Personaxes da emigración
 

 

Antón Alonso Ríos

Antón Hipólito Alonso Ríos naceu o 15 de agosto de 1887, na aldea de Campo Rapado, parroquia de Cortegada, Concello de Silleda. O seu pai era caldeireiro, polo cal percorría as aldeas de Galiza ofrecendo os seus servicios. Até que un día, chega á festa de Silleda e coñece a Matilde, quen vai a ser a súa compañeira.

Manuel Alonso terá que deixar o seu antigo oficio para pór unha tenda de ultramarinos. Aos poucos anos a familia irá medrando até contar con doce fillos. A pesar de ser anos moi duros, o comercio iralle ben permitíndolle manter e educar a súa familia numerosa.

É así como Antón irá estudiar, á Escola Normal de Santiago, a carreira de mestre. En tres anos fixo os catro cursos, merecendo as notas máis altas. En 1906 termina os estudios e é nomeado profesor auxiliar da mesma Escola Normal. Por razóns de saúde terá que retornar a Silleda onde se adicará a traballar a terra.

En maio de 1908 toma a decisión de marchar como polisón no barco "Aragón", rumbo á Arxentina. En Bos Aires revalida o título de mestre, ingresando a traballar como suplente. De aí pasou a exercer o maxisterio na provincia de Mendoza, cunha praza en propiedade. Posteriormente, volveu a Bos Aires onde exerceu como director de escola e do 1913 ao 1920 de profesor de Historia no Instituto Politécnico.

Malia o seu traballo na docencia, fará tempo para participar das actividades dos seus paisanos.

É así como en 1909, colabora na fundación da "Sociedade Fillos de Silleda", entidade que se propuxo a creación de escolas na terra natal. Por aqueles anos, Antón coñece a Oliva Rodríguez, unha paisana da súa aldea coa que casará e terá catro fillos: Oliva, Chamor, Ombú e Celta.

Bos Aires a primeiros de século estaba convulsionada; as ideas anarquistas e socialistas entusiasmaban ós mozos emigrantes que soñaban unha sociedade máis xusta. Alonso Ríos comeza a participar das actividades do Partido Socialista Arxentino.

Desde 1919 a 1931, Antón Alonso Ríos leva a xerencia da Sociedade Científica Arxentina, mentres nos momentos libres inicia a carreira de filosofía.

En 1920 comeza a dar os primeiros pasos, para intentar unificar aos distintos centros galegos.

O 24 de setembro de 1921 convócase o I Congreso fundacional da Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais. Ese día xuntáronse 12 sociedades galegas na rúa Bolívar 655 da Capital Federal. A Sociedade de Silleda, dirixida por Alonso Ríos, e a de Ponteareas, dirixida polo socialista Ánxel Martínez Castro, collerán as rendas da Federación. Ao rematar o Congreso será elixido Martínez Castro Secretario Xeral e Alonso Ríos director do periódico "Despertar Gallego", que comezará a editarse a partir do 1 de xaneiro de 1922.

A primeira década de vida desta Federación caracterizouse polo carácter reivindicativo e patriótico da mesma. No seu seo convivían, con algunhas tensións, dous sectores con certos enfrontamentos ideolóxicos. Por unha banda, o sector vinculado ao Partido Socialista (Martínez Castro) e pola outra, os socialistas, que se definían galeguistas, onde estaban Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor, entre outros.

En 1931, coa chegada da República, a Federación virará cara ás posicións galeguistas, impulsando a creación de ORGA.

O entusiasmo da Federación polos acontecementos que estaba vivindo Galiza e diante da convocatoria de eleccións constituíntes, a Federación decide nomear a Antón Alonso Ríos e Suárez Picallo para que os represente en Galiza.

Picallo fará unha semblanza do seu compañeiro de delegación, Alonso Ríos, no periódico "Pueblo Gallego" de Vigo:

"Antonio Alonso Ríos, designado por fervorosa aclamación, que se atopa xa en viaxe no instante en que escribimos estas liñas, chegará a Barcelona en "Conte Rosso", e de Barcelona cruzará España rumbo a Galiza. Dúas palabras para este home excepcional para quen esta viaxe constitúe a realización dun soño.

Antón Alonso Ríos é de Silleda. Cronoloxicamente debe ter corenta e tantos anos. Espiritual, política e ideoloxicamente é sempre un rapaz. De aí veu feito mestre de escola. Aquí fíxose mestre e dictou cátedras. Actualmente é secretario xerente da Sociedade Científica Arxentina, unha das institucións culturais porteñas de máis avoengo e máis gloriosa tradición. Tipo purísimo de raza, fisicamente, no espiritual é dos que se dan enteiros a un ideal, a un afecto, a unha causa. Sen reservas de trastenda, os seus ollos azuis son sempre a ventá da súa alma. Tal é o home. É aquí agora o militante, con quen se axuda o mestre (con maiúscula). Alonso Ríos é por temperamento, por cultura e por señorío mental un demócrata. Giner de los Ríos é o santo das súas férvidas devocións no cultural. Sensible como unha rosa aos ideais do hoxe e do mañá, o seu contacto coa democracia americana estremeceu o seu espírito e enrolouse nas filas de vangarda, nas filas socialistas. Voltou os ollos á súa terra e sentiu a necesidade de serlle útil. Quixo traballar cos seus. A colectividade, un ermo ideolóxico. Había algúns dos seus homes con inquedanzas novas e había núcleos comarcais modestísimos, mais dotados dun forte instinto democrático. As pequenas sociedades que actuaban sobre o seu recuncho nativo sostendo unha escola laica e axudando ao grupo agrario na súa loita contra o cacique odiado. Alonso Ríos con outros homes tan xenerosos coma el viron na unión deses núcleos un movemento de grande magnitude con influencia decisiva sobre Galiza enteira. Entre eses núcleos estaba o da súa comarca natal, a vella sociedade de Silleda. Alonso Ríos fíxose líder dese movimento unionista. Realizouse un Congreso e naceu a Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais da R. Arxentina, tendo entre os seus propósitos máis decididos a implantación da República Federal Socialista de España, ademais dun programa de realizacións galegas. Ao longo de dez anos aquela institución federal e o seu vello órgano "El Despertar Gallego" (hoxe Galicia) foron as únicas tribunas democráticas de toda a colectividade española. Desde ela fustrigouse a dictadura e os seus actos máis repudiables.

As novas correntes galeguistas entraron pouco despois para se incorporar ao seu acervo principista e doutrinario, realizándose unha perfecta simbiose entre a espiritualidade galega e a emoción socialista e democrática da carta orgánica federal. Alonso Ríos foi, desde o mesmo día do seu nacemento, a alma, o nervio e o verbo da institución. Membro, en case todos os períodos, da súa Xunta Executiva, director do seu xornal, participante nos seus Congresos, o seu nome aparece en todas as páxinas da súa historia, sinalando normas, sentando doutrinas, temperando vontades, erguendo espíritos desmaiados na loita, facendo agoiros optimistas para o porvir. Na defensa do conxunto doutrinario da institución e dos seus postulados democráticos e galeguistas, así como a defensa dos seus puntos de vista persoais, a verba falada e escrita de Alonso Ríos tivo moitas veces tons de acesa polémica, sen descender xamais do terreo das ideas. Os seus adversarios, calquera que fora o campo a que pertenceran, estaban obrigados a manterse en idéntico terreo. Porque, ademais, se quixeran sair del, estrelaríanse ante a súa vida pública e privada de apostólica austeridade e claridade de auga, e ante a sinceridade contaxiosa das súas conviccións. Tal é este home galego que é capitán e abandeirado da delegación dos emigrados nestas latitudes. Dun momento a outro serán designados os que han de acompañalo na cruzada.

Abra Galicia a súa porta maior para que, despois de 23 anos de ausencia, entre por ela Antonio Alonso Ríos, o seu fillo dilecto e fidelísimo. O home que trocou a dor da ausencia na actividade creadora para mellor honrar o seu nome augusto e para servir ao ideal que hoxe alumea, con fulgor meridiano, os....Galegos."

Desta emotiva forma, Picallo presentará á sociedade galega ao emigrante que, días despois, chegará a presidir a Asemblea Republicana da Coruña, que como ben dixera Castelao "Que naquel intre era a Presidencia de Galiza". (O siñor Afranio). Alonso Ríos e Suárez Picallo terán un papel moi destacado durante a súa permanencia en Galiza. As súas fortes conviccións patrióticas e de esquerda serán un contributo decisivo na construcción do nacionalismo galego.

Suárez Picallo chega a Galiza o 4 de xuño, xusto para participar o día 5 na Asemblea Republicana, que se realizará na Coruña. Alonso Ríos mentres tanto aproveita a súa escala en Barcelona para se entrevistar con Macías, e de volta para Galiza, fai escala en Madrid, onde ten un forte encontronazo, con Casares Quiroga, a quen lle fai chegar, as opinións da emigración, facendo fincapé nos dereitos nacionais de Galiza.

O 5 de xuño de 1931, nos salóns do teatro Principal da Coruña, realízase a magna Asemblea Republicana, convocada pola Federación Republicana Galega, organización esta que nucleaba á maioría dos partidos republicanos e galeguistas. Durante a asemblea, ambos os delegados da emigración, xogarían un papel moi activo. Alonso Ríos será elixido presidente da mesma e Suárez Picallo será proposto como candidato a Deputado.

Picallo sairá triunfante da Coruña; Alonso Ríos, sen embargo, pagará caro o atrevemento de presionar, a Casares Quiroga. Aquel encontronazo en Madrid, acabará por excluír das listas electorais o outro líder da emigración.

A nova da elección de Suárez Picallo, como deputado, foi recibida con moita euforia, para a emigración galega. Aos poucos días os deputados electos xuntábanse no salón da Reunión de Artesanos da Coruña. O domingo 12, ás 12 h da mañá, comezaron as deliberacións. O obxetivo era coñecer o criterio, dos distintos representantes do noso país, con referencia ao problema autonómico.

O presidente desta reunión, non sería outro, que Antonio Alonso Ríos, quen ao remate da mesma, recibirá un expresivo e terminante telegrama de Bos Aires, que dicía o seguinte:

"ORGA. Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais e o Periódico "Galicia", esixen patrioticamente ós diputados galegos que formen unha frente única en defensa do Estatuto, proclamando traidores á nosa Terra a aqueles que nas Constituíntes falten a este deber sagrado. Asina o telegrama. Regueira, presidente".

Poucos días despois de asumir os seus escanos en Madrid, os deputados galeguistas viaxan a Vigo para participar do "Xantar" de "La Barxa", acto patriótico que tiña como obxectivo celebrar o 25 de xullo, día de Galiza. A cerimonia comezou cun mitin no Teatro García Barbón. O acto abriuse cun discurso de Vicente Risco, continuando no uso da palabra Alonso Ríos. Ao finalizar este último orador, entran no escenario os deputados chegados de Madrid, Castelao e Picallo, acompañados polo candidato non electo, Valentín Paz Andrade.

Durante estes primeiros anos da República Alonso Ríos traballa como director da escola fundada polos emigrantes de Tomiño "Aurora del Porvenir".

A súa vocación polos problemas do campo lévano a organizar o movemento agrarista na Provincia de Pontevedra, sendo nomeado presidente da Federación Agraria da Provincia de Pontevedra, dentro das listas da Frente Popular.

Durante a campaña polo Estatuto de Autonomía, Alonso Ríos percorrerá as distintas aldeas e vilas galegas, entusiasmando aos labregos coa necesidade de contar cun goberno propio.

O alzamento do 18 de xullo cólleo en Tomiño descansando coa súa familia. Sen agardar ordes organiza a resistencia que dura varios días, até que as forzas sediciosas se apoderan de toda Galiza. A partir deste acontecemento Alonso Ríos comeza a vivir unha das máis apaixonadas historias de supervivencia e acoso. Durante tres anos abagañará por Pontevedra, Ourense e Portugal, baixo unha nova identidade "Afranio de Amaral", mentres que as forzas reaccionarias o buscaban desesperadamente para asasinalo. Finalmente pode saír a Portugal, de alí a Marrocos, para logo trasladarse a Bos Aires.

A súa chegada a Bos Aires, en xuño de 1939, (no barco "Lipari") recíbeno con gran alegría, xa que a súa proeza de burlar á sanguenta dictadura foi valorada como un simbólico triunfo e exemplo de resistencia.

O 15 de novembro de 1944, fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, coa sinatura de Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. Os catro asinantes eran os únicos deputados galeguistas refuxiados en América.

Coa morte de Castelao en 1950, é o propio Alonso Ríos quen asume a presidencia efectiva do Consello.

O 1 de outubro de 1945, parte a delegación do Consello de Galiza, desde Bos Aires, rumbo a México, para participar da convocatoria da reunión das Cortes no exilio.

Do Aeroporto de Morón parteu Castelao e Villaverde, realizando distintas escalas políticas en Montevideo e Río de Janeiro. Mentras Antón Alonso Ríos parte para a provincia de Mendoza, pasando posteriormente a Santiago de Chile, onde se sumará Picallo á delegación.

Durante os últimos anos da súa vida, Alonso Ríos continuou participando activamente en todas as actividades patrióticas da colectividade. A súa avanzada idade non lle impedirá dar conferencias, escribir artigos e libros. Entre os seus máis destacados ensaios xornalísticos pódense mencionar "Noite i Amañecer de Galiza" (1942), "Da Saudade, Amore, Arte e Misticismo" (1956), "A cultura Galega na súa dimensión American" (1961), a novela "Nidia" e un "Tratado da Velocidade" onde dá a coñecer os seus coñecementos das matemáticas. Alonso Ríos escribe a súa última obra literaria "O siñor Afranio" (1979), onde relata as peripecias da súa persecución e fuxida das poulas franquistas.

En 1980, aos 93 anos de idade, decide pór fin a súa vida. Coa súa morte desaparecerá, acompañando ao seu presidente, o Consello de Galiza, a última expresión de representación patriótica dos galegos emigrados.

Lois Pérez Leira

 
         
     
Antón Alonso Ríos
 
 
Foto familiar de Antón Alonso Ríos.
 
Acto de afirmación galeguista celebrada na praza do Concello de A Guarda no ano 1936, no que falaron Alonso Ríos, Xerardo Álvarez Gallego e Víctor Fraiz, a favor do Estatuto no referendo que terá lugar o día 28 de xuño de 1936. O cuarto de esquerda a dereita na foto Alonso Ríos.
 
Xuntanza galeguista durante a convocatoria das Cortes Republicanas en México.
 
Xuntanza do Consello de Galiza en Bos Aires.
 
Debuxo de Antón Alonso Ríos.