Personaxes da emigración
 

 

Padre Basilio de Barral: “un capuchino gaiteiro entre os indios warao”

Contábame Manuel Vilariño Santomé da súa viaxe en veleiro, máis ben da súa fuga, infeliz e indocumentado despois da revisión da súa pena de cadea perpetua, desde Canarias ata Venezuela. Oitenta días nun pequeno barco de vela, sen motor, e sesenta persoas a bordo... Unha vez chegados a Venezuela, o campo de concentración de Guasina, no que estiveron durante meses.

Unha cornada dun boi quixo que Vilariño, principiando a década dos cincuenta, fose dar cos ósos ó hospital de Tucupita.

Alí tivo contacto cun Padre capuchino do cal non lembraba o nome. Vilariño deulle a este padre tres cartas. Unha para un amigo en Caracas, outra para a ONU na que se describía a situación dos españois que se encontraban no campo de concentración venezolano e outra para o Cardeal O'Connell de Nova York. As tres foron entregadas e a ONU fíxolle unha severa crítica e advertencia ó Estado venezolano por esta situación.
Manuel Vilariño ten hoxe, no ano 2002, 86 anos. Atopámo-lo nome deste Padre Capuchino que en 1950 sentara na cama de Vilariño e lle dixera que el tamén era galego. Empezou o Padre Barral lle canta-lo himno galego a Vilariño na súa cama de Tucupita, e encontráronse dous paisanos no medio de ningures.

Pero é que o Padre Barral, que pasara desde o ano 1931 ó 1951 na Gran Sabana e no Delta Amacuro entre os indíxenas waraos e pemóns, non só era galego, senón que tamén exercía de galego.

O seu libro Mi batalla de Dios, escrito á súa volta a Galiza, a Vigo en 1971, con tódalas súas anotacións de 40 anos entre os indíxenas venezolanos, escribiuno na súa primeira viaxe de regreso, en 1951, un pouco despois de bater con Vilariño.

Despois da dedicatoria, aparece unha íntima:

“A miña terra galega,
a das eternas saudades;
primeira entre as fermosas,
nobre entre as nobres,
onde se abriron por primeira vez os meus ollos
á luz do ceo;
onde aprendín a buscar a Deus
e a me preocupar polas almas
dos fillos de Deus.
Co berro traveso dos meus anos “nenos”: ¡Viva Barral!,
E lembrando o dito
daquel santo cura, de acento profético:
“¡Barral, Barral,
farol sen luz...!
Pero eu digo, Barral,
que aínda sen luz, sabes lumegar...
¿Que resplandor máis claro có da xesta do teu encoro,
a miña Fuenteovejuna ourensá...?”

(Padre Barral, Vigo, 31 de setembro de 1971, Ano Santo Compostelano).

O Padre Barral, segundo consta na súa síntese biográfica, sae de Galiza o 2 de maio de 1931 cara a Venezuela, destinado ó Vicariato Apostólico de Caroní, que se encontraba daquela baixo a orde da Provincia Capuchina de Castela.

O seu primeiro ano de estadía transcorre rexentando a parroquia guaianesa do Callao, no Estado Bolívar.

Foron corenta anos de vida misioneira, vivindo en palafitas, sobre a auga, nas selvas do litoral do Orinoco.

En todos estes anos foron numerosos os centros e as estacións misionais nos que os misioneiros capuchinos deron o mellor deles, perdendo a súa saúde, e moitos mesmo a vida.

San José de Amacuro foi cualificado como o calvario dos misioneiros capuchinos do Baixo Orinoco. A vida era un xogo permanente coa morte. Disque que o paludismo lle imprimía aires de ruleta rusa. Viría despois o intento de fundación da reducción de Santa Cruz de Merejina, na que o Padre Barral xogou a súa vida innumerables veces, pero non tería éxito na súa teima de establecer un asentamento. Retirouse despois a Osibukajunoko, misión que máis tarde adoptaría o nome de San Francisco de Guayo. En 1953 é trasladado á parroquia de Pedernales, que fundara en 1952 o Padre Quintiliano de Zurita, quedando baixo a súa responsabilidade pastoral o territorio do Departamento Pedernales, no que permaneceu 18 anos, e no que aínda hoxe en día é un referente da comunidade.

Moitos dos soños do Padre Barral xamais se realizaron, como o de fundar un Centro Misional. Conformouse con fundar varias escolas. A de Güinamorena adentro, cun mestre e cincuenta nenos inscritos. As do Caño Guaranoko. Unha de extensión cultural especial e outra graduada; con tres mestras e 150 alumnos. No Caño Morokoto (Osibu-jana), tres escolas. Dúas de extensión cultural especial, e outra graduada, con tres mestras e 150 alumnos.

O peche do brazo de Manamo levou ó peche das escolas de Morokoto e Güinamorena, escolas que desapareceron ó emigra-los indíxenas.

Emigrados os indíxenas Orinoco arriba, na procura de terras mellores, marcharon con eles os misioneiros, establecéndose o Padre Barral na boca do Guakajara, onde o Ministerio de Agricultura e Cría lles concedera tres mil hectáreas de terreo, rescatado da inundación anual.

De onde sacou o tempo este capuchino galego para realizar unha obra indixenista como a que deixou para a posteridade?

No prólogo da súa autobiografía faise unha contaxe das condicións de vida dun misioneiro, as condicións rudimentarias nas selvas e os escasos medios cos que se contaba para realizar, por exemplo, un traballo de campo. Só o tesón, e a forza de vontade imbatible fixeron que esta obra, en primeiro lugar se realizase, e despois chegase a ser publicada e preservada.

Entre as súas obras de carácter literario e cultural indixenista destacan:

  1. Diccionario Warao-Español, Español-Warao (Caracas, 1957, 276 pp).
  2. Guarao Guarata, lo que cuentan los indios guaraos (Caracas, 1960, XXIV-351pp).
  3. Catecismo Católico Bilingüe, en lingua warao e castelá. (Caracas, 1960, 180pp).
  4. Karata Guarakitane Naminaki. (Aprendamos a leer). Cartilla warao-español (Caracas, 1961, 111 pp).
  5. Los indios waraos y su cancionero. Historia, relixión e alma lírica. (Madrid, 1964, XX-594pp).
  6. Guarao A-Ribu, literatura de los indios waraos, (Caracas, 1969, 304pp).
  7. Mi batalla de Dios. Reflexos das pequenas xestas dun misioneiro.

O Padre Basilio María de Barral, pola súa destacada acción misioneira no campo cultural científico indixenista, foi condecorado coa Orde Francisco de Miranda do Estado venezolano, Orde destinada a premiar a aqueles que sobresaen no desenvolvemento do país.

O Goberno do Estado español, a través do Ministerio de Exteriores, concedeulle o premio ó mérito ademais do “diploma e a vieira de misioneiro benemérito”, outorgado o 1º de abril de 1963, como testemuño de “a gratitude do Estado español, pois contribuíu a realizar, a través das súa egrexias virtudes, o seu máis alto destino universal, mediante o exercicio constante das funcións propias da súa vocación misioneira, nun prolongado e ímprobo labor de apostolado”.

A universidade que a Compañía de Xesús dirixe en Caracas, Universidade Católica Andrés Bello, nomeouno membro correspondente do Instituto de Investigacións Históricas, na súa Sección de Linguas Indíxenas.

“Son desconcertantes, ás veces, os designios de Deus”. Con estas palabras inicia o primeiro capítulo da súa autobiografía o Padre Barral.

Os designios de Deus quixeron que José Nieves Rodríguez, fillo de Pegerto Nieves e Laureana Rodríguez, nacido en Barral, Ourense, o día 3 de novembro de 1901, fose máis tarde o Padre Basilio María de Barral.

Estudiou Humanidades en El Pardo desde 1915 a 1919. Ingresou no noviciado o 29 de outubro de 1919 e fixo os seus primeiros votos o día 30 de outubro de 1920 en Bilbao. O 15 de agosto de 1927 adoptou a profesión perpetua en León. Estudiou Filosofía e Teoloxía en Montehano de 1920 a 1923 e Teoloxía en León de 1923 a 1928. Ordenouse sacerdote o día 24 de xuño de 1928.

Residiu en Bilbao (1928), e de 1929 a 1931 en Vigo. En 1931 chega a Venezuela, á misión do Caroní, permanecendo no Callao ata 1933. Despois foi trasladado á misión de San José de Amacuro (1933-1940).

En 1941 estivo en Kuamuju e, entre 1942 e 1948, traballou en San Francisco de Guayo, que tiña como nome anterior o indíxena de Osibukajunoko, e Tucupita.

No ano de 1948 regresou a España e residiu en San Antonio de Cuatro Caminos entre os anos de 1948 e 1951. Malia esta residencia en España, o Padre de Barral permanecía adscrito ó Vicariato Apostólico de Caroní (Venezuela).

Outra vez en Venezuela, residiu en San Francisco de Guayo en 1951. En Tucupita en 1952, en Santo Cristo de Pedernales entre os anos 1953 e 1984 e, por último, en Araugaimujo entre os anos de 1984 e 1988.

Con 87 anos e dificultades moi graves na vista debido a unha irite, regresa a España en 1988. Permanece un tempo na enfermería de San Antonio de Cuatro Caminos, sendo o seu último destino Galiza, Vigo, onde falecería en 1992 á idade de 91 anos, o 25 de maio.

Na Orde dos Capuchinos exerceu como coadxutor en San José de Amacuro. En 1939 foi nomeado tamén superior de San José, nomeamento que se realizou en substitución do Padre Tirso de Escalante, para máis tarde ser superior de San Francisco de Guayo ata 1943.

Foi, ademais, vicario e coadxutor en San Francisco de Guayo en 1951 e vicario e coadxutor en Tucupita en 1952. En Santo Cristo de Pedernales entre os anos de 1953 e 1984. Desempeñou os cargos de superior, vicario e coadxutor en Araugaimujo entre 1984 e 1987.

Contaba o Padre Barral que ó empezar a escribi-la súa biografía en Vigo, despois de 20 anos cos indios, atopou entre os seus papeis e anotacións de todos aqueles anos, uns cadernos manuscritos das irmás misioneiras que o acompañaron naquela "Odisea".

Quixo o Padre Barral colocar aquelas anotacións polo curioso e simpático do caso. No segundo capítulo da súa biografía Comienza la Odisea, no epígrafe A tuba celta disipando pesares cóntanos Barral a través das irmás: “Levantámonos á unha da madrugada para oi-la Santa Misa, celebrada polo R.P. Basilio...e ás catro en punto dirixímonos ó porto para embarcarnos no bote da misión de Amacuro, onde chegariamos, pola misericordia de Deus, despois de nove días de agonía, que de tal pode cualificarse tan penosa navegación.

Ó pouco de embarcar, puxo o Padre en marcha unha fermosa vitrola (gramófono) acompañándoa el cun tambor, para distraernos así da impresión penosa que sempre causa a despedida...

Despois de navegar parte da mañá, deixamos atrás o Caño Araugaimujo...e xa internados no Araguao, albiscamos ó termo dunha das voltas do río unha ranchería.

Canto tardaremos en chegar a esas casas? -preguntámolles ós remeiros-.
Pois, irmá -contestaron eles- se segue a soprar, estaremos alí antes de vintecinco minutos.

Alegrámonos porque desexabamos saltar á terra. Pero cesou o vento, e a puro remo empregamos tres horas, que foron tres eternidades. ¡Señor, paciencia!

Un pouco murchas debiamos vir as irmás con este contratempo, pois chamámo-la atención do Padre quen,, achegándose, díxonos que el mesmo nos ía poñer a todos unha inxección contra o mal humor e a melancolía, que sempre levaba consigo para casos semellantes ó noso, a cal ten a virtude de devolve-la alegría e repoñe-los ánimos.

E dito e feito, comezou a desliar un envoltorio que levaba gardado nunha bolsa.

Cando nós, un pouco preocupadas, esperabamos ver saír unha descomunal agulla inxectadora, vemos uns tubos de madeira, ocos e bonitamente torneados; e despois, unha especie de fol de caucho ou cousa semellante, forrado de pana fina e de distintas cores.

O Padre foi enchufando uns nos outros aqueles tubos; e despois de axeitalos nos correspondentes que tiña o curioso fol, comezou a soprar e o fol a inchar. E de todo aquel aparello, manexado polas mans e os ombros do Padre, comezaron a saír unhas melodías, que non sei se serían moi bonitas, pero que a nós nos fixeron esquece-las penas”.

¡Vaites co gaiteiro! -dixo o Padre. ¡Que pesimamente o debe facer cando ata os roufeños guacamaios foxen espaventados dos seus niños por non o poderen aturar...!

O mundo ó revés... ou ó dereito

Contaba o Padre Barral que, estando unha vez nunhas chozas indias, apareceu un indio etiam in puribus (espido) que traía o seu cayuco ou curiara (embarcación) cargada de panais de mel silvestre.

E así sucedeu o seguinte episodio que relata o Padre Barral. Este indio en coiro vivo que levaba o mel, ó vernos, ergueuse de présa, colleu unha peza de roupa que levaba no gume da proa, no sitio do can, e púxoa máis rápido que axiña.

Conta o Padre Barral que a roupa era de díficil definición. Tal vez era un chaleco, chaqueta, gabardina, non sei. Máis semellaba un mandil botado ó lombo...Cobríalle a duras penas as costas, desde o occipucio ata a cintura; e por diante ía aberta de peito a peito. O mundo ó revés?

“Vinde e louvemos o Señor, indios irmáns; os que sendo príncipes credes ser vermes; os que sendo fillos do Rei, pasades por fillos de parias...”.

“O saúdo dos indios”

Conta o Padre Basilio sobre o “recibimento” máis orixinal que nunca en ningures lle fixeran.

Contaba que, ó veren os indíxenas que chegaba o Padre coas irmás, todos sentaron en roda; “e por conseguinte, saudábannos coas costas, e contestábannos moumeando uns cos outros, pero sen darnos, nin por sorpresa a cara”.

Conta o Padre Barral que o motivo desta desconfianza estribaba en que os indios, como tiñan fillos en idade escolar, estaban á espreita, non fora ser que os misioneiros os levasen para a Misión. Describía o Padre Barral as vivendas dos indíxenas, as súas “chozas” das que pendían infinidade de trastes e obxectos usados por eles, que segundo dicía tan apremado observador: “Todos xuntos non valían dez pesos e formaban o expoñente da minguada industria racial guaraúna”.

Güiras e camazas ou cabazas grandes, utensilios estes utilizados como recipientes. Ademais destes utilizan as güiñas, envases vexetais que fabrican coa folla da palma, que empregan para usos domésticos e para colleitar mel silvestre. Mapires de tódolos tamaños con variedade de tecidos. A maior parte deles utilízanse para gardar paxaros. Outros con alimentos e tamén con aceite de guzano e retrincos de tela. Innumerables arpóns e frechas de tódalas formas e tamaños, algúns de ata tres e catro metros de lonxitude que empregan como armas de guerra ou para a pesca do manatí, a caza do tapir e o tigre, maneira en que os waraos auténticos cazan estes animais: a arpón limpo, disparado coa man ou empuñado como lanza.

Tardou o Padre Barral e as misioneiras que o acompañaban, catorce días en chegar en curiara (pequena embarcación indíxena) desde Tucupita ata a Misión do Amacuro ás oito da noite dun 30 de maio.

Nove anos botou o Padre Basilio Barral naquela Misión do Amacuro. Atopou alí a Monseñor Diego Antonio Nistal, vicario apostólico, e o superior regular, M.R.P. Ceferino de la Aldea, quen o acompañaba na visita.

A Misión estaba, segundo nos conta o mesmo Padre Basilio Barral, “desfeita”. A agricultura, piar económico sobre o que se sustentaba a Misión, estaba totalmente desatendida, pois aínda que se fixeran as cortas e se limpara o terreo, as enfermidades dos misioneiros impediron que seguisen coas súas labouras.

Os nenos do internado non ían á escola desde meses atrás, e esqueceran, en gran parte, as clases que o Padre Bonifacio de Olea lles dera.

O Padre Tomais de Grajal, superior da Misión, atopouno o Padre Basilio Barral: “escuálido e acabado, que máis que home parecía un esqueleto ambulante”. Gravísimo da malaria con outras complicacións dos riles e mais do corazón.

Da outra casa, a das irmás misioneiras, só malas noticias podía dar. Unha das irmás, por mor do seu delicado estado de saúde, estaba cáseque morta. Non houbo máis remedio, debido á ausencia de hospitais en Venezuela, que trasladala á Guiana Inglesa. Gracias ó interese do doctor Maworuma puideron regresar todos sans á Misión.

Todos estes feitos foron escurecidos coas figuras case macabras do Padre Bonifacio e do irmán Frei Casimiro de Paredes a quen, ó entrar polas portas da Casa Parroquial do Callao e non ver máis que “ollos e pés inzados de niguas, tomeino por un personaxe lunar, un “robot” ou un frade caído dun asteroide”.

Sen embargo, o que máis deprimiu o Padre Basilio Barral foron as palabras, que en Caracas e desde o seu leito de enfermo, repetía insistentemente o Padre Benigno de Fresnedillo, fundador e alma daquela Misión de Amacuro: “¡Ai, Amacuro, Amacuro! ¡Ti vas acabar con todos nós!”.

Despois de saudar a Monseñor e visita-los misioneiros, foi ve-los indios. A penas o viron, era de noite, saltaron dos chinchorros: “Buena nose, Pare”, dicían mentres limpaban as pálpebras coa camisa e cruzaban os brazos casi á altura da boca.

“Araisa Bare Sanuka; araisa Bare Sanuka” (Outro Padre pequeno; outro Padre pequeno) dicían os indios máis pequenos, rindo, e lembrando o Padre Bonifacio.

Eran tres as etnias de indíxenas que se encontraban na Misión ás cales pertencían tanto os traballadores da Misión coma os nenos do internado: aruacos, guaicas e waraos.

Os aruacos procedían de Amacuro e da Guiana Inglesa. O lambizo, que teñen todos eles, e algunhas guedellas de barba ó azar, delatan nos seus ascendentes a mestura de sangue non indíxena. Son moi intelixentes. Sen o trazo característico dos ollos, ó estilo mogol, non sería fácil distinguir se son indios ou campesiños crioulos.

Os guaicas procedían na súa totalidade da Guiana Inglesa, de Roraima. Chegaron á Guaiana Venezolana ó seren derrotados pola tribo dos pemóns. Son robustos e amplos de costas, parécense máis ós aruacos ca ós waraos. Teñen sona de feroces e de practica-lo canibalismo.
O xefe dos guaicas do Amacuro vivía con seis mulleres. Cinco dos seus netos estiveron no internado. Unha das súas netas, casada na Misión, vive en Araugaimujo co seu home e os seus fillos.

“As andanzas dunha bruxa”

Contaba o Padre Barral que o 14 de xuño de 1945 fora un dos días máis felices para os nenos da Escola Misional de San Francisco de Guayo. Desde o colexio María Inmaculada de Upata mandáranlles un cargamento de corotos.

Despois da misa repartíuselles papelón e casabe ós nenos; despois repartíronse os regalos que lles enviaran desde Upata. Vestidos, panos, toucas, colares, auga de colonia, xabóns, xoguetes...

Tres días despois disto, mentres o Padre rezaba na capela, veu a “matriarca guaraúna” (aránida), Teresa, cunha chea de indíxenas, vellas e mozas, que se instalaron á porta da misión. A vella bruxa parecía unha tormenta. Rosmaba ante a Misión, pois ós nenos e nenas waraos quitáranlle-los seus colares rituais, para lles poñe-los escapularios que lles mandaran desde Upata. Eses colares son os que os defendían e protexían dos espíritos malignos. Propuxo o Padre Barral devolve-los “colares” a condición de que lle devolvesen todo o que entregara. Aceptou Teresa, e volveu á súa choza cos roñosos e lordentos colares. Perseguiuna o Padre Barral e rifoulle por lles andar dicindo a todos que el maltrataba os nenos. Chamou o Padre a varios deles e preguntoulles: “É certo que eu vos maltratei a algún de vós ? Ekidabitu: iji ka-rima: nunca xamais, pois ti e-lo noso Padre”.

A india seica quedou convencida e baixou a cabeza. Deu en dicir: “Nomebitu; ine burebaka. (A verdade, está visto que son unha solemne parva)”.

Innumerables anécdotas viviu o Padre Basilio cos bruxos dos Waraos.

Conta que chegou á Misión, Carlos “ o Renco”, indio “raposeiro, retorto, escorregadizo, e máis malo cá dor”. Chegara para visitar un fillo. Despois dunha visita “muda” de máis ou menos unha hora (práctica habitual entre os indíxenas), falou e dirixiuse ó Padre Barral: “Dima, dibu jisaka ja dibakatine (Padre, teño algo que dicirlle). Teño oído que José Rico está convencido de que eu lle matei (meigallo de morte) o fillo que lle morreu o outro día. E teño oído dicir tamén que agora José Rico me vai matar a tódolos meus en represalia. Quero que lle digas que eu non lle botei o meigallo ó rapaz; quen lle dixo iso é un mentireiro. Eu vin arranxa-lo asunto...


-Queda tranquilo -díxolle o Padre-, que agora mesmo mando chamar a José Rico e ídesvos entender moi ben.

Vén José Rico e o Padre infórmao do motivo da visita do “Renco”.

-Que veña María Rosa.

Vén a chosca.

-Dixeches ti que José Rico lle ía mata-los fillos a Carlos?

-Eu oín os indios –contesta ela.

-Vaite -dille o Padre. Dirixíndose ós dous indios, dilles que amañen a súa liorta como irmáns waraos que son. Os dous indios, ambos bruxos e a cal máis terrible, estiveron falando e escoitando un ó outro un bo anaco; ata que José Rico rematou a molesta rifa coa seguinte confesión, tan desconcertante como inesperada:

-Ekida, daka. Tay ebe ka obonoku ka idamotuma kuare. Ama seke joa oko abajana. Joa ama ekida. Joa conejo. Baretuma ka saba guaraya tuatane: guarao guabaya Deuso obojoname. Tamaja oko nome abaya, daka. Joa ekida dihana.

(Nada diso, irmanciño. Iso das “joas” era crenza nosa antes, porque así nolo inculcaran os nosos pais. Pero hoxe en día xa non cremos na “joa”. Iso da “joa” é unha mentira. Os padres misioneiros dinnos que se os indios morren, non é por “joa”, senón porque así o dispón Deus. Esta é hoxe a nosa crenza. A “joa” xa non existe.


“O Renco” mirou abraiado o gran bruxo de Osibukajunoko. Nunca antes, ata entón se atrevera a lle fitar ós ollos”.

Kuai Mare (O Grande Espírito)

Conta o Padre Barral dunha conversa co Gran Piache, ou bruxo da tribo. Conta que o levou a un extremo do conuco, onde ninguén os puidese oír e ofreceulle un cigarro. Díxolle en warao o Padre Barral: “Xa ves que somos amigos de verdade. Ós outros non lles dei cigarro ningún...

-Certo-contestou o Piache.

-¿Que sabes do Jebu Aida (Grande Espírito).

-Ten moitos nomes –respondeu-. Chamámoslle Kuai Mare, Kanobo, Aidamo, Güisiratu Arotu, Jebu.

-¿Onde vive Arotu?

–Ten a súa casa no Joebo.

–¿Kuai Mare naceu?

-Naceu-contestou o indio.

-Como se chama seu pai?

-Ten moitos nomes: Jololi, Jololiko, Jololikoida –contestou o piache. – A nai do Arotu ten tamén moitos nomes: Yajunha, Yajunhaida, Xeixa, Muxeixa, Muxeixaugari.

-Ten muller?

-Ten dúas-dixo o piache-: Korata e Koratari.


-Tamén terá fillos, logo?

-Fillos ten moitos; pero agora non lembro máis ca o nome dun: Kua-Nasi-respondeu.

-Kuai Mare permanece estático ou camiña?

-Pasa a vida sentado –contestou-; pero ás veces camiña. E cando Kuai Mare empeza a pasear, os indios enferman...

-Ten corpo?

-Ten.

-É bo ou malo?

-Bo.

-E os outros jebus?

-Malos.

O nome que mellor lle acae ó Nonatu (Creador) de todos, segundo nos conta o Padre Basilio Barral, é o de Kuai Mare, composto de Kuai, arriba, e Mare, feliz, “O Feliz de Arriba”.

“Deixémo-lo warao que busque tamén a Deus polo zancocho de morocoto fresco con ají e iuca doce”.

O Padre Barral, antes de se enfrontar coas misións do Delta, estivo na Gran Sabana. Esta estadía foi unha dobre guerra para o Padre Barral. Por unha banda, de carácter relixioso por mor da proximidade da Guiana Inglesa e dos seus pastores protestantes, ademais da penetración, cada día máis notable, da Guiana en territorio venezolano.

Venezuela tivera moitos problemas coa Coroa británica por mor desa penetración. Interviñeron os Estados Unidos e chegouse ó acordo británico-venezolano do laudo arbitral de París de 1899 que lle puxo freo á cobiza expansionista inglesa, cobiza que se detivo probablemente na marxe dereita do eixe do Orinoco.

Na Misión de San Francisco de Luepa, na fronteira coa Guiana Inglesa estaban os misioneiros capuchinos, entre eles o Padre Barral.

Os Warao e a misa que dá risa

31 de outubro de 1940. O Padre Barral prepara o altar para a misa. Un altar improvisado con dúas velas en cadanseu lado do altar, pegadas sobre dúas caixas de mistos.

As indias aconchegáronse ó seu carón, cos seus bebés no colo. Algunhas oían a Misa sentadas nos seus chinchorros. Polo xeral, amosábanse respectuosos, aínda que algunha vez que outra, coma uns nenos grandes, botaban a perder toda a súa sinceridade cunha estrepitosa e inesperada risada pola menor cousa que lles chamara a atención.

Observei nesta e nas demais rancherías percorridas que o momento máis chocante para eles era o da comuñón do sacerdote. Ó chegar aquí, ningún quitaba ollo; achegaban a cabeza ó altar e metían, fondo, o nariz para ver mellor, e rían con moita gana. O lector imaxinará o momento tan difícil que significaba para o sacerdote cando comía o sacramento e todos, literalmente, morrían coa risa.

Conta o Padre Barral que en máis dunha ocasión tivo que conte-la risa. Esta escena repetíase en tódolos rancheríos, disque case estaban de acordo. Nada máis o Padre Barral preparaba o altar, andaban os indios fedellando para ve-la “caixa das hostias”, e cando as abría, dicíanse uns ós outros con expresión de asombro, igual que se descubriran a chegada do home á Lúa: “¡Bare a nojoro, mikotu...!” (¡A comida do Padre, mirade!).
O chiste era que os indios crían que o Padre non podía comer outra cousa, e o Padre Barral case morre de inanición por esta falsa crenza dos indíxenas.

Ka-nobo

Ka-nobo (o avó) era a forma agarimosa con que os indios warao chamaban ó Padre Barral. O día 25 de maio téñeno os capuchinos dedicado a este padre misioneiro. Nacido o 3 de novembro de 1901 en Ourense, faleceu en Galiza, en Vigo, o 25 de maio de 1992.

Desde 1931, ano en que chega ata a misión do Caroní, non parou no seu labor evanxelizador e de recuperación da cultura warao.

No Centro Misional de Amacuro, ata o seu peche, estivo substituíndo os fundadores P. Bonifacio de Olea, Frei Faustino de Lieres e o P. Benigno de Fresnedillo, vencidos pola malaria.

Ademais das enfermidades endémicas, en 1936 sofren os misioneiros acusacións infundadas ante o gobernador do Territorio Federal, por parte dalgúns indios e xefes civís. En 1939 o P. Barral é nomeado superior da misión de Amacuro, pechada e entregada ó Goberno en febreiro de 1940.
Buscando a sede doutro centro misional embarcaron o vicario apostólico Monseñor Constantino Gómez Villa, o P. Barral e o P. Isaac de Mondreganes polos innumerables brazos do Orinoco, ata decidir establecela en Kuamujo. Volveron outra vez as calumnias, debendo o P. Barral abandona-la Misión.

Fundouse outra Misión en Osibukajunoko, que se chamaría San Francisco de Guayo, en xuño de 1942. Non tardaron os rancheros explotadores dos indios en lles levantar calumnias ós misioneiros, polo cal o Ministerio de Xustiza “invitou” os misioneiros a abandona-la Misión.

En 1944 estaba en Araugaimujo, ata que en 1946 é trasladado a Tucupita. Segundo conta a súa nota biográfica dentro da Orde dos Capuchinos: “Aquí rematou a primeira etapa misional deste incansable relixioso que non dubidou en levanta-la súa evanxélica voz de protesta contra as inxustizas, o engano e a explotación dos indios”.

En 1948 atopábase en Caracas, desde onde marchou a España. Alí estivo ata 1951 no convento de Cuatro Caminos, lugar no que rematou o seu Cancionero de los indios guaraos.

En abril de 1951, outra vez de volta a Venezuela, chegou á Misión de Guayo, despois a Tucupita para, en 1953, ser destinado ó Santo Cristo de Pedernales, segunda capital do Delta Amacuro, onde permaneceu ata 1984.

O último destino do Padre Barral en Venezuela foi Araugaimujo, no que permaneceu entre 1984 a 1988, ano este último no que regresou de maneira definitiva a España, ata chegar a Galiza, a Vigo, lugar no que morrería en 1992.

Nos últimos anos da súa vida perdera a visión e sufría intensas dores froito dun herpes. Sen embargo, non foron estes os males que lle ocasionaron a morte senón un forte arrefriamento con insuficiencia respiratoria complicada cunha pericardite aguda. Morreu con 90 anos e os seus restos están no camposanto de Pereiró, en Vigo, onde os capuchinos teñen o seu panteón.

Dicía Carlyle que “ un monstro hai no mundo, é o ocioso”. A verdade é que Carlyle non coñecera o Padre Barral cando sentenciou de tal forma esta “monstrosidade”.

Marco Aurelio proclamaba que a grandeza do home non está no seu corpo senón no seu espírito: “As nosas vidas son a obra dos nosos pensamentos”. Moi ricos foron os do Padre Barral, que enxendraron unha vida fecunda. Relixioso, espiritual e amante da contemplación; traballador e feliz co seu traballo, nunca se gabou dos seus éxitos xustamente recoñecidos e premiados.

As súas investigacións en tódolos campos da cultura indixenista quedaron para a posteridade como un documento altamente cualificado na historia de Venezuela.

Lémbrase del, entre outras tantas cousas, a seguinte anécdota:

-Padre, cando vai terminar de escribir libros sobre os indios?

-Hai que seguir traballando, compañeiro, porque aínda non fixemos nada.

E comezou a mover lentamente os seus dedos sobre o teclado dun pequeno órgano electrónico que tiña na cela...

-Nada... (o órgano estaba desconectado).

Xurxo Martínez Crespo


Bibliografía:

AO 111(1995) 170; BOP 14 (1961) 130, 45 (1992) 183 s; VM 4 (1942) 292s, 9 (1947) 177s, 8 (1946) 169, 9 (1948) 131 342, 12(1950) 301, 26(1964) 240, 52(1992) 12s; Pacífico 82 s 236; Veinticinco 108 173 194 227 229 231; VM extr. (1949) 410 413 416 s.

 
         
     
O Padre Barral, que pasara desde o ano 1931 ó 1951 na Gran Sabana e no Delta Amacuro entre os indíxenas waraos e pemóns, non só era galego, senón que tamén exercía de galego.
 
 
Moitos dos soños do Padre Barral xamais se realizaron, como o de fundar un Centro Misional. Conformouse con fundar varias escolas.
   
Na Orde dos Capuchinos exerceu como coadxutor en San José de Amacuro. En 1939 foi nomeado tamén superior de San José, nomeamento que se realizou en substitución do Padre Tirso de Escalante, para máis tarde ser superior de San Francisco de Guayo ata 1943.
   
Desde 1931, ano en que chega ata a misión do Caroní, non parou no seu labor evanxelizador e de recuperación da cultura warao.