Personaxes da emigración
 

 

José Benavides, o home a quen Franco quería cortar as mans, o xornalista con chumbo no sangue


Este pontevedrés de Ponteareas, nado en 1910 e morto o 1 de agosto de 1985 en Caracas, foi o primeiro secratário de redacción do importante diario caraqueño El Nacional, cargo que se inaugura con el, pois non existía no xornalismo venezuelano. Fundador do diario El Nacional, chegou a Venezuela coma exiliado republicano dende Franza. Alí, na cidade de Niza desenvolvía o seu labor coma cónsul da República española.
Este perdedor da guerra chega a París con 30 anos. Ten que comezar a súa vida asemade que comeza a segunda guerra mundial. Intachábel cabaleiro tratando de facer unha vida antes e despois da barbarie.
O seu sino veu da man do xornalismo. O presidente venezuelano xeneral Eleazar López Contreras funda o xornal Crítica e José Benavides é contratado para a súa dirección.
A vida deste pontearán está partida en dous. Un antes e un despois. Mais ise antes e ise despois non ten que ver coas súas dúas patrias, senón un antes e un despois de Ida Gramcko, a súa compaña, a poeta que seria a súa compañeira en El Nacional (e na súa vida). No ano de 1949 nomeada encarregada de negócios polo presidente Rómulo Gallegos en na embaixada venezuelana en Moscova.

Xornalista

Benavides se constituíu en parte da historia de El Nacional e do xornalismo moderno venezuelano, no máis fermoso sentido da palabra.
Preocupado esteta que con suma dedicación, esmerábase pola apresentación técnica e atractiva do nacente diario. Dende alí o seu esforzo e dominio do xornalismo foi recompensado ao ser nomeado á xefatura de información, dende a que orientaba a reporteiros e redatores, e máis tarde, á xefatura de Cables.
Benavides foi tamén fundador da Escola de Xornalismo da Universidad Central de Venezuela, sendo a súa primeira sede a Casona de san Francisco. Membro fundador da Asociación Venezolana de Periodistas, que despois adoptaría o nome de Colegio Nacional de Periodistas.
Para que naceu José Benavides era unha pergunta reiterativa dos xornalistas que lle facían entrevistas... ao seu xefe de redacción, o primeiro que tivo El Nacional.
"Que para que nacín?" Pois José D. Benavides non naceu para vicerrei da India, nin para campión de ciclismo, nin para profesional da perrucaria. Tampouco para prócer das loitas de indepéndencia da América Latina, nin, para mariñeiro inglés.
As súas orixes en Ponteareas van dende a farmácia do seu avó, baixo a atención do seu tío e o exercicio da medicina do seu pai, até La escuadra la mandan los cabos do seu irmán exiliado en México.
Entón, perguntábanlle os xornalistas venezuelanos, "...vostede... farmaceuta?". "Tiñamos unha farmácia herdada. Claro. As reboticas teñen unha grande prestancia literaria. A nosa non constituía unha excepción. Había, incluso, xornalistas camuflados. Mais xa aos dez anos, en Santiago de Compostela, facía unha revista estudantil, romántica e as máis das veces 'tronitonante'".
Este rapaz que aspiraba a ser mariño, xeneral do exército, poeta, profeta, filósofo, orador, político... tivo un "xarampón literario" que o levou ao mundo anecdótico do xornalismo e o axudou a escribir coa mesma obstinación e a falla de proveito con que as galiñas rañan o chan.
Matriculou na faculdade de farmacia e de filosofía e letras da universidade compostelá. José Benavides, o xornalista que prefería a claridade á profusión, marcha cara Madrid e alí é correspondente literario de Paris-Soir, ademais de Mundo Obrero, e a xefatura de redacción de Día Gráfico de Barcelona.
Sobre os seus ombros descansou a responsabilidade de fundar, crear e dirixir a Delegación de Estampa y La voz de Madrid, coas publicacións de Rivadeneyra, As, La Linterna, Gutiérrez, Pantalla...
A Delegación entre redactores, empregados de oficina para a recepción de avisos e para a distribución do papel contaba con cincuenta e dúas persoas. Foi debido ao seu sentido de organización, ao seu empeño creador o que máis forza tivo no éxito da súa empresa.
Estampa que vendía en Cataluña cando se abriu a Delegación, uns 25.000 exemplares, chegou alcanzar unha tiraxe de 80.000. Do mesmo xeito Ahora acrecentou a súa tiraxe en 68.000 e La Linterna en 60.000.
Javier Bueno, abraiante xornalista asasinado por Franco, era redactor-xefe de La Voz de Madrid. Na súa compaña Benavides fundou a Agrupación Profesional de Periodistas, asociación máis que de defensa do gremio, representativa do mesmo. Javier Bueno foi elixido para ocupar a presidéncia do órgano en Madrid e Benavides en Barcelona. O primeiro que fixo a Agrupación Profesional de Periodistas foi un censo. Despois estabeleceu unha escala de soldos mínimos dende o secretario de redacción en adiante. Obtidos despois de moito rifar os aumentos de soldo coas empresas editoras, asinouse un contrato indefinido, permanente, coas empresas, para que non tomasen coma empregado ningún xornalista que non estivese sindicalizado. Na Agrupación tiñan unha lista de xornalistas en paro forzoso, ás que recorrían as empresas cando tiñan unha vacante. A norma de ética profisional foi un dos principios fundamentais do sindicato. De tal xeito que non se aceitaba, por unha nota, un artigo ou unha entrevista pago ningún. Como contrapartida lograron para os xornalistas unha serie de melloras que antes, no Estado español non existían, como viaxes gratuítos en tranvías e autobuses. A metade de prezo nas tarifas telefónicas. Rebaixas nas viaxes feitas en trens, avións... hoteis.
Benavides tiña no seu maxín transladar o que fora o Carné Internacional de Xornalista, expedido pola Federación Internacional de Xornalistas dacordo coa resolución da Sociedade das Nacións de Xenebra ao ámbito Latinoamericano. O carné daba dereito a viaxar por toda Europa cun desconto do 53%. O Congreso Latinoamericano de Prensa en Bogotá, en 1946, contou por parte de Venezuela, con Benavides ao fronte, coa proposta de realización dos acordos que permitisen esas vantaxes para os xornalistas.
O xornalismo, aseguraba Benavides, algures é impersoal. Só nos EEUU e en Franza ten un carácter persoal. Sucedía que os xornalistas escudábanse no anónimo.
A valentía ou timidez para asinar é o que distingue ao xornalista do escritor profisional. "Canta gacetilla idiota non aparece calzada con sinatura? Un xornalista de raza escribe ás veces follas formidábeis e se pode non as asina. Mais asinan constantemente parvadas, os asnos de Buridán. Son os mesmos que mercantilizan co que escriben. Os que producen en serie, facendo da sinatura unha marca de fábrica. Debe ser por aquilo de que o nome dos parvos está estampado en algures. Pero o verdadeiro xornalista, o que afonda no ar que circunda ao próximo, ten a súa franqueza sempre aberta, inda que pase inadvertida, dacabalo da humilde egua do lugar común".
Sobrio na escrita, sen adornos inútiles. Aprendeu dos grandes escritores xornalistas, mestres seus, cando de tres adxectivos só ficaba vivo un. Daqueles mestres adquiriu o dominio dun estilo, bo ou malo, pero estilo; e unha serie de normas de conduta que non sempre seguiu, inda que a súa exactitude representaba para el un dogma.
Afeitos ao relato sucinto, á información esquemática que o xornal impón e esixe, calquera tento extensivo resúltanos dunha dificuldade esgotadora. O peor é encontrar a frase, o pulo necesario para comezar. Tortura indicíbel, sofremento arrepiante. Arrepíanos pensar que para facer o que chamamos "reportaxe", é fatalmente imprescindíbel encher cinco ou seis ou sete follas. Adoecemos dise fluxo extraordinario, disa capacidade irestricta. Encontrámonos a mil légoas desa verbosidade abraiante, da superabundancia labial que noutros constitúe unha especie de manancial inesgotábel. E ante a máquina, ante ise monstro que desgraciadamente non actúa por si so, encontrámonos inutilmente estériles, idiotamente estúpidos.
Mais non é só isto. A conspiración envolve e compromete outros elementos, outros prexuízos. Coidamos pola nosa conta e risco, que xa todo está dito e que nada falla por escribirse. Por iso calquera esforzo, calquera tentativa sería baleira. Nada serio aportariamos. Para que extraviarnos en divagacións superfluas? Non fariamos outra cousa que amontoar sobre a humanidade, cunha desconsideración inxusta cara a humanidade, centos de follas cheas de prosa barata, cheas de empirismo craso, e quitadas con dificuldade dun cerebro que protesta e que négase a compracernos.
A misión dos periodistas, repetía arreo Benavides, é escribir. En escribir curto e longo, e se vostede naceu para iso, coma eu supoño, paréceme o máis lóxico e o máis prudente que trate de exercer o seu oficio.
E nesa cidade de Caracas, onde chegou José Benavides. Pequena e aldeá. O xornalismo daqueles tempos era incapaz de ir, chanzo a chanzo, subindo para mellorar. Páxinas sen cor. Páxinas atiborradas sen orde nin concerto. Sen xerarquías ante o feito noticioso. Auténticos tixolos da escrita. Bloques de cemento. Aburridos, aburrados...Xornais sen xornalistas. Alimentábanse dos partes policiais, de dous ou tres sociais, e dalgún que outro dado. Sen imaxes, sen fotografías. Inspirados coma dicía Roberto Giusti "na información noticiosa, nos poemas na primeira plana".
E chegou José Benavides con tantas ganas coma méritos. E participou na fundación de El Nacional e tamén de Últimas Noticias.
Henrique Otero Viscarrondo, e o seu fillo Miguel Otero Silva fixeron realidade a idea da fundación do xornal con xente coma José Benavides.
A primeira tarefa coa que empezaron os Otero foi xuntar unha equipa, que segundo Miguel Otero, tivese máis de escritores que de xornalistas. Un grupo de xoves venezuelanos, foron os primeiros en comezar a tarefa urxente con persoaxes coma Benavides, Pedro Beroes, Kotepa Delgado e o tamén galego Silvio Santiago García.
Máis tarde veu un catalán que traducía cables en La Esfera co nome de José Moradell, que resultaría ser a alma de El Nacional tempo despois. E asi empezou o novo xornalismo en Venezuela. Chegaron as máquinas de Nova Iorque.
Abraio da xente ante ista nova xeira do xornalismo. Eliminaron o tedioso editorial e colocaron unha mancheta. Axilidade na información e facilidade para a súa lectura serían as chaves para o novo xornalismo que comezaba a súa andaina.

Ida Gramcko e o saturnismo

Don José, diagramaba e daba golpes no escritório cheo de papeis. Rompía e mandaba escreber todo o que estaba mal escrito. E alí, entre as novas xornalistas, estaba a nova Ida, que era poeta e escritora. E tremía cada vez que tiña que pasar os seus escritos diante de Don José. Era a mesma Ida que convulsionaba a redacción co seu cabelo louro e o seu aspecto irresistíbel de lánguida beleza soñadora.
Representábase no Teatro Municipal de Caracas a opereta Orquídeas Azules e Ida facía un pequeno papel, insignificante comentaba, de pomba mensaxeira. Ao remate da representación foi José Benavides onde ela e propúxose "voar", xa que ela era unha "pomba" até Bos Aires a buscar un paraugas que esquecera.
Procúrelo vostede mesmo, repondeu confusa. José Benavides dixo, aquela noite ao seu amigo Guillermo del Llano "Eu caso con esa rapariga". E así, a solteira máis fermosa de El Nacional, perseguida por todos, pasou polos ollos de José por meio das súas reportaxes, destrozadas moitas veces polo próprio José.

1945

Venezuela vivía unha etapa convulsa. O golpe de Estado ao presidente Isaías Medina Angarita por unha Junta Patriótica Revolucionaria na que estaba Rómulo Betancourt.
Camiñaba Benavides, coma todos os días, despois da súa longa xornada en El Nacional, dende o centro até o bairro de San Bernardino. Era 18 de outubro de 1945. Disparos dende as azoteas dos edificios. Benavides manda á súa futura muller, Ida, a buscar o Comunicado da Junta Revolucionaria, atravesando o centro bélico, que era o centro da cidade. Benavides era a tranquilidade en persoa. Abstemio, contaban o chiste que ademais de non beber cervexa...no bebía leite.
Nomeada Ida en 1949 agregada á embaixada venezuelana en Moscova, aparece a enfermidade do saturnismo. A intoxicación con chumbo no sangue foille tratada a Benavides en Moscova.

"Príncipe consorte" ao xeito xudeu

Benavides renunciou á súa carreira coma xornalista, coma redactor xefe en El Nacional por acompañar a Ida, unha prometedora poeta de 24 anos, en Moscova. O coche da embaixada quedou sepultado baixo a neve. A embaixada venezuelana non tiña sede, e os Benavides-Gramcko tampouco tiñan morada.
Moraron no hotel Metropol que servía, asemade, como sede diplomática, nun cuarto de mil rublos. Alí coincidiría Benavides e Ida Gramcko, no mesmo hotel, coa primeira embaixadora do recén fundado Estado de Israel ante a URSS, Golda Meir.
Golda Meir, escribe nas súas Lembranzas, a imposibilidade do novo Estado de Israel, no pago do hotel que tamén era a súa sede diplomática. Golda chamaba a Benavides "príncipe consorte", el con 39 anos e Ida con 24. Xunto a Stalin, estiveron presenciando o desfile do Primeiro de Maio. Moito molestaba a Benavides este alcume posto por Golda.
Dende Moscova escribirá Benavides a súa La Semana en Moscú, derradeiros exercicios xornalísticos, escritos en 1949 e publicados en El Nacional semanalmente onde facía un resumo da actualidade cultural e social da URSS.
Rómulo Gallegos é derrocado, despois de nove meses no exercicio lexítimo e democrático do poder, por unha Junta Militar. O matrimonio Benavides-Gramcko volve a Venezuela.
A vida profisional de Benavides redúcese á de crítico amoroso, mais inflexíbel da obra de Ida:
"O meu marido tivo unha actitude de rexeitamento total e absoluto desprezo contra a ditadura. Primeiro caín eu (Ida Gramcko). Leváranme á Seguridad Nacional e Miguel Silvio Sanz (o interrogador) ensinábame un revólver e axitábao fronte a min.
Doutora, estas son pistolas roxas? Dicía, acusándome de comunista. Pero despois caeu el (Benavides). Estivo na cadea en El Obispo, cando a folga da prensa, pois, el, definitivamente venezuelano, estivo na resistencia contra a dictadura e colaborou con adecos*, comunistas e copeyanos*". (*) Membros do partido Acción Democrática (socialdemócrata) e COPEI (socialcristián).
Despois, en 1958 chega a democracia. Benavides é nomeado comisionado da presidencia da República da nacente democracia. Traballa na revista Imagen. Na Revista Nacional de Cultura do Consejo Nacional de Cultura (CONAC). A lectura, é, neste intre da súa vida para Benavides, un vicio irresistíbel. Dende os xornais repasados a cabo e rabo até a literatura latinoamericana, os clásicos e a obra da súa muller Ida. "El non deixou de escribrir. Pero coido que a súa obra fun eu mesma."
Era o tempo de tertulias cos intelectuais Mariano Picón Salas, Vicente Gerbasi, Máteo Manaure, Ángel Rosenblat.
"-O día que morreu Rosenblat, tratei de agachalo. Xa estaba (Benavides) moi enfermo. Pero el leu o xornal.
-Se o di o xornal Ida.
-É unha equivocación, Benavides. Un malentendido
-Home..., fíxate que unha vez anunciaron, por erro, a morte de León Felipe".
Non volveu nunca nin a España nin a Galiza. O Caudillo fixera a seguinte ameaza que sempre lembraba Benavides: "A ise Benavides, se ven por aquí, mándolle cortar as mans". Nidios, si, o saúdo de Azaña, as cartas de Negrín.
Os pulmóns esgotados... morría. Na penumbra da sala chea de libros e discos, Ida líalle os xornais. Quince anos máis nova que el, Ida, fíxolle compaña até os derradeiros momentos. Sen a angustia do escéptico arrepiado pola inminencia da nada, mais tampouco alimentando ilusións dun paraíso ou un inferno onde, o máis probábel, non hai xornais.

Escolma de artígos

La semana de Moscú

El Nacional, 20 de abril de 1949
José Benavides correspondente

A URSS celebra o cento cincuenta aniversario do nacemento de Alexánder Pushkin, o poeta universal de lírica fiel e limpa sinxeleza humana. As etapas da lírica pushkiniana que veu ao mundo un 7 de xuño de 1799 en Moscova, son tres: entre 1812 e 1821; entre 1821 e 1825 e 1825 a 1837. Comezou a escribir cedo, pero só se conservan os seus poemas a partires dos trece anos. Dous anos máis tarde, a súa obra era xa analisada pola crítica máis severa, e cando cumpriu os vinte o seu nome adquiría dimensión nacional. No seu denso labor de adolescente hai baladas, elexías, estrofas filosóficas, himnos á ledicia. Á amizade e ao amor. Cultivou todos os estilos ao xeito de Osián, Gilbert, Derzhavin, Zhukovsky e Barinshkov; foi coma un Goethe, un alma aberta a todos os estilos e a todas as emocións viventes. Consagrouse aos temas da liberdade ao converterse de adolescente en home, ou sexa, de 1817 a 1820, cando aspiraba a que o seu nome fose "inscrito nos cáscollos da autocracia", cando anceiaba a "liberdade ilustrada" e "abolir a servidume" que reflicte en "A Liberdade" e en "A Aldea".
Cantou Pushkin o dereito á vida de todos os seres humanos, combatendo o réxime horríbel da escravitude, a arbitrariedade feita lei. Falou da servidume e da autocracia como o pode facer un contemporáneo avanzado, adiantándose ao seu tempo en cen anos.
Ao cumprir os 21, confinado no Sul, os seus poemas adquiren a plenitude persoal. Coñeceu daquela a desilusión, o amargor das deslealdades, a dor dun cariño non comprendido, incluso do compartido.
É penoso o paso da fráxil concepción do mundo da primeira xuventude ao rigoroso e imparcial don analítico dunha ollada xa avizora, crítica e madura. Pushkin maduro, pode dicirse en plena xuventude, no seu confinamento, á sombra da súa soidade poboada de voces oprimidas. Xa non foi o adolescente que nun tranquilo atardecer, á hora da alborada, cantoulle lene ao raio do sol. Se cadra non brillaba o sol para todos? Non se conformou co simples feito de gozar e vivir da vida; quixo comprender onde moraba, entre quen, para que e decatarse de si era correcto ou non o seu modo de vivir, de pensar e de sentir. E eses problemas os reverteu na arte: lembranzas pasadas e remordementos de erros cometidos. Tristura pola separación dos amigos, confesións amorosas atormentadas, evocacións históricas. Perdoárasme os soños cimentos? A miña voz para ti, lánguida e agarimosa" "Canto de Oleg, o profético" "Ovidio" "Sobrevivín aos meus desexos"... E despois a afouteza espiritual que non o traizoou nin nas horas máis difíciles. "Amiga miña, esquecín as pegadas do pasado", "Terra e mar", "Aos amigos", "O carro da vida", "O demo", ""A conversa do libreiro co poeta" ...e tantos poemas que Pushkin co seu sangue preso máis xa liberado no seu profundo ansia interior. O concepto de liberdade tomou máis amplas concepcións filosóficas en "O puñal", "Á filla de Karagueorguy", "O mar", "O castigo", "Napoleón e Cantiga Bacanal 19 de outubro de 1825".
A imaxe lacónica, fonda, afirmativa de Pushkin manifestase en 1825 con "Sinto que a miña alma desenvolveuse: podo crear". O poeta milagreiro de xenio, responde a toda vibración en "O Eco", obedece á súa vocación sen pedir recompensas pola nobre fazaña en "O poeta", verte a agonía de compaixón polos seus amigos, os decembristas mártires do seu mesmo ideal. Na profundidade das minas siberianas, "Que Deus os axude meus amigos", apresenta cadros extraordinarios da natureza rusa en "O Cáucaso", "A mañá universal" e as tremendas desgrazas que o desgarran figuran en "O recordo", "Don inútil, don fortuíto", reclamando, quero vivir para pensar e sufrir, na súa cualidade de sobrehumana natureza. Mais toda a forza do seu corazón fulmina en "O Profeta", zaeríndo, ademais, a preocupación material os apetitos persoais en "O vulgo" e fronte a incomprensión dos cortesáns rusos concibe "O xefe", e dedicallo á súa criada que debeu levar traxe escuro e cofia branca o delicado poema "Amiga dos meus días austeros".
Os motivos populares, os innumerábeis epigramas contra os "semilords semimercaderes" que o perseguían reafirman altivos a súa independencia inquebrantábel por unha arte do pobo, prédica desinteresada e xenerosa.
Irmán dos decembristas, Pushkin segue a ser hoxe actual, permanente. "Pushkin é unha manifestación extraordinaria, se cadra a única manifestación do espírito ruso" dixo Gogol e Dostoievsky: "É universal, no sentido máis universal da palabra".
As obras completas de Pushkin acaban de ser reeditadas e luxosas edicións, e en Saransk, capital de Mordovia, onde Pushkin estivo de camiño para Oremburg, na procura de materiais para a historia de Pugachev, a Unión de Escritores e unha editorial da pequena república editaron os seus poemas e o teatro en lingua mordova.
Pushkin amado polos soviéticos, cuios personaxes figuran nas fermosas caixas de palla, asomándose xa no sorriso dunha muller, o aceno dunha man, o tremer dunha póla nun xardín, tratados cun colorido natural e espontáneo que honra plasticamente o seu recordo.
Pushkin, o Pushkin amado polos rusos, mestre amigo e poeta percorre hoxe da man dos konsomois e estudantes os centros de recreo e os colexios. Pushkin estivera sempre con eles, coma a lembranza dun antigo irmán que legou o seu exemplo. Pero agora chegou o seu grande día de festa. E lembráselle sen tristura, con confianza no porvir, levándolle a flor do riso novo, burbullante e fresco. Pushkin está nas vidreiras das librarías, asomado en enormes volumes, en fotografías a catro cores, inclinado sobre unha folla en branco, coa pluma en ristre e á luz do día o pensamento. E tamén está, vixiante, nunha vella litografía que pode verse en calquera tenda de Moscova, solta a súa capa ao vento, a vestimenta escura, o continente asceta, a cara luminosa, segura, resolta. Dende isa fotografía a cores brillantes ou dende esa vella litografía borrosa con tinturas vellas Pushkin sorrí unha vez máis ao seu pobo.

x x x x x x x x

No koljos Lenin consideraron que despois de arar o fecundo anaco de terra, sementar e recoller boa colleita, precisan unha libraría. Dixéronse, cecáis, coma no vello dicir español que "non só de pan vive o home", e están dispostos a montar unha libraría rural.
Entre as espigas cheas de gran e os macizos de tulipáns, elevarase un edificio pulcro e branco cheo de libros, monografías, folletos e revistas. Os labregos do koljos Lenin deron conta do proxecto, da súa iniciativa nunha carta publicada na Gaceta Literaria. Vinte días máis tarde se iniciaron os traballos coa cooperación dun especialista e un enxeñeiro arquitecto. A libraría será inaugurada, posibelmente, o dez de xullo, durante unha festa á que asistirán escritores, poetas e xornalistas. A idéao do koljos Lenin medrou estabelecendo unha especie de emulación na rexión para abrir máis de cen librarías nos outros koljoses servindo de modelo o edificio por eles inaugurado.
De Moscova envían milleiros de libros ao território de Altai , onde o ano pasado a venda de literatura foi de oito millóns de rublos. Durante os derradeiros anos, a rexión autónoma de Altai ampliou moitísimo as súas institucións culturais, de , de instrucción e médicos. Actualmente conta con trescentas escolas e acaba de inaugurar unha Faculdade Obreira, corenta escolas nocturnas, centenares de casa de cultura e novos centros médicos. Co verán, reanúdanse as construccións con redobrados bríos e os habitantes do pobo Ongudal e doutras aldeas veciñas decidiron, valéndose dos seus próprios meios, contribuír ao labor con decidido esforzo. Os construtores dos koljoses concluíron un clube rural, unha biblioteca, seis baños públicos e tres centrais hidroeléctricas.
A literatura, a historia, os libros científicos enchen os campos e animan cun verdor novo. Calculase que até xaneiro se venderán sete millóns de libros célebres. O ano pasado (1948) abriron dezaseis librarías nos distritos e había, nos koljoses do territorio Altai, mil cincocentas bibliotecas rurais. Os catro mil koljoses restantes contarán con biblioteca dentro de pouco.
Agora todos os koljosiáns queren ter coa biblioteca automóbil. Ás fábricas que constrúen os Moskvich e os Pobeda, autos de tipo pequeno, elegantes, resistentes, choven os pedidos. Os koljosiáns de Tashkant mercaron cincocentos vinte deses autos.

x x x x x x x x

Comezou para os nenos o descanso anual. Polo río Moscova, que lambe o peito forte da capital, desfilan preciosos barcos carregados de rumor de risos, de palmadas, de discos que verten cantigas sobre a impasíbel superficie da auga. Os pioneiros e pioneiras cos seus panoliños vermellos ao pescozo van na procura do campo coma dunha feira. Nas marxes, xunto ao frescor das vertentes, érguense as dáchas, vivendas dos labregos, en cuias cercanías pasta o gando pintado e rabaños de ovellas lánidas. De cando en vez, un parrulo traveso chapotea escandalosamente no pequeno charco que os koljosiáns arranxaron nun recodo familiar e silvestre. Os pioneiros dende a embarcación saúdan aos demais navegantes e aos labregos, axitando os seus pañuelos acesos. Os labregos que removen co sacho a terra das hortas, incorpóranse, enxúganse parsimoniosamente a suor da fronte, e responden ledos; sentan os máis vellos á beira do río, poboada de herba verde, e os de poboada barba, coma a herba, abren sendos libros e se dedican á lectura durante longo tempo. Vense cordas con roupas de cores tendidas ao sol e árbores nos que o retoño da flor e do froito reverberan . As dáchas, construídas de madeiras resistentes, quentes en inverno e frescas no verán, abren as súas xanelas ao estío e as labregas robustas, briosas, sas, atan unha pañoleta á cabeza para protexerse do vento. Porque o ar sopra, un pouco irascíbel, sobre os cabelos e as pólas movíbeis e recentes. Aos pioneiros que saúdan e rin a gargalladas, mordisqueando cereixas, os agradan campamentos de descanso nos arredores de Moscova, edificios pulidos, campos de esporte, teatros, cines e toda clase de adestramento. Dous millóns de nenos pasarán vacacións en setecentos campamentos e máis dun millón cincocentos mil repousarán durante corenta días en lugares de tipo sanatorial. Ás dáchas irán preto de trescentos mil nenos. Miles de millóns de rublos se empregan anualmente para protexer á nenez na URSS, para promocionar a cinco millóns de nenos unha pausa nos seus estudos, total e plena, de sol, de ar e de contente.

x x x x x x x x

Os diplómatas tamén quiseron tomarse o descanso dun día. O clube norteamericano organizou un pique-nique pola canle Moscova-Volga, con recalada na paraxe Becawzobaya Roska. Diplomatas e correspondentes da prensa mundial tomaron parte da excursión. Volga arriba, nun dos barcos de recreo, con orquestra, que non cesou de interpretar música rusa e europea. O barco percorreu as tranquilas augas en tres horas e meia, até a primeira esclusa da canle que se construíu nun curto tempo, pois os traballos comezaron en 1933 e o tránsito fluvial quedou definitivamente estabelecido o 15 de xullo de 1937.
Conta a canle de Moscova-Volga con once diques, once esclusas, cinco estacións de bombeo. Oito centrais elétricas, dezanove pontes de camiño de ferro e de estrada. Pola formidábel vía marítima, que algures, coma na magnífica estación de embarque de Jinki encora trinta millóns de metros cúbicos, viaxan millóns de persoas até o mar Caspio e se transportan fantásticos carregamentos de toda clase de produtos. Nas súas marxes, elévanse, ademais das dáchas, grandes pazos de descanso, sanatorios e hoteis. A mañá esparramábase polos campos, coma unha pura delicia. Cunha temperatura morna, cun sol intenso, o barco fixo das súas, merodeando entre os bosques de bidueiros, recollidos en poético silencio, ou atravesando esclusas ou pintorescos peiraos. Pasou por diante de numerosos pobiños de aspecto confortábel, de casas limpas entre fragas, soleadas e risoñas.
Mentres, o barco de recreo dos diplomatas, veloz e cosmopolita, navegaba Volga arriba entre as ribeiras que se aquedan con placidez de sedas e a gracia das bañistas núas, nun pequeno borrón de sombra, perfilouse a arista dunha antiga catedral de catro torres de cebola e as exclamacións dos excursionistas soaron coma badaladas. Algo máis preto, unha xove corría perseguindo un neno e a voz fresca dunha lavandeira, soa baixo o sol, arroxaba á corrente escumas e cantares. A orquestra "atacou" nese intre Ollos negros, unha cantiga tan popular en Venezuela, que para moitos venezuelanos acaso constitúa a única imaxe rusa concreta. Ollos negros, porén, é unha das mil cantigas que compoñen o inesgotábel repertorio diste país, ao que se unen timbres e pronuncias das dezaseis repúblicas diseminadas polo inmenso territorio cos seus diferentes caracteres.
Os excursionistas bailaron, brindaron, asomáronse ás xanelas do barco para contemplar panoramas espléndidos. Os traxes esportivos estoupaban de cor fronte ás flores recen nadas e campestres. Alguén se colocou un gorro de pel ruso de tons vivísimas. Cruzábanse botes de remos, conducidos por raparigas risoñas, diebushkas de ollos claros e cabelos soltos.
Cando o barco arribou ao seu destino, diplomatas e xornalistas saltaron ao peirao de madeira rústica, cara unha paraxe case pastoril sombreada polas copas dos piñeiros centenarios cuias minúsculas piñas esvararon durante anos, coma rizadas virutas, ao húmido chan. Os nenos, fillos dos embaixadores, dos ministros, dos encargados de negocios ou dos agregados militares lanzáronse á auga, e os maiores non tardaron en seguir o seu exemplo. Despois tenderon mantelos e servilletas sobre a herba. Un grupo xogou un reñido partido de baloncesto, outro se dedicou a facer de tarzáns, e os máis de tritóns, chapoteando na auga até o vermello desfollamento do solpor. Volveron a Moscova cando a noite andaba xa polos tellados.
Comentan os diarios con luxo de detalles, o regreso da Antártica da flotilla Slava facéndoselle entrega no porto de Odesa da bandeira e un Primeiro Prémio doado polo Consello de Ministros. É o terceiro viaxe da flotilla polos mares bravíos de loita, de forza e de morte, nos que o vento xeado non acouga nunca.
Durante tres anos a flotilla preparou expertos especialistas en arpoar, e aos novos, moitos dos cales o facían por vez primeira, arpoaron e "cobraron" nada menos que mil baleas. Peito a peito para loitar contra o mar rudo, os mariños musculosos, cetrinos, tercos, disputáronlle ao mar os cetáceos xigantes e volveron, fruncindo o ceno e coa suor salgada. Mostran nas fotos as súas pernas núas, até as inguas, fortes e macizas coma labradas polo esforzo, o vento glacial e o sol.
O mestre arpoeiro Afanasi Purgien matou el so cento cincuenta baleas, mais na súa habilidade non lle foron á zaga Grigori Panov, Alexei Zolotov, G. Ovsiannikov e N. Gnillak.
Hai que imaxinalos co aletar dos seus peitos, o berro animoso, a palabra que alenta e da valor para consumar empresa de tanto risco.
Os máis velos son pescadores pola forza, pescadores auténticos, sen mestura de traficantes nin industriais, pescadores nados para vencer nesa loita pavorosa contra as ondas rebeldes, contra os cetáceos terríbeis, verdadeiros pigmeos contra o maior de todos os animais que chega a medrar até os trinta metros de lonxitude. Mais "todos xuntos" formaron unha mesma vontade para oporse ao mar furiosos e á besta implacábel.
A flotilla percorreu a rota que hai 103 anos, por vez primeira na historia, fixeran os navegantes rusos F. Bellingshausen e M. Lazariev.

A Homenaxe a Pushkin en Moscova

El Nacional, domingo 3 de xullo de 1949
José Benavides correspondente

Polas frondosas avenidas do parque Gorki, á beira das súas lagoas e da canle do río, e polos empinados sendeiros, a palabra de Pushkin domeña lozana e aberta. Milleiros de raparigas e rapaces, dirixidos por unha magnifica parella de baile, inician os gráciles movementos dunha danza que figura nun poema pushkiano, e no recodo dun camiño, persoas de todas as idades se congregan ante un diretor de orquestra que acaba de colgar un cartaz con estrofas do poeta. Moitos poemas de Pushkin teñen música e o diretor inicia a cantiga con melodioso acento. O público segue a súa voz con entusiasmo, brío aceso que alumea os ollos e as conciencias.
Un enorme retrato de Pushkin pende entre a enramada: ao seu carón, dúas datas: 1799 e 1949, a do seu nacemento e a actual. Como dicía noutra crónica anterior, hai cento cincuenta anos, nun luminoso día de xuño, Alexander Pushkin veu ao mundo cunha mensaxe para o seu pobo. En Moscova, en Leningrado, en Stalingrado, en Tblisi, en todas as cidades e pobos da Unión Soviética, recórdaselle con memoria cálida e vixente. E agora, ao cumprirse ise lapso, nunca baleiro de admiración e respecto, todos os parques de Moscova, ilumínanse co seu nome, e toman ar de festa, coma se lanzaran ao vento as campás dos risos xuvenís e frescos.
Polos camiños soleados das prazas de Moscova pasean raparigas risoñas, repetindo as frases dun coñecido poema, e sobre a herba deitaron estudantes con libros abertos en cuias capas pódese ler: "Obras completas de Pushkin". Once millóns de exemplares desas obras, ricamente apresentadas, foron reeditadas co gallo do aniversario. Despois da revolución, os libros de Pushkin, editáronse seiscentas cincuenta e dúas veces, cunha tiraxe total de trinta e oito millóns, setenta e oito mil exemplares. Apareceron en setenta e seis linguas, das cales vintecinco corresponden a repúblicas autónomas soviéticas que teñen escrita sómente a partires do bolchevismo.
Entre as páxinas dos cadernos escolares, reverberan as tarxetas postais editadas para o cento cincuenta aniversario, nas que asoman os lugares que o poeta percorreu dende a súa xuventude: os petos dos traxes dos nenos avultan con chocolates, cuias envolturas están adornadas con retratos do xenial poeta.
Os xornais dedican diariamente páxinas enteiras á lembranza de Pushkin. A Gaceta Literária brindou á conmemoración un extenso especial. Reuníronse os escritores no Gran Teatro para celebrar para celebrar un acto á súa memoria. Ao fondo do cenario víase un enorme medallón coa cabeza de Pushkin, e en primeiro plan, un xardín improvisado, os asistentes: S. Vavilov, presidente da Académia de Ciéncias de la URSS; os escritores A. Fadieev, L. Leonov, N. Tijonov, K. Simonov, B.Gorbatov, T. Jiennikov, Secretario Xeral da Unión de Compositores, A. Guerasimov, presidente da Academia de Belas Artes e outros.
Entre os convidados de honra, Pablo Neruda, que pasará unhas semanas na Unión Soviética, e a que foron a receber ao aeródromo E. Ehremburg, Kozhevnikov e o Vice-presidente de Voks, o cantante de cor norteamericano Paúl Robertson, co seu fillo, os escritores, homes de ciencia e artistas D. Polianov, búlgaro, Jam Drda e L. Novomeski, checoslovacos; Kruchkosvski, polonés; Shandor, húngaro; Stanku, rómeno, Andersen Nexe, dinamarqués, Laksness, islandés; Haherup, noruegués, Lindsei, inglés, Emi Siao, chinés; Sinervo, finés; Didjnaeretti, italiano, Dris, holandés; Surun, mogol e Becher, alemán.
Fadieev, presidente do Comité Organizador, abriu o acto, concedendo a palabra a Constantin Simonov, que pronunciou o discurso de orde. Despois falaron o académico Palladin e outros intelectuais. O célebre novelista dinamarqués Andersen Nexe, ancián de máis de oitenta anos, cunha fermosa cabeza romántica, apoiado nun bastón, achegouse aos candís ao grande poeta, sendo, inmediatamente traducido ao ruso polo seu intérprete; o chinés Emi Siao, expresouse nun ruso limpo e correcto. Léronse as adesións do escritor indio Mulk Radg Anandu e do escritor xaponés Korijito Kurajara, que enviou este telegrama: "Agradezo sinceramente o seu amábel convite para asistir ás festividades que se celebran en Moscova para o cento cincuenta aniversario do xenial poeta ruso A. Pushkin. Tiña a esperanza de asistir a esa demostración da cultura socialista e sentíame ledo de ser o primeiro xaponés que despois da guerra tiña a posibilidade de ver cos seus próprios ollos os resultados da grande construcción socialista da URSS. Decidido a partir fixen unha solicitude ao Estado Maior do xeneral MacArthur. A pesares dos meus esforzos e das numerosas xestións das organizacións democráticas xaponesas, non se me concedeu a autorización. Por iso, con profundo pesar, véxome impedido de participar nas festividades de Moscova. Fico no Xapón, mais o m eu espírito está con vostedes, desexándolles grandes éxitos".
Bernard Shaw, convidado polo embaixador da URSS na Grande Bretaña mandou a seguinte carta: Fáiseme un grande honor, e estou moi agradecido polo convite que no nome do Comité Organizador dos días de Pushkin, foime entregada pola vosa excelencia, e lamento moito que os meus anos -93- impidan.me repetir a miña visita de 1931 a Moscova, a cal conservase na miña memoria coma un dos máis prezados recordos. Dende entón a URSS interésame máis que calquera Estado outro Estado no mundo, incluído o meu próprio país.
Rematada a lectura, renovouse a homenaxe con deliciosas romanzas con letra de Pushkin, recitais, un anaco da ópera Eugen Oneguin , poema de Pushkin e unha parte do admirábel ballet O xinete de bronce. A velada, se cadra excesiva nos seus números e discursos, durou cinco horas e meia.
Pero para dar unha idea xusta do que significan estes grandiosos festivais aos que asisten tantos intelectuais estranxeiros, non basta ler unhas rápidas cuartillas ou homenaxear aos innumerábeis programas dos teatros nos que se montan poemas de Pushkin: a opera Boris Godunov , con música de Mussorski e Rimsk-Korsakov; a ópera Eugen Oneguin, a ópera do poema Demo, a de Serea ou Rusalka ou o marabilloso ballet A fonte de Bajehisarai, ou o ballet e ópera A señorita labrega; nin basta adentrarse tampouco polos verdores máxicos do conto para nenos O conto do tsar Saltán, que se representa dun xeito fiel nin en outras obras pushkiniás, que o público de Moscova aplaude diariamente. Habería que mirar O xinete de bronce, que se estreará pronto, e que no festival do Bolshoi Teather se deu coñecer axiña unha das súas mellores esceas. Un so bailarín, entre grupos de persoas desesperadas que corren en angustiosos movementos, salta a un pedestal de pedra. De súpeto a tempestade estoupa na escena e o mar enfurecido, penetra polas rúas arrastrando seres e vivendas.
Coa mesma forza, inda que noutro estilo, dun ruso arcaico e cheirento a lenda de Boris Godunov, ópera impoñente aflora nun derrame suntuoso de atmosferas históricas e resplandecentes. No primeiro cadro aparecen as catro catedrais, con cúpulas de bulbos dourados, do Kremlin e entre elas, despois dun desfile con dalmáticas de ouro, rubís e perolas, asoma a figura impresionante de Boris Godunov, rodeado de estandartes de brocado, iconas e emblemas. O vigor da presentación reside en que cada moble, cada obxecto, dende a icona coroada de púas inzadas até a tea heráldica acesa e cruxínte, dende a coroa de Boris Godunov, milagreira de filigrana, até o seu trono maxestoso e severo, son auténticos.
Todas estas cousas incríbeis, que semellan soñadas pola mente dun poeta imaxinativo e ardente foron gardadas relixiosamente co seu po de séculos e a súa patina envolvente.. Os traxes de Godunov, do xove príncipe, da tsarina, prateada en sedas lixeiras dos ministros intrigantes ou fieis, reverberan na súa lexitimidade cada esmeralda que incendia os encaixes dos puños e golas ou o veludo das chaquetas, cada fibela de ouro, prata ou esmalte e pedras preciosas das enormes botas, están presentes no desenvolvemento humano e real dos sucesos, o baixo da obra, un ancián de barbas peiteadas polo vento, ten unha voz profética.
Serea ou Rusalka, máis lizgueira no seu sentido, lene e incandescente, é a historia dunha namorada sobre a terra e no fundo do mar. A auga simúlase admirabelmente, coma sempre no teatro ruso, por meio duns velos case invisíbeis, trémulos, sombreados de pedriñas e pecas. Mais unha das creacións teatrais máis portentosas dos poemas de Pushkin é A fonte de Bajehisarai, ballet que encarna o enrarecido ambiente do conto oriental. O sultán, namorado dunha rapariga branca, de louras guedellas e túnica transparente, asalta o castelo da rapaza na súa noite de vodas, e ráptaa, matando ao seu amante. No harén prodúcese a danza fantástica da xove alleada entre coxíns multicores que nada teñen en común co seu espírito e estraños pasadizos nos que rin mulleres agachadas por velos da cor do xade. A favorita do sultán, de súpeto suplantada, entras as agachadas na cámara da xove e crávalle un puñal nas costas. Reclinada contra un imenso Pilar, a extraordinaria bailarina Ulanova, no papel da xove branca, descende engorde, moribunda, nun aceno patético, apoteótico, inefábel.
Para montar unha ópera ou un ballet no Grande Teatro se requiren perto de mil persoas, incluídos os artistas.

La semana en Moscova

El Nacional, Caracas, 30 de xuño de 1949
José Benavides correspondente

A estatua de Pushkin converteuse nestes días nun lugar de peregrinación popular. Dende moi cedo, milleiros de raparigas e mozas acúden a contemplar a efixie do poeta e a depositar flores. Non se sabe quen levou o primeiro ramo de violetas ou de margaridas, pero xa ao iniciarse a homenaxe na Praza Pushkin - que coma unha man aberta con catro índices -coroada pola estatua, víanse ramilletes aos pés do poeta. Nos ramos e coroas hai cartas de escolares e estudantes e obreiros dirixidas a Pushkin, igual que si vivira. Nunha lemos: "Con estas flores queremos expresarte o noso verdadeiro agarimo, poeta incomparábel". Outras son máis íntimas, familiares, lacónicas: "A Alexander Pushkin no día do seu aniversário".

- - x x x - -

Pablo Neruda en unión da súa muller, pasará unhas semanas na URSS. Asisitiu na Sala das Colunas, a un acto dedicado a Pushkin, organizado pola Académia de Ciéncias; falou pola radio para América e nos xornais se publicou unha salutación poética a Pushkin titulada "A montaña de diamante". Hai uns dias partiu coa súa muller cara Leningrado para contemplar as súas noites brancas.

- - x x x - -


No barco sanatorio "Comuna de Gorki" emprendeu o seu segundo percorrido polo Volga, saíndo da estación fluvial de Jimki en Moscova. Este sanatorio flotante pertence ao Sindicato dos Traballadores do Transporte Fluvial e realiza viaxes Moscova-Astrakán durante o verán.

- - x x x - -

O cantante norteamericano Paul Robeson deu o seu primeiro concerto na Sala Chaikovski. Tal cantidade de persoas acudiron a escotalo que tiveron que pór altofalantes na rúa para que a multitude que non pudo entrar, pudera oirlle as súas cancións inglesas, rusas, españolas e chinesas. Uns días máis tarde, o concerto de Roberson foi ao ar libre, no Parque de Cultura, ante dez mil persoas.

- - x x x - -

Abriuse un concurso para a creación da mellor garabata, organizado polos ministérios de Comercio e Indústria Lixeira. Os modelos serán examinados polos Almacens Centrais que nomearán un Comité Especial encargado da selección e de evitar que ninguén poda irse ou saírse polo corbatín. No concurso, libre para todo o que desexe mandar un proxecto de breve lazo ou nó, tomarán parte empresas deèndentes do ministério de Indústria Lixeira e de as repúblicas da Unión Soviética, da indústria local e das cooperativas de inválidos. Establecéronse dez prémios, dous dos cales, de sete mil rublos para garavatas de tira e cinco prémios para garavatas de lazo.

- - x x x - -

No parque da Casa do Exécito abriuse unha exposición canina, especialmente de perros de caza, entre los que figuraban preciosos ejemplaress con pintas negras e San Bernardos. A mesma exposición dedicou unha exposición a animais cazados e disecados: armiños, esquíos, raposas e outras peles apreciadas, así coma trinta tipos de armas de caza, producción dos armeiros de Tula. Nun pavillón moi ben acndicionado se exibiron peles suntuosas, cibelinas, petit gris, tigre, osos brancos e pardos, raposos azuis e brancos, etc.
Inda que a zona de Moscova está moi poboada, produce anualmente peles por valor de dous milóns de rublos e milleiros de quintais de peles de caza. A fauna da rexión se distingue pla súa diversidade. Nos bosques das proximidades da capital hai, especialmente xabaríns e castores.

- - x x x - -

Continúa incrementándose a arboricultura en Moscova e os seus arredores. Mentres as estepas da URSS se converten en bosques espesos, das costas do mar Negro chegaron aos invernadoiros do parque Sokolniki de Moscova, unha partida de plantas subtropicais, palmeiras de varias clases, loureiros, tuias, arbustos con toros, tortuosos e grises ou de follas estreitas, lanceoladas, branqueciñas; arbustiños de flores axilares, pequenas, brancas por fóra e amarelas por dentro, e outras de froitos drupáceos, ovoides e de cor amarelo-roxizo.
O invernadoiro proporciona plantas e arbustos ás escolas, clubes e institucións que as solicitan, e parte de elas se destinan a adornas os paseos e xardíns da capital.
A reforestación faise, asemade, ás marxes da canle Moscova-Volga, que sobrepasa en corenta e sete quilómetros á canle de Panamá.
O río que rega Moscova, inda que ten moita vexetación, para reforestalo pártese dun principio de que a árbore ocupa pouco terreo e da moita utilidade, e coma a quen árbore se arrima boa sombra o acubilla, sementasen plantas perennes con tallos xa leñosos, arbustos decorativos e euforbiáceas con tallos dereitos, moi frondosas de follas opulentas, elípticas, duras e lustrosas.
Os declives da canle, nunha superficie de moitas hectáreas sementáranse con herbas frescas, crasuláceas, herbáceas xugosas, perfoliadas e partidas en lóbulos dentados; sementes coroadas de vilanos brancos, longos e espesos que semellan cabelos canos; as artéticas, as ballesteiras, as de bálsamo e até as do embigo de Venus.

- - x x x - -

"Polos 500 quilómetros nas 24 horas do día" é o lema dunha competencia de velocidade entre os trens que fan o percorrido no anel Viaznikai-Petuschkal. Os comboios os conducen os maquinistas do depósito Vladimir, promotor deste trémul culminante para rizar o rizo ferrocarrileiro sen trocar de locomotora. O percorrido meio diario é de cincocentos quilómetros diarios. Durante o primeiro mes, a máquina do autor da iniciativa, Sergei Fedotov, percorreu once mil quilómetros en lugar de sete mil catrocentos corenta que estabelece a normal. O 10 de abril, por exemplo, o seu percorrido diario foi de seiscentos vinte quilómetros e o normal eran douscentos noventa e cinco. Mais aos poucos días, o vello condutor Georgi Kondratiev, sobrepasou a Fedotov. As locomotoras, as pitadas e as sereas seguiron perseguindo á rosa dos ventos, concertándose nun conxunto vivaz de rapidez, e Fedotov volveu polos seus foros de home que batera a mellor marca do mundo. Pisábanlle os talóns Ramienski e o seu axudante Antonov que con dous trens completamente carregados de mercáncia, para as estacións de Vlaznikal e Petuschkal, fixeran un camiño de setecentos sesenta quilómetros.
A competencia esperta os máis apaixonados comentários. Os audaces e seguros maquinistas, ennegrecidos polas viaxes ao cruzar os seus trens na proeza o fan cantando pezas conmovedoras de O túnel. O medo dos trens aos bosques ou a Petición de auxilio despois do descarrilamento.

- - x x x - -

Resulta que na URSS hai un ardor no sangue dos koljosiáns, un formigueo de vontade, de impaciencia e de ballestada de trienal. O 19 de abril, o governo publicou un decreto sobre o plan trienal de cría de gando para 1949-1951. Hai uns días, na Sociedade Agrícola, reuníronse en sesión varios científicos e especialistas cos labregos ou koljosiáns. No prazo de tres anos deberá medrar a producción gandeira ao duplo en relación a 1948. Cada un dos asistentes apresentou un informe. Eles os dados máis curiosos: os científicos obtiveron dez novas razas de alta calidade de ovellas e gando lanar de patas finas, que en grande manadas serán adaptadas ás condicións climatolóxicas de cada localidade. Os koljosiáns de Kiev comprometéranse a acrecentar as cabezas de gando vacún nun cincuenta por cento, conseguir de cada cocha dezaseis leitóns e criar no decorrer do ano sesenta mil aves de curral. No distrito Kievo-Sviotoshinki cébase un número enorme de cuxas e seiscentos cochos. Asi son as demais novas do imenso país.

- - x x x - -

O Comité Central dos sindicatos, dirixiuse aos comités de fábricas, sociedades esportivas sindicais locais, dos territorios das rexións e das repúblicas para que organicen nos clubes e Casas de Cultura, o descanso e distracción dos nenos que fican nas cidades durante o verán. Indícaselles a necesidade de oferecerlles sesións cinematográficas especiais, excursións, paseos polos bosques, recollida de plantas medicinais, crear círculos de pequenos "michurinstas" naturalistas, pescadores, modelistas de avións: organizar festexos esportivos, campionatos nos estadios, concursos de atletismo, etc.. Os nenos deberán visitar constantemente os museus.
O Comité Central dos Sindicatos, dirixiuse para que se destinen seccións independentes a fin de que poden coñecer a literatura infantil, clásica e moderna, darlles conferéncias e preparar entrevistas dos nenos cos escritores.


Xurxo Martínez Crespo

 
 
José Benavides, consul da República española en Niza, chegou a Venezuela a principios dos 40 para dirixir o xornal “Crítica”.
 
Carné de José Benavides da Federación Internacional de Xornalistas aprobado pola Sociedade das Nacións que tivo vixéncia até o estoupido da segunda guerra mundial.
 

Moscova 1949. José Benavides, correspondente de El Nacional, coa súa esposa Ida Gramcko. A poeta de 24 anos fora nomeada Encargada de Negocios do Governo venezuelano na URSS polo presidente, escritor, e descendente de galegos, Rómulo Gallegos Freire. Estiveron en Moscova até o golpe de Estado a Gallegos en novembro de 1949.

 
Hotel Metropol de Moscova, residéncia en 1949 do matrimonio Benavides-Gramcko e da primeira embaixadora do novo Estado de Israel, Golda Meir.
 
José Benavides na sala de redacción do xornal caraqueño "El Nacional", do que foi primeiro secretario de Redacción e fundador. Hoxe "El Nacional" é un dos máis importantes en tiraxe.
 
   
O recorte polos 150 anos de Pushkin deste texto de Neruda foi publicado orixinalmente en Caracas por Benavides.