Personaxes da emigración
 

 

Alfonso Daniel Castelao, a voz dun bo e xeneroso que poucos coñecen

“O desprezo da língua materna significa un renunciamento de dereitos e provén dunha anestésia da dignidade coletiva”.

Aseguraba Ricardo Carvalho Calero que “son precisamente os traballos científicos –que nos dan a verdade de Castelao- e non os discursos retóricos -que nola desfiguran ou enmascaran- os que debemos, como galegos, a Castelao e a Galicia”.

A nación galega, existe, documentalmente, xuridicamente grazas á xeneración á que pertenceu Castelao. Sen Castelao e os seus compañeiros, Galiza, seria o berce de poetas, pintores, músicos... un acio de artistas que non daban persoalidade xurídica e non traspasaban as fronteriras do folclorismo e o pintoresquismo que machaconamente tiñan arranxado para os galegos e as galegas dende o poder central.

Eis a televisión dos españois. Avesa e tercamente a prol dunha cultura maioritária que non é a galega. Imposta á forza esta cultura, porque os do Sul “teñen máis ‘salero’”. E os galegos e galegas, ao longo da história creron no “salero” dos outros e a falla do deles.

E tiñamos unha “cultura” disfrazada de morriña e saudade e de cultura. E choiva e gaitas. E aquí ninguén coñecia a nosa história, porque tiñamos un povo que a tiña proibida. Tampouco tiñamos dereitos, ao non ser aqueles que eles tiñan a ben darnos. E os dereitos por concesión non son dereitos, senón, dádivas, agasallos... pero nunca dereitos.

E ante estas dádivas esixian máis e máis obrigas. E en Galiza non se protestaba... emigrábase.

Proibida por outros. Por un poder central que tiña proibido o “ser” e só permitia o “estar”, malestar.

E ese “estar-malestar” tiña uns límites tolerábeis. Gaitas e máis gaitas. Folclorismo, saudade e morriña. E os galegos e galegas pensaron que ser galego ou galega era ser saudoso, morriñento... poeta, e porque non tamén, emigrante e conformista.

E veu Castelao, e ensinou a todos e a todas que o noso povo ten unha cultura sen comiñas de seu, unha história de seu; porque engadiu e centrou toda a sua obra no noso país. E ninguén retratara antes os cruceiros, nin aos noso mariñeiros, nin aos nosos labregos e labregas. Nin tampouco a eses e esas desleigados e desleigadas que acreditaban que falar galego era falar mal e falar castelán falar ben.

Antes de Castelao tiñamos un “paisiño”, e coma ben dixo Castelao, el non era nin médico nin artista, senón político, porque os males da nosa nación non eran curábeis nin através da arte nin da medicina, senón através da toma de conciéncia que significa un povo educado e unha clase política cun fondo e verdadeiro compromiso coa sua Terra e as suas xentes.

Ensinou que ser artista, ser artista galego ou galega, non necesita da poesia, da saudade, da morriña. Castelao, que nunca escribiu poemas, é o poeta máis grande que tivo o noso país.

Fixo poesia cando derivou o falar galego a unha necesidade alén das intestinais. Cando debuxou os cruceiros na Bretaña e non os cruceiros casteláns ou andaluces por inexistentes. Tiñamos irmáns! Na península da Armórica, lonxe, pero non tan lonxe coma moitos crian.

Esbozou unha pátria grande e repetiu até a saciedade, en español, nas Cortes republicanas, que viña falar polos que non tiñan dereito á palabra na sua língua, a galega.

Polos labregos e labregas, mariñeiros, emigrantes que representaban a case totalidade da povoazón galega. Viña falar pola sua língua, que é o ben máis prezado que tiñan, sen eles sabelo. Viña recordarlles aos deputados republicanos, españois, que o único rei castelán co alcume de “Sabio” escribira precisamente na língua proletária do povo galego.

E os republicanos tamén tiñan a idea folclórica e chocalleira da Galiza e dos galegos e galegas e Castelao en “Verbas de Chumbo” di:

“A Cataluña concedeuselle a cooficialidade dos idiomas e o bilingüismo escolar, por Decreto do Governo provisional da República, antes da promulgazón do Estatuto. Un decreto menos ambicioso foi reclamado para Galiza, e un mesmo ministro de Instrucción Pública, enganounos dúas veces (unha no ano de 1931 e outra en 1936) con promesas que non foi capaz de cumprir. Por que non consagrou a Constitución o dereito de todos os hespañois a usaren a sua língua materna? Que razón pode aducir un ministério de Instrucción Pública para non estimar o problema pedagóxico que plantea o bilingüísmo nos povos de fala non castelán? Porque a solución do problema pedagóxico era tan inaprazábel en Cataluña como en Galiza(1).

Eu recebín, por tres veces, a promesa de que se crearían cátedras de galego nas Escolas Normais de Galiza, e na derradeira conquerín autorización para comunicalo á prénsa, pero eran promesas falsas. Podo esquecer como as Cortes constituíntes desbotaron unha enmenda, que eu presentei e defendín, na que somentes se pedia liberdade para as língoas hespañolas nos termos en que xa estaba concedida para o catalán?(2).

E estas palabras, de defensa da nosa identidade, fixeron que outros, en Madrid, en Sevilla tomaran conciéncia do feito diferéncial que significa ser galego, galega. Pero só iso, porque non fixeron ren.

Asi Castelao no seu discurso a prol da cooficialidade do galego subliñou en castelán que el era un aldeano, que non levaba ás Cortes de España a voz da rua, nin do café, nin do Ateneo. Que a Igrexa mesma evitara que nós, os galegos e galegas, rezásemos na nosa própria língua. Que a língua galega é a língua do traballador e da traballadora, do obreiro e da obreira, do artesán e da artesá, do mariñeiro... e só por iso debe merecer toda a nosa simpatía e rematou a sua apresentazón contra os galegos e galegas, “señoritos” cursis e desocupados das capitais de provincia.

“... e tamén hai moita xente na nosa Terra, case sempre señoritos desocupados que din non sentir a necesidade de falar galego; mais eu que o falo cordialmente, teño que dicir unha cousa sempre: que isa necesidade non se sinte no ventre”.

E os republicanos españois vían atraso e secesionismo na reivindicazón da língua, asi, para eles as línguas son meros instrumentos de comunicación e que a elección do emprego dunha língua e unha decisión de carácter prático.

Alegaban os republicanos españois, que ademáis, debido ao grande número de galegos e galegas que emigraban, o uso exclusivo do castelán serviria mellor para os seus fins migratórios.


Castelao desmonta unha por unha cada pontoalización dos defensores do castelán en detrimento do galego. O emprego e utilización dunha língua non pode ser algo só prático. Existen nos povos e nas persoas dimensións humanas, coma o amor ao home, á muller, aos fillos á Terra, ás paisaxes, á arte, que non ten ren que ver coa “praticidade”.

A língua per se é a meirande obra de arte, coletiva, do povo.

Castelao desarma as “vantaxes” do emprego do castelán en detrimento do galego no intre da emigración cando claramente di que os galeguistas coma el o que anceian e a supresión da necesidade de emigrar.

Castelao, hoxe, 54 anos depois da sua morte, é asignatura pendente nas nosas aulas, nas nosas casas e nas nosas universidades. O grande descoñecido seria o outro nome para Castelao na atual Galiza, onde unha vacina de indiferenza e letargo ten durmidos a milleiros de persoas drogadas moitos co consumusmo e moitas outras e outras con promesas e meios de comunicación que apresentan unha realidade inexisténte.

Autodestrutivos, moitos galegos e galegas autonéganse. Non queren ser o que son senón outra cousa distinta. Esa vergoña esa falla de amor, esa confusión entre o adxectivo e o substántivo acrescenta esa visión do galego e da galega coma xente pusilánime e pacífica, entendo esta última palabra coa acepción de servil. Un pseudo país, unha autonómia de inauguración e libros de adorno. Unha língua castrada e castrapa sen posibilidade de xurdir forte e grande na ciéncia, na tecnoloxia, na informática.

Aqueles que máis defenden a potencialidade dunha língua grande, con moitos máis falantes, dunha língua que derrube fronteiras, dunha língua coma a española coñecida e falada por millóns de persoas son os mesmos que asoballan ao galego. Son os mesmos que castran a língua facendoa máis pobre lingüísticamente e potenciando o emprego de palabras deturpadas e afíns ao castelán. Son os mesmos que estigmatizan todo achegamento a unha língua irmá coma o portugués, xa non para que ocupe o lugar da nosa pequena língua, senón para que serva coma ponte e vencello, como Castelao dicía: que debia ser entendido o galeguismo... “unha célula de universalidade”.

“o galeguismo é simplesmente un caso de dignidade coletiva que resona no peito dos inteletuais que teñen corazón, no dos que pretenden suprimir a miséria cotiá do viver labrego e mariñeiro, e no dos que soñan con levar ideas e sentimentos novos á corrente universal (...).

A dignificazón da língua materna corresponde ao grao superior da conciénza política e social e provén dunha capacitación para governar”.

O “Sempre en Galiza” de Castelao converteuse noutro “Quixote”. Moi citado e pouco lido. Non temos que voltar ao Sempre en Galiza, temos que ir, porque moitos e moitas nunca fomos. De tanto ir o cántaro á fonte... rompeu. Temos que rachar con ese descoñecemeto da obra de Castelao, indo e vindo ao Sempre en Galiza. Se cadra un libro con moitas eivas. Un libro moi persoal, pero un libro que é alicerce básico na comprensión da dignidade e dos dereitos da nazón galega.

Castelao sinala ben o enimigo... e tamén ao amigo.


O amigo dos negros e dos desposuidos

Dúas veces viaxou Fidel aos Estados Unidos. A última, e se cadra a derradeira, foi a sede das Nacións Unidas que é território intenacional. Saiu Fidel a dar unha volta aos bairros pobres de Harlem e Brooklyn, os mesmo bairros que o acolleran na sua primeira visita á cidade de Nova Iorque. E alí foi e é recebido coma un amigo, tal como se viu reflectido Castelao nos rostos dos negros ou nos dos seus veciños no seu edificio cosmopolita en Nova Iorque.

E pintou Castelao aos negros cubanos e norteamericanos. E aos chineses. Tamén, asi coma ao povo labrego e mariñeiro e aqueles que o explotaban na Galiza Pintou aos cegos, aos pobres. Era a sua unha arte que non estaba divorciada da estética mais cunha profunda raíz ética.

“Conservo na miña man dereita o estruchamento de milleiros de mans galegas, endurecidas polo traballo e moitas amolecidas pola folganza miserábel: vin o trunfo e a derrota de moitos galegos, pero endexamáis ollei a súa felicidade. A miña man deuse aos fogoneiros, peóns, taberneiros, obreiros e lava-pratos de Nova Iorque; aos mariñeiros de Filadelfia e Boston; aos obreiros de Chicago, de Detroit e de Lackawanna; aos mineiros de West Virginia; aos artesáns e camareiros de San Francisco; aos tabaqueiros, empregados e demáis traballadores da Havana; aos cafetaleiros de Guantánamo e Mayarí; aos carboeiros e comeriantes de Moróen e Esmeralda”(3).

 

Herdanza e epilogo para o mes de xaneiro de 2004

O comandante Velarde da Garda Civil, 2 de febreiro de 1937, informaba ao xuiz instrutor que o funcionário Rodríguez Castelao “é de dubidosa conduta e antecedentes, grande propagandista do galeguismo do que era director... sendo enimigo acérrimo do Glorioso Movemento Nacional”. Remata dicindo: “Non posúe máis bens que o seu soldo coma empregado”.
Este Castelao, empregado, cego e sen bens persoais. Soñando con receber algún dia unha pensión coma profesor auxiliar de debuxo xubilado (que non recebeu nunca). Entro a formar parte da “maquinaria discursiva das homenaxes”. Agora “Castelao é de todos”. Tratan de converterlo no que non era. Símbolo recurrente de adoración. Premianse con medallas que levan o seu nome moitos que campean e exercen o seu antigaleguismo polo mundo adiante.

Á sua morte os xornais galegos receberan a seguinte comunicación da Dirección Xeral de Prénsa do réxime de Franco:

“Falecendo en Bos Aires o político republicano e separatista galego Alfonso Rodríguez Castelao se advirte o seguinte: A noticia da sua morte daráse en páxinas interiores e a unha coluna.

Caso de inserir fotografia, esta non deberá ser de ningún acto político.
Gabaránse unicamente do falecido as suas caraterísticas de humorista, literato e caricaturista.

Poderase destacar a sua persoalidade política, sempre e cando se mencione que aquela foi errada e que se agarda da misericórdia de Deus o perdón dos seus pecados.

Da sua atividade literária e artística non se fará mención algunha do libro “Sempre en Galiza” nin dos álbumes de debuxos da guerra civil.
Calquera omisión destas instruccións dará lugar ao correspondente expediente”.

Cita para un galego que non queria ser nin artista nin escritor

“Un autor, un artista, non inflúe máis que de certo xeito co que escrebe e manda ao prelo. Só adquire verdadeiro poder sobre os homes cando a sua vida, a sua existencia e a sua persoalidade confirman a sua verdade e as suas ensinanzas”.
S. Zweig.

Xurxo Martínez Crespo


Bibliografia:

Álvarez, Santiago, Castelao y nosotros los comunistas, Sada- A Coruña, O Castro, 1984.
Anasagasti Iñaki (Dir.), Castelao y los vascos, Idatz Ekintza, 1985.
Carvalho Calero, Ricardo, Escritos sobre Castelao, Santiago, Sotelo Blanco, 1989.
Castelao Alfonso Daniel, Sempre en Galiza, editorial Akal, 1977.
Castelao Alfonso Daniel, Verbas de Chumbo (1937-38), Santiago, Sotelo Blanco, 1992 (ed. C. Rodríguez Fer). Vid. Nº18.
Estevez Xosé, Castelao e o nacionalismo vasco (1931-1937). En Beramendi, Justo García & Villares Ramón. Actas do Congreso Castelao (Santiago de Compostela, 24-29 novembro 1986). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 67-88.
Fernández Carlos, La persecución de Castelao durante el franquismo. Sada- A Coruña, O Castro, 1986.
Núñez Búa Xosé, Vida e paixón de Castelao. Sada- A Coruña, O Castro, 1986.
Paz Andrade Valentín, Castelao na luz e na sombra, Sada- A Coruña, O Castro, 1982.
Promocións Culturais Galegas, Castelao e Bóveda. Irmáns!, Vigo, 1986.
Notas:
(1) Sempre en Galiza, I, xxiv.
(2) op. cit. II, xxiv.
(3) op. cit. II, xxvi.

 

 
         
     
E os galegos e galegas pensaron que ser galego ou galega era ser saudoso, morriñento... poeta, e porque non tamén, emigrante e conformista. E veu Castelao, e ensinou a todos e a todas que o noso povo ten unha cultura sen comiñas de seu, unha história de seu; porque engadiu e centrou toda a sua obra no noso país. E ninguén retratara antes os cruceiros, nin aos noso mariñeiros, nin aos nosos labregos e labregas. Nin tampouco a eses e esas desleigados e desleigadas que acreditaban que falar galego era falar mal e falar castelán falar ben.
 
   
 
Comunicado, datado en Santander o 18 de abril de 1939, polo que se priva a Castelao de exercicio de cargo público.
 
 
En Mayarí (Illa de Cuba), en xaneiro de 1938.