Personaxes
da emigración |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
EDUARDO BLANCO AMOR: O MÁIS BRILANTE ESCRITOR GALEGO FORXADO NA EMIGRACIÓN Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense, na casa nº 27 da rúa Lepanto, o 14 de setembro de 1897. Foron os seus pais Victor Blanco, natural de Astorga (León) e Aurora Amor, natural de Ourense. Cando Eduardo ten tres anos o seu pai bandonou o fogar. Este feito familiar marcou para sempre a historia de Eduardo. O xove ourensán realizou os seus estudios na cidade das burgas. A medida que vai lendo novelas e poesías comenza nél o seu interese pola literatura. “A primeira novela que lin así de aventuras foi o Rocamboleo, despois foi Victor Hugo, un autor que me fascinou tremendamente...” “ós dezasete anos foi segredario da dirección de El diario de Ourense, periódico electoreiro do conde de Bugallal. Dirixíao un vello fraile exclaustrado e borrachín...”. “Tería dezaseis anos cando comencei a escribir versos en castelán en periódicos locais. En galego escribiría máis tarde, xa en América, aguixoneado pola morriña. Os xoves do meu grupo líamos con paixón ós da xeración do 98: Baroja, Unamuno, Maeztu. En filosofía éramos bergsonianos; en poesía, simbolistas; nos arrebataba a prosa de Valle-Inclán e de Eca de Queiroz, cuio ambente novelístico vivíamos naquela provincia. En política, nos inclinábamos cara á república, cunha lixeira tendencia ó anarquismo. Eramos rebeldes, sen saber contra quén e cara a ónde...”. Por aqueles anos, Vicente Risco e un grupo de galeguistas ourensáns, constituiran unha tertulia moi concurrida polos xoves da época. Eduardo comenzou nesta tertulia a deleitarse, coa sabiduría do seu primeiro mestre político, Vicente Risco, coa cultura de Otero Pedrayo e coa forza de Basilio Alvarez. Outros dos tertulianos foron: Noriega Varela, Florentino Cuebillas, Arturo Noguerol, Euxenio Montes, Alvaro de las Casas, Roberto Blanco Torres, Xavier Bóveda, Fernández Oxea (Ben - Cho -Shey), Francisco Luis Bernárdez e Fernández Mazas entre outros. En 1919 Eduardo Blanco Amor deixou Ourense rumbo á Arxentina, anos despois lembrará esta etapa: “Bos Aires entón era unha delicia de cidade, que incitaba coa súa liberdade, coa súa amplitude de modales psíquicos, co seu perfil sosegado e tangueiro, á posibilidade de emprender unha gran aventura dentro da gran cidade... Ese mesmo ano 1919, simultaneamente comencei a asistir como oínte ceibe á Facultade de Filosofía e Letras. No banco fun empregado de secretaría, pero en vez de escribir cartas, facía versos, o que non soe coincidir coas concepcións bancarias. A miña morriña florecía en versos galegos, que escribía a picotazos de aceiro na máquina destinada polo establecemento ás cifras e ós “Moi señores meus”... Nos momentos ceibes, Eduardo comparte a morriña cos outros paisanos nos bares da “Avenida de Mayo”. Os fins de semana, como era obriga nos recén chegados, participa nas festas organizadas pola colectividade galega. Nunha delas, un grupo de paisanos deciden crear unha institución, que unificara a toda a colectividade galega, é así como naceu a Federación de Sociedades Galegas (F.S.G.A.) o 24 de setembro de 1921. Os seus impulsores máis destacados foron: Antón Alonso Ríos, Anxel Martínez Castro e Bonifacio Botana. Desde o comenzo desta Federación, Eduardo Blanco Amor, xogou un papel moi destacado nos seus distintos medios de expresión. Durante a primeira década da súa fundación, a Federación tivo no seu seo, duas correntes ideolóxicas, que se enfrentaron, polo control da mesma. Por unha banda, os seguidores do pensamento socialista, os que en coordinación co P.S.O.E. e co Partido Socialista Arxentino, intentaron hexemonizar a institución, e por outro lado, a corrente de Alonso Ríos, Blanco Amor e Picallo, que se ben eran de esquerdas, representaban á corrente nacionalista. Entre as actividades máis valoradas desta federación, estaba a de cultura. Os directivos da mesma pensaban, que para liberar ós homes da opresión, había que formalos. Por aqueles anos, unha cantidade importante dos emigrantes que chegaban, facíano con poucos estudios. Por dito motivo a federación comenzou a dictar clases de formación cultural entre os seus adherintes. Alonso Ríos impartía clases de matemáticas, primeiras letras e caligrafía. Os martes, Blanco Amor ensinaba galego. Os xoves, xeografía de Galicia por Liño Pérez. Os venres, Suárez Picallo impartía Historia de Galicia e os sábados a profesora Kleiner, taquigrafía e idiomas. En 1923 participou na fundación da revista “Terra” boletín da cultura galega, idearium da Irmandade Nacionalista Galega na América do Sul, da que era director Ramiro Isla Couto. O IV Congreso da Federación de Sociedades Galegas realizouse entre o 6 e o 15 de decembro de 1925, na cal participaron 200 delegados en representación de 33 sociedades federadas. Nél tiveron unha participación destacada Suárez Picallo e Blanco Amor. O primeiro representou á “Sociedad Nueva Era” de Vilanova e o segundo a “Hijos de Sanxenxo. Neste Congreso ambos amigos foron elexidos membros da Comisión Executiva. Durante esta etapa incorporouse xunto a Picallo na revista galeguista Céltiga. Xosé Núñez Búa, compañeiro de exilio de Blanco Amor, lembrará no seu libro “Revoeira” unha acnédota déste, con Picallo na redacción de Céltiga: “Os seus redactores -referíndose a Céltiga- eran Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo e Eliseo Pulpeiro. Literariamente, o máis dotado dos tres era Blanco Amor, o que, emigrado ós dezaoito anos, traguía do seu Ourense natal, as máis das inquedanzas insufradas por Risco, Lousada, Noguerol, Castelao... e o seu espíritu ben abastado de leitura, a consuetudinaria incrinación dos veciños das Burgas ó lecer humorístico. O seu, ás veces tomadas por diana de tiro os hiperbólicos ensonos e os desbordamentos oratorios nos que Picallo verquía as súas abundancias de redentorismo social. Un día, Eduardo puxo no escritorio de Picallo un carteliño con ista coarteta:
Suárez Picallo non era un escritor en verso, pro creou en pareado un epitafio que, pintado nunha táboa, pendurou na parede, detrás do lugar no que se sentaba Eduardo:
No seo da redacción, desta revista, foise perfilando, un grupo ideolóxico liderado, por Picallo e Blanco Amor, que eran denominados “Os Céltigos”. Os “Céltigos” marcaron toda unha etapa do nacionalismo da diáspora, as súas distintas iniciativas culturais e patrióticas impulsaron unha activa política galeguista, que o mesmo repercutía en América como na propia Galiza. O destacado galeguista Xosé Abraira o que foi protagonista desta etapa relátanos algúns aspectos históricos daqueles anos: “Cando se escriba a historia do movimento galeguista na Arxentina, non se poderá prescindir de sinalar a tertulia do Café “Armonía”, e do grupo da revista “Céltiga”, que casi viña a seren o mesmo. Un e outra atopáronse sempre no sarego de entrada. Toda a mañífica eclosión posterior cecais teña rebasado aquelo nalgúns aspeitos; todo aquelo foi e se manterá sempre como un feito que brilará con fulgor propio; e aínda hoxe, en certo xeito, alimentámonos daqueles empurros. ... A tertulia integrábana elementos heteroxéneos: os uns, asíduos; os outros por vegadas; pero cando non estaban nen Picallo nen Blanco Amor, aquelo era unha especie de Torre de Babel. A partir de 1925 comenzou a escribir no periódico arxentino “La Nación”, onde fixo amizade cos escritores Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges, Sábato e Mallea entre outros. No transcurso de 1928, a Federación de Sociedades Galegas, viviu unha etapa de grandes enfrentamentos, que rematou coa expulsión, de Blanco Amor e Picallo. Ambos aproveitaron o alonxamento temporeiro, desta institución, para viaxar ó Uruguai, invitados polo Centro Galego deste país. Alí, o 27 de maio, participaron no Terceiro Curso de Conferencias, sobre Problemas Iberoamericanos. Blanco Amor, disertou nesta oportunidade, sobre a “Guía para un estudo integral do renacemento galego” e Suárez Picallo sobre “A emoción da paisaxe Galega”. As conferencias organizadas polo Centro Galego motivaron cunha delegación de “Céltigos” de Bos Aires acompañaran ós conferenciantes sinalados. Integraban a comitiva Rial Seijo, o poeta Antón Zapata e Manuel Oliveira. No muelle de Montevideo agardaban o barco de “La Carrera” os destacados galeguistas Julio Siguenza, Miguel Sánchez, Fernández Veiga, Damián Fernández, Arturo Carril, Camilo Bóveda e outros dirixentes do Centro Galego de Montevideo. Momentos despois o Presidente desta institución Constantino Sánchez Mosquera, recibía oficialmente á representativa delegación de intelectuais nacionalistas. Ás 9 da noite, media hora antes de anunciada a iniciación do acto, os salóns estaban abarrotados dun público expectante e desexoso de escoitar a disertantes, que lles ían a falar da súa patria. Despois da presentación do Doctor Sánchez Mosquera, será Eduardo Blanco Amor, o que ocupará a tribuna nun discurso dunha hora larga. Blanco Amor pasou revista dunha maneira ampla e erudita, a toda a cultura galega, desde os cancioneiros até aquela hora augural do renacemento galeguista. Seguiulle Suárez Picallo, o que examinou con gran amenidade a xeografía galega e a súa relación cos seus habitantes. No salón da presidencia, obsequiouse á delegación e invitados especiais, cun “champagne” que deu lugar a outra amable tertulia, na que ademais de alalás cantados por Blanco Amor e versos recitados por Picallo, o poeta Antón Zapata recitou tres dos seus formidables poemas mariñeiros, que foron emotivamente aplaudidos. O 3 de outubro de 1928 se embarcou -Blanco Amor- para Galicia no vapor “Werra”. O grupo de Céltiga organizoulle un banquete de despedida onde participaron distintas persoalidades galegas e arxentinas. Como así tamén directivos da Federación de Sociedades Galegas, Unión Provincial Ourensán, Centro Provincial Lucense, Centro de Ribadeo, Sociedade Pondal, Correo de Galicia, etc. Será Suárez Picallo, o encargado de falar en nome de todos os presentes, facendo unha reseña do agasallo como amigo, como intelectual e como galego, recalcando a obra de Blanco Amor, na tarefa de divulgar ante a intelectualidade Arxentina, os valores da Galicia renacentista, así como a simpatía que a súa obra conquistou entre a xuventude deste país, en onde se sintetizou o porvir espiritual de América. Blanco Amor, non quixo emocionarse, e agradeceu o agasallo en tono humorístico, dese humorismo ourensán que fai cóxegas sen picar, até que ó remate da peroración agradeceu o agasallo, ofrecido a cámbeo da súa laboura futura, continuación da pasada. Falou despois José Lence, director do “Correo de Galicia”, a petición dos comensais, destacando a labor intelectual de Blanco Amor. O homenaxeado, pechou o banquete, cun “alalá” que tanto lle gustaba cantar, en festas como estas. En 1929 naceu a Agrupación Artística Céltiga, formada por escritores galeguistas xoves, entre eles Suárez Picallo, Eduardo Blanco Amor, Emilio Estévez, Paz Hermo, Rial Seijo, Enrique Doval e Eliseo Pulpeiro, sendo o director artístico, Gumersindo Vázquez. A primeira obra teatral representada, por este elenco, foi “A fiestra valdeira”, de Rafael Dieste. A Federación deixou de editar o “Despertar Gallego” e puxo ó frente do novo periódico “Galicia” a Blanco Amor. Coa instauración da República a Federación resolve enviar unha delegación a Galicia para participar no proceso electoral. Alonso Ríos, Suárez Picallo e Blanco Amor son os elexidos polos federados, pero Blanco Amor desiste de viaxar, debido a dificultades laborais. O periódico “Galicia” da Federación de Sociedades Galegas tivo unha activa participación na vida política da nova república. A maxistral dirección de Eduardo Blanco Amor, a claridade política da súa equipa de redacción e o carácter reivindicativo patriótico da federación, convertiu a este órgano periodístico, nun dos baluartes máis claros das correntes da esquerda nacionalista. Por este motivo Picallo pediralle desde Madrid a Blanco Amor, en forma cáseque desesperada, a súa axuda a través do “Galicia”. En distintas cartas ós seus amigos sintetizou todo o valor político deste periódico da emigración: “... “Galicia” sae moi ben. As tuas editoriais magníficas e algúns proféticos. Canto te alegrarías ver o día que chega “Galicia” co seu título grandote, aberta sobre máis de coarenta escaños e pasan de man en man...” “... Aquí “Galicia” é esperada coa emoción cáseque da carta familliar. O acordo de Pontevedra de recoñecer o órgano oficial, así como á Federación e a ORGA é cousa miña. ¿Que che parece?. O noso campo é o Partido Galeguista...” 15.01.1932. En marzo de 1933 até 1935 volve a Galicia como corresponsal de “La Nación”. O 12 de xuño de 1933 morre a súa nai, Aurora Amor. O destacado escritor atopa consolo ó seu dor na casa materna de Ramón Suárez Picallo, na vila mariñeira de Sada. Neste ano cheo de acontecementos, Blanco Amor profundiza en Madrid a súa amizade con Federico García Lorca. Esta relación será moi importante para ambos escritores. Lorca tempo despois, terminou escribindo varias poesías en idioma galego, que según os historiadores, se debeu á influencia de Blanco Amor. Co estalido da guerra civil desenvolveu unha intensa actividade periodística a prol dos republicanos, durante esta etapa foi nomeado secretario da embaixada española, vicecónsul e posteriormente cónsul en Bos Aires. Blanco Amor foi un escritor de gran producción literaria, entre as súas obras máis destacadas están: Romances Galegos, 1928; Poema en Catro Tempos, 1931; A Esmorga (novela), 1959; Os Biosbardos, 1964; La Catedral y el niño, 1948; Chile a la vista, 1950; Las Buenas maneras, 1963; La parranda, 1973; Xente ao lonxe, 1973, etc. En 1951 foi condecorado polo governo chileno coa Orde O’ Higgins pola publicación do ensaio Chile a la vista. Fundou en Bos Aires o Teatro Popular Galego e foi director da revista “Galicia” do Centro Galego de Bos Aires. En 1956 foi un dos organizadores da recepción á destacada actriz coruñesa María Casares. Ese mesmo ano, o 22 de xuño, foi cofundador da Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA). Nesta etapa americana percorreu Uruguai, Chile e Venezuela, dando conferencias sobre literatura. En 1965 decidiu retornar definitivamente a Galicia. A súa última etapa foi un empezar de novo. Moi poucos amigos brindáronlle a man que necesitaba. Os galeguistas da Editorial Galaxia acaudillados por Ramón Piñeiro, miraron para outro lado. O propio Blanco Amor diría deles “Os meus amigos galeguistas de dereitas déronme tempo para morrer de fame”. Esta última etapa foi de gran actividade literaria, durante estos anos escribe a novela Xente ao Lonxe, traduce catro dos seus libros ó castelán, escribe en distintos periódicos e da numerosas conferencias. A súa vida transcurre entre Ourense e Vigo, pasando largas tempadas en Madrid. Nunha das últimas entrevistas, que lle concede á prensa, respóstalle ó periodista, que lle pregunta -¿Por qué causas saldría vostede á rúa en manifestación?. E él resposta: “Polo Estatuto de Autonomía, se se produce algún retroceso na democratización do país, contra as centrais nucleares e polos dereitos dos marxinados, como por exemplo contra a lei de perigrosidade social que se aplica ós homosexuais?. Pouco antes da súa morte declaraba, que non a temía e manifestaba o seu desprecio pola transcendencia, “A inmortalidade paréceme a máis grande estupidez e fraude a que pode aspirar un home”. O 1 de decembro de 1979, na súa visita regular á cidade de Vigo, o Corazón xogoulle unha má pasada, deixándonos para sempre. A súa obra literaria e o seu espíritu creativo, vive nas actuais xeracións de escritores en lingua galega. Blanco Amor foi sen dúbida algunha, o máis destacado escritor galego deste século. Un auténtico fillo da emigración. Lois Pérez Leira |
|