Personaxes da emigración
 

 

Xosé María Cao Luaces

Xosé María Cao Luaces naceu en Santa María de Cervo (Lugo) o 13 de decembro de 1862. Desde moi neno comezou a súa peregrinación xa que o seu pai, funcionario de Facenda, tivo distintos destinos: Valladolid, Sevilla, etc. Tamén residiu unha tempada en Lisboa ata que o seu pai consegue empregarse na fábrica de porcelana de Sargadelos, voltando á provincia de Lugo. Aos 13 anos Cao comezou a amosar as súas aptitudes co debuxo na propia empresa onde traballaba o seu pai. O peche da vella fábrica de Sargadelos, acontecida no 1877, levounos a trasladarse a Xixón, onde ingresou como pintor decorador noutra fábrica de louza "La Asturiana". Nesta última cidade coñeceu ao destacado escultor galego Xosé María López Rodríguez, quen lle ensinou as distintas técnicas da escultura e do debuxo. Posteriormente trasladouse a Madrid co fin de seguir especializándose. Nesta cidade traballa nunha empresa de porcelanas no barrio de Vallecas. A falta de perspectivas artísticas na capital do estado, fíxolle tomar o camiño do retorno. Volveu a Xixón ata que un empresario fabricante de louza e cristalería lle ofreceu dirixir os obradoiros de decorados da empresa. Na Coruña realizou os seus primeiros lenzos e retratos. Alí tamén comezou distintas carreiras, comercio, maxisterio, alfándegas e telégrafos, etc. Nos momentos libres realizaba os seus primeiros ensaios literarios. José María Cao comezou a ser valorado polos seus dotes intelectuais. O diario coruñés "El Liceo Brigantino" dixo nun artigo de Cao: "... honra a arte e a industria da Coruña". Por aqueles anos ingresou a militar no Partido Republicano Federal, liderado por Pi i Margall. Cao creeu necesario a creación dun Estado Federal, onde Galiza puidese manter a súa propia personalidade nacional.

O fracaso da Primeira República, as persecucións posteriores e a falta de futuro fixeron que Cao tomase a decisión de emigrar como o estaba facendo unha parte importante da súa xeración. Chegou a Bos Aires en 1886 con tan só o posto e a ilusión de triunfar. A falta de traballo levouno a realizar caricaturas aos transeúntes que pasaban pola Rúa Paseo Colón. Un ano despois asociábase a un obradoiro de gravados, daba clases nun colexio particular e comezaba a colaborar en distintos xornais. A primeira revista importante onde colaborou Cao foi en "Sudamericano", na que tiña ao seu cargo a sección de retratos. Unha desas primeiras caricaturas custoulle oito días de detención xa que Bos Aires por aqueles anos tiña declarado o estado de sitio.

A finais de século triunfaba na Arxentina a revista satírica "Don Quijote". O director da mesma Eduardo Sojo, coñecedor das dotes artísticas de Cao, contratouno como caricaturista da súa publicación. A unión artística de Sojo e Cao abriu unha etapa histórica da caricatura e do xornalismo latinoamericano. O xornalista arxentino Soiza Reilly dixo de ambos os artistas nun artigo xornalístico: "Cando a policía pechaba a Sojo na cadea polas súas sátiras dos homes do goberno, Cao substutuíao. O pseudónimo de Sojo na cadea era Demócrito, e o de Cao Demócrito II. Era a época bravía de Juárez Celman. O doutor Alén adoitaba dicir que a revolución do 90 fixérana as armas e as caricaturas de Cao e Sojo. Un día despois dunha caricatura violenta contra o Xeneral Capdevila (caricatura de Cao), un matón policíaco dirixiuse ao enderezo de Don Quijote e preguntou: "¿Está o señor Cao?" Era unha casa de altos. Cao asomouse ao vestíbulo e esta circunstancia aproveitouna para dispararlle un tiro. Ao ver fracasado o seu intento o asasino botou a correr berrando: "¡Mátanme! ¡Asasínanme!". A policía detivo ao caricaturista pechándoo na cadea. E sabe deus ata cando estaría alí se o xeneral Roca non intervén.

"Don Quijote" foi pechado polo goberno, quedando Cao sen traballo e con poucas posibilidades de incorporarse a outra publicación. Esta nova situación foi determinante para que Cao tomase a decisión de fundar un xornal galego. O 7 de febreiro de 1892 saíu á rúa o primeiro exemplar de "El Eco de Galicia", homónimo ao editado na Habana.

O novo xornal galego naceu cun forte contido rexionalista; Cao na súa presentación editorial dixo: "Non somos separatistas; non facemos cuestión de propaganda ao estampar a palabra rexionalismo. Anceiamos que os nosos coprovincianos, así nesta capital como en toda a república, dirixan os seus esforzos á unión e solidariedade nun pensamento común: o espírito de asociación que abondando por si só a conservar entre nós as virtudes lexendarias dos nosos maiores sosteñen o máis puro ideal das nosas glorias e serve tamén de estímulo ao traballo e concordia fraternal, pois como irmáns debemos considerarnos lonxe da nosa Patria. Honrando a Galicia dignificamos a España, e honrámonos a nós mesmos...".

José María Cao utilizaba as páxinas de "El Eco de Galicia" para alentar a refundación do Centro Galego de Bos Aires. Nun artigo denominado "En Familia" propón que mentres non se constituíse o Centro Galego a redacción do xornal se converta nunha especie de Ateneo Artístico e Literario. Noutro artigo titulado "Del país" referíndose ao idioma galego dixo: "Estámolos mirando nos nosos coprovincianos: hai algún que se lle falades en galego, como haxa xente diante, sóbenlle as cores ao rostro. E é moi capaz de contestar en guaraní para que vos apartedes do mal camiño".

O primeiro Centro Galego de Bos Aires fundouse en 1879 e disolveuse en 1892. Para Cao era necesario facer todos os esforzos necesarios para a súa refundación. Foi así que o 14 de agosto de 1893 José María Cao redactou unha circular, acompañada con outras sinaturas destacadas da colectividade, co fin de volver poñer en funcionamento o Centro. Xunto a súa sinatura estaban Castro López, Victorino de la Riega, Federico López Portocarrero, Luis Williman, Antonio Botana, Joaquín Vaamonde, Vicente Rey e Antonio Portela. Na circular dicía entre outras cousas: "queremos unha asociación eminentemente rexional composta de elementos afíns, libremente organizada polo que esixe ou reclama imperativamente o numeroso, o importante da nosa colonia...".

O día 20 de agosto realizouse unha asemblea despois de discutir os regulamentos. Nomeose a José María Cao Presidente da Xunta Directiva Provisional e a Castro López de Secretario. Esta comisión directiva durou pouco tempo xa que nunha asemblea celebrada o 26 de novembro renunciaron os directivos, quedando frustado o intento unha vez máis.

Os debuxos e os artigos de Cao estarán sempre cheos dunha ironía punzante. Pouco tempo durou a frente de "El Eco de Galicia"; aos poucos meses vendeu o xornal ao destacado xornalista lucense Castro López, quen compartía con Cao os ideais do Partido Republicano Federal e da masonería.

Tamén participaba activamente do "Orfeón Gallego", do cal foi organizador e director. Como dixera Cao o Orfeón estaba destinado ao "amor os nosos costumes, ao noso idioma, á nosa Galiza e ás súas lexendarias tradicións".

O 1 de xaneiro de 1894 tirou a revista "El Cid Campeador", refundíndose en 1895 na revista "La Bomba". Nesta últimas publicacións realizou caricaturas moi críticas contra os EEUU pola súa intervención en Cuba.

En 1889 debuxou o traxe que empregaron os compoñentes da rondalla do Orfeón Galego para o antroido daquel ano. Foi debuxante do xornal ilustrado "El Alerquín" que dirixía o destacado escritor arxentino Roberto Payro. No ano 1900 foi premiado con 500 pesos polo segundo premio do concurso de carteis artísticos da marca de coñac "Domecq", obtendo 1.000 pesos de premio. Malia todos os éxitos acadados anteriormente, foi na revista "Caras y Caretas" onde se consagrou como artista e periodista. "Caras y Caretas" convértese na revista emblemática do xornalismo do seu xénero, creando unha verdadeira escola da caricatura latinoamericana. Soiza Reilly no artigo anteriormente citado dixo: "...díxose que Cao era un artista. Érao nas súas caricaturas, nos seus ideais, en todas as horas da súa vida. Pois máis que un artista era un psicólogo profundo. Era un coñecedor, un analista dos homes...".

Xosé María Cao, parellamente a "Caras y Caretas", desenvolveu unha intensa actividade xornalística nos máis prestixiosos xornais arxentinos. Así dirixiu a parte artística do suplemento do grande rotativo "La Nación". As súas caricaturas foron factor determinante para o éxito xornalístico da revista "Fray Mocho". Tamén colaborou na "Revista Popular". Antes da súa morte retirouse da actividade xornalística fundando no Municipio de Lanus unha sociedade cultural chamada "Madre Fraternidad".

O destacado pintor Luís Seoane dixo nunha pequena biografía realizada a Cao: "A figura que el debuxaba estaba perfectamente modelada, atíñase ás leis do claroscuro, ao retoque miúdo mais comezaba coa súa obra para o debuxo deste país unha concisión esquemática da que poderíamos citar numerosos exemplos. Cando o designaron "o pai da caricatura Arxentina" afirmaban unha verdade e estamos seguros que non se referían tanto ao seu traballo fecundo, canto a súa calidade dese traballo...".

O 27 de xaneiro de 1918 faleceu na súa casa de Lanus. A revista "Caras y Caretas" da que fora o seu director dixo: "Foi este nobre mestro do lapis e da pluma un revolucionario, un transformador do humorismo arxentino. A caricatura non seguía o desenvolvemento acelerado da nosa cultura; a ironía burda debuxaba sobre as pranchas litográficas valéndose de todos os medios sen lei. Cao atopou o xeito de facer humorismo san e a caricatura gañou en profundidade e intención en formas.

Adaptándose ao ambiente con todo o poder dúctil da súa mestría, Cao soubo facer labor netamente arxentino; era europeo e non quixo nembargantes europeizar...".

O seu amigo Soiza Reilly na súa fermosa semblanza seguiu dicindo: "Na revista máxima o xenio de Cao atopou campo aberto ao seu espírito. Fixo discípulos e fíxoos non só coas súas ensinanzas senón que tamén co seu estímulo e o seu impulso paternal de mestre. Non sentía envexa por ninguén. O seu corazón sinxelo, inclinado á fraternidade, levouno á masonería onde acadou o grao máis alto pola súa actividade, pola súa tenrura, pola súa fe nos destinos do home. ¡Ben fixo a cidade marabillosa en glorificalo! Bos Aires devólvelle en amor todo o amor que el sentiu por Bos Aires".

Xosé María Cao, o "pai da caricatura Arxentina", pasaría inadvertido para a maioría dos galegos e dos seus historiadores. Foi Alberto Vilanova e o polifacético Luís Seoane os que reivindicaron o seu destacado papel na plástica galega. Seoane na súa biografía sobre Cao dixo que foi o primeiro do seu estilo xa que algúns críticos soamente fan referencia a Tabarra e a Castelao.

No seu folleto biográfico Seoane dixo: "... primeiro foi Cao aínda que a súa arte se desenvolvera nesta nación. Castelao, o noso máis grande humorista, así o pensaba e moitas veces en conversas contaba con que pracer miraba de neno primeiro na Arxentina e logo en Galiza os debuxos de Cao. Seguramente Castelao coñeceu a Cao moito máis que os debuxos, quizáis tamén moitos dos seus artigos, ensaios e o pensamento que sobre Galiza Cao sostivo dera batalla no seo da colectividade galega da súa época e que tan próximo foi no seu espírito ao pensamento do mesmo Castelao".

Lois Pérez Leira

 
       
Xosé María Coa Luaces
 
Capa da revista "Caras y Caretas", ilustración de Xosé María Cao.
   
Capa da revista "Fray Mocho", ilustración Xosé María Cao.
   
Capa da revista "Fray Mocho", ilustración Xosé María Cao.
   
Hipolito Irigoyen, ilustración de Xosé María Cao.
   
Xosé María Cao.