Personaxes da emigración
 

 

Campio Carpio

Campio Carpio naceu na cidade de Vigo o 10 de outubro de 1902. A súa cidade natal era neses anos unha vila que se estaba preparando para dar o salto a grande cidade. A súa famosa ría, que é un dos portos naturais máis importantes do mundo favoreceu o apoxeo do seu porto que ao comezos de século foi utilizado para a saída de emigrantes. A gran industria da emigración e o desenvolvemento da pesca, onde os galegos son dos más experimentados, foron convertendo á cidade olivica nunha grande urbe do noroeste atlántico. Tamén polo seu porto chegaban as novas ideas da Europa e tamén por este saían os pensamentos máis avanzados do vello continente. É importante salientar que desta cidade era o destacado pensador anarquista Ricardo Mella, quen, nas primeiras décadas do século, iluminou o pensamento libertario de todo o mundo. Campio Carpio, que en realidade se chamaba Campio Pérez Pérez, cando contaba con 17 anos e antes que o mandasen á Guerra de Marrocos, decidiuse embarcar para a Arxentina.

O rapaz vigués chegou a un Bos Aires conmovido polos sucesos da Patagonia. No sur arxentino un paisano seu, Antonio Soto dirixía unha folga revolucionaria que acabaría coa represión do exército e o fusilamiento de 1.500 trabajadores, o propio Carpio escribiu anos máis tarde: A evolución que se foi operando na economía do solo patagónico e esa forma de explotación, en 1921 desencadeou unha folga de certas proporcións na que participaron coidadores e peóns a salario a outro tipo de interese por conta das institucións creadas por don José Menéndez... En efecto, os interesados naquela forma de explotación resistíronse a atender as reclamacións dos humildes traballadores que se concretaban en simples melloras económicas.

Os sucesos da Semana Tráxica de Bos Aires, a furiosa represión e asasinatos en masa da Patagonia foron marcando a historia arxentina dos anos vinte. Desde as páxinas de La Protesta que dirixía Abad de Santillán -quen sería anos despois o seu amigo- chamaría aos traballadores a realizar a Revolución Social.

Neste ambiente revolucionario comezou desenvolver a súa vida o xoven Campio. O escritor Luis Di Filippo na Revista Universidad dixo de Carpio: "Desde moi novo, refractario á guerra, a partir de 1921 tomou radicación porteña. Incorporándose aos medios literarios e artísticos de formación universitaria, identificouse co pensamento arxentino avanzado a través das loitas sociais". Campio Carpio incorporouse activamente ao movemento libertario tan de boga por aquel entón. O seu aporte personal á causa da liberación do home foi desde a perspectiva intelectual, desenvolvendo unha longa traxectoria como escritor.

O xornal El Libertario órgano da Federación Libertaria Arxentina (FLA) nun semblanza da súa figura dixo de Carpio: home culto, equilibrado, cordial, cultivou a amizade de compañeiros como Diego Abad de Santillán, José Planas, Danussi, Quesada e outros. Serviu á causa antifascista e libertaria da España agredida polo totalitarismo en 1936-39...

Como ben sinalaba El Libertario, durante a guerra civil concentrou toda a súa enerxía creadora para denunciar a través da pluma, as barbaries cometidas polo bando alzado. Desde Madrid os anarquistas galegos da CNT que editan o xornal Galicia Libre nomeáronno correspondente en Bos Aires. Desde as páxinas deste periódico chama a profundizar a revolución e sinalar os perigos que corría o frente republicano. Campio intuía a gran ameaza que presupoñía o fascismo e o nazismo en alza en toda Europa. Nun dos seus artigos dixo: O capitalismo sabe que unha revolución baleira non é nada; España esta case baleira, revolucionariamente.

Ao remate da guerra civil sinalou no seu libro Labradores del Espíritu: España quedou sen rastros de vida intelectual, desbastada e aniquilada. A maior parte dos escritores, obreiros e integrantes da clase media que fixeran causa común na defensa, tiveron que exiliarse. Tres anos de saqueo, de fusilamentos e venganzas, remataron coa expresión da nobreza ibérica en todos os campos do entendemento. Para logo agregar: Desde Francia emprendeuse o vagabundeo do emigrado a través dos mil camiños do mundo enteiro. Os socialistas, anarquistas, republicanos e simples liberais sen filiación definida, correron todos os perigos de cautivos hitlerianos nos campos da morte. A eternidade do ideal deu vida ás células liberadores e é de tal modo que a ebullición adquire xa caracteres incontibles.

Campio Carpio na súa longa traxectoria como escritor, poeta e ensaista deixounos unha obra de gran nivel literario. entre os libros máis destacados podemos nomear: El mundo agonizante (crítica); Humillados (contos); ¡También América! (crítica); El destino social del arte (crítica); Democracia (novela); Antología de pensamientos de González Prada; 36 poemas de autores brasileños contemporáneos; Milicias de la aurora (poemas), Pasión y poesía, Radiografía cordial de América, Lamento de la tierra encadenada (epopeia) e Labradores del Espíritu (ensaio). Nos anos corenta escribiu na Revista Hombre de América, a partir de 1959 comenzou a colaborar na Revista anarquista Reconstruir.

A obra xornalística de Campio Carpio está dispersa por un sen fin de xornais libertarios de América e Europa. Entre os innumerables folletos realizados destácase o dedicado a salientar a vida do destacado escritor Curros Enríquez.

O escritor galego-arxentino Carlos Penelas no seu libro Os galegos anarquistas na Arxentina comenta deste folleto: Chama a atención esta breve biografía do poeta de Celanova que se publicou co selo de Editorial Galicia Libre en Toulouse, Francia, en 1949. Neste traballo Carpio fala con nostalxia da paisaxe galega, da pureza do labrego, das testemuñas do silencio elocuente. Nese folleto Carpio dinos: “Galicia é un pobo lírico, digno, cunhas emocións que expresa a través da súa poesía onde reverdece a esencia do máis puro paganismo”. No mesmo ensaio biográfico dinos de Curros Enríquez: “Naceu para a liberdade, renuncia ao romanticismo domestico que a poesía cursi da súa xeración explota e se entronca nun estilo persoal que sacrifica a reivindicación do home, a persoa humana, que é todo o seu capital e toda a súa fortuna”.

Os últimos anos da vida de Carpio viviunos alonxado da vida política activa, a súa avanzada idade e a posterior dictadura do xeneral Videla, axudaron notablemente para que a súa militancia se fora apagando lentamente, a pesar diso nunca abandonou a actividade periodística e as súas preocupacións intelectuais.

Segundo nos contan os seus amigos do xornal El Libertario a última iniciativa destacada de Carpio foi a de propoñer a través dunha carta datada o 6 de setembro de 1897 a ese xornal unha iniciativa promovendo o nome do seu compañeiro e amigo Félix Álvarez Ferreras como candidato ao Premio de Literatura José Vasconcelos.

O 28 de setembro de 1989 faleceu Campio Carpio na súa casa de Montegrande na zona sur do gran Bos Aires. Coa súa morte cerrouse unha rica etapa do pensamento humanista e libertario.

Lois Pérez Leira

 
         
Campio Carpio (debuxo).
   
Vista de Vigo antiguo, cidade natal de Campio Carpio.
 
Capa do libro de Campio Carpio “Labradores del Espíritu”, editado en Bos Aires.
 
Campio Carpio (debuxo).