunca crin pola miña parte que iso era diminuír aos meus ascendentes. Estes tampouco o tomaban por esa banda, xa que aos nomes dos que tiven que botar man no curso da miña vida déronlles belixerancia en seguida: `¡Ola Alba! ¿Que Tal?... ¡Ola Silvetti!...´ e así en todos os casos. Ata me parece ter advertido neles certa satisfacción ao ter que chamarme así como se vislumbraran en cada cambio un motivo honroso para a familia. Esta indiferencia polos meus cambios de nome quizais teña unha explicación. Que eu saiba non hai na miña familia entronques aristocráticos. Somos todos obreiros de pura clase".

Coa morte de Fandiño desapareceu un dos máis destacados dirixentes sindicais da clase obreira arxentina.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Montevideo, grupo de ácratas no Café Carlitos. No grupo Jesús Suárez, Luis Criado, Antonio Marinelli, Manuel Fandiño (o primeiro pala dereita, na foto), etc.
 
Boletín da C.G.T., Manuel Fandiño o primeiro pola dereita no artigo do boletín.
 
Taller metalurxico en 1920 en Arxentina.
 
Xornal obreiro onde escribe Fandiño.
 
Xornal obreiro onde escribe Fandiño.
 
Xornal obreiro de influencia sindicalista.