Personaxes da emigración
 

 

Avelino Díaz

Avelino Díaz naceu en Santa Comba de Orrea, Concello de Riotorto (Lugo), o día 14 de novembro de 1897.

Aos dez anos foi vivir a Meira-Fonsagrada coa súa familia e no 1910 emigrou á Arxentina, voltando a Galiza no 1916 e volvendo a saír no 1920 para Cuba onde estivo moi pouco tempo e de alí foi cara a Bos Aires (1921).

A infancia de Avelino Díaz tivo días tristes, soubo de sufrimentos, o que lle foi dando namentres medraba unha mocidade de rexa moral con inquedanzas de home estudioso para chegar na madurez a ter unha personalidade literaria de fonda raizame galega.

Empurrado polo sentimento galego que lle naceu na diáspora achegouse á colectividade de Bos Aires e comezou a facer xornalismo. Colaborou en "Céltiga", "Despertar Galego" e no seu sucesor "Galicia", do que foi director durante algúns anos, así como nos xornais "Opinión Gallega" , "Lugo" e a Revista "Galicia Emigrante" que dirixía Luís Seoane.

Durante a guerra civil Avelino púxose a traballar coas organizacións de axuda á España Republicana. En contacto coa Federación de Sociedades Galegas realizou unha morea de tarefas solidarias. Coa derrota das forzas leais comezaron a chegar os exiliados, entre eles o "guieiro natural dos galeguistas", Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Avelino participou na creación das Irmandades Galegas participando do seu xornal "A Nosa Terra". Nun dos seus artigos o propio Avelino Díaz sinala sobre o momento político: "Manteñamos ergueita a nosa fe, vivamos coa esperanza e fagamos no adiante, como fixemos ata agora, do amor á nosa patria a oración laica de todos os días e de todas as horas. O noso pobo vive e ten inquietude. Mañá mesmo pode ser día de redención".

O 28 de xuño de 1936 díxonos que "os tempos foron chegados e que -as nosas vaguedades cumprido fin terán-".

En 1947 publicou "Debezos" en galego e "Flor de Retama" en castelán, ambos os dous poemarios. En 1963 publicou en galego o libro de poesía "Pallaregas"; con relación a este último libro o escritor Ricardo Molinari sinalou nun artigo: "En `Pallaregas´ Avelino Díaz súperase sobre os seus outros envíos `Debezos´ e `Flor de Retama´. Todos os temas son dunha galeguidade entrañable. É esta poesía de sentimento íntimo e canle ao mesmo tempo".

No ano 1951 foi nomeado Correspondente da Real Academia Galega. Foi Secretario do Primeiro Congreso da Emigración Galega que se fixo en Bos Aires en 1956. Foi tamén membro da Comisión de Cultura do Centro Galego e do Consello de Galiza. Formou parte dos xurados literarios do Centro Galego de Bos Aires.

O poeta de Meira, como se lle chamaba, cultivou a amizade de numerosos poetas arxentinos e foi un dos fundadores do grupo literario "Impulso"; participou tamén do famoso Ateneo da Boca, onde se reunían poetas, artistas plásticos e librepensadores de destacado prestixio.

O recoñecido crítico literario Ricardo Carvalho Calero sinalou nunha ocasión: "Avelino Díaz ten xa un lugar no mundo literario galego".

Avelino Díaz era un fondo coñecedor da obra de Alfonso Castelao e chorouno como poucos, con ollos baleiros de luz mais cheos de afervoada admiración.

Segundo conta Neira Vilas nas súas "Memorias da Emigración": "Traballaba nunha importante empresa exportadora de cereais e por esa razón viaxaba con frecuencia ao Uruguai e ao Brasil. Pasaba longas tempadas en Montevideo onde se vencellou á colectividade galega e tomou parte en actividades culturais e patrióticas. O seu facer estivo compartido entre as dúas beiras do Plata".

Avelino Díaz tivo que arrastrar una dura enfermidade durante os seus últimos anos da súa vida o que lle imposibilitou continuar coa súa actividade creadora, malia que era moi común atopalo en todo tipo de acto patriótico que tivera como obxectivo a liberdade de Galiza.

Cando estaba para cumprir os 74 anos, o 29 de marzo de 1971 faleceu no sanatorio do Centro Galego de Bos Aires. Os restos do poeta foron despedidos polos señores Segundo Pampillón e no nome do Consello de Galiza Antón Alonso Ríos.

O xornal "El Correo de Galicia" de Bos Aires sinalou diante da súa morte: "A vida de Avelino Díaz foi exemplar en todos os aspectos. Non se limitou a facer versos crendo que con iso xa cumprira co seu deber con Galiza. El sabía que os versos sós non axudarían á súa terra a saír da escura noite na que estaba sumida e por ese traballo, con laudable inquietude, en todo evento que se organizara para demostrar os anceios de liberdade que os galegos teñen...".

Mentres que a Revista "Galicia" do Centro Galego sinalaba: "O Centro Galego chora por este fillo de Galicia inmortal que nos deixou hai poucos días. O seu corpo está perto do de Castelao e Suárez Picallo no noso Panteón. A alma fica lonxe... na terra que un día tomou a Avelino Díaz para facer del un grande poeta".

Como dixo "A Nosa Terra": "Así foi en vida este bo galego, bo patriota e inspirado poeta".

Lois Pérez Leira

 
         
     
Avelino Díaz falando no programa radial "Rocordando a Galicia", dirixido por Maruja Boga, ano 1947.
 
Ano 1938, de esquerda a dereita Avelino Díaz, Cipriano Barreiro e Manuel Silva.
 
Audición "Recordando a Galicia" co poeta Avelino Díaz, parte do coro Terra Nosa do Centro Ourensán, o acordeonista Moreiras e o gaiteiro Dopazo, Maruja Boga, A. Arósteguy, Tacholas, ano 1947.
 
Avelino Díaz nunha festa na Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.